A ficción sen imitación. Narrar historias sen preocuparse do efecto verdade. A vontade de verdade á marxe da letra, para así empregala ostensiblemente, sen representar.
O debut de Sara Guerrero, unha narradora na que a metáfora e o relato, o maxín e a realidade, se combinan para botar luz sobre as zonas opacas e pouco observadas do mundo rural. Na súa obra, o impulso creador da literatura reconcíliase coa vitalidade natural, os seres humanos iguálanse entre si e co mundo ambiente. Cómpracenos, pois, anunciar a publicación de Eu son o monte, novo título da colección Rúa do Lagarto, logo do suceso de crítica e persoas lectoras de Ninguén queda, de Brais Lamela, e Diario de dúas casas, de María Villamarín.
Sara Guerrero conta neste libro, ao tempo familiar e inhóspito, a chegada dunha parella a unha aldea galega. Regresan á casa semiabandonada dos devanceiros, forman parte dos que logo de xeracións volven de América. ¿Que os agarda? ¿Como afastar a desconfianza dos veciños e anoar outra vez vencellos? ¿É posible sobrevivir sen traballo nin recursos?
Cun xeito de narrar directo e xenuíno, sen esquivar verdades, a autora acada os matices delicados da proximidade mais tamén os desa aspereza que asoma por tras da literatura auténtica, a da xente inerme, sen coiraza, aberta ao mundo.
Velaquí un libro que raña coma as silvas e tamén é doce coma as amoras, unha narración ás veces estremecedora, ás veces balsámica. O relato dunha muller que noutro país —no noso país— consegue atopar tamén o seu.
Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoras ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:
Defensa da literalidade fronte á festivalización e a sociedade do especatáculo
Neste paso da Storia della letteratura italiana (vol. II, páxs. 229-231, Antonio Morano, 1890)deFrancesco de Sanctis —o gran crítico literario do XIX— que damos aquí en versión galega, descríbese o inicio desa transformación da cultura en espectáculo que tamén Friedrich Nietzschesinalara como motivo da súa ruptura con Wagnere analizara nas sucesivas críticas a este último como artífice da festivalización da música (en Bayreuth) que, actualmente, deturpa tamén a literatura e mesmo a filosofía.
Hai unha relación directa entre a profesionalización da arte e a súa reconversión nunha arte industrializada. É dicir, a persoa que producía arte moderna —baseada na orixinalidade— agora se reconverte nunha produtora de arte industrial —baseada na fabricación para o consumo de arte en función duns modelos de subxectividade deseñados previamente. Na consunción tardomoderna o suxeito prodúcese e consómese a si mesmo.
A figura da persoa profesional non ten agora nada que ver coas propostas que fixoMax Webera comezos do século XX. Ao final da súa conferencia sobre a figura do científico, xa constata que o que conta na sociedade “democrática” non é a obra senón o suceso persoal de quen a realiza, non a existencia das obras como obxectos para coñecer senón como valores para apreciar.
En efecto, aactualprofesional da arte, que non a artista nin a artesá, fabrica modelos de subxectividade mediante os cales se facilita a consunción, o consumo do suxeito por si mesmo. Por exemplo, as diferentes tipoloxías aplicadas aos alimentos en función de identidades aparentemente subxectivas escollidas por motivos que a ciencia con aplicación industrial preestablece. Na literatura, acontece o mesmo cos temas asociados ás subxectividades lectoras; a especificación temática, incluso as escollas no repertorio temático e de recursos literarios, persegue a mesma función, a darepresentación ostentosade modelos variados de subxectividades deseñadas a partir do consenso liberal sobre o suxeito.
A necesidade perentoria de representarse (autorrepresentación) é esencial na sociedade moderna e está alicerzada na escolla e na decisión libre de “quen quere ser” cada cidadán ou cidadá, iso queFelipeMartínez Marzoadenominou “acomún” e antesKantformulou para acabar sendo o consenso sobre o suxeito do que extrae toda a súa firmeza o pacto social moderno.
