Letra “G”: de Garcia, Jerry

Os mortos agradecidos, ou a música como realidade

I’ll take a melody and see what I can do about it./
I’ll take a simple C and G and feel brand now about it.

—Allen Toussaint.
[“Hei coller unha melodía e ver con ela que facer ía./
Hei coller un Do e un Sol inxel pra me sentir un novel.”]

No caso de Jerry Garcia, músico fundador do grupo The Grateful Dead, o seu apelido non funciona só como unha etiqueta nominal senón que ten unhas coordenadas xeográficas precisas: a vila de Sada. Aínda que a familia consideraba A Coruña o seu fogar desde mediados do século XIX, a historia oral preservada polos seus biógrafos (Jackson, 1999, e Troy, 1994) sitúa o berce dos Garcia na localidade das Mariñas. En 1919, a familia asentouse definitivamente nos Estados Unidos. Foi Leonor Garcia Ross, tía do músico e única sobrevivente daquela viaxe transatlántica, quen transmitiu a irmáns e curmáns as orixes do apelido Garcia.

Resulta abraiante saber que o talento de Jerry Garcia non foi froito do azar. O seu pai, Jose Ramon “Joe” Garcia, era un músico que tivo que abandonar parcialmente a súa profesión para abrir un bar. A súa condición de outsider e a súa sensibilidade musical marcaron o carácter do seu fillo guitarrista.

The Grateful Dead e as Deadhead

A escolla do nome dun grupo musical transcende a estratexia de mercadotecnia para converterse, ás veces, nun manifesto filosófico constitutivo. No caso dos Grateful Dead, o nome funciona como un limiar entre o físico e o metafísico, unha provocación ontolóxica que desafía as concepcións modernas sobre a finitude.

A xénese do nome apunta a un achado casual no que azar e psiconáutica se cruzan. Os futuros membros do grupo estaban xogando ao Fictionary (un xogo de azar con palabras) cando Jerry Garcia deixou caer o dedo sobre a entrada dun dicionario. A frase que apareceu ante os seus ollos foi: Grateful Dead. Segundo sinala Sandy Troy na biografía que escribiu do músico, o grupo atopábase nun estado de percepción alterada pola inxestión de DMT. Ese contexto non é anecdótico: sitúa a orixe do nome nunha ruptura cos límites da consciencia ordinaria.

Así e todo, o concepto do “Morto Agradecido” non é unha invención psicodélica; esta pantasma agradecida é tanto un motivo coma un conxunto de contos populares presentes en moitas culturas. A historia máis común inclúe un viaxeiro que atopa o cadáver de alguén que nunca recibiu un enterro axeitado, xeralmente debido a unha débeda sen pagar. É nese momento cando o viaxeiro asume o pagamento da débeda do defunto ou o custo do seu enterro. Máis adiante, ese mesmo viaxeiro é recompensado ou salvado por unha persoa ou un animal que, en realidade, é a alma do defunto; o viaxeiro convértese así nunha representación da figura do doador. O morto agradecido pode adoptar formas diferentes, incluída a dun anxo da garda, un animal ou un compañeiro de viaxe. Curiosamente, o encontro do viaxeiro co defunto prodúcese sempre preto do final da súa viaxe.

Alén da literalidade, a fábula do “espectro agradecido” suxire que a verdadeira existencia comeza onde remata a tiranía da individuación. A gratitude espiritual disolve as fronteiras da propiedade privativa, do propio e exclusivo do suxeito: a persoa morta está en débeda coa viva e a viva convértese na presenza mundana do espectral. A través desta metáfora da débeda e a gratitude podemos achegarnos á interpretación filosófica da superación da individuación que forma parte do pensamento de Nietzsche.

Poderiamos dicir que o suxeito queda exposto á xenerosidade, á “caridade” entendida como o que implicaba a figura das Khárites gregas, a da graza mundana, a vida en toda a súa plenitude, alén das restricións do suxeito individuado. Iso é o que permite instituír o senso fóra do suxeito e fóra da comunidade e facelo sen necesidade dun vínculo transcendente ou inmanente; pola contra, como algo simplemente dado e recibido sen razón.

Precisamente, unha das motivacións do fracaso do movemento hippie, no que participaron os Grateful Dead durante a segunda metade do século XX, a da volta a unha comunidade solidaria, afonda a súa raigame na concepción comunitaria do protestantismo luterano. O movemento hippie buscaba a xustiza mais facíao partindo dunha base relixiosa —transcendente— da solidariedade comunal.

