Publícase “Mondas”, de Din Matamoro e María Infantes

Álbum ilustrado, novo título da Serie Onocrótalo

Dispoñible xa a través da Internet, nos próximos días hase distribuír nas librerías o novo libro do pintor Din Matamoro. Mondas tamén supón a descuberta dunha autora: María Infantes. Editado por Beatriz Fraga e con deseño gráfico de Juan Gallego, que se incorpora como colaborador de Euseino?, o libro elaborouse a partir dos debuxos naturais do pintor, está impreso en cor e encadernado en tapa dura.

Os debuxos naturais de Din Matamoro están compostos con restos de alimentos —tona de froita, cascas de legumes, peles de cebola—, dese refugallo sen valor artístico aparente xorde inadvertidamente, coa axuda da miarada de quen os contempla, a forma de algo recoñecible, engaiolador e real. A esas figuras familiares, coas que a imaxinación pode xogar dunha maneira creativa e dinámica, María Infantes engádelles un conto rimado no que a asociación de ideas e a sonoridade das verbas fai espertar situacións inesperadas.

Coma na arte povera, os materiais primarios, triviais e supostamente alleos á beleza, recuperan a enerxía, o pracer e a ilusión converténdose en personaxes. Escapan da bolsa do lixo, exploran o chan da cociña, albiscan horizontes e paisaxes, transfórmanse. O que queda do que noutrora foi gorentoso e sabedor ten agora unha vida nova grazas á arte das formas e á forza lúdica das palabras.

Libro para todas as idades, incluídos primeiros lectores, Mondas continúa a Serie Onocrótalo, concibida para achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. A serie publicará álbumes ilustrados concibidos por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos.

Consiga o seu exemplar:

Con tarxeta de crédito – Compra directa

Na internet – A través de Paypal
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

“Lica” no Faro da Cultura

Este xoves pasado, 10 de maio, o Faro da Cultura publicaba unha recensión de Lica, de Beatriz Fraga. Co título de “Eficiente combinación. Un novidoso enfoque”, María Navarro fai unha interpretación crítica pormenorizada do álbum publicado na serie Onocrótalo, do que salienta

“O texto breve e en cores resalta sobre un fondo negro que capta dende o comezo a atención de quen se achega ao volume coa intención de descubrir unha historia […]. Tamén apela á sensualidade e á elegancia como formas de crear e expresar pensamentos e ideas […].”

A crítica analiza a linguaxe plástica na súa relación coa linguaxe escrita mediante a combinación de texto e imaxe, que consegue a adaptación da “idea-contido” de tal xeito que resulte atractiva e novidosa.

“O círculo ofrece a redondez precisa para delimitar