Euseino? no Culturgal

Os libros de Euseino? Editores pódense atopar no posto 18 do Culturgal grazas á colaboración de Rodolfo e Priscila. Unha selección do catálogo ao dispor das persoas lectoras o venres 25, sábado 26 e domingo 27 de novembro en Pontevedra.

Ademais de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, o novo libro de Rebeca Baceiredo, nese posto 18 pódense atopar a 4ª edición de Ninguén queda, de Brais Lamela, e as 2ª edicións de O obxecto muller e o xiro ontolóxico de Inma Otero Varela, Transhumanismo – Tecnociencias e antropotecnias, de Brais Arribas, A monstruosidade moderna, de Carlos Lema, e mais da edición crítica de Obra completa. Vol. extra / m-Talá, de Chus Pato.

A carón destes títulos, tamén han estar dispoñibles a 3ª edición do álbum ilustrado Mondas, de Din Matamoro e María Infantes, e o cómic Aventuras espaciais de T e Ronni, do debuxante Maks.


Conversa “Enfiando lecturas” con Inma Otero

O venres 25 de novembro, ás 17’30 horas, no Espazo Libro:

Conversa con Inma Otero Varela arredor do libro O obxecto muller e o xiro ontolóxico, publicado por Euseino? Editores. Presenta Chus Gómez Dorrego, xornalista.

Pola nosa banda, todo o catálogo de Rodolfo e Priscila está ao dispor das persoa lectoras na sede de Euseino? en Vigo. Para quen os queira ler e mirar. Entre eles A festa equivocada, de Fran P. Lorenzo, e Conto ao carón do río, de Oihane Amantegi, traducido por Isaac Xubín.




Proximamente, en Euseino? Social

  • Próximas actividades – Decembro

    Poetas sen palabras

    13 de decembro, martes, ás 19’30 horas, na sede da Fundación Euseino?, rúa de México 37, Vigo.

    Encontro arredor do libro Etceteramente, de Xelís de Toro, publicado por Edicións Xerais. Presenta Sara Vila Alonso, de Edicións Xerais, escritora.

    Cunha charla sobre a historia e a práctica da poesía sonora, por Xelís de Toro.

    Esta charla é un acto do que se fala na novela Etceteramente. Asistindo a esta charla, éntrase no interior dunha novela e accédese a un material que non se reproduce nas súas páxinas.

    Entrada libre.


  • Encontro arredor de “Ninguén queda”

    13 de decembro, martes, ás 19’30 horas, no Centro Sociocultural O Vello Cárcere, Praza da Constitución, Lugo.

    Encontro arredor do libro Ninguén queda, de Brais Lamela, publicado por Euseino? Editores. Presenta Cecilia F. Santomé, escritora e editora voluntaria na Fundación Euseino?, en diálogo co autor.

    Coa colaboración da librería Trama.

    Entrada libre.

  • Arredor de “Ninguén queda”

    15 de decembro, xoves, ás 20 horas, na Casa da Cultura, Praza de Suso Gayoso 1, Vilalba.

    Encontro arredor do libro Ninguén queda, de Brais Lamela, publicado por Euseino? Editores. Presenta Marisa Barreiro, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos, en diálogo co poeta Xabier Cordal e co autor.

    Organiza o Instituto de Estudos Chairegos.

    Coa colaboración da librería Andel.

    Entrada libre.

  • O lugar da escritura
    Obradoiro sobre “Ninguén queda”

    17 de decembro, sábado, ás 12 horas, na sede da Fundación Euseino?, rúa de México 37, Vigo.

    Obradoiro arredor do libro Ninguén queda, de Brais Lamela, publicado por Euseino? Editores. Presenta Carlos Lema, poeta e filósofo.

    Brais Lamela, ao tempo que fala sobre a súa obra, vai reflexionar sobre a literatura dialogando coas persoas asistentes. A partir duns versos de Wallace Stevens: “Aquí abrolla o poema / que vive nun lugar / que non é propiamente o noso nin nós mesmos”. E con referencia a unha serie de preguntas coma ¿teñen os libros un lugar? ¿Pódese escribir literatura sen lugar, ou a escritura sempre está arraigada? ¿Cal é a relación entre pertenza e escritura?

    Entrada previa inscrición:

Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades e asume desvíos e fracasos, unha obra impura, crebadiza, conmovedora.

Col. Rúa do Lagarto 2
182 páxs.

PVP 18 euros 

Un outro xeito de escribir filosofía

Publícase “Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas”, de Rebeca Baceiredo

A obra da filósofa e escritora Rebeca Baceiredo, ademais de ser unha das máis orixinais do pensamento galego dos últimos vinte anos, consegue iluminar a filosofía coa capacidade de concreción da literatura e que, ao tempo, a filosofía poña ao descuberto unha faceta da literatura que a despoxa de trucos artísticos banais. Ambas as dúas, literatura e filosofía, deixan de lado o poder do que adoitan estar investidas para, na escritura de Baceiredo, quedar á vista, sen aderezos nin dogmatismos. Como escribe na presentación de cuarta de cuberta Mario Losada, editor de Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas, nestas páxinas “o exer­cicio da interpretación espállase desde a literatura para resoar no campo da filosofía”.

Temos, pois, a satisfacción de volver presentar ás persoas lectoras unha obra nova desta autora senlleira, coa que iniciamos a colección Casabranca no ano 2013. Sen Rebeca Baceiredo o proxecto de Euseino? Editores non sería o que actualmente é.