A consunción tardomoderna, ouconsumo ostentosode modelos de subxectividade, sería daquela imposible sen a figura de quen se dedica profesionalmente a fabricalos. A arte vencellada á industria e á cultura comercial é, efectivamente, unha profesión mais non no senso que lle daba Max Weber senón no que lle apoñía Marx de que a división social do traballo “é a condición de existencia da produción de mercancías”, non á inversa (O Capital, libro I, tomo I, cap. 1.2). Senso artellado sobre aacumulaciónde capital e a produción deplusvalorque, no caso das artes, incluída a literatura e agora incluso a filosofía, se trata sempre dun valor duplo:dinerario e simbólico. Ambos os dous tipos de valor realmente acaban por subsumirse no valor dominante por excelencia, o davida como economía, é dicir, o de existir en función dunha finalidade que aliena o mundano e pospón a existencia a valores transcendentes.
Esa é a razón da insistencia en presentar afabricación artísticade subxectividades consumibles coma se dunhasubversiónse tratase. Segundo ese tipo de liberdade autoproducible e autoconsumible, a arte debe ser “subversiva” e, para ser subversiva ten que ser “profesional” (económica). Pois non, a arte nunca foi subversiva, xa non digamos no Antigo Réxime; lembremos a importancia do comitente na pintura do Renacemento, ou músicos comaJ. S. Bach, que traballaba para a Igrexa, eJoseph Haydn, que o facía para a nobreza. Tampouco é subversión na Idade Moderna, na que, como dicimos, a arte se acaba por converter nun sistema de produción da representación do suxeito. Nunha arte espectacular. A da sociedade do espectáculo queGuy Deborddefiniu así:
“Toda a vida das sociedades nas que reinan as condicións modernas de produción anúnciase como unha inmensa acumulación de espectáculos. [...] A especialización das imaxes do mundo atópase, realizada, no mundo da imaxe autonomizada, no que o mentireiro se mentiu a si mesmo. O espectáculo en xeral, como inversión concreta da vida, é o movemento autónomo do non-vivo.“
Por iso, o que queremos propoñer aquí é outra concepción da arte na que se comece a prescindir da centralidade do suxeito e da legalitas —coa súa conseguinte normativa— daautoría. Non a “morte do autor/-a”, o que non deixa de ser outra forma de subversión que acaba por reforzar aeconomía simbólicaconcentrada nesa figura, senón que o autor/-a renuncie voluntariamente á acumulación de regalías e que o simbolismo dinerario ou réxime de economía mercantil se substitúa por unha compensación en tempo como paso previo para que a autoría desapareza como capital simbólico da obra igual ca quen fala desaparece do idioma.
Propoñemos unha arte e unhaliteratura impropia, nin tan sequera unha cultura de “dominio público”, que é outra das formas nas que a autoría continúa a acumular capital simbólico. Facémolo porque, coma a lingua, o valor que rexe o campo de senso da arteé o da compartición non individualmente acumulativa dos obxectos que ese campo produce e que produce libre dos efectos da apropiación. Un réxime aneconómico que pode coexistir co actual réxime mercantil xa que se trataría de renunciar voluntaríamente aos dereitos de autoría e que a obra artística fose recoñecida como tempo. É dicir, quen renunciase a autoría sería unha persoa recompensada con tempo, tempo desocupado que se descontaría da xornada laboral mais non da retribución dineraria da mesma. Menos tempo de traballo profesional, for o que for, e igual retribución dineraria.
Pensamos que nese valor da arte sen dono está o xermolo da igualdade; o dunha ontoloxía nova que a arte sinala e de onde pode xurdir xa un comunismo da xenerosidade.A xenerosidade é a acción do que está na orixe —genus—, a da materia. É a acción da igualdade absoluta que a materia impón ontoloxicamente a todo o existente.
A arte non está nesas figuras tantas veces vas e ridículas que, empoleiradas nun escenario e iluminadas artificiosamente, declaran que a vida só é o ruído e a furia da economía da apropiación:
“Unha verdade pronunciada por unha boca autorial, que xa se asegurou un auditorio, perde algo da súa verdade. Por iso, ao escribir buscamos facernos anónimos, converternos en descoñecidos ata para nós mesmos. Só unha verdade que se perde se pode inesperadamente, atravesadamente, volver atopar.” (Giorgio Agamben, "Autoritratto nello studio")
Documento ilustrado relativo ao Festival de Bayreuth con Richard Wagner destacado nun círculo, 1922.
