A desconfiguración do mundo ou a razón do desconcerto

Na sección “Tendencias” do diario Galicia Confidencial, publicado na internet, o crítico literario Xosé Manuel Eyré escribe unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema editado por Euseino? Co título “A desconfiguración do mundo ou a razón do desconcerto“, Eyré pregúntase sobre “o proceso de pensar o mundo” para, ao fío do ensaio que analiza, expoñer tamén as súas hipóteses sobre o papel da filosofía no mundo de hoxe. A recensión iníciase cunha descrición do que segundo o crítico é:

un estudo sobre desconfiguración ou reconfiguración do mito (a narración que dá orde ao mundo, a narración que procura describir a harmonía do mundo, a música das esferas) ao longo do tempo. Certamente nesta análise non se chega deica o século XXI das preferentes [mais] permite actualizar, no proceso reflexivo do lector, até a mesma actualidade pois a sociedade posterior, cada vez máis capitalista, posúe unha orde […].

Desde a orixe da Filosofía, desde a orixe do coñecemento, desde a orixe do mito, desde a orixe da narración do mundo e procura de harmonía no mundo, o autor vai estudando as sucesivas deturpacións ou modificacións que este irá sufrindo.

Xosé M. Eyré, “Tendencias”, Galicia Confidencial

Eyré acaba por focalizar o seu interese pola argumentación do libro de Carlos Lema nas “modificacións que o mito vai sufrir co paso dos séculos [, coas que] si dará unha idea de por que estamos como estamos. E nesa desconfiguración ou, aínda mellor, reconfiguración ten un protagonismo especial a relixión católica, que se apropiará do mito até desconfiguralo e reconfiguralo segundo os seus propios intereses, intereses que finalmente só son de dominio”. Concluíndo o artigo cunha defensa da literatura como “mito alternativo”.

 

Publícase “Quizais”, de Delmiro Rocha

Xa está nas librerías Quizais. Filosofía ético-política do porvir, do filósofo galego Delmiro Rocha. Este título novo da colección Casabranca, dedicada á filosofía, pescuda na consecuencia política da aplicación do que Jacques Derrida chamou “a lóxica do quizais”: a deconstrución da democracia. É no interior inestable deste concepto que camiña desde Grecia onde o quizais atopa o seu lugar de actuación.

A amizade, a xustiza, a diferenza entre futuro e porvir, este último traspasado polo acontecemento e o primeiro fixado polo tempo, ademais dunha estimulante reflexión filosófica sobre a decisión como momento indeterminado e aberto, son algúns dos temas do libro. Pensar o quizais é pensar o porvir, para falar del e, no seu ton máis político, para dirixirnos cara a el.

Consiga o seu exemplar:

Na internet

Nas librerías

Quizais-imaxe anuncio

A orde do mundo

O pasado 28 de novembro, o crítico literario Armando Requeixo publicaba en Praza pública unha recensión de A música das esferas, o libro de Carlos Lema editado por Euseino? De seguido extractamos unhas pasaxes do artigo, que se pode ler completo calcando sobre o seu título: “A orde do mundo“.

unha monografía filosófica na que, con claridade e fondura, o autor analiza as bases do pensamento occidental en relación ao concepto de orde e a súa proxección social. […]

Lema regresa ao mito e ao lógos tentando botar luz sobre como este configura unha idea de orde cósmica asentada pola filosofía da Grecia clásica que logo é redefinida polo neoplatonismo […], á que acabará engadíndose unha outra instancia transcendente de selo cristiá, abrindo o camiño a un derivar que, andando o tempo, se reformulará racionalistamente e chegará á Revolución Francesa e a Idade Moderna […]

Moito ha prestar a lectura deste A música das esferas. Xenealoxía da orde do mundo aos amadores do pensamento puro e agradecerán poder achegarse a un ensaio fondo, documentado e exposto con absoluto rigor […]

Armando Requeixo, Praza pública