Máquinas de luz
Laboratorio de escritura en vivo
Escritura en vivo con máquinas de escribir, proxección de imaxes analóxicas e sonoplastia. A cargo de Mário Gomes, escritor e tradutor, e Marta Leite, artista visual.
13 de novembro, venres. 18 horas: Obradoiro para as persoas inscritas. 19,30 horas: Performance (entrada libre).
Obradoiro de iniciación e aprendizaxe de técnicas para participar a continuación nunha performance: funcionamento da máquina de escribir, técnicas de desbloqueo da escritura, automatismos textuais, nocións de presenza en escena. Duración: 90 minutos. Participantes na actividade: 6 persoas (previa inscrición gratuíta).
Performance: trátase de converter estímulos audiovisuais (unha proxección de vídeo con banda sonora) en escritura literaria. Dúas persoas escriben durante 10 minutos, ao cabo dos cales len o escrito baixo o estímulo da imaxe e o son. En quendas de 10 minutos cada unha cun total de 3 quendas. Duración prevista: 60 minutos. Asistencia e entrada libre.

Mário Gomes (Bonn, 1978) doutorouse en Estudos Literarios nas universidades de Bonn e Florencia e completou un posdoutoramento en Teoría da Literatura na Universidade de Lisboa. Foi docente en varias universidades, entre elas a Universidade de Bonn, a Universidade Libre de Berlín e a Universidade de Concepción (Chile), onde traballou como lector do Servizo Alemán de Intercambio Académico.
En Berlín foi cofundador do espazo Altes Finanzamt, premiado polo Senado de Berlín como mellor espazo artístico en 2014. A súa primeira novela, Berge, Quallen (en coautoría con Jochen Thermann), publicouse en 2016. A súa segunda novela, Wasserball (2023) contou cunha bolsa do Fondo Alemán de Literatura. Como tradutor, realizou a versión alemá da novela Leñador, de Mike Wilson. A súa tradución para o portugués de A república dos doutos, de Arno Schmidt, foi recoñecida cunha mención de honra pola Sociedade Portuguesa de Autores en 2024.
Marta Leite (Lisboa, 1981) é unha artista visual que traballa coa pintura, a escultura, o téxtil e a arte visual. Investiga as dimensións materiais da creación artística, combinando pigmentos naturais, fibras e procesos experimentais de imaxe e instalación. Formada en Pintura pola Universidade de Lisboa e en Escultura pola Universidade das Artes de Berlín, actualmente realiza un doutoramento en Artes dos Medios na Universidade da Beira Interior (Covilhã, Portugal), onde tamén é investigadora.