Vencellada coa concepción relixiosa de Lutero, na que a superación da individuación só é posible no vínculo relixioso do que Deus é único garante xa que a consciencia individuada, o suxeito relixioso autorrepresentado, é a cerna do cristianismo protestante; de aí as derivacións pseudorrelixiosas do hippismo e as seitas de tipo diverso a que deu orixe, sempre cunha presenza que controla a salvación, chámese gurú ou guía espiritual.

¿Cal foi a función especificamente moderna da autoconsciencia? ¿Por que falar do seu auxe ou orixe? Sería obviamente absurdo afirmar que antes de Lutero, Descartes e Kant a xente non tiña autoconsciencia. Así e todo, nas culturas premodernas a autoconsciencia no cumpriu o papel sistemático que pasou a desenvolver desde a reforma protestante. Algo que se ve claramente na importancia da lectura individual da Biblia e, no tempo dos hippies, o sobranceiro papel de determinados libros como guía espiritual dos suxeitos en busca da liberdade plena.

O círculo psiconáutico

Esa é unha das razóns polas que se pode afirmar que a proposta de Grateful Dead vai máis alá do estritamente musical para se converter nunha experiencia filosófica que agora podemos interpretar na súa actual conexión coas ideas de Nietzsche e o chamado “círculo psiconáutico”. Así denomina Peter Sloterdijk a aventura técnico-cognoscitiva de exploración do abismo que Nietzsche prefigura na súa teoría da traxedia.

A descrición nietzscheana do mundo parte dunha premisa radical: a vida individual, no seu illamento e fragmentación, é un “inferno”. Desde esa perspectiva, a existencia individual pódese percibir como un “inferno de individuación”, unha soidade radical que separa o ser humano da realidade mundana. Para rachar esas cadeas, o suxeito necesita superar a súa propia reclusión na individuación.

É nese punto onde a subcultura das Deadheads (persoas que seguen o grupo musical) funciona como unha manifestación moderna da fábula ancestral do espectro agradecido. As “cabezas mortas” e os “mortos agradecidos” aluden a que mediante a música e as drogas, isto é, mediante a embriguez e os soños, como apunta Sloterdijk na súa lectura de Nietzsche, se pode superar a individuación. O nome Grateful Dead convértese así nunha metáfora perfecta: somos espectros agradecidos que, mediante a música, logramos fuxir temporalmente do inferno da soidade individual.

Para comprender a importancia de Garcia, cómpre acudir ao “círculo psiconáutico” de Peter Sloterdijk, facer esa “viaxe” na que a descrición nietzscheana do mundo parte dunha premisa radical: a vida individual, no seu illamento e fragmentación, é un inferno. Unha condena que o suxeito só pode aturar superándoa de dúas formas:

  1. A embriaguez (Dionisos): onde a perda de control e a fusión co fluxo vital permiten crebar o principium individuationis.
  2. O soño (Apolo): onde a creación de formas e imaxes proporciona a serenidade necesaria para contemplar a verdade sen ser aniquilado por ela.

Dúas actitudes diferentes fronte á vontade. O instinto apolíneo alicérzase nos mundos oníricos, no soño. O ser humano que se atopa na realidade onírica contempla aparencias, endexamais pon en perigo a súa vida nin realiza unha acción, só observa. De aí que os soños sexan intelixibles, interpretables mediante a linguaxe. O dionisíaco, pola contra, é o estado de embriaguez, o influxo narcótico polo que o suxeito se mergulla nunha totalidade gloriosa, esquece a individuación da vontade na que está pechado.

Na súa embriaguez, o instinto dionisíaco abraza a relación fundamental entre dor e vontade; a diferenza do instinto apolíneo, que lle teme e que prefire obviala. De acordo con Nietzsche, a traxedia grega harmonizaba perfectamente os dous espíritos: rebordaba cos excesos dolorosos, nunha éxtase que envolvía ao público, mais tamén utilizaba a linguaxe da imaxe. Ao cabo, dun xeito ou doutro, na traxedia triunfa a supresión da individuación e da correlación humano-mundo.

Música e mundo, realidades unidas

A experiencia dun concerto dos Grateful Dead e a xestación da cultura “Deadhead” representan unha aplicación práctica deste compromiso apolíneo-dionisíaco. A música e a exploración psiconáutica non actúan como simples catalizadores senón como técnicas de autocoñecemento que permiten superar o cárcere da individuación. A cultura Deadhead é, polo tanto, unha necesidade existencial: a disolución do individuo nunha colectividade que vibra na mesma esfera de resonancia, onde a linguaxe e a arte son recoñecidas como bens comúns.

