“m-Talá” segundo a crítica literaria

Nestes primeiros días de decembro, publicáronse as primeiras recensións da nova edición de m-Talá, de Chus Pato, ademais de darse a coñecer a Tabela dos Libros coas recomendacións dos críticos literarios.

As dúas recensións publicadas son as de Armando Requeixo no suplemento dominical do Diario de Ferrol e a de Xosé Manuel Eyré no blog Ferradura en Tránsito II. A importancia da crítica literaria, non soamente na difusión dunha obra senón na súa intelección é ben grande; ao estarmos nós a prol da interpretación, pois deixamos atrás os lamentos sobre a limitación da representación e a desconfianza respecto da linguaxe, consideramos que a crítica é esencial como literatura (como defensa da literalidade, das palabras e da orde na que se colocan) e como pensamento (as ideas a partir das cales se interpreta unha obra, as ideas a partir das cales se escribe unha obra).



Dous tipos de crítica que atopamos nestas recensións de Requeixo e de Eyré. O primeiro fai en “m-Talá Reloaded” unha descrición perfecta do libro como tal, como cousa con existencia propia. De que está feito e como está feito:

“Esta edición de m-Talá é unha versión implementada respecto da que se publicou hai agora catro lustros. […] un libro, en non pequena medida, novo.”

Despois de dedicar unhas palabras ben xenerosas a Carlos Lema, o editor literario deste m-Talá anovado, o crítico salienta a

“pulcritude na reprodución dos textos, o respecto á vontade estética e as apostas autoriais, os moitos materiais críticos fornecidos, […] a impecable capacidade organizativa e a concisa acuidade das páxinas prologais e dos textos aclaratorios converten esta edición nun paradigma de bo facer.”

Pola súa banda, as reflexións de Xosé Manuel Eyré verbo de m-Talá son un exemplo claro de pensamento literario. O crítico pensa conforme le “un dos poemarios claves na nosa historia poética”. O autor destes “breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato” considera necesario salientar “a nucleación temática dos textos […] mais aínda se para ela os resultados semellaron non ser óptimos, a incapacidade da palabra era a incapacidade de poesía/lírica para acadar os resultados que ela [a poeta] procuraba”.

“Deste xeito, m-Talá, hai que entendelo como unha tentativa por destruír a lírica tal como tradicionalmente se viña entendendo. O uso de recursos xenéricos alleos á poesía, tantos e tan variados, hai que entendelo nesa dirección. E tamén como estratexia, xa non para crear poesía senón para que quen le acceda á poesía […]”.

Para este crítico, “os poemas [de m-Talá], sobre todo os máis longos son auténticos labirintos balizados pola poeta para que quen le chegue á poesía”.

A estas dúas recensións, engádese unha achega doutro tipo fundamental de crítica literaria, a recomendación. O crítico transmite o seu entusiasmo por unha obra e anima á súa lectura. Velaí unha das funcións desa feliz iniciativa que é a Tabela dos Libros, na que os críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e Armando Requeixo seleccionan as súas novidades literarias predilectas. Na Tabela deste mes de decembro, a Edición do Vixésimo Aniversario de m-Talá ocupa o segundo posto, a carón de obras de Berta Dávila, Rexina Vega e Suso de Toro.

Pode ler as recensións completas se calca nas ligazóns:

“m-Talá Reloaded”

“breves apuntamentos sobre a obra poética de Chus Pato”

Tabela dos Libros

 


 

 

 

“A monstruosidade moderna” na Tabela dos Libros

O libro de Carlos Lema, seleccionado pola crítica

Na Tabela dos Libros do mes de outubro, que publica o blogue Criticalia, entre os títulos seleccionados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena, Mario Regueira e Armando Requeixo, figura en segundo posto, con dúas mencións, A monstruosidade moderna, do que é autor Carlos Lema, libro que acabamos de publicar na colección Casabranca dedicada á filosofía.

Inma Otero e Armando Requeixo son os críticos que recomendan este libro de ensaios no que se propón unha nova concepción da reali­dade que deixa de depender da escisión entre suxeito e mundo. A obra de Lema sitúase nunha concepción filosófica que parte do denominado xiro especulativo, coa superación do correlacionismo e, polo tanto, do relativismo construtivista que todo o fía á dominación do suxeito como dador único de senso.

 

SaveSave

SaveSave

“Mondas” na Tabela dos Libros

“Mondas“, de Din Matamoro e María Infantes, seleccionado pola crítica

Na Tabela dos Libros do mes de maio, que publica o blogue Criticalia, entre os títulos seleccionados polos críticos literarios Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Montse Pena, Mario Regueira e Armando Requeixo, figura cunha mención Mondas, dos autores Din Matamoro e María Infantes, libro que acabamos de publicar na serie Onocrótalo. Inma Otero é quen que recomenda este álbum ilustrado no que os materiais primarios, triviais e supostamente alleos á beleza, recuperan a enerxía, o pracer e a ilusión converténdose en personaxes dun conto rimado.

 

 

SaveSave

SaveSave

Continúan as “Charlas no Pensatorio”

Na Biblioteca Os Rosales (A Coruña)

Conferencia de Inma Otero Varela

O próximo xoves, día 20 de decembro, ás 19 horas, continúa o ciclo Charlas no Pensatorio organizado pola Biblioteca Municipal Os Rosales, da Coruña, en colaboración coa Fundación Euseino?. Como parte das actividades do café filosófico O Pensatorio, a ensaísta e crítica literaria Inma Otero vai falar de:

A emerxencia do real fronte ao texto

Despois de dous séculos nos que primou a epistemoloxía sobre a ontoloxía na filosofía, nos que impuxo o ‘eu penso’ sobre a realidade, están a agromar voces que reclaman unha volta á realidade como elemento do que dependería o coñecemento e non á inversa. Unha destas voces pertence ao filósofo italiano Maurizio Ferraris. Na súa obra Emerxencia achega unha proposta que explicaría como a realidade, aquela formada polos obxectos naturais e sociais, xorde a partir dunha serie de inscricións; dun cúmulo de rexistros que permitiría, coma se se tratase dunha serie de instrucións, que algo novo emerxese.

A autora da Ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, expoñerá as liñas fundamentais do novo realismo, a importancia das inscricións e a súa función como representación.

Máis información na páxina web da Biblioteca Os Rosales.

O físico e astrónomo Robert Fludd debuxou en 1617 os múltiples e caóticos fogos que emerxen dunha estrutura estelar visible no centro de aneis de fume e pó.