O “tema actual” na literatura contemporánea

No verán, a ansia de novidade parece que se acrecenta, por iso adoitamos ir á busca de libros que non pensabamos ler e que atopamos por sorpresa nas librerías ou nas feiras do libro vello ou de ocasión, que agora visitamos sen premura. Entre eses libros vellos, xa lidos por outras persoas, mesmo ás veces marcados con marxinalias, con frases subliñadas ou pasaxes salientadas polo asombro e pola admiración de quen le, entre eses libros atopamos este verán un título do que queremos deixar aquí constancia. Trátase de Goethe und seine Zeit (“Goethe e a súa época”), do que é autor un dos pensadores e críticos literarios que maior influencia tiveron durante parte do século XX: Georg Lukács. No comezo deste libro, el mesmo defínese como “apaixonado polos problemas reais dos poetas e dos pensadores”, afirmación que soamente pode espertar en nós simpatía.

Abofé que non é necesario introducir aquí a obra de Lukács, tanto no que se refire á filosofía coma á crítica e á historia literarias. Trátase dun deses autores que gustamos de denominar “pensadores da literatura”; esa é a faceta del que nos interesa arestora e tamén a que xorde das páxinas deste libro. Interésanos “Goethe e a súa época” porque da súa lectura podemos tirar certo paralelismo entre a literatura alemá de fins do século XVIII e primeira metade do XIX e a literatura contemporánea, comparación que é doado aguilloe o pensamento.

image

O obxectivo dos ensaios reunidos neste libro de Lukács condénsao o seu autor nunha frase: “[ser] capaz non só de albiscar e captar intuitivamente, como facía na miña mocidade, a peculiaridade única da poesía e da filosofía grandes de Alemaña, senón tamén de entendelas claramente con todas as súas determinacións sociais, ideais e estéticas”. Mais, ¿cal é esa “peculiaridade” que fai única a literatura e o pensamento alemáns dese período? A resposta que Lukács dá a esta cuestión aféctanos vivamente:

“A base obxectiva da peculiaridade da literatura alemá encóntrase nas condicións desfavorables nas que os alemáns chegaron a fundar unha nación.”

E, de seguido, para explicar e profundar nesas condicións, alude a “dúas características negativas” que se desprenden delas:

1) “Na vida da nación alemá, a literatura é moito máis débil, está menos estreita e intimamente vencellada ao proceso real, ca noutros pobos nos cales o proceso de formación nacional se desenvolveu de modos máis normais, ou sexa, en conexión inseparable co progreso da humanidade”, apoiándose tal progreso na sociedade que o experimenta, en concreto, a sociedade vencellada ao paso do Antigo Réxime á Idade Moderna.

Lukács engade que, por exemplo, en países coma Francia, nin sequera as obras literarias formalmente máis “á parte” e máis “minoritarias” chegaron a perder a vinculación co que el denomina “vida nacional”, expresión esta última que nós acoutariamos como consensus retórico do pacto social moderno, pacto que, cando menos inicialmente, tería como ámbito caracterizador o Estado nacional.

2) “A falta de continuidade da literatura alemá, visible sobre todo se a comparamos coa francesa. Como é natural, unha continuidade coma a da literatura francesa non exclúe as transformacións e inflexións ideais e artísticas máis drásticas. Mais sempre queda viva toda unha serie de tradicións estilísticas que perduran a través dos séculos como elementos orgánicos do desenvolvemento espiritual da nación e que poden expresar concepcións da vida completamente novas. Se cadra ha abondar con observar que escritores tan tipicamente orientados á rebelión subxectiva coma Gide ou Camus seguen na súa prosa moitas tradicións clásicas.”

Claro que Lukács non limita a súa reflexión á constatación pura destas devanditas características negativas da literatura alemá, xa que “Ambas as características —que, como imos ver de seguida, non teñen só consecuencias negativas— se deben á orientación do proceso de unificación nacional alemán, é dicir, dos contidos e as formas sociais achegadas polo antedito proceso”; vinculación entre a formación dunha nación e a súa progresividade que non se trata soamente dun problema político en sentido estricto senón que abrangue tamén “toda a vida moral e espiritual dos seres humanos e repercute por iso na enteira vida interior da nación e nas súas relacións cos demais pobos”.

A elaboración dunha retórica literaria común non se limita, pois, nos seus efectos, á compartición dun horizonte de espera, dunhas referencias históricas e dun relato simbolicamente fundante senón que repercutiría no consensus, isto é, no senso da orientación do pacto social no que este último ten de fixación duns obxectivos e dunha idealidade comúns. A retórica do pacto non sería logo soamente unha retórica simbólica nin unha retórica política senón a trama mesma do acordo social que unha comunidade acada por vontade libre dos individuos que a forman.

