Mario Losada, novo editor de filosofía

Incorpórase como coordinador da col. Casabranca

O filósofo Mario Losada é o novo coordinador e editor da colección Casabranca. Continuando a liña iniciada con Iván García Campos, coordinador e editor dos Decálogos, e con Berta Dávila como directora da colección Rúa do Lagarto, Losada incorpórase a Euseino? Editores como colaborador encargado da edición da colección de filosofía.

O autor de A orde dos obxectos vaise facer cargo da coordinación e edición das obras de filosofía publicadas na colección Casabranca, introducindo no seu catálogo novas liñas de filosofía continental e filosofía norteamericana e facéndoo, tal como xa é característico desta colección, a través de autores e filósofas galegos aos que se han sumar traducións puntuais de pensadores estranxeiros.

Dese xeito, a Fundación Euseino? amplía e diversifica a súa liña de publicacións coa achega deste filósofo que reside en Berlín e é especialista en A. N. Whitehead.

Anteriormente, e dentro do programa de Persoas Voluntarias, xa se integraran na liña de publicacións a tradutora e poeta Alba Doval e a editora e novelista Cecilia F. Santomé xunto con Enma Pérez Bouzó en Euseino? Social. Pola súa banda, Beatriz Fraga continúa sendo a editora de Anotacións sobre literatura e filosofía e a directora da colección de álbums Onocrótalo.

Carlos Lema, quen polo de agora se encargaba da dirección da colección Casabranca, hase dedicar en diante ao desenvolvemento do Arquivo Euseino? e á Fundación Euseino? mentres que Xosé Monteagudo é o coordinador do Laboratorio de Produción Literaria e director do Gabinete de Narrativa e Chus Pato dirixe o Gabinete de Poesía xunto coa sección Urania.

A colección Casabranca inicia así unha etapa nova cun ritmo de publicación de dous títulos por ano e unha maior capacidade para abranguer liñas de pensamento variadas sen deixar de atender aquelas nas que é pioneira coma o realismo especulativo e a filosofía do proceso.

Próximas actividades

Programación de Euseino? Social 2022

Continúan as actividades de 2022 en Euseino? Social cunha videoconferencia de Genaro da Silva e un encontro entre Oriana Méndez e Chus Pato dentro da programación do Gabinete de Poesía.


      • Gabinete de Poesía

        Pensar a poesía dende a ciencia

        Curso en liña a cargo de Genaro da Silva

        30 de abril e 7 de maio, sábado, de 11,30 a 13, 30 horas.

        Curso en liña “Pensar a poesía dende a ciencia” a cargo de Genaro da Silva, poeta e doutor en biodiversidade e ecosistemas. Realizado por videoconferencia en 2 sesións de 2 horas. Matrícula en achega única de 15 euros.

        O pensamento científico e o pensamento poético acostuman suporse máis afastados do que realmente poderían estar. Nas dúas sesión das que ha constar este curso, procurarase pensar o proceso de escritura desde ideas matemáticas e biolóxicas: da etoloxía á neuroloxía, pasando polo caos e a entropía. Para abrir posibilidades á hora de realizar o proceso de produción e recepción poética. 

        



      • Gabinete de Poesía. Urania nº 2

        Chus Pato dialoga con Oriana Méndez

        Arredor do poemario “Interna”.

        5 de maio, xoves, ás 19,30 horas na sede da Fundación Euseino? na rúa de México 37 baixo de Vigo.

        Reserva de praza con achega de 3, 5 ou 10 euros. Ou acceso libre previa reserva de praza.


        Publícase o cómic “Aventuras espaciais de T e Ronni”

        O libro de Maks é a descuberta dun novo debuxante

        A colección Onocrótalo, dedicada á expresión plástica contemporánea mediante a publicación de álbums para todas as idades, tira do prelo o seu terceiro título, Aventuras espaciais de T e Ronni, cómic que é o primeiro libro de Maks, un novo e precoz autor.

        Gobernando o seu peculiar vehículo espacial, T e Ronni lánzanse á aventura para se enfrontar con enxeño a perigos e situacións extraordinarias. Nesta viaxe iniciática, ou periplo do heroe, os protagonistas han percorrer longas distancias e loitarán con calquera obstáculo que atopen no camiño.

        A través dunha linguaxe ateigada de humor, empregando a metaficción como estratexia narrativa, neste cómic o valor das palabras é tan importante coma o das imaxes. A distribución das viñetas inflúe no resultado da acción, dándolle dinamismo á historia. Rachando a barreira entre a loita interna que comporta o crecemento e a realidade, este álbum ofrece exemplos de solucións temporais, en clave de humor, ás dificultades que apremian no decurso do relato. Igual ca un conto de fadas moderno, a mensaxe é que, se un non foxe e se enfronta ás situacións inesperadas, e a miúdo inxustas, chega a dominar todos os obstáculos erguéndose á fin victorioso.

        Maks fai que nos poidamos identificar con estes dous personaxes que, coma un cabaleiro e o seu escudeiro, non temen enfrontarse a nada nin a ninguén. O libro inclúe dúas historias cos mesmos protagonistas, dúas pequenas pílulas de humor que nos permitirán recuperar o sorriso. Reparar nos pormenores e saborear a forza e o poder das onomatopeas vai permitir que os protagonistas saian da dimensión do papel dándolle plasticidade á historia.

        Escrito e debuxado por Maks, o autor amplía a capacidade engaioladora da ficción para permitir ademais unha lectura divertida e o desenvolvemento do pensamento visual, a mirada que leva ao sentido.

        Aventuras espaciais de T e Ronni

        280 x 200 mm
        Tapa dura
        48 páxs.
        PVP 17 euros [16,32 + 4% IVE]

        Compra con tarxeta