“Decálogo da novela”, por Carlos Lema

 

O autor deste decálogo achéganos unha proposta para pensar cal é a función da novela hoxe. Unha reflexión que pretende situarnos perante ese xénero narrativo, os seus pros e os seus contras, o que condiciona a novela e o que a libera. ¿De que xeito a novela forma parte da realidade? ¿Ten a novela responsabilidade respecto da verdade? ¿Como se ve comprometida a novela? ¿Cal é a relación entre o obxecto retórico novela e os suxeitos lectores e autoras? ¿Ten dignidade a novela? ¿Hai algunha razón para ler e escribir novelas? Abofé que, cando menos, a novela debería situarnos perante unha posibilidade, a da gratuidade da arte, a mesma gratuidade pola que as cousas existen: a da dignidade pura, non contaminada pola utilidade ou o cálculo na intención primeira do artista.

 

Realidade e compromiso na ficción narrativa

1) Realidade. O ficticio na novela non é a propia ficción. A novela é un tipo de representación e, como tal, non ten obriga ningunha de acceder á verdade. Mais existe como tal representación, logo é real.

2) Autorrepresentación. Non se trata de ter ansia polo real senón de realizar a liberdade do suxeito mediante a legalidade da arte e a súa cousificación. Efectivamente, a vida cotiá xa non responde á legalidade establecida mediante o pacto social pois ese concepto non abonda como representación do acomún subxectivo moderno que cae baixo outro tipo de representación, a rexida pola legalidade da arte.

Da materialización da obra como linguaxe, realizada no modernismo, pásase á materialización da vida como obra na tardomodernidade. Mais, ao cabo, trátase da cousificación dunha representación, quer da linguaxe quer da vida. Ambas as dúas convértense en arte.

3) Autorreferencialidade. Os recursos narrativos empregados, primeiro, pola novela modernista de comezos do século XX e, logo, pola posmoderna ou reflexivo-experimental a partir da Segunda Guerra Mundial xa non se basean na coordinación sistemática da perspectiva individual do personaxe coa da súa comunidade a través do estilo libre indirecto, como facía o realismo de fins do XIX, senón na subxectividade como ámbito da representación literaria. Velaí os eixes principais desta última: a) autorreferencialidade (literatura dentro da literatura: préstase atención ao feito de escribir ficción). b) voz propia (autopoiese: sistema de autoconstitución do suxeito). c) focalización (subxectividade como forma de diferenza).

A reflexividade característica da novela contemporánea non se trata dunha invitación a profundizar na técnica narrativa senón que é un compoñente imprescindible para o sistema de autoconstitución de calquera individuo. A autopoética ou os actos de produción do eu autorial non serían simplemente expresión dunha individuación radical senón que son momentos na actuación (a autopoiese) dun sistema cultural extenso equipado para a produción de orixinalidade autoexpresiva.

4) Subordinación. Non é que o novelista non sexa consciente do problema que suscita a representación logo da condena kantiana que a parece obrigar a unha posición subordinada. Os novelistas xogan o xogo kantiano de elaborar unha obra sucedánea da realidade sen atreverse a declarala tamén real. Non cren na divindade do ser humano, pensan que a arte é unha produción menor subxugada pola verdade científica, pola Historia, pola Ciencia e pola actualidade dos feitos.

A filosofía da sospeita leva o novelista a ser un Pigmalión que desconfía da realidade da súa propia creación. Esta renuncia obrígao a buscar apoio noutras certezas. O novelista, como artista moderno que é, desconfía da realidade da arte pois para el esa Afrodita —e con ela toda representación— deixou de ser divina.

5) Demagoxia. Escribir para encherlle o ollo a alguén. A materia da novela é a actualidade; cando a manexa para forzar o consenso, o novelista busca a mesma dominación ca o demagogo ao darlle sistematicamente a razón ao pobo. Pola contra, o representante democrático xenuíno introduce a mediación entre vontade de dominación e decisión de actuar. A novela, como representación que é, debería xogar un papel semellante.