A literatura morría e nacía a música
Francesco De Sanctis, Storia della letteratura italiana (vol. II, p. 229-231)
Todos se sentían perante un mundo poético avellentado e queríano anovar, sen ver que ante todo se necesitaba anovar a consciencia. Afiaron o intelecto, inzárono de frases e, ao non poder ser novas, tiveron que ser estrañas. A actividade concentrouse arredor da frase e o mundo literario, segregado da vida e baleiro de toda finalidade seria, converteuse nun exercicio académico e retórico.
A palabra como palabra, ata si mesma, é o carácter da forma literaria ou académica. No século precedente [o séc. XVI] existía un aspecto ciceroniano e boccachesco; agora, convertida na esencia mesma da literatura, engadíuselle unha aura preciosa, o que quere dicir unha ostentación peregrina na sutileza do concepto ou no xiro da frase. Xa citamos algún exemplo de Pietro Aretino. Agora hai por todas partes, aínda que de xeito non tan simple, un pouco de Pietro Aretino. E cando ese esforzo do espírito semellaba unha fatigosa soberbia, os escritores teimaban nesa leria e fraseoloxía sen máis: o que se denominaba estilo florido. Esas son as dúas formas da decadencia, da que xa se viu o vestixio en Pietro Aretino e que agora dominaban nas academias literarias. Os académicos botábanse incenso, aplaudíanse e decretaron a súa inmortalidade. Estaban os Arrichados, os Solícitos, os Intrépidos, os Olímpicos, os Aproveitados, os Paiolos, os Eslamiados, os Obtusos, os Desnortados. Adquiriron unha importancia artificiosa, moitos acapararon a denominación de grandes homes, como foi o caso de [Anton Maria] Salvini, home douto mais de enxeño inferior á sona que tiña. Coroa desa literatura frívola son os acrósticos, as adiviñas, os anagramas e xogos semellantes propios dos espíritos ociosos.
A palabra, como tal palabra, por algún tempo chega a ter unha existencia artificial nas academias mais non vai dar formado unha literatura popular porque a palabra, se como expresión é moi poderosa, como simple sensación é inferior a todos os outros instrumentos da arte. A palabra é moi poderosa cando vén da alma e pon en movemento todas as facultades da alma nos seus lectores; mais cando o de dentro está baleiro, e a palabra non expresa máis ca a si mesma, vólvese insípida e aburrida. Daquela o aspecto material, as cores, o son, o aceno son moi eficaces para a representación desa palabra morta. Enténdese entón como a elocuencia, con todo o que ten de espiritual e coa súa elegancia, vai conservar a súa influencia nun círculo sempre moi restrinxido de lectores, e como pola contra colleron o control os actores, os músicos e os cantantes, moi populares en Italia e fóra dela. As comedias académicas dos Fagiuoli [poeta e dramaturgo, 1660-1742] debían gustar menos ca as comedias de tese, sempre moi en voga, nas que o fondo monótono e tradicional era rexuvenecido por accesorios improvisados e por unha mímica hebelenciosa. Por outra banda, nas verbas desenvolvíase sempre máis o elemento cantabile e musical, xa sobranceiro en Tasso, en [Battista] Guarini e en [Giovan Batistta] Marino. A sonoridade ou a melodía convertérase na norma principal do verso e da prosa, escribíanse os períodos ao son da música: cadaquén tiña no oído unha onda melodiosa. Parte da retórica era declamación, o que quere dicir un modo de recitar solemne e harmonioso. A palabra xa non era unha idea, era un son; e decote recitábase a contrasenso para non estragar o son. Ese movemento musical da nova literatura xa visible en Petrarca e en Boccaccio, aínda que harmonizado coas ideas e as imaxes, agora, con aquela insipidez de toda a vida interior, convértese no principal regulador de todos os elementos da composición: toda a excitación estaba no oído. E compréndese como, chegadas as cousas a ese punto, a literatura morre de inanición por falta de sangue e de calor interna; e convertida en palabra que soa, transfórmase na música e no canto, que máis directa e enerxicamente conseguen o seu propósito. Por iso, entre tanta literatura académica, o melodrama ou o drama musical é o xénero popular onde o decorado, a mímica, o canto e a música traballa sobre a imaxinación dun xeito máis potente ca a palabra insípida, a sonoridade vacua, que permanece como simple accesorio.
A literatura morría e nacía a música.
