Aclaración sobre “vida nacional” e literatura

A partir da publicación neste blogue do artigo “O ‘tema actual’ na literatura contemporánea“, recibimos algúns comentarios que nos suxerían amplialo para matizar certas cuestións alí tratadas. Unha destas suxestións apuntaba a necesidade de clarexar a noción de “vida nacional”, que no devandito artigo remitía á súa utilización nun ensaio de Georg Lukács que nós tomabamos como punto de partida para unha reflexión sobre a estética literaria actual.

O noso correspondente facía fincapé na necesidade de ver a forma en que unha escritora ou un escritor toca ou se achega á retórica literaria significativa para a comunidade, á que se facía referencia no artigo. Analizar en que medida tal obxectivo esixe a quen escribe un contacto máis íntimo e profundo coa comunidade, de que maneira se consegue que tal contacto sexa creativamente máis rendible; consonte o que Lukács afirmaba no seu ensaio ao se referir á relación directa entre o que el denomina “vida nacional” e a literatura con ela relacionada. Pola contra, outro dos comentarios recibidos aludía ao “distanciamento necesario” do escritor, similar ao que o pensador húngaro atopa en autores coma Lessing, Schiller e Goethe.

Johann_Joseph_Schmeller_-_Goethe_seinem_Schreiber_John_diktierend,_1831Efectivamente, no seu libro sobre Goethe e a súa época, Lukács debuxa nidiamente as circunstancias históricas da aparición da estética literaria moderna e, consecuentemente, do que el denomina “vida nacional”:

“En occidente (e en Rusia), as loitas de clases características da fase de disolución do feudalismo rematan na constitución dunha monarquía absoluta, e con esta prodúcese o primeiro paso definitivo para a constitución da unidade nacional”, cousa que non acontece en Alemaña, que continúa dividida en “numerosos e pequenos principados xermánicos, obstáculos para a constitución da unidade nacional alemá”, o que supón o mantemento dun certo “esgazamento feudal” da nación alemá. Esa evolución “peculiar” significa para Alemaña que “a constitución da cultura burguesa ía proceder moi amodo” xa que se impuxo un “semifeudalismo corrompido”. Como consecuencia, estas condicións sociais van inhibir a formación dunha “cultura nacional progresiva”, isto é, o que nós caracterizariamos como a adopción do pacto social moderno.

Estas circunstancias históricas, tal como as describe Lukács, van condicionar a “vida nacional” e, polo tanto, a cultura e literatura alemás, ao facer que “o atraso económico, social e político do país” determine “positiva e negativamente o rexurdimento peculiar da literatura alemá”. Xurdirá entón o que o pensador húngaro denomina “a gran conexión internacional” da literatura alemá, a través da cal acontecementos coma a Revolución Francesa e o período napoleónico influíron na evolución cultural alemá “case tan profundamente coma a estrutura social interna do país. Todo escritor alemán importante érguese, está claro, sobre o chan da súa propia evolución nacional mais é, ao tempo, contemporáneo, elaborador e ata continuador máis ou menos lúcido, espello intelectual en todo caso, deses acontecementos histórico-universais”.

Polo tanto, a anteriormente descrita “vida nacional” non significou, segundo Lukács, só inconvenientes, senón tamén certas vantaxes “para os grandes poetas e pensadores, no que atingue á evolución da literatura e da filosofía”. A cuestión que se suscita é, entón, a de por que “aquelas circunstancias mesquiñas e filisteas” da época se converteron nunha “vantaxe importante para as formulacións problemáticas audaces, para o atrevido pensar-ata-o-final as respostas atopadas”. Segundo Lukács, a explicación é esta:

“precisamente porque en Alemaña os fundamentos e as consecuencias sociais de certas cuestións teóricas ou poéticas non aparecen inmediatamente na vida práctica; o que produce para o xenio, para a concepción e para a exposición, unha marxe ampla de liberdade, que parece moitas veces limitada, [mais] da que non podían dispoñer os intelectuais contemporáneos das sociedades máis desenvolvidas de occidente.”