A Idade Moderna diferénciase das épocas anteriores en que a súa legalidade social e cultural está baseada nun consensus inicial elaborado a partir da noción de suxeito. Xa non é o grupo social nin a sociedade estamental a que regula o pacto senón o cidadán como suxeito de dereito e como ámbito de sentido. Axioloxicamente, o mundo organízase agora a partir da relación suxeito-obxecto, a partir do correlato polo que é o suxeito quen outorga significancia ao mundo; de aí a importancia que na Idade Moderna adquire a figura do artista —e a do escritor— e que sexa precisamente neste período cando se comece a falar da Estética como aquela parte da filosofía dedicada a pensar sobre a elaboración do correlato perceptivo mediante as linguaxes artísticas.

Velaquí como describe Lukács o que acabamos de explicitar: “cando a vida nacional se desenvolve felizmente, os grandes obxectos poéticos nacen orgánica e espontaneamente dela; ata os seus problemas formais decisivos, os esteticamente fundamentais, e as súas posibilidades de solución artística se encontran, por dicilo así, no ambiente.”

En efecto, pois o mesmo autor, máis adiante, especifica claramente o que el define como “unha copertenza xeral humana” que estaría estreitamente vencellada ao que sería unha “xeneralización ético-estética [como] vehículo adecuado para levantar a concepción do mundo ilustrada a cumios universais”: “á maneira como a arte grande —precisamente na medida en que é auténtica e grande— desenvolve no home a interna relación co mundo que o fai capaz de intervir na vida activamente, como ordenador e como impulso continuador”.

Esa copertenza, que do ámbito ético-estético do suxeito se ergue a “cumios universais”, non é outra máis ca a establecida pola correlación (“a interna relación co mundo”) na que se funda a Idade Moderna: o pacto social como formulación política do correlato suxeito-obxecto, isto é, a cuestión da liberdade e a da representación.

En literatura, esa mesma “copertenza” ou conexión co “presente actual” pódese captar sempre porque é perceptible e inmediata, de tal xeito que “os escritores menos dados á reflexión poden captar as grandes inflexións históricas partindo do lado formal da arte, como o fixo, por exemplo, Walter Scott ao captar a historicidade da forma novela cando rematou o gran período de transformacións europeo da Revolución Francesa e Napoleón. Cando esa captación da conexión estética entre a temática histórico-social producida polo presente actual e os principios formais que lle son adecuados se pode lograr dun modo espontáneo e orgánico, entón a reflexión do poeta [sensu lato: escritor] pode atender case exclusivamente aos problemas técnicos da composición do pormenor”.

Este, xa que logo, podería ser o significado dunha expresión que no texto de Lukács semella adquirir certa tonalidade enigmática: o “tema actual”.

Así e todo, na Alemaña da época estudada por Lukács, a “vida nacional” non é quen de ofrecer —nin sequera á ollada do xenio, puntualiza este— temas tan directamente apreixables; preguntámonos se noutras literaturas acontece hoxe algo semellante. A aparente inmediatez está “tan cargada de prexuízos reaccionarios [e progresistas]” que “non pode nacer organicamente dela ningunha forma plena”.

“Por iso —continúa— os grandes poetas alemáns tiveron que conquistar e purificar o tema actual no sentido grande histórico-social mediante unha elaboración complicada e profunda das súas vivencias, mediante mediacións intelectuais; por iso tiveron que sublimar a súa experiencia vital e poética ata o conscientemente estético: para conseguir as formas adecuadas a esa actualidade e aos aspectos nacionais e humanos implícitos nela.”

“Nos máis grandes —conclúe Lukács—, sobre todo en Lessing, Goethe e Schiller, ese traballo chega a ser investigación das formas poéticas como tales ou en xeral, e incluso conceptuación estética xeral das mesmas.”

Nesta situación, atrévemonos a suxerir —continuando a reflexión de Lukács e referíndonos xa unicamente á literatura contemporánea— que ese mesmo presente actual obriga aos escritores de hoxe a tomar posicións teoréticas que lles poidan permitir ser conscientes das “peculiaridades alemás” da literatura que están a escribir, mesmo para elaborar a partir delas “formas concretas moi complicadas”.

Cando un pensador coma Fredric Jameson acaba de publicar un volume de ensaios sobre “As antinomias do realismo” (The Antinomies of Realism), faise inexcusable unha reflexión teórica sobre o material literario e sobre os temas que manexa quen escribe literatura. Non se trata de volver a formas literarias anteriores ao perspectivismo, previas á conquista dunha “voz propia” ou que prescindan das “novas identidades sociais”, formas todas estas do correlato que o modernismo acabou por impoñer, senón de pensar a literatura a carón de obras coma a de Georg Lukács para poder “captar” o “presente actual” sen correr o risco de caer nun lugar común: o dunha represión dos problemas autenticamente estéticos por obra da sobreestimación desmedida de intranscendentes finuras técnicas e temáticas.

E pensar a literatura é facelo dun xeito especulativo, isto é, inseríndoa na crítica do correlato e situándoa na súa función, a da actualización dun absoluto e dos “principios formais que lle son adecuados”, a dunha literatura sen a limitación da correlación suxeito-obxecto, unha literatura que se sirva da razón non para fixar os seus límites senón para estendelos, unha literatura escrita despois da finitude, sen cinguirse á mímese desta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s