A música xa non deixou de ir acompañada pola poesía. Lírica sacra e profana eran cantadas e musicadas, e tamén toda a variedade das cancións populares. No Teatro os coros e os intermedios eran cantados. Mais cando o drama se volveu insulso e a palabra perdeu toda eficacia, buscouse o interese na música, todo drama foi cantado. E se a música non abondaba, recorreuse a todos os medios máis eficaces para actuar sobre os sentidos e sobre a imaxinación, magnificencia e variedade de aparellos escénicos, combinacións de acontecementos fantásticos, alegorías e maquinaria mitolóxica. Foi desa corrupción e disolución literaria de onde saíu o melodrama, ou a ópera, reservada para tan gran destino.
O primeiro tipo de melodrama é o Orfeo. Tasso, Guarini e Marino son escritores melodramáticos. A lírica do século XVI é en gran parte melodramática. E aquelas cancionciñas, todos aqueles lánguidos Filli e Amarilli son o preludio de Metastasio [anovador do melodrama italiano, 1698-1782]. Os trilos, os acordes, as variacións, os paralelismos, as simetrías, os retrousos, todos os recursos da melodía musical apareceron xa na poesía. A palabra, non sendo máis ca música, perdera a súa razón de ser e cedera o terreo á música e á canción.
Entre eles, “O Rei Portador” de Beatriz Fraga, a primeira obra publicada por Euseino?
Ademais de “m-Talá” de Chus Pato, “Transhumanismo” de Brais Arribas e “Diario de dúas casas” de María Villamarín
Ao comezo deste verán saíron dos prelos da Cooperativa Sacauntos as reimpresións de catro títulos do catálogo de Euseino? Poesía, filosofía e un diario xunta un libro de contos. Catro xeitos diferentes de escribir, catro achegas e autorías diversas.
Da 3ª reimpresión de m-Talá, de Chus Pato, en edición crítica realizada por Carlos Lema en 2020 para celebrar o vixésimo aniversario deste poemario que é un fito da Literatura Galega contemporánea, “Unha reedición monumental” en opinión de Antón Blanco Casás na revista Abriu, á 5ª de Diario de dúas casas, o libro de María Villamarín que engaiola as persoas cun relato directo e sincero das experiencias —no mundo rural e no urbano— dunha muller que escribe de si e para si ao tempo que rende homenaxe á lectura e ao cinema. Del dixo Helena Miguélez:
"Moito me presta este libro sobre por que seguir sendo do rural aínda ten importancia".
Trinque da sede da Fundación Euseino? coas reedicións e a versión galega da letra de Rafael Berrio.
A 2ª edición de O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga, chega doce anos despois. Trátase do primeiro libro publicado por Euseino? Editores e del escribiron críticos literarios coma Armando Requeixo na época inicial do seu blog Criticalia:
"nestas páxinas [...] importa tanto o detalle miúdo do que se conta coma as grandes heroicidades e proezas que se refiren, o que explica esa súa prosa de recender poético e evocación oralizada na que todo transcorre como se nun conto marabilloso estiveramos. Seguramente a isto último [...] contribúan tamén as coloristas e delicadas ilustracións coas que a propia autora viste estes contos, evocadoras transposicións visuais dun territorio creativo [...]".
"a autora non renuncia a inserir certas doses de interpretación propia, con moita sutileza e acerto, o cal lles confire ás historias un meirande valor de actualización, de presenza na actualidade lectora. Enriquece as historias narradas […] sabe imprimirlles unha dimensión oral que as fai moi atraentes á hora de recontalas ou lelas en voz alta."
Ademais de Ramón Nicolás tamén na primeira época do seu Caderno da Crítica:
"historias [...] ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade […] [coma] a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados."
E Francisco Martínez Bouzas no seu blog Novenoites:
"Beizóns para Euseino? Editores, este novo selo que debuta cun pequeno pero fermoso libro de Beatriz Fraga […] A autora reescribe estas lendas perdidas nas lañas do tempo e faino para o imaxinario literario de hoxe cunha escritura renovada [...] e unha orixinal imaxinación."
Despois xurdiría a idea de publicar unha colección de filosofía. Que iniciamos con Rebeca Baceiredo e o seu A revolución non vai ser televisada, actualmente na 4ª reimpresión. Algo impensable para a Filosofía Galega. Un roteiro que agora continúa a 3ª edición de Transhumanismo, o libro co que Brais Arribas conseguiu abrir un debate en torno da tecnociencia e do que implica para a existencia da humanidade.