Na nosa opinión, a noción de “vida nacional” é expresión da correlación suxeito-obxecto, a partir da cal se elaborou toda a estética moderna; en verbas de Quentin Meillassoux: “a idea seguindo a cal nós soamente temos acceso á correlación do pensamento e do ser e endexamais a un deses termos considerado separadamente do outro” e, en consecuencia, non sería posible falar dunha realidade independente do pensamento e da linguaxe. De aí que, como se apunta na conclusión do artigo que aquí se discute, o obxectivo da reflexión suscitada polo “caso alemán” sería o de elaborar unha arte literaria que parta das regras da razón en tanto que non son límites propios dela pois, como límites continxentes, están impostos polo correlato suxeito-obxecto consagrado na recepción literaria da filosofía transcendental de Kant, que é na que se basea toda a estética literaria moderna. Un dos paradigmas deste correlato pódese localizar, por exemplo, na obra de Marcel Proust, na que o mundo só pode ser intelixible a partir da relación que o suxeito mantén co que o rodea, que sempre se describe desde o punto de vista dese suxeito (perspectivismo), da súa posición no pacto social.

Naturalmente, tal como se insinúa no artigo, isto non quere dicir que se propoña unha volta ao denominado realismo nin ao obxectualismo propugnado por algúns filósofos actuais. O que propoñemos é un comezo para a reflexión sobre a arte literaria a partir do que Lukács denomina “peculiaridades” do caso alemán, que están relacionadas coa historia da formación da nación e da cultura alemá e que poden ser extrapolables á literatura contemporánea dunha “nación en formación” coma a galega. Trataríase, pois, de tirar partido da interesante suxestión do ensaio lukacsiano: superar os “condicionantes” desa “vida nacional” incipiente para elaborar unha reflexión de estética literaria que non se restrinxa á satisfacción dos receptores e que, ao considerar continxentes as regras ditadas polo correlato suxeito-obxecto, deixe de percibir o mundo como unha relación de dominación para, daquela, comezar a pensar nunha arte literaria non recluída nas diferentes formas de produción da subxectividade.

O “tema actual” na literatura contemporánea

No verán, a ansia de novidade parece que se acrecenta, por iso adoitamos ir á busca de libros que non pensabamos ler e que atopamos por sorpresa nas librerías ou nas feiras do libro vello ou de ocasión, que agora visitamos sen premura. Entre eses libros vellos, xa lidos por outras persoas, mesmo ás veces marcados con marxinalias, con frases subliñadas ou pasaxes salientadas polo asombro e pola admiración de quen le, entre eses libros atopamos este verán un título do que queremos deixar aquí constancia. Trátase de Goethe und seine Zeit (“Goethe e a súa época”), do que é autor un dos pensadores e críticos literarios que maior influencia tiveron durante parte do século XX: Georg Lukács. No comezo deste libro, el mesmo defínese como “apaixonado polos problemas reais dos poetas e dos pensadores”, afirmación que soamente pode espertar en nós simpatía.

Abofé que non é necesario introducir aquí a obra de Lukács, tanto no que se refire á filosofía coma á crítica e á historia literarias. Trátase dun deses autores que gustamos de denominar “pensadores da literatura”; esa é a faceta del que nos interesa arestora e tamén a que xorde das páxinas deste libro. Interésanos “Goethe e a súa época” porque da súa lectura podemos tirar certo paralelismo entre a literatura alemá de fins do século XVIII e primeira metade do XIX e a literatura contemporánea, comparación que é doado aguilloe o pensamento.

image

O obxectivo dos ensaios reunidos neste libro de Lukács condénsao o seu autor nunha frase: “[ser] capaz non só de albiscar e captar intuitivamente, como facía na miña mocidade, a peculiaridade única da poesía e da filosofía grandes de Alemaña, senón tamén de entendelas claramente con todas as súas determinacións sociais, ideais e estéticas”. Mais, ¿cal é esa “peculiaridade” que fai única a literatura e o pensamento alemáns dese período? A resposta que Lukács dá a esta cuestión aféctanos vivamente:

“A base obxectiva da peculiaridade da literatura alemá encóntrase nas condicións desfavorables nas que os alemáns chegaron a fundar unha nación.”

E, de seguido, para explicar e profundar nesas condicións, alude a “dúas características negativas” que se desprenden delas:

1) “Na vida da nación alemá, a literatura é moito máis débil, está menos estreita e intimamente vencellada ao proceso real, ca noutros pobos nos cales o proceso de formación nacional se desenvolveu de modos máis normais, ou sexa, en conexión inseparable co progreso da humanidade”, apoiándose tal progreso na sociedade que o experimenta, en concreto, a sociedade vencellada ao paso do Antigo Réxime á Idade Moderna.

