“Ao abeiro da aurora boreal “, por Beatriz Fraga

Mostra da obra de Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo

O día 4 de xuño inaugurouse unha mostra do pintor Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Baixo o título de “A mirada acesa”, o coautor de Mondas achéganos unha escolla das obras que realizou durante os últimos anos.

Como sinalan Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, encargados da exposición, Din Matamoro “sabe sempre que a luz está no interior do cadro e remata por se amosar”. Neste artigo, Beatriz Fraga retoma a advocación feita por Saint-Exupéry para, a través da luz e os seus efectos, retornar ás cores da infancia, sempre asociadas ás sensacións que acaban por formar o gusto.

Un aspecto da exposición de Din Matamoro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Ao abeiro da aurora boreal

Un dos grandes exploradores da historia, Piteas emprendeu no ano 320 a. C. unha viaxe cara ao norte chegando a Thule. O famoso astrónomo, xeógrafo e navegante grego navegou cara ao Atlántico e, tras atravesar as columnas de Hércules, dirixiuse ao norte ao longo da costa de Iberia, continuou cara á Céltica e de alí ata Cabaeum (Bretaña) e Bretanice (Gran Bretaña) navegando aínda máis ao norte ata chegar a Thule.

Estrabón di que o explorador atopou, a un día de Thule, un mar conxelado onde se unían a terra, o mar e o aire. Piteas foi o primeiro que descubriu o sol de medianoite, a aurora boreal e as placas de xeo flotante árticas.

Nese lugar onde descansa o sol, na neve e no xeo do Ártico tamén se teñen ilusións ópticas de luz e cor: halos que poden rodear a lúa ou o Sol (parhelios ou “cans de sol”) e zonas de neve vermella na Groenlandia, efecto de algas microscópicas que a certas temperaturas brillan e tinguen o branco de cor vermella.

Ás veces, o mesmo que o Ártico engana o viaxeiro, na pintura de Din Matamoro un branco transfórmase noutras cores a través das delicadas e sutís veladuras imperceptibles da súa obra.

Ese branco tínguese polo “revontulet” —unión das palabras tulet, lume, e revo, raposo— lapón. Conta a lenda que un raposo ártico corría polos terreos ermos de Finlandia e o rabo chocaba contra a neve, desa colisión saltaban chispas que se erguían cara o ceo formando a aurora boreal. Esas son as mesmas faíscas que iluminan a pintura de Din Matamoro cunha explosión de cores sutís que nos recordan un sol próximo ao solsticio de verán, un día polar ártico con luz as vintecatro horas.

A ausencia de cartelas na exposición que se acaba de inaugurar no MARCO fai que nos centremos nas sensacións que nos producen os cadros. Non hai título, nin data, nin tempo, só hai luz, a luz dos cadros que estamos a contemplar.

Os que si están son os libros que Din Matamoro converte en doces milfollas de múltiples sabores; os embelecedores das chaves da luz que agachan unha historia imaxinada, cun pulsador que xa non é tal porque agora é un marco que envolve un debuxo; e a ventá dun sobre que, en lugar dunha carta, é unha casa na que vive alguén…

Parafraseando a dedicatoria de Antoine de Saint-Exupéry ao seu amigo Léon Werth en “O Principiño” —“Todas as persoas maiores foron nenos antes. (Pero poucas se lembran.)”—, podemos así volver a recordar un doce de nube rosa de algodón de azucre mercado nas festas do San Xoán, un gorentoso chicle de amorodo que ao mordelo estoupa na boca, o acedo sabor do limón interior do que está recheo, a lembranza de lamber un delicioso polo de limón, de fresa ou de laranxa, un ceo arrebolado.

Eses son algúns recordos sensoriais que a obra de Din Matamoro fixo prender en min.

Enciclopedia coloreada por Din Matamoro (Museo de Arte Contemporánea de Vigo).

Unha opinión sobre ““Ao abeiro da aurora boreal “, por Beatriz Fraga

  1. Para Beatriz Fraga
    Das túas palabras, cheas de agarimo, obtés que a observación da pintura de Din Matamoro pase a ser sentimento.
    Bicos

    Gústame

Deixa unha resposta a M.Carmen Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s