6) Novela democrática. A novela é, de seu, unha representación democrática. Malia a reactivación modernista acontecida na primeira metade do século XX, que pretendeu conservar parte do estatus da cultura humanista en plena Idade Moderna, na novela a literatura acabou por aliarse coa industria para lograr o que sería o xénero democrático por excelencia, iso que a crítica denomina subxénero. O paradigma resultado desa alianza é a novela policial, ou novela negra. Non a novela de enigmas, estilo Sherlock Holmes, senón a que se desenvolveu primeiramente en Norteamérica e se difundiu despois masivamente por todo o mundo a través da industria cultural, nomeadamente a prensa e o cinema.

7) Preceptiva. Criterios ditados polo repertorio temático e de formas determinado polo práctico-inerte da política. Eses criterios son expresión dun repertorio temático e estilístico sometido á necesidade de difusión xurdida como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura e nación, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a explotación comercial da literatura.

8) Actualización e mímese. A novela é un xénero literario moderno que, desde a Ilustración, modelou a ficción escrita a partir de dous parámetros: a) a actualización do narrado. Sexa actualidade sexa pasado histórico. En ambos os casos o efecto é similar. b) a verosemellanza, ou mímese, establecida polo correlato humano-mundo a partir de, nomeadamente, o pensamento kantiano.

Nese senso, non hai contradición entre a ficción concibida a partir dun feito histórico e a ficción elaborada a partir dun feito da imaxinación. Os dous tipos de ficción pretenden acadar o mesmo efecto, o da imitación do mundo tal como o fixa o antedito correlato. Cómpre ter en conta que a idea de Estética xorde precisamente no Século das Luces, non antes.

9) Fantasía e novela. A novela non existe fóra do racional, a súa economía argumental impón unha orde para acadar un final; organízase como unha loita na que protagonistas e antagonistas se van situando nun proceso xerárquico que dá acceso ao clímax. A literatura moderna é orde, economía da expresión, logo razón.

Fóra do racional está a fantasía. A fantasía é aquilo que non é razón porque é anterior á razón. Non é irracional, pois o irracional está no límite de razón ou, se non, non nos poderiamos referir a ese concepto. Irracional é un concepto mentres que fantasía é aquilo que non sabemos o que é, polo que non dá cabido en, ou non cae baixo concepto ningún. A fantasía designa algo que non é a razón mais tampouco é o irracional. O fantástico é todo aquilo para o que non rexen as leis da ciencia.

10) Compromiso. Na novela, o nihilismo actual impulsa unha retrogradación na que o movemento moderno cara a afiliación, isto é, cara á escolla libre do repertorio de formas e de temas, se transforma en filiación, ou retorno á determinación do vínculo necesario. Fronte ao carácter afiliativo da arte moderna, o nihilismo artístico parte da idea da historia como suceso inderivable e último en si mesmo e, en consecuencia, dunha concepción da cultura determinada pola súa filiación á historia dunha identidade; identidade histórica da que debe xurdir o nomos da arte. As constricións contundentes impostas pola filiación á historia e á natureza levan á teoloxía do presente, xa que a transcendencia que se busca só se pode resolver mediante as determinacións da historia actualizadas no presente.

Outros artigos sobre a novela en euseino.org

“Do ‘novum’ e da novela”, por Roberto Abuín

“A ficción ficticia”

“A novela, xénero literario moderno”

A posición nihilista: o nihilismo literario”

“A filosofía no obxecto retórico novela-máquina”

“A novela-máquina: enerxía, operador e materia”

“En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?”

 

O esmorecemento da ambición literaria

O xornal El País publica unha entrevista —breve mais sintomática— co escritor e editor italiano Roberto Calasso na que este se lamenta da falta de ambición da literatura actual: 

“Semella que a literatura entrou nunha fase de latencia, nos últimos cincuenta anos estreitouse. É difícil encontrar sorpresas. Sen dúbida hai cousas boas mais poucas son realmente grandes. Cuando miro a literatura ata os anos setenta vexo que era algo vencellado a unha ambición enorme, agora iso xa non é o usual, evidentemente”.