Lukács engade que, por exemplo, en países coma Francia, nin sequera as obras literarias formalmente máis “á parte” e máis “minoritarias” chegaron a perder a vinculación co que el denomina “vida nacional”, expresión esta última que nós acoutariamos como consensus retórico do pacto social moderno, pacto que, cando menos inicialmente, tería como ámbito caracterizador o Estado nacional.

2) “A falta de continuidade da literatura alemá, visible sobre todo se a comparamos coa francesa. Como é natural, unha continuidade coma a da literatura francesa non exclúe as transformacións e inflexións ideais e artísticas máis drásticas. Mais sempre queda viva toda unha serie de tradicións estilísticas que perduran a través dos séculos como elementos orgánicos do desenvolvemento espiritual da nación e que poden expresar concepcións da vida completamente novas. Se cadra ha abondar con observar que escritores tan tipicamente orientados á rebelión subxectiva coma Gide ou Camus seguen na súa prosa moitas tradicións clásicas.”

Claro que Lukács non limita a súa reflexión á constatación pura destas devanditas características negativas da literatura alemá, xa que “Ambas as características —que, como imos ver de seguida, non teñen só consecuencias negativas— se deben á orientación do proceso de unificación nacional alemán, é dicir, dos contidos e as formas sociais achegadas polo antedito proceso”; vinculación entre a formación dunha nación e a súa progresividade que non se trata soamente dun problema político en sentido estricto senón que abrangue tamén “toda a vida moral e espiritual dos seres humanos e repercute por iso na enteira vida interior da nación e nas súas relacións cos demais pobos”.

A elaboración dunha retórica literaria común non se limita, pois, nos seus efectos, á compartición dun horizonte de espera, dunhas referencias históricas e dun relato simbolicamente fundante senón que repercutiría no consensus, isto é, no senso da orientación do pacto social no que este último ten de fixación duns obxectivos e dunha idealidade comúns. A retórica do pacto non sería logo soamente unha retórica simbólica nin unha retórica política senón a trama mesma do acordo social que unha comunidade acada por vontade libre dos individuos que a forman.

A Idade Moderna diferénciase das épocas anteriores en que a súa legalidade social e cultural está baseada nun consensus inicial elaborado a partir da noción de suxeito. Xa non é o grupo social nin a sociedade estamental a que regula o pacto senón o cidadán como suxeito de dereito e como ámbito de sentido. Axioloxicamente, o mundo organízase agora a partir da relación suxeito-obxecto, a partir do correlato polo que é o suxeito quen outorga significancia ao mundo; de aí a importancia que na Idade Moderna adquire a figura do artista —e a do escritor— e que sexa precisamente neste período cando se comece a falar da Estética como aquela parte da filosofía dedicada a pensar sobre a elaboración do correlato perceptivo mediante as linguaxes artísticas.

Velaquí como describe Lukács o que acabamos de explicitar: “cando a vida nacional se desenvolve felizmente, os grandes obxectos poéticos nacen orgánica e espontaneamente dela; ata os seus problemas formais decisivos, os esteticamente fundamentais, e as súas posibilidades de solución artística se encontran, por dicilo así, no ambiente.”

En efecto, pois o mesmo autor, máis adiante, especifica claramente o que el define como “unha copertenza xeral humana” que estaría estreitamente vencellada ao que sería unha “xeneralización ético-estética [como] vehículo adecuado para levantar a concepción do mundo ilustrada a cumios universais”: “á maneira como a arte grande —precisamente na medida en que é auténtica e grande— desenvolve no home a interna relación co mundo que o fai capaz de intervir na vida activamente, como ordenador e como impulso continuador”.

Esa copertenza, que do ámbito ético-estético do suxeito se ergue a “cumios universais”, non é outra máis ca a establecida pola correlación (“a interna relación co mundo”) na que se funda a Idade Moderna: o pacto social como formulación política do correlato suxeito-obxecto, isto é, a cuestión da liberdade e a da representación.

En literatura, esa mesma “copertenza” ou conexión co “presente actual” pódese captar sempre porque é perceptible e inmediata, de tal xeito que “os escritores menos dados á reflexión poden captar as grandes inflexións históricas partindo do lado formal da arte, como o fixo, por exemplo, Walter Scott ao captar a historicidade da forma novela cando rematou o gran período de transformacións europeo da Revolución Francesa e Napoleón. Cando esa captación da conexión estética entre a temática histórico-social producida polo presente actual e os principios formais que lle son adecuados se pode lograr dun modo espontáneo e orgánico, entón a reflexión do poeta [sensu lato: escritor] pode atender case exclusivamente aos problemas técnicos da composición do pormenor”.