Manter activa durante doce anos unha liña de publicacións independente, baseada na edición coidada e rigorosa de obras singulares e na que non interveñen criterios alleos aos do campo da cultura e do pensamento, é un orgullo e unha satisfacción. É posible grazas ás persoas autoras que nos confían a súa obra, ao esforzo das persoas voluntarias e á xenerosidade das persoas benefactoras e lectoras. Beizón ás librerías colaboradoras pola difusión e apoio.
Iniciamos esta campaña de reedicións elixindo como leitmotiv estes versos dunha canción de Rafael Berrio, como homenaxe á memoria do músico e á súa obra, e para coller folgos no noso labor:
"Quen o impide, quen o impide? Ninguén o impide."
Coma no nome da Fundación Euseino?, na canción o signo de interrogación, a pregunta, invita a pensar e tamén a deixar de lado todo dogmatismo e todo nihilismo.
Pódense ler estes envois como o prefacio dun libro que endexamais escribín. […] Xogamos a carta postal contra a literatura, a inadmisible literatura. —Jacques Derrida—
Tarxeta postal da casa de Henry James vista desde a praza da Igrexa.
Con esta terceira entrega rematamos a publicación da selección da correspondencia entre os irmáns William e Henry James. Despois da primeira e segunda entregas (“O filósofo e o literato, 1”, “O filósofo e o literato, 2”), nas que se recollían as cartas do filósofo ao escritor, nesta derradeira publicamos tres cartas de Henry nas que o novelista defende a súa concepción da literatura: “Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais.”
Iso non significa que Henry non deixe de afirmar: “Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou ‘contigo’ case ao cen por cento. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.” O narrador escribe sobre a obra filosófica do seu irmán e, concretamente, sobre Pragmatism: A New Name for Some Old Ways of Thinking, un dos seus libros máis importantes.
A tradución destas cartas fíxose a partir de The Letters of Henry James, edición e selección de Percy Lubbock (Charles Scribner’s Sons, 1920).
Traducidas do inglés por Uxía Felpeto como parte do Programa de Edición para Persoas Voluntarias realizado na Fundación Euseino? Tradución revisada e corrixida por Cecilia F. Santomé. Selección das cartas feita por Fernando González Gandára.
Non é que lle dedicase moitos días a escribir despois da carta que lle mandei Aleck e antes da que lle mandei a Peggy. O caso é que, esta noite, decidín que non podo seguir dilatando deste xeito horrible responder como merece a túa liberalísima misiva do 22 de outubro (esa na que me achegabas outra chea de tenrura de parte de Aleck), por moito que leve todo o día metido na casa sen dar un triste paseo, escribindo sen descanso, e agora sexan as 11 da noite e estea bastante mallado.
De todos os xeitos, heille escribir a Alice por un conto —débolle unha carta a ese ídolo eterno meu, razón de máis para escribirlle—. Faime o favor de dicirlle —con todo o meu cariño— que non é que me teña moi contento e que llo había facer notar doutra maneira que non fose este longo e frío silencio meu de non ser pola presión por escribir á que me vexo sometido e que me impide dedicarlle tempo ao correo. Pero, como xa me foi pasando o cabuxo, prégoche que lle digas a Alice que a primeiriña carta que escriba será para ela. Iso si: que non se lle ocorra mandarme unhas letras —nin en soños!— antes de ter noticias miñas.
Dáme moito gusto e reconfórtame poñerme a cavilar no esplendidamente que todos vós me estades saíndo —sobre todo, Harry e Bill, ademais de Peg e Aleck, que leva a dianteira. E que dicir de Alice e mais de ti…—. Lévovos no peto da miña alma e remexo en vós —un por un ou por separado— e fágovos tinguilear e ruxicar e repenicar, pois a sensación que me dades é de gozar dunha inmensa e moi sólida (para os meus estándares) fortuna. Alégrame moitísimo —dillo con todo o meu cariño— a noticia dese traballo tan excelente que conseguiu Bill e devezo por coñecer un chisco máis sobre el. En todo caso, dille que estou desexando que cheguen as vacacións para que veña para aquí; oxalá me decatara antes da situación na que se atopa Harry. Pero, aínda así, confío en que veña.
