A orde do mundo

O pasado 28 de novembro, o crítico literario Armando Requeixo publicaba en Praza pública unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema editado por Euseino? De seguido extractamos unhas pasaxes do artigo, que se pode ler completo calcando sobre o seu título: “A orde do mundo“.

unha monografía filosófica na que, con claridade e fondura, o autor analiza as bases do pensamento occidental en relación ao concepto de orde e a súa proxección social. […]

Lema regresa ao mito e ao lógos tentando botar luz sobre como este configura unha idea de orde cósmica asentada pola filosofía da Grecia clásica que logo é redefinida polo neoplatonismo […], á que acabará engadíndose unha outra instancia transcendente de selo cristiá, abrindo o camiño a un derivar que, andando o tempo, se reformulará racionalistamente e chegará á Revolución Francesa e a Idade Moderna […]

Moito ha prestar a lectura deste A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo aos amadores do pensamento puro e agradecerán poder achegarse a un ensaio fondo, documentado e exposto con absoluto rigor […]

Armando Requeixo, Praza pública

Devir sen cesar

En varios xornais galegos simultaneamente e tamén no seu blogue Criticalia, o crítico literario Armando Requeixo publica unha recensión de  A revolución non vai ser televisada, o libro de Rebeca Baceiredo editado recentemente por Euseino? Incluímos a seguir unhas citas da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra Criticalia.

En Rebeca Baceiredo ten o ensaísmo galego actual unha das voces máis interesantes de entre as dadas a coñecer nos últimos tempos. […]

Toda a exposición de “A revolución non vai ser televisada” resulta dunha análise moi lúcida dos males do noso tempo e o noso mundo. A teoría sobre o ser social e a súas eivas é máis que suxestiva […]

[…] un volume que leva por título o célebre poema-canción “The Revolution Will Not Be Televised” do músico e poeta de Chicago Gil Scott-Heron e que é quen de xunguir esa esencia activista e contestataria co discurso ontoético máis actual é todo un desafío para mentes pensantes.

Armando Requeixo, Criticalia