Este, xa que logo, podería ser o significado dunha expresión que no texto de Lukács semella adquirir certa tonalidade enigmática: o “tema actual”.

Así e todo, na Alemaña da época estudada por Lukács, a “vida nacional” non é quen de ofrecer —nin sequera á ollada do xenio, puntualiza este— temas tan directamente apreixables; preguntámonos se noutras literaturas acontece hoxe algo semellante. A aparente inmediatez está “tan cargada de prexuízos reaccionarios [e progresistas]” que “non pode nacer organicamente dela ningunha forma plena”.

“Por iso —continúa— os grandes poetas alemáns tiveron que conquistar e purificar o tema actual no sentido grande histórico-social mediante unha elaboración complicada e profunda das súas vivencias, mediante mediacións intelectuais; por iso tiveron que sublimar a súa experiencia vital e poética ata o conscientemente estético: para conseguir as formas adecuadas a esa actualidade e aos aspectos nacionais e humanos implícitos nela.”

“Nos máis grandes —conclúe Lukács—, sobre todo en Lessing, Goethe e Schiller, ese traballo chega a ser investigación das formas poéticas como tales ou en xeral, e incluso conceptuación estética xeral das mesmas.”

Nesta situación, atrévemonos a suxerir —continuando a reflexión de Lukács e referíndonos xa unicamente á literatura contemporánea— que ese mesmo presente actual obriga aos escritores de hoxe a tomar posicións teoréticas que lles poidan permitir ser conscientes das “peculiaridades alemás” da literatura que están a escribir, mesmo para elaborar a partir delas “formas concretas moi complicadas”.

Cando un pensador coma Fredric Jameson acaba de publicar un volume de ensaios sobre “As antinomias do realismo” (The Antinomies of Realism), faise inexcusable unha reflexión teórica sobre o material literario e sobre os temas que manexa quen escribe literatura. Non se trata de volver a formas literarias anteriores ao perspectivismo, previas á conquista dunha “voz propia” ou que prescindan das “novas identidades sociais”, formas todas estas do correlato que o modernismo acabou por impoñer, senón de pensar a literatura a carón de obras coma a de Georg Lukács para poder “captar” o “presente actual” sen correr o risco de caer nun lugar común: o dunha represión dos problemas autenticamente estéticos por obra da sobreestimación desmedida de intranscendentes finuras técnicas e temáticas.

E pensar a literatura é facelo dun xeito especulativo, isto é, inseríndoa na crítica do correlato e situándoa na súa función, a da actualización dun absoluto e dos “principios formais que lle son adecuados”, a dunha literatura sen a limitación da correlación suxeito-obxecto, unha literatura que se sirva da razón non para fixar os seus límites senón para estendelos, unha literatura escrita despois da finitude, sen cinguirse á mímese desta.

Pensar a literatura, 2

Como diciamos no artigo anterior, interésanos a parte final do libro de Auerbach precisamente porque, como indica o seu título, nela bota “Unha ollada ao último século”, ao século XX e ás condicións singulares que nel acadou a recepción e a escritura de obras literarias. Que esta Introdución aos estudos de filoloxía románica sexa un libro emininentemente sintético non significa, máis ben todo o contrario, que careza de pulo analítico. Dicimos que todo o contrario porque a síntese, ao que leva é, precisamente, á análise como consecuencia da anagnórise realizada sobre a historia das linguas e literaturas romances.

Auerbach comeza esta parte do seu libro describindo a Idade Moderna a través de dúas das súas características principais: a participación de todos os cidadáns na vida pública —agás as mulleres, que ían tardar bastante en conseguir que se lles recoñecese a plenitude de dereitos do cidadán, cómpre lembralo aquí—, é dicir, o denominado pacto social, e a noción fundamental de progreso, especialmente referida á autonomía do saber respecto da relixión ou substitución da teoloxía pola ciencia na ordenación do mundo.