Agardo ser quen de artellar —en resposta ao que me escribiches sobre a túa lectura de Golden B. [The Golden Bowl, 1904]— algún textiño de ficción de natureza insólita que satisfaga a un irmán en letra maiúscula coma ti pero —permíteme que che diga, meu querido William— xa me amolaría que che gustase e que acabases meténdoo no mesmo saco que outras cousas actuais que che oín chufar e que preferiría que me enterrasen coma un can antes que escribilas. Con todo, heiche escribir ese libro, e heino facer seguindo o raio de método do “dous máis dous son catro” no cal se basea toda a marfallada que nos rodea, para logo descender á miña deshonrosa tumba e dedicarme á arte do lapis de grafito no canto de á arte do pincel (nótese que estiven lendo Balzac). Pero, falando en serio, éche demasiado tarde xa e estou demasiado canso para darche unha opinión sobre este asunto máis alá de dicir que, coma sempre, lamento saber que vas ler algo meu e que sempre albergo a esperanza de que non o fagas. É coma se a túa propia constitución che impedise “gozar” da súa lectura e te obrigase a velo desde un punto de vista tremendamente alleo ao meu cando o escribín e ás condicións das que —de xeito inevitable— se desprende. De maneira que parece que nunca che chega esa serie de intencións que xustifican para min a súa existencia e que asumes que a vida e os elementos que constitúen a súa trama se desvían do camiño da felicidade, pois non presentan unha analoxía —imposible, por outra banda— coa vida en Cambridge.
Na miña contorna, non vexo por ningures que se practiquen ou se imaxinen as cousas que, para min, constitúen a cerna do interese por escribir unha novela. E, así e todo, o que ti suxires consiste precisamente en sacrificalas alí onde abrollan. Iso proba a distancia que separa e os camiños diverxentes que tomaron —con moita naturalidade e corrección!— as nosas respectivas carreiras intelectuais. O que non quita que te lea enfeitizado e que, hai tres semanas, pasase tres ou catro días en Brighton con Manton Marble2 e que, ao ver que tiña por alí moitos dos teus últimos artigos e discursos, me dese tempo de ler unha boa presa deles —pois tiña marxe polas mañás, que botaba no cuarto mentres tomaba o almorzo e o xantar, segundo é costume nesa casa— e que me entrase gana de pedirche solemnemente que me envíes algúns dos que tantas veces vin estando en Irving Street e que lle mandas a calquera menos ao teu irmán. Daquela non tiña tempo para lelos. Resumindo: desde un punto de vista filosófico, estou “contigo” case ao cen por cen. Agardo que o teñas presente e que, en liñas xerais, me entendas.
Por certo, hai dous libros —un deles, de ficción— polos que acepto que tu raffoles3 canto queiras, posto que eu tamén o fixen: “Utopía” [A Modern Utopia, 1905], de H. G. Wells, e mais o seu Kipps. “Utopía” paréceme extraordinaria —e non só polo seu descaro—, e Kipps é unha pequena xoia. Se aínda non os liches, faino. Sobre todo, Kipps.
Hai outro asunto que non podo deixar de mencionar do orgulloso que estou do favor que me fixen e lle fixen a Lamb House e ao meu xardín ao levar o invernadoiro da parede vella que hai xunto da casa —no xardín traseiro— e colocalo nun sitio mellor, contra o muro que dá á rúa. Dese xeito, devolvinlle ao xardín dianteiro o espazo liberado para que se manifeste en toda a súa inmensidade e fermosura.
Ala, veña! Deséxoche boa noite con cariño.
Sempre teu,
Henry
En Lamb House, Rye, a 17 de outubro de 1907
Meu queridísimo William:
Ao que parece, fun seguindo bastante ben o que fixeches este verán, ás caladiñas e con gran alborozo, grazas ao que Bill me contaba mentres non marchou e ás marabillosas e abundantes novidades que sobre o mesmo me fixestes chegar ti e mais Alice directamente. E, véndote tan rebulideiro e presto para rebulir, tan liberado e libre de cadeas para facelo, ademais de tremendamente prolífico e tan desbordante aínda, só podo colixir que che van ben as cousas. A túa visita anual á vila de Keene Valley4 —que nunca verei cos meus ollos— e as referencias que a ela fas —como a desta noite— aguillóanme e case me meten a ansia —ou, mellor dito, a amargura da envexa— no corpo. Pouco hai na miña vida que se imite ao espírito de Keene Valley.