"A música, tal como a entendemos hoxe, é tamén unha excitación total e unha descarga total dos afectos, pero, aínda así, non é máis que o resto dun mundo de expresión dos afectos moito máis pleno, un simple residuo do histrionismo dionisíaco. Para facer posible a música como unha arte separada, foron inmobilizados (polo menos relativamente, pois ata certo punto todo ritmo segue apelando aos nosos músculos) unha serie de sentidos, especialmente o sentido muscular; de xeito que o ser humano xa non imita nin representa corporalmente todo o que sente. Non obstante, ese é realmente o estado dionisíaco normal, polo menos o estado orixinal. A música é a especialización dese estado, alcanzada lentamente a expensas daquelas facultades que están máis estreitamente relacionadas con el." [Götzen-Dämmerung oder Wie man mit dem Hammer philosophirt, "O solpor dos ídolos, ou como filosofar cun martelo"]

Para Nietzsche a música moderna é un “residuo” porque se separou do corpo. Antigamente, sentir un ritmo implicaba moverse (o “sentido muscular”). Ao converterse nunha “arte separada”, a música apréndenos a estar quietos nunha cadeira mentres escoitamos unha sinfonía. Esa inmobilización é unha forma de domesticación: o corpo inhibe a súa resposta total para concentrar toda a enerxía no oído, conságrase así a separación entre kósmos aisthetós e kósmos noetós, entre o sentido e o pensado, na que se basea a individuación e a centralidade do suxeito como dador de senso fronte ao resto das cousas do mundo, que agora só existen porque un suxeito as pensa.

A letra “G”: un idioma é inapropiable

Neste corpo sonoro, a letra “G”, que en inglés tamén representa a nota Sol da escala musical, adquire unha resonancia que a une á literalidade; esta inicial céibase da marca de identidade persoal (Garcia) para superar a linguaxe do privativo; igual que a música de Jerry Garcia, ningunha letra é patrimonio privado senón campo de relacións literais onde o mundo se ceiba do suxeito para acceder ao senso.

A arte e a literatura non deben ser entendidas como un culto á personalidade do “xenio”. Seguindo esta premisa, a linguaxe literaria non pertence a ninguén en particular; é o medio que amosa a nosa igualdade ontolóxica. Ao abandonar a “sociedade do espectáculo” en favor dunha “igualdade ontolóxica non individuada”, a persoa artista redefine o seu papel: de ser un ídolo separado, pasa a ser o medio a través do cal a arte se sitúa no mundo.

O termo “Deadhead” (cabeza morta) revela a súa realización última: o individuo decide “morrer” nunha descreación que nada pode posuír. A estética musical apréndenos que a gratitude xorde cando o suxeito se retira, permitindo que a música sexa libre e compartida. Inapropiable.

Bibliografía

Jackson, Blair (1999). Garcia: An American Life. Nova York: Viking.

Kaufmann, Walter (1954), The Portable Nietzsche. Nova York: The Viking Press, 1976.

Sloterdijk, Peter (Der Denker auf der Bühne. Friedrich Nietzsches Materialismus, 1986), Le Penseur sur scène. Le Matérialisme de Nietzsche, trad. fr. Hans Hildenbrand, París: Chrisitan Bourgois Éditeur, 1990, reed. 2000.

Troy, Sandy (1994). Captain Trips: A Biography of Jerry Garcia (1st ed.). Nova York: Thunder’s Mouth Press.


Autobús Deadhead. Foto: Alice, Wikimedia Commons.

“Xustificación estética da vida”, por Carlos Lema

1.

A vida do poeta, e a de todo artista, é unha representación, de aí que soamente poida ter unha xustificación estética. O senso da vida do poeta é un senso exclusivamente estético; cando falo de estética refírome a un tipo de percepción que condiciona a vida toda como representación, a transcendencia da vida do artista dáse unicamente como representación, a alma do artista é unha representación sublime.

Tras a morte de Deus, figura na que se sumía todo acto na concepción relixiosa que está na base do Antigo Réxime, na Idade Moderna esa xustificación estética da vida estendeuse a todo suxeito desde o momento en que a liberdade se converteu no elemento constitutivo tanto do artista coma do pacto social. Na modernidade, cando dicimos arte estamos a falar de participación no pacto social como resultado dunha decisión libre: a aceptación do disenso como constitutivo da representación fai posible a liberdade. A xustificación estética da vida é a elaboración dun disenso propio —o tan traído e levado “mundo propio”— co que formar parte do pacto; por iso a sociedade moderna non é comunal senón que é acomún, pois está formada por singularidades baseadas na diferenza outorgada polo libre arbitrio.