En euseino.org publicamos hai un tempo un artigo no que recolliamos e respondiamos a unhas declaracións semellantes dun influente crítico norteamericano: En resposta a Harold Bloom: ¿que é ‘radicalmente novo’?”A elas súmanse agora estas de Calasso no que parecen ser os derradeiros intentos de defensa da literatura modernista e “experimental” xurdida a comezos do século XX. “Os obxectivos desmesurados que eran tan comúns a escritores tan opostos coma Musil e Joyce non parecen estar hoxe de actualidade [e, incluso], esvaeceron”, afirma o editor de Adelphi.

No artigo seguinte, analizamos estas afirmacións, relacionándoas co contexto literario galego e situándoas no interior do pensamento estético moderno.

ilustracion-de-gustave-dore-ret

Ultimamente varias voces parecen anunciar un cambio na escritura e na recepción literaria cualificada, isto é, un abandono que xa hai tempo vén sendo manifesto da literatura de certa complexidade, do que denominan a “ambición literaria” do “radicalmente novo”, e un dominio crecente dos criterios ditados polo repertorio temático e de formas determinado polo que poderiamos chamar, ao xeito sartriano, o práctico-inerte da política. Esas opinións poden ter importancia no caso dunha literatura coma a galega, na que son pouco frecuentes os intentos de inducir unha reflexión teórica —xa non digamos un debate—, especialmente sobre os criterios que hoxe en día son expresión dunha heteronomía dominante. Efectivamente, en xéneros coma o da novela, máis expostos a influencias alleas á literatura, o control establecido por un repertorio temático e estilístico sometido ás necesidades de difusión acrecéntase na literatura galega como consecuencia da alianza aparentemente inextricable entre cultura nacional e política, alianza ao abeiro da cal tamén se sitúa a explotación comercial da literatura.

Na narrativa, apenas se percibe xa unha estética ou unha estilística literaria que se dirixa claramente a unha recepción máis autónoma e menos condicionada, só en moi contados casos e de xeito ocasional se pode percibir na novela galega un afastamento e unha independencia suficiente respecto do discurso político e do discurso ligado ás arelas comerciais da gran difusión, tamén moi condicionadas polo ámbito académico e por un peso excesivo do repertorio didascálico. Isto é un indicador claro da preceptiva dominante na literatura galega actual e fai que nos preguntemos sobre a necesidade dunha literatura que non se someta completamente aos criterios da actualidade e que evite o imperio do que Georg Lukács denominaba “vida nacional”, esixencias de difusión incluídas.

Ese é o motivo polo que, máis ca nunca, se precisa dunha reflexión teórica sobre a estética, isto é, sobre o xeito no que se percibe e se representa o mundo.

Desde Descartes, esta percepción e representación están centradas exclusivamente no suxeito, ou no que Quentin Meillassoux denomina correlacionismo: a relación suxeito-mundo é a que condiciona a maneira de percibir e de representar a realidade. Como un efecto desa relación tamén xurdiría a correlación suxeito-nación, ou suxeito-vida nacional, onde nación representa unha relación determinada do suxeito co mundo, é dicir, o que máis arriba denominamos o práctico-inerte da política como determinación do momento subxectivo e, polo tanto, da súa representación.

Kant asentou case definitivamente ese tipo de correlación suxeito-mundo ao adscribila ao que el denomina representacións a priori; o acceso ao mundo establécese exclusivamente a través do pensamento e, en consecuencia, a través da historia, da cultura, ou da nación; mais ese correlato kantiano mundo-pensamento amosarase finalmente incapaz de ser compatible con achados da ciencia contemporánea coma o paso da concepción newtoniana de tempo e espazo á relatividade espazo-temporal e coma a aparición doutras xeometrías diferentes da xeometría euclidiana, por non falar de nocións matemáticas coma a de transfinito. Mentres a ciencia independizaba cada vez máis o mundo da súa percepción polos seres humanos, a filosofía e a arte continuaban sustentando a noción de realidade como constructo humana. Tampouco Nietzsche nin a filosofía do século XX, con Heidegger e gran parte dos pensadores (Wittgenstein, Deleuze, Derrida, etc.), foron quen de abandonar o correlacionismo de estirpe kantiana malia levaren a cabo unha “crítica da Crítica”, é dicir, unha crítica da crítica que antes Kant fixera da razón pura (o dominio do pensamento cartesiano, iso que Foucault chamou o acontecemento clásico).