Así e todo, subín ata Escocia hai un mes para pasar cinco días no extenso predio de caza de John Cadwalader5 (o de Nova York) en Forfarshire, que lle alugan como parte dos dominios de Lord Dalhousie, un auténtico principado. E alí, gozando dun tempo absolutamente delicioso, puiden saborear brevemente pero con intensidade as bondades dos páramos e as montañas, que aquel aire e dez millas de andaina entre a braña ladeira arriba e abaixo para xantar canda os cazadores me serviron en bandexa. Foi unha experiencia deliciosa.
Mágoa que iso sexa xa cousa do pasado e que agora estea “asentado” aquí, deo volente6, e teña por diante unha boa temporada de recollemento e traballo urxente, na época do ano que máis me presta neste sitio polo moito que me axuda a concentrarme (e, para min, il n’y a que ça!)7. Iso vaime manter a flote —espero— ata finais de febreiro, que é cando conto con subir para Londres ata mediados de maio, sen máis. De aquí en diante, acabáronse as viaxes fóra (se Deus quere)!
Por que raio non che escribín despois de ler o teu Pragmatism? Que me privou de facelo? Non che podo dicir, como non fose o feitizo que me causou o propio libro, tan interesante e cativador, e que me fixo somerxerme nel cunha mansedume e unha entrega que calquera reacción —mesmo un aviso de recibilo— soaría case a discrepancia ou a vía de escape. Así que me entreguei á reflexión sobre ata que punto levo toda a vida entregándome inconscientemente ao pragmatismo, igual que monsieur Jourdain8. Tes toda a razón do mundo, así que estiven estudando unha manchea de actualizacións túas sobre a cuestión no American… Journal of Psychology?, do que o teu devoto e lector voraz Manton Marble me forneceu —como fai sempre que llo pido—. Ler ese libro foi o acontecemento entre os acontecementos do meu verán. E, falando diso (dos libros): emocióname tremendamente que digas que lle liches fragmentos da miña American Scene —espero que Bill che fixese chegar sen maior problema o exemplar da edición inglesa— á señora Bryce e que, dese xeito, lles concedeses unha proba do mérito que para ti teñen. Abofé, dáme un gusto que non vexas que lle concedas a toda ela a categoría de “cousa köstlich9” e que digas que como tal hai que lela e valorala realmente; mais tamén me fai lembrar o moito que lamento e me doe que o destino me impedise —semella que agora de xeito definitivo— levar a termo o meu plan e preparar un segundo volume que incluíse máis impresións para engadirlle ás anteriores. Pois claro que o tiña planeado. O segundo volume ía tratar o tema —e as miñas múltiples impresións sobre o mesmo— desde varios puntos de vista, levaría outras fotografías a maiores… En resumo: sería unha proposta de máis mérito. Pero non estaba de ser…
Estouche escribindo metido na noite, tempo morto e infeliz, mentres bate a choiva contra o tellado e o vento dá nas chemineas. Ai, ese Cambridge onde non ventea e onde non hai cancelas! Choyez-le!10 Dille a Alice que isto “tamén vai para ela”, pero que poida que reciba ela máis noticias do teu e do seu incondicionalmente
Henry
En Lamb House, Rye, a 31 de outubro de 1909
Meu queridísimo William:
Hai moito xa que me foron chegando misivas de todos vós, cousa que agradecín pero á que non correspondín. Primeiro, heime centrar en dúas túas que teñen un especial mérito para min (e que me enviaches desde Cambridge e Chocorua, respectivamente), sen contar as secuelas pintorescas desde Franconia, as postais con tintura outonal etc. que recibín hai non sei cantos días. Deixo á marxe tamén unha digna de admiración que me mandou Harry e outra exquisita asinada por Bill, ás cales me dedicarei máis tarde con todo o meu afecto —díllelo, que non teñan dúbida—. A iso hai que engadirlle a recepción —moito máis recentemente— do teu arriscado último libro, no cal me mergullei de inmediato e que devorei con certa ansia ata quedar a cincuenta páxinas do final —un número estupendo que marca onde me detiven esta noite—, de aí que me poña tan tarde con esta carta. Resúltame dun interesante que emociona, exultante e brillante. Admiro profundamente a túa suntuosidade e poderío. O xeito en que armas a túa defensa —pois moito me parece que é no que te centras— faime vibrar todo o que son capaz de vibrar a día de hoxe sen que haxa polo medio un motivo romántico. E a esa defensa me entrego a fondo, sen reservas e —permíteme que o diga— case que con intelixencia. Non me resultas nin de lonxe tan difícil como, de seguro, difícil llelo pos aos teus críticos. É evidente que estás gañando unha batalla importante e que importante será a fama que che reporte.