É equivocación dos artistas actuais pensar —ou crer, pois xa se trata dunha crenza— que a súa forma de representación é “propia” cando, pola contra, o consenso moderno sobre o suxeito é unha extrapolación da personalidade do artista a toda a sociedade, a todos os suxeitos. Ese engano pode proceder de que a representación artística, efectivamente, non é unha representación común, no senso de “corrente”, senón unha representación que os artistas consideran común só a eles porque representa o acomún. Agora a xustiza está estreitamente relacionada non só coa capacidade de ser libres senón tamén coa de representarse como tales.

 

2.

Na admirable obra Aquiles en el gineceo, Javier Gomá Lanzón fai unha interpretación diferente na que a compartición da liberdade ten como resultado a exemplaridade pois esta última xa non se elabora esteticamente a partir dunha concepción previa artística, cunha tekne que soslaia —ou integra— o azar, as casualidades e toda resistencia ao deseño decidido “libremente”, senón que xorde da vida como un senso final que a xustifica e condensa nunha imaxe única que fai posible a súa asunción pola totalidade común, isto é, pola ética que sanciona a pólis. Gomá pretende superar o estadio da vida como representación estética e propón unha concepción ética da vida como posibilidade de representación cun senso común, senso que é a pólis quen o outorga, xa non o suxeito quen o decide, pois é un senso póstumo no que o acomún subxectivo se subsume na vontade da pólis como única posibilidade de realización da liberdade individual.

Trátase da postulación do ser humano común como artista fronte á postulación do artista como única humanidade aceptable.

Na base destas dúas concepcións, tanto da que se xustifica pola liberdade individual do artista coma da que a pólis é a que concede a xustificación —as vías estética e ética—, está a idea de Kant segundo a cal a vida é a propiedade que ten un ser de actuar conforme as súas representacións.

 

3.

O que intentei en Anomalía (Materialismo do verán) (Chan da Pólvora, 2017) é describir mediante a función poética o paso de suxeito (anomalía en tanto que poeta) a cousa (materia en tanto que utilidade).

No poema final, o eros subxectivo transfórmase no amor ético da atención ao outro, na pólis como pacto dos suxeitos que respecta e protexe o acomún en que o pacto moderno se basea, isto é, que respecta a liberdade individual precisamente por ser esta a base necesaria do pacto e de onde xorde a forza e lexitimación deste último.

Ao ser produtivo, o suxeito aliénase na cousa que produce; especialmente o artista moderno, que se subsume integramente na súa obra, na que individualidade e cousa son o mesmo pois o suxeito se produce como cousa mediante o compromiso ético da arte, cuxo efecto é a materialización da alma do artista (do poeta) mediante unha obra.

A arte como pragma, ou cousa. A obxectualización da arte moderna sería un paso máis, non un atranco, para o triunfo do seu nomos, da súa autonomía. Esa reificación non é negativa senón que reforza a noción da representación como obxecto non dependente do suxeito que o produce.

Debido a que as relacións entre campos obxectuais e, especialmente, do campo da arte cos outros campos de senso, se rexen polo disenso, o suxeito tamén queda afectado polo disenso e a relación suxeito-mundo queda desprazada (“substituída”) polas relacións entre campos obxectuais.

Interesa a arte como obxecto, non o seu produtor o artista moderno. A reificación da arte é o gran logro da modernidade.

Segundo Tristan Garcia, a obra de arte é être sans soi (“ser sen si”), non necesita do suxeito pois un cadro segue a ser un cadro aínda que non haxa ninguén para contemplalo. O contrario é être avec soi (“ser consigo”), unha percepción, por exemplo. Polo tanto, o obxecto non depende da súa relación co suxeito, existe de seu unha vez que é producido.

Desde o momento que o acto pasa a formar parte dunha vida, desde o momento en que se representa como vida, reifícase ao determinarse pois toda predicación —iso é a representación— fixa o suxeito e o obxecto da acción; mais ese tipo de vida reificada, coma calquera representación, tamén é unha cousa que acaba por adquirir a mesma xerarquía da actio. O acto de vida é pragmático, faise pragma (cousa) precisamente no momento de ser acción.

A vida reificada non é a antítese da lexitimación, especialmente porque non se pode situar alén da pólis, fóra do compromiso, allea a calquera pacto. O material artístico non se pode situar fóra da lexitimidade de todo pacto aínda que ese material sexa acomún, ou singular; iso débese a que o acomún —a diferenza: capacidade de decisión en cada situación como consecuencia da liberdade outorgada polo próximo— é a base do pacto moderno, no que cadaquén é “algo” politicamente igual mais que se representa como diferente. Trátase dunha igualdade que se garante mediante o acceso universal á diferenza.

