Filosofía feminista e realidade

Entre os libros publicados durante este ano de 2014 —correspondente ao ano 223 do calendario republicano— cómpre salientar Cut of the Real: Subjectivity in Poststructuralist Philosophy, de Katerina Kolozova, que é profesora de filosofía e estudos de xénero no Instituto de Ciencias Sociais e Investigación en Humanidades de Skopje, Macedonia.

Viktor Vasnetsov-Gamaun

No seu ensaio “A ficcionalización do eu“, publicado hai poucos días no número de setembro de Anotacións sobre literatura e filosofía, Inma Otero Varela describía o libro de Kolozova deste xeito: “O relativismo cuestionador, paradoxalmente, converteuse no ‘gran relato’ substitutorio das metanarrativas que había que derrubar […] Kolozova […] insiste en aclarar que non propón unha realidade unívoca e uniformadora, senón unha realidade múltiple, non baseada en estruturas binarias excluíntes que derivarían da tradición greco-xudía, e cambiante ao longo do tempo e das circunstancias. […] Paralelamente Kolozova revisa algunhas teorías feministas, nomeadamente o que ela chama femi­nismo posmoderno ou postestruturalista. Ofrece unha relectura da obra de Judith Butler para dotala dunha maior potencialidade reinvindicativa que calle en mobilizacións «reais». Esa relectura baséase, en última instancia, nunha nova consideración do individuo. Tras a disgregación absoluta do eu, relegado no postestruturalismo a un segundo plano polo poder do «outro», Kolozova recupera a relevancia do suxeito. Considérao como un «continuo» en proceso permanente de transformación que desexa persistir no tempo. A arela de supervivencia indicaría que existe un substrato do mesmo, unha mínima base estable con capacidade de metamorfose, ao que denomina o suxeito múltiple.” (“A ficcionalización do eu”, páxs. 17-19)

Efectivamente, á parte desa concepción do suxeito, alicerzada sobre todo na non-filosofía de François Laruelle —autor do prólogo— e moi parcialmente na obra de Quentin Meillassoux, Katerina Kolozova leva a cabo no seu libro un labor de análise  e “crítica radical” do que ela denomina “a corrente principal do legado filosófico do feminismo postestruturalista”. Son estas crítica e análise as que nos interesan mencionar aquí xa que amosan a capacidade do pensamento feminista para reformular os seus postulados sen caer na fixación e na repetición dogmática, inserindo asemade na filosofía feminista o punto de vista do realismo especulativo:

“Entre a ricaz diversidade teorética denominada ‘filosofía feminista posmoderna e postestruturalista’, semella haber un consenso no tocante a varias oposicións binarias de termos asimétricos. Un dos dous elementos do binario sempre é negativo e está excluído (por non ser significativo) do aparato explicativo do que se supón e se recoñece que é a teoría posmoderna con autoridade. Exclúese non só por non ser significativo, irrelevante, inoperativo para o punto de vista posmoderno e postestruturalista á hora de interpretar a realidade, senón tamén como unha noción politicamente reaccionaria e moralmente errónea. Velaquí varios exemplos: a) o un sempre é equivalente á totalidade, ao totalitarismo e ao universalismo imperialista; b) o real é o impensable e calquera intento de pensalo vese como unha pretensión cartesiana de definir a realidade para o Outro; c) a única realidade relevante é o un accesible a nós e o un no que vivimos, é dicir, a realidade lingüística é ilimitada na súa posibilidade (política) e calquera discurso que argumente a prol dunha realidade produtiva do límite é declarado reaccionario.

[…] Propoño estes tres exemplos soamente para ilustrar a miña convicción de que epistemoloxía, ontoloxía e moralismo forman un híbrido que impiden aproveitar as posibilidades da filosofía feminista contemporánea.”

Katerina Kolozova, Cut of the Real, páxs. 7-8

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s