Ese correlato kantiano é o pano de fondo no que xorde a Estética, xa que antes do século XVIII non existía tal noción, que aparece con Baumgarten, nin existía a teoría da arte —incluída a concepción moderna da literatura—, na que terían un papel fundamental os estudos de Winckelmann e a figura de Goethe. O caso alemán é paradigmático, pois a literatura alemá, tal como a describe Lukács no seu libro sobre Goethe, amosa claramente o cambio da estética clásica á estética moderna a través de autores coma Lessing, Schiller e Goethe. E iso, cousa que debería interesar especialmente en Galicia, nunha nación alemá que aínda non existía como tal.

Na literatura alemá do período de Goethe, e especialmente en escritores que o preceden, coma Lessing, efectúase o paso do clasicismo, que consideraba insuperables os modelos e a arte como imitación pura deses modelos, á literatura moderna, na que prima a creación de orixinalidade por ser esta a que mellor representa a subxectividade e a liberdade na que se basea o pacto social moderno.

Ese paso é determinante para o papel que ha desenvolver o xénero da novela na época moderna. Hai unha frase famosa de John Ruskin que diferencia entre os “good books for the hour”, que serían os que aspiran a unha gran difusión, e os “good books for all time”, que serían o que hoxe en día chamamos clásicos. Na nosa opinión, as novelas escríbense sempre “for the hour”, pois se trata dun tipo de narrativa marcada pola actualidade, tanto temática coma estilística, mais as novelas tamén precisan de certo pulo, ou estro, de orixinalidade e distanciamento da convención, que é o que lles outorga a potencialidade vinculada desde as súas orixes á modernidade, esa capacidade progresista de representación da realidade que ten arte narrativa. Polo tanto, acerta Ruskin cando escribe que o que “marca a diferenza non é soamente unha cuestión de calidade”.

A partir do estudo ben coñecido de Erich Auerbach sobre a idea de mímese e a relación entre ficción e realidade na novela, podemos tirar a conclusión de que a ficción novelesca como xénero literario concibido en conxunto ten un efecto sustentatorio da realidade en tanto que relación entre suxeito e mundo, de aí que se vexa obrigada a partir dunha base actual (“for the hour”) e de aí que non sexa a realidade a que confirma a novela senón a novela a que confirma a realidade. Se a novela ten poder como representación é porque, paradoxalmente, prefigura a posteriori o que a realidade conta, do mesmo xeito que, segundo Auerbach, a profecía mesiánica da Biblia quedou confirmada polos evanxeos e pola figura de Cristo, a partir da cal se reinterpretou todo o Antigo Testamento; así, a historia de Xonás xurdindo do ventre da balea reinterprétase á luz da historia de Cristo como un anuncio da súa resurrección. Isto é, o cristianismo baseouse nunha profecía —”for all time”— que el mesmo actualizou, confirmou e autocumpriu, tal como fai a ficción contemporánea coa realidade.

Nese senso, a función do que na literatura anglo-saxona se denomina modernismo (Henry James, James Joyce, Virginia Woolf, Willian Faulkner) foi poñer en circulación un repertorio de formas que acompañaban a crítica do paradigma kantiano realizada antes —como reacción— polo romantismo e logo, de xeito absolutamente progresista, polos pensadores máis importantes a partir de Nietzsche. Cómpre, polo tanto, non esquecer ese papel retrógrado do romantismo e o seu intento de mistificación da idea moderna de nación, pois habería que lembrar a exacerbación da subxectividade que o romantismo puxo en circulación coa actualización das ideas relixiosas e a súa vinculación co culto do individualismo, en resumo, a literatura e a arte romántica como representación dun nihilismo contra o que tamén se ergueu Nietzsche (velaí o “caso Wagner” e a alerxia que ao autor do Zaratustra lle producía o nacionalismo alemán).