“A restauración da dinastía dos Borbóns en Francia (1815) e a política reaccionaria que en moitas partes de Europa seguiu á caída de Napoleón non puideron deter o desenvolvemento da vida moderna e a súa evolución política e económica. As ideas da Revolución francesa difundíranse; dúas institucións de orixe revolucionaria e napoleónica, a educación elemental e o servizo militar foron adoptadas pouco despois en moitos países europeos e contribuíron a mobilizar as masas e a facelas participar conscientemente na vida pública. O progreso científico e técnico modificaba rapidamente os ritmos e as condicións da vida material, fornecía un benestar crecente e un crecemento demográfico inmenso”.

Jean_Béraud_La_Lettre

Consecuencia directa dese progreso no saber e no ensino, salienta Auerbach, é a “enorme produción literaria”, que modificaría notablemente o tipo de recepción das obras e dividiría a literatura no que posteriormente se clasificaría como  “gran difusión” e “difusión restrinxida”.

“Desde o século XIX, en case todos os países de Europa, todos len, todos queren ler e os progresos técnicos da imprenta permiten satisfacer esa necesidade de lectura. Os xornais, con edicións que se esgotan unha, dúas, tres veces ao día e nas que, a carón da información política, se atopan artigos literarios, novelas, relatos, contos; os periódicos literarios ou semiliterarios, xornais ilustrados, revistas, etc., ao cabo, os libros: libros de poesía, teatro, novelas, coleccións de ensaio, estudos críticos… calquera que algunha vez traballase na administración dunha das grandes bibliotecas europeas podería ver cos seus propios ollos a masa enorme de papel impreso que nelas entraba cada día e non había deixar de experimentar certa sensación de esgotamento.”

Nese punto da súa argumentación, o autor de Mímese introduce unha prolepse co obxectivo de dirixir o seu pensamento sobre a literatura cara ás condicións de produción e de recepción que aínda perduran hoxe en día, en pleno capitalismo serodio:

“Así e todo, desde hai preto de trinta anos o cinema e a radio están comezando a suplantar a lectura, estámonos afacendo a substituíla coas impresións vivas e auditivas e a non recorrer á lectura para instruírse e informarse. Mais no século XIX líase polo pracer de ler e era inevitable que o nivel estético das producións literarias destinadas a unha masa tan grande de consumidores decaese, sobre todo se esa masa aínda non tiña consciencia clara de si; o que pedía e o que se lle subministraba non era unha literatura verdadeiramente popular senón unha cativa imitación da literatura culta na que imperaban a falta de elegancia, o melodrama, o pouco verosímil e os lugares comúns sentimentais.”

A importancia dese tipo de produción de ficción —que vai alén da produción literaria— é, polo tanto, característica primordial de toda a Idade Moderna, non só do período recente como podería parecer. Cómpre salientar que Auerbach repare singularmente nos “lugares comúns sentimentais”, xa que no pacto social que establece a modernidade o papel do amor como expresión da liberdade do individuo ha ser unha ficción fundamental, se non a ficción suprema, na que se estea a liberdade como cerna do suxeito contemporáneo.

Consecuentemente, a ficción literaria ha exercer a función de afirmación do suxeito como elemento fundamental do pacto social, de aí o seu papel como produtora de subxectividade, primeiro a través da narrativa realista, logo mediante a narrativa reflexivo-experimental. A primeira vai centrar a súa difusión nos medios de comunicación de masas —os xornais no caso da novela por entregas durante o século XIX— e asegurará a súa efectividade ao basearse tanto na convencionalidade retórica fornecida pola cultura e a educación elemental universal (historia, símbolos e referencias comúns) e na convencionalidade  temática (subxéneros coma o policial, a novela histórica e a novela de formación xorden nese momento) coma na actualidade argumental (asuntos collidos das mesmas páxinas dos xornais nas que primeiramente se publican as novelas) e na actualidade estilística (recursos retóricos compartidos co xornalismo e moi familiares para quen le) ; a segunda, que desde unha difusión restrinxida inicial ha colonizar a novela da segunda metade do século XX en diante, elaborada a partir das coordenadas axiolóxicas establecidas polas instrucións normativas  1) “ter unha voz propia”, 2) focalización narrativa (perspectivismo) e 3) autopoiese ou reflexividade (representación do proceso de escritura, produción do eu autorial). Véxase a este respecto, por exemplo, a análise realizada no número 1 de Anotacións sobre literatura e filosofía.

[Continúa en Pensar a literatura, 3.]