A xulgar polas túas cartas, conseguiches pasar un verán alegre e sen preocupacións. Nelas, percibo con arroubo —e espero non enganarme— unha especie de inmunoloxía comparativa entre o terrorífico íncubo humano, a espantosa falacia ad populum de antes e os teus sacrificios infrutuosos por ese demo de Moloch. Oxalá esa redención luminosa medre sen parar e, canda a ela, o teu benestar físico e persoal, a túa autonomía e o teu dominio de ti mesmo. E que sexa para ben. Amén, amén! (espero que isto non sexa motivo de burla para Alice…).
1 de novembro. Onte á noite, deixei isto e fun para a cama; agora, aproveito para engadir algún comentario máis logo dun día gris, sen vento e —vaia milagre— sen chuvia malia que o ceo estivese moito para chover, que tivo unha interrupción máis ben triste en forma de visita dunha persoíña de Nova York [que] me roubou unha ou dúas horas antes da miña colación vespertina —durante a cal contaba poder rematar The Meaning of Truth11—. Con todo, avancei moito desde a antedita merenda, e fíxeno con renovadas ansias de papalo todo.
Seguramente, ti fagas da filosofía algo moito máis interesante e vivo que ningún outro antes. E falo dun xeito verdadeiramente creativo e indestrutible, e, grazas a iso, todo canto escribes intervén na miña mísera consciencia creativa, na miña visión artística e aspiracións mediante a súa extraordinaria capacidade de provocar, a potencia da súa aplicación e a súa inspiración. Dou grazas ao poder divino —que é como darchas a ti!— por unha filosofía oportuna, doada de asimilar e de relacionar, que estea conectada co resto da vida intelectual dun outro xeito e sen mesturar allos con bugallos. En resumo, meu querido William: paréceme que esta colección de artigos que compoñen a túa última obra —e que eu xa lera por separado antes— produce un efecto acumulativo exquisito e encantador e, por dicilo dalgunha maneira, che ha axudar a consagrarte. Pola miña banda, coido que a Pragmática queda así blindada. Un apoio que agardo que faga moito pola devandita causa!
Aínda que non me resulta menos inspirador —xa postos— o informe que inclúes na túa fermosa carta do 6 de outubro, desde Chocorua, sobre Alice e a vosa prole —en particular, sobre Bill e Peggot—, e que vén confirmar o que eu xa observara no Fillo e que bota luz sobre a Filla… Fixen o firme propósito de escribirlle a ela directamente e pregarlle que me envíe unha carta.
Ai! Douche outra vez as boas noites. Voan os meus pensamentos cara á distancia onde te atopas, batendo as ás desconsolados por acadar o obxectivo, coa esperanza de que o outono de Cambridge veña fermoso e cheo de saúde para ti. Tárdame tanto Alice que me pregunto se nalgún momento antes de que chegue o Nadal poderá facer un oquiño para que eu vexa un pouco como lle vai agora que se desafixo da escritura. Ai, se puideses saír o verán que vén o que non saíches estes dous anos…! Esta casa sería máis que nunca a túa fortaleza, o teu tempo, o teu cuartel xeral!
Mándovos unha aperta a todos e, en particular, envíolle todo o meu cariño á señora Gibbens.12 O teu irmán que te quere máis ca ningún,
Henry James
[1] Lamb House é a casa na que Henry James viviu en Inglaterra desde 1897 ata 1916, ano da súa morte.
[2] Manton Marble foi un xornalista estadounidense. Fundou o New York World e editouno durante uns anos.
[3] No orixinal, emprégase o termo francés “raffoler”, que podería traducirse como “tolear”. Aquí, introdúcese conxugado para manter o xogo idiomático.
[4] Keene Valley é unha vila do condado de Essex, en Nova York.