Esas son algunhas das razóns polas que é fundamental realizar nesta altura unha reflexión crítica sobre a preceptiva na arte; razóns polas que consideramos que, en consecuencia, cumpriría facer tamén unha reflexión sobre a estética literaria, reflexión que soamente é posible levar a cabo partindo da crítica do antedito correlato suxeito-mundo como configurador da realidade.

Como é doado supoñer, a arte é imposible sen unha retórica, sen un acordo previo e, polo tanto, preceptivo. De aí o interese que ten realizar unha interpretación teórica da aplicación actual de preceptivas coma a realista, cada vez máis mediatizadas, na elaboración de ficcións.

En conclusión, é na actualización do xénero da novela onde se presenta o debate ao que propio xénero nunca deu cabo, de aí a súa virtualidade como representación. O consensus moderno do pacto social vehiculízase a través de ficcións baseadas na relación suxeito-mundo, ou mundo-pensamento (todo o que o suxeito non pode concibir non existe). As propostas de pensar esa relación desde fóra do pacto, coma a crítica da Crítica kantiana desenvolvida por gran parte da filosofía do século XX, non deron artellado unha narrativa nin unha reelaboración da ficción que non supuxese quedar abocados ao irrepresentable.

Polo tanto, cómpre propoñer de novo a función da significación e da representación mais sen facer abstracción da súa continxencia. A novela é o xénero literario que relata a constitución do suxeito como vehiculizador da representación da realidade, unha cuestión fundamental na Idade Moderna e que marca unha das funcións primordiais da literatura na nosa época.

A pregunta é se a novela como xénero literario poderá prescindir das representacións mediatizadas polo correlato para ofrecer posibilidades novas ou se, como xa aconteceu no modernismo, unha vez máis vai partir da representación do mundo realizada polo suxeito para elaborar outra versión do realismo que continúe determinada polo material inerte da praxe política e pola literatura na súa función confirmatoria da actualidade. Neste último caso, a novela quedaría definitivamente limitada ao seu papel de representación da correlación kantiana que segue a determinar a Idade Moderna e, ao cabo, reforzaría a súa dominación mediante a busca permanente dun suxeito histórico, sexa clase, pobo, ou nación, sen deixar de ser —tamén— representación dunha realidade concibida soamente a partir do vencello ineludible entre produción e consumo.

 

Aclaración sobre “vida nacional” e literatura

A partir da publicación neste blogue do artigo “O ‘tema actual’ na literatura contemporánea“, recibimos algúns comentarios que nos suxerían amplialo para matizar certas cuestións alí tratadas. Unha destas suxestións apuntaba a necesidade de clarexar a noción de “vida nacional”, que no devandito artigo remitía á súa utilización nun ensaio de Georg Lukács que nós tomabamos como punto de partida para unha reflexión sobre a estética literaria actual.

O noso correspondente facía fincapé na necesidade de ver a forma en que unha escritora ou un escritor toca ou se achega á retórica literaria significativa para a comunidade, á que se facía referencia no artigo. Analizar en que medida tal obxectivo esixe a quen escribe un contacto máis íntimo e profundo coa comunidade, de que maneira se consegue que tal contacto sexa creativamente máis rendible; consonte o que Lukács afirmaba no seu ensaio ao se referir á relación directa entre o que el denomina “vida nacional” e a literatura con ela relacionada. Pola contra, outro dos comentarios recibidos aludía ao “distanciamento necesario” do escritor, similar ao que o pensador húngaro atopa en autores coma Lessing, Schiller e Goethe.

Johann_Joseph_Schmeller_-_Goethe_seinem_Schreiber_John_diktierend,_1831Efectivamente, no seu libro sobre Goethe e a súa época, Lukács debuxa nidiamente as circunstancias históricas da aparición da estética literaria moderna e, consecuentemente, do que el denomina “vida nacional”:

“En occidente (e en Rusia), as loitas de clases características da fase de disolución do feudalismo rematan na constitución dunha monarquía absoluta, e con esta prodúcese o primeiro paso definitivo para a constitución da unidade nacional”, cousa que non acontece en Alemaña, que continúa dividida en “numerosos e pequenos principados xermánicos, obstáculos para a constitución da unidade nacional alemá”, o que supón o mantemento dun certo “esgazamento feudal” da nación alemá. Esa evolución “peculiar” significa para Alemaña que “a constitución da cultura burguesa ía proceder moi amodo” xa que se impuxo un “semifeudalismo corrompido”. Como consecuencia, estas condicións sociais van inhibir a formación dunha “cultura nacional progresiva”, isto é, o que nós caracterizariamos como a adopción do pacto social moderno.

