En Euseino? Editores consideramos a escritura e o pensar das mulleres como unha das achegas máis importantes á retórica do progreso. Sen esta achega, a ampliación do límite do racional e o esvaecer das fronteiras da subxectividade, dos roles de xénero e do pensamento dogmático non serían posibles tal como se conciben hoxe en día. A partir desa reflexión das mulleres, reflexión non pechada nin determinada polo saber, a nosa arela é compartir a mesma escritura e o mesmo pensar. Con ese motivo iniciamos esta serie, titulada “Gabinete das fadas” precisamente porque os contos de fadas foron un dos primeiros xéneros literarios co que as mulleres accederon ao estatuto de escritoras —de autoras—; un xénero literario mediante o cal, desde o século XVII, se comezou a ampliar a retórica do progreso ao incorporar a tradición oral, as lendas e os mitos. Na Querelle des Anciens et des Modernes, as escritoras situáronse a prol da Idade Moderna como un xeito de ir facendo esvaecer os lindes da razón instrumental masculina.
Iniciamos o “Gabinete das fadas” cunha cita de Judith Butler que incide, entre outras, en dúas cuestións fundamentais: a retórica e a produción de subxectividade.
“Significativamente, Hegel vencella a transición entre consciencia e autoconsciencia cos significados retóricos da explicación lingüística. Polo tanto, como a autoconsciencia se caracteriza pola reflexividade, é dicir, pola capacidade de relacionarse consigo mesma, está condicionada polo poder da articulación. Ademais, non se trata de que a articulación propoña un ‘contido’ que se reflicte, daquela, nunha consciencia a observar teimudamente desde un algures ontolóxico, senón que a consciencia se revela a si mesma como un fenómeno articulado que soamente chega a ser el mesmo como articulación. Ao ser articulada, esta consciencia xa non se pode denominar axeitadamente con ese termo, pois el mesmo rexeita retoricamente as condicións da disparidade ontolóxica que ese mesmo nome denota. Ao transformarse en articulada, a consciencia convértese en si mesma mais, como apunta un dito hegeliano clásico, ao facelo tamén acaba por ser outra. Neste caso, esa Outra, que é, abofé, o seu eu completo, é autoconsciencia.
O movemento desa transición é un movemento retórico; o interior que, ao cabo, é revelado, primeiro é actualizado sen coidado de si e, soamente cando se completa a actualización, cando a Explicación queda fixada e remata, a consciencia contempla ese produto para recoñecerse como a súa autora. Tanto ten o propósito da Explicación, para a consciencia trátase dunha descuberta inesperada e, precisamente por iso, moi significativa: é a capacidade de recoñecerse a si mesma como unha estrutura reflexiva cun lugar no mundo. Como exterioridade, a consciencia é “outra” distinta de si mesma, o que quere dicir que iso que xeralmente se entende como “outra” distinta de si é, nomeadamente, o mundo; de aí que o contrario desta afirmación de identidade tamén sexa certo: a consciencia do mundo sempre é a consciencia de si na súa alteridade. O movemento retórico de transición reafirma, polo tanto, o principio de identidade, o lugar ontolóxico da diferenza, a rede de relacións internas na que se alicerza.
Como axencia retórica, o suxeito hegeliano sempre sabe máis do que cre saber e, ao ler el mesmo retoricamente, é dicir, ao ler os significados que sen decatarse actualiza contra o que el explicitamente pretende, recobre incluso unha parte importante da súa propia identidade. A retórica é, pois, a condición da decepción e da iluminación, a maneira na que o suxeito sempre é e sempre está alén de si mesmo, a significar o que non necesariamente pretende mais que, así e todo, exterioriza, o que le e, ao cabo, recobre consigo mesmo.”
Judith Butler, Subjects of Desire. Hegelian Reflections in Twentieth-Century France