“Da causación vicaria”, por Graham Harman

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

O número 9 de Anotacións (ISSN 2340-8537) inclúe Da causación vicariaun dos ensaios fundamentais da obra de Graham Harman, o fundador da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO). A carón de Quentin Meillassoux, Harman é un dos pensadores máis influentes do realismo especulativo e un dos filósofos máis interesantes do que vai de século.

Neste ensaio, o autor parte da constatación de que os obxectos reais existen alén do acceso sensitivo humano a eles:

“Cando unha sarabiada bate nas vides ou cando as ondas atravesan un estanque, esas relacións son tan admirables para a filosofía coma a disputa incesante sobre a existencia ou non dunha fenda entre ser e pensamento.”

“Os cans non entran en contacto coa realidade completa dun óso nin as lagostas coa do millo, tampouco os virus coa das células, as pedras coas ventás nin os planetas coas lúas. Non é a consciencia humana a que distorsiona a realidade das cousas senón a relacio­nalidade per se.”

Harman rexeita neste artigo calquera privilexio do acceso humano ao mundo e sitúa os asuntos da consciencia humana exactamente ao mesmo nivel “da condición dos microbios, dos terremotos, os átomos e o alcatrán” sen que iso implique “unha defensa dese naturalismo científico que todo o reduce a un asunto físico”. O obxectivo deste filósofo é rescatar a filosofía da dedicación exclusiva ás relacións do suxeito co mundo:

“Durante varios séculos, a filosofía estivo á defensiva fronte ­ás ciencias naturais, actualmente ocupa unha posición inferior no prestixio social e, sorpren­dentemente, acabou sendo un asunto de importancia limitada. Unha ollada rápida á historia amosa que non foi sempre así. Para concretar unha ofensiva, soamente é necesario inverter as persistentes tendencias de renuncia a toda especulación sobre obxectos e a voluntaria retirada ao cada vez máis reducido gueto das realidades exclusivamente humanas: linguaxe, textos, poder político. A causación vicaria céibanos de semellante encarceramento ao devolvernos á cerna do mundo inanimado, quer natural quer artificial. A singularidade da filosofía está asegurada non por murar unha zona da preciosa realidade humana que a ciencia non pode tocar senón por atinguir o mesmo mundo que atinguen as diversas ciencias mais facéndoo dun xeito diferente.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Graham Harman en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Da causación vicaria

 

Cuberta+lombo

“Corpos, propiedade e subxectivación”, por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín

NÚMERO ESPECIAL DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

Baixo o título “As conferencias da Sorbona. Corpos, propiedade e subxectivación“, publicamos o número 8 de Anotacións sobre literatura e filosofía (ISSN 2340-8537), número especial que inclúe tres ensaios escritos por Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín. Trátase dos textos das tres conferencias se leron os días 9 e 10 de abril de 2015 no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, celebrado na Universidade da Sorbona Nova-París 3.

O ensaio de Abraham Rubín desenvólvese arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. Pola súa banda,  Rebeca Baceiredo colabora co ensaio “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que trata sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Por último, Beatriz Blanco titula o seu ensaio “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente os ensaios de Rebeca Baceiredo, Beatriz Blanco e Abraham Rubín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Corpos, propiedade e subxectivación

Cuberta+lombo

 

As conferencias da Sorbona: “Poéticas e políticas do corpo”

As filósofas Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco e o filósofo Abraham Rubín participan os días 9 e 10 de abril no congreso internacional “Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade”, que se celebrará na Universidade da Sorbona Nova-París 3. As tres conferencias hanse publicar a mediados deste mes nun número especial de Anotacións sobre literatura e filosofía, que se poderá descargar de balde desde este blogue de Euseino?

 

 

Rebeca Baceiredo lerá o día 9 a conferencia titulada “Funcións sociais, xénero e propiedade”, na que vai tratar sobre o funcionamento dos corpos como elemento de produción e control da subxectividade. Segundo a autora de A revolución non vai ser televisada, o corpo é a dimensión molar a partir da cal fan incardinar o biopoder ao producir unha subxectivación específica para cada morphé, que non só cada suxeito, senón cada corpo natural ten que cumprir. Ora ben, no caso das mulleres esa morphé é o que as define xenericamente e é unha diferenza negativa con respecto ao que é, ao ser. Así, a produción de xénero, de homes e mulleres que cumpren, ao parecer gozosamente, unha lei social que se fai coincidir coa lei natural, é un mecanismo de poder que vai nacendo progresivamente pero que se tatúa nos corpos co xurdimento da propiedade privada e o capitalismo.

Tamén o xoves, día 9, Beatriz Blanco pronunciará a conferencia “Corpos impropios: da performatividade do xénero á an-economía do arquivo”. Partindo de que, na Modernidade, de Locke a Hegel, o corpo funcionou como fundamento da propiedade e do dereito en tanto momento natural da chamada sociedade civil, a noción butleriana de performatividade do xénero revélanos que o corpo é o efecto dunha sedimentación temporal que borra no momento “presente” a súa condición histórica. Así e todo, esa noción de corpo-arquivo, sedimento dunha memoria non individual, non foi suficientemente destacada por Butler, quen reconduciu a súa teoría cara ao problema da subxectividade. Mentres que, pola súa banda, a deconstrución derridiana do suxeito como problema eco-nómico pode retrospectivamente axudarnos a pensar a reinscribir esoutra economía de corpos e lugares que fai crebar o oikos como garda do propio.

Por último, a intervención de Abraham Rubín hase desenvolver o venres, día 10, arredor do tema “Subxectivación bioeconómica e colonización do corpo”. O obxectivo da súa conferencia vai ser mostrar como a gobernamentalidade biopolítica, que exerce o poder sobre o bios dunha poboación, actualmente se basea nunha concepción económica que coloniza a subxectividade, facéndoo a través de puntos de subxectivación semióticos mediante os cales os individuos se adhiren a un modelo de goberno co que se pretende a mercantilización da vida. Dese xeito, o control sobre o corpo móstrase como unha das chaves para entender a centralidade do concepto de mercado como lugar de verdade que atravesa a existencia toda e que acaba por ser unha subxectivación bioeconómica.

A conferencia de apertura do congreso será pronunciada polo filósofo Jean-Luc Nancy e nel participan, ademais dos tres filósofos galegos, Claudio Pato e Edita Oca, coa exposición fotográfica “Corpos (en a)puros”; o escritor Xelís de Toro, coa performance «Per sona»; Ánxela Lema París, da Universidade da Coruña, coa conferencia “A heteronormatividade inconsciente e a nosa cegueira cultural”, a poeta Alba Cid, que disertará sobre “Corpo e animalidade na poesía galega de finais do XX”, e Amabel González Troncoso, da Universidade de Santiago de Compostela, coa conferencia “A presenza da costura femenina no ‘corpo ausente’ das mulleres artistas do século XX/XXI”. A organización de congreso corre a cargo de Gonzalo Vázquez, da Universidade da Sorbona Nova-París 3.