Estas circunstancias históricas, tal como as describe Lukács, van condicionar a “vida nacional” e, polo tanto, a cultura e literatura alemás, ao facer que “o atraso económico, social e político do país” determine “positiva e negativamente o rexurdimento peculiar da literatura alemá”. Xurdirá entón o que o pensador húngaro denomina “a gran conexión internacional” da literatura alemá, a través da cal acontecementos coma a Revolución Francesa e o período napoleónico influíron na evolución cultural alemá “case tan profundamente coma a estrutura social interna do país. Todo escritor alemán importante érguese, está claro, sobre o chan da súa propia evolución nacional mais é, ao tempo, contemporáneo, elaborador e ata continuador máis ou menos lúcido, espello intelectual en todo caso, deses acontecementos histórico-universais”.

Polo tanto, a anteriormente descrita “vida nacional” non significou, segundo Lukács, só inconvenientes, senón tamén certas vantaxes “para os grandes poetas e pensadores, no que atingue á evolución da literatura e da filosofía”. A cuestión que se suscita é, entón, a de por que “aquelas circunstancias mesquiñas e filisteas” da época se converteron nunha “vantaxe importante para as formulacións problemáticas audaces, para o atrevido pensar-ata-o-final as respostas atopadas”. Segundo Lukács, a explicación é esta:

“precisamente porque en Alemaña os fundamentos e as consecuencias sociais de certas cuestións teóricas ou poéticas non aparecen inmediatamente na vida práctica; o que produce para o xenio, para a concepción e para a exposición, unha marxe ampla de liberdade, que parece moitas veces limitada, [mais] da que non podían dispoñer os intelectuais contemporáneos das sociedades máis desenvolvidas de occidente.”

Na nosa opinión, a noción de “vida nacional” é expresión da correlación suxeito-obxecto, a partir da cal se elaborou toda a estética moderna; en verbas de Quentin Meillassoux: “a idea seguindo a cal nós soamente temos acceso á correlación do pensamento e do ser e endexamais a un deses termos considerado separadamente do outro” e, en consecuencia, non sería posible falar dunha realidade independente do pensamento e da linguaxe. De aí que, como se apunta na conclusión do artigo que aquí se discute, o obxectivo da reflexión suscitada polo “caso alemán” sería o de elaborar unha arte literaria que parta das regras da razón en tanto que non son límites propios dela pois, como límites continxentes, están impostos polo correlato suxeito-obxecto consagrado na recepción literaria da filosofía transcendental de Kant, que é na que se basea toda a estética literaria moderna. Un dos paradigmas deste correlato pódese localizar, por exemplo, na obra de Marcel Proust, na que o mundo só pode ser intelixible a partir da relación que o suxeito mantén co que o rodea, que sempre se describe desde o punto de vista dese suxeito (perspectivismo), da súa posición no pacto social.

Naturalmente, tal como se insinúa no artigo, isto non quere dicir que se propoña unha volta ao denominado realismo nin ao obxectualismo propugnado por algúns filósofos actuais. O que propoñemos é un comezo para a reflexión sobre a arte literaria a partir do que Lukács denomina “peculiaridades” do caso alemán, que están relacionadas coa historia da formación da nación e da cultura alemá e que poden ser extrapolables á literatura contemporánea dunha “nación en formación” coma a galega. Trataríase, pois, de tirar partido da interesante suxestión do ensaio lukacsiano: superar os “condicionantes” desa “vida nacional” incipiente para elaborar unha reflexión de estética literaria que non se restrinxa á satisfacción dos receptores e que, ao considerar continxentes as regras ditadas polo correlato suxeito-obxecto, deixe de percibir o mundo como unha relación de dominación para, daquela, comezar a pensar nunha arte literaria non recluída nas diferentes formas de produción da subxectividade.