O novo libro de Rebeca Baceiredo non é un ensaio filosófico usual. Nel refle­xió­nase sobre conceptos coma deus, o tempo, a morte, o acontecemento e a subxectividade no horizonte da disolución do eu e da pregunta polos límites da linguaxe. O excepcional é o terreo no que se ins­criben estas ideas, que non é o propio do discurso teórico nin da análise fenomenolóxíca senón algún punto interme­dio e bastardo entre a escritura e a vivencia real. A autora extrae o pensamento do relato da experiencia íntima e filosófica que a escritora brasileira Clarice Lispector achegou a través da súa obra e dos seus personaxes. Unha intimidade que, como diciamos, mediante o exer­cicio da interpretación, se espalla desde a literatura para resoar no campo da filosofía.

Algunhas das partes desta obra transitan por mundos nos que as palabras son cousas, onde pensar é viaxar e nos que os desvíos do pensamento literario de Lispector nos achegan á pregunta ontolóxica fundamental: ¿que facer coa vida?

O resultado é unha fascinante dramatización de ideas, unha travesía na que o deus xeométrico de Spinoza asusta, a cousa en si nos dá leccións de vida e as poetas regresan das súas liortas nos límites da linguaxe. E, sobre todo, unha cha­ma­da a outro xeito de escribir filosofía.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Clarice Lispector: intuicións ontolóxicas

Col. Casabranca 13
148 páxs.
PVP 19 euros


“Decálogo da crítica literaria”, por María do Cebreiro

Composición, por Theo van Doesburg
Composición, por Theo van Doesburg. Tinta chinesa sobre papel.

A ensaísta e poeta María do Cebreiro escribe sobre a crítica literaria en tempos de estrañeza. As obras manteñen a súa presenza mesmo nun mundo no que os textos pretenden asoballalas. Un texto non é necesariamente unha obra. Igual ca quen escribe non é forzosamente unha persoa escritora; a escritora éo cando “vivir significou escribir, e escribir unicamente foi dicir con sinceridade, case reflectir nun espello, o pulo da súa fantasía e os traballos do seu pensamento”. Así o describiu o filósofo Giorgio Colli, editor da obra completa de Nietzsche. Mais o estadio do espello quedou atrás, a obra non precisa de suxeito, independízase da tea de araña da sopeita pois a obra mesma está feita de tecido, de letras, de literalidade. A morte da crítica realmente o que reflicte é a morte do autor e da autora como principio de razón. O principio da obra é a irrazón da súa existencia. Iso abonda. Nada de relación filiativa, todo é afiliativo. Non hai creación porque ninguén crea, a literalidade está no mundo como tal cousa. O escepticismo da autora de Maternidades virtuosas responde quizais a esa estrañeza perante a obra sen razón, a obra non escrita para un público, a obra sen público. A obra sen esencia. Cousa non substancial que está fóra de si, que está no mundo.


Sección coordinada e editada por Iván García Campos

Entre o arquivo e o mapa

1) Renacenza. Non é doado escribir sobre a crítica literaria nun mundo no que tanto a literatura como a crítica perderon definitivamente a súa función. Neste contexto, a única proposta optimista é desexar que a crítica literaria morra dunha vez para que, con fortuna, poida nacer de novo.

2) Fado. Velaquí o fado da crítica literaria hoxe: a suxeición ao sistema de medios de comunicación, dependente á súa vez das dinámicas gobernamentais e dos intereses comerciais. Fronte a tal servidume, a crítica literaria será soberana ou non será.

3) A autoridade de calquera. Soberanía non equivale a libre xuízo. A erosión xeneralizada do principio de autoridade pode ser boa cousa. Como aceptar que un crítico, polo feito de escribir nun determinado medio, nos diga o que debemos ler? Nun tempo no que nin sequera aceptamos doadamente as recomendacións dos médicos, a crítica xudicial é cousa do pasado. 

4) A arte da sospeita. O fundamento da verdadeira crítica é a sospeita. Como calquera pensamento digno de tal nome, debe ser unha arte de tensar a corda.

5) Perigos. A crítica literaria é, xa que logo, incómoda. Non estraña que case ninguén queira exercela. Así e todo, cómpre desconfiar tamén da posición do francotirador. Cando a voz do crítico soa ferida ou rosmona de máis, é doado sospeitar que non está a escribir desde a ecuanimidade senón pro domo sua.

6) Obxectividade. Fronte ao prexuízo que teima en manter xebradas a dimensión creativa da argumentativa, os mellores poetas do século XX foron os mellores críticos, tanto da súa propia obra como da obra dos poetas que a usaron como condición de posibilidade para escribila. En consecuencia, o crítico debe ser obxectivo mais non neutral. 

7) Futuro presente. Que cabe agardar da crítica neste século? Quizais xa non o delicioso close reading da súa obra e das alleas ao que nos afixeran os críticos e poetas do século XX (non hai tempo). Tampouco o distant reading postulado como alternativa pola literatura comparada de comezos do milenio: entre a peste e o algoritmo, o concepto de República Mundial das Letras quedou literalmente esfarelado.

8) Estrañeza. A crítica literaria do futuro artellará un discurso situado a medio camiño entre o arquivo e o mapa. Operará, ao seu xeito, en sentido contrario á cultura da cancelación, cartografando, por unha banda, os textos resistentes ao sentido común da nosa época e achegando, pola outra, un catálogo vivo e actuante de prácticas literarias complexas (entendida a complexidade como un procedemento de estrañeza continua perante o mundo).

9) Responsabilidade e resistencia. A crítica literaria do futuro será un traballo de delicadeza e de resonancia. Obrigaranos a ler dúas veces, nun tempo no que, mesmo rodeados de textos, case ninguén lerá. Non toda literatura resiste esa segunda vez, o que pode ser usado como un indicio contra ela, e tamén contra a crítica literaria que a sostén.

10) Resurrección. A crítica literaria morreu. Viva a crítica literaria!