A relatividade da política xorde precisamente dese acomún moderno no que a igualdade é política mais non pode ser “intima”, i. e., subxectiva porque a subxectividade se expresa como diferenza a través da representación. É a reificación mediante a representación —non a presenza, ou a face como presenza do Outro segundo Levinas— a que garante a posibilidade última de igualdade.

Se modificamos o punto de vista e situamos a materia como orde ontolóxica primordial, é dicir, como o feito polo que debe existir algo e non nada, sería na continxencia materialista da cousa e, despois, do obxecto (a relación de algo que está comprendido dentro doutro algo, por exemplo, unha representación), onde residiría a posibilidade da igualdade en tanto que o único absoluto é a continxencia como virtualidade absoluta do real, non na diferenza do suxeito como ente. De aí que para Baumgarten, o creador da estética moderna, o obxecto primeiro da metafísica non sexa o ente (ens) senón o “algo” (aliquid), o cal se entende como aquilo que se separa do nada sendo o seu oposto [vid. A táboa do nada]. A igualdade ontolóxica do que é oposto ao nada é ese algo que para o novelista e filósofo Tristan Garcia é “a determinación máis feble” dunha cousa que é soamente unha, iso que el denomina soidade. A intimidade do algo fronte ao nada, a sinceridade antes da situación e da representación. Unha ontoloxía plana.

 

4.

A poiese é agora a produción da representación en tanto que autopoiese, isto é, o compromiso do suxeito como produtor de obxectos. A arte recupera así o seu senso primixenio de técnica e establécese como xeito de facer útil o subxectivo en tanto que base acomún do consenso, da ética. Inténtase erguer o mundo como un todo ao máis alto, é dicir, como representación que permite pasar a través da figura do suxeito fundacional.

Por iso se pode afirmar que “a esfera normativa do dereito, dos costumes, convencións e institucións recibe a súa lexitimidade da constrición artística da vida —e non grazas á autonomía dunha lei moral universal” (Peter Sloterdijk, El pensador en escena. El materialismo de Nietzsche, Pre-Textos, 2000, 162)”.

Segundo Sloterdijk, a política da beleza sempre se acabou por manifestar como a política do sublime. O sublime é o que lles fai lembrar aos seres humanos a posibilidade de seren destruídos e, polo tanto, o que lles fai tomar unha posición con respecto á continxencia:

quer a idea da infinitude, á que nos achegamos mediante o matematicamente sublime, quer a contemplación da natureza nas súas dimensións elementais, na que nos vemos nós mesmos excedidos sen límite en tanto que nos enfrontamos ao dinamicamente sublime da súa forza irresistible (Peter Sloterdijk, Der Ästhetische Imperativ. Schriften zur Kunst, Suhrkamp, 2014, 42).

Na transición do absoluto ao democrático, a Idade Moderna transferiu o sublime a unha condición máis accesible, facendo da beleza unha ideoloxía estética do sublime. Para poder ser tal, a beleza ten que ser sublime e o sublime ten que ser fermoso, de tal xeito que no momento de equilibrio das dúas magnitudes a arte se disolve en emoción. Segundo Sloterdijk, na historia da arte a obra que exemplifica ese equilibrio entre a beleza e o sublime como arte é a novena sinfonía de Beethoven.

De aí que, nese labor que ten como obxectivo facer o sublime accesible, se poida falar dunha transferencia entre dous tipos de subxectivación artística na modernidade. De Friedrich Nietzsche a Karl Ove Knausgaard. Transferencia cun interese enorme porque é a consagración do home corrente como escritor, como artista. É o paso do artista como xenio ao artista como home común, da aristocracia á democracia, esa é a “loita” á que se refire o título da sextaloxía do escritor noruegués, de aí o senso da inversión do título hitleriano. A arte é para todos, forma parte da produción de subxectividade que caracteriza a Idade Moderna.

O artista moderno é un xenio, a súa disensión achégase á loucura. O triunfo da tardomodernidade —ese retardo perenne da modernidade que concede unha oportunidade ao progreso— é conseguir facer do artista un home común, achegalo ao artesán, ao técnico.

A arte é agora á reificación do suxeito mediante a liberdade, que transforma o acomún estético en acomún ético, é dicir, en cousa útil. E o útil é o que é produtivo para a pólis, o que ten valor en tanto que terma do ser precisamente por ser cousa e non xa pura representación. O obxecto artístico xa non é a representación sublime da alma do poeta senón o obxecto útil que realiza a substitución da primacía do suxeito pola primacía da cousa: unha ontoloxía plana que, na emoción da beleza, iguala sen suprimir o acomún. Na Idade Moderna, a salvación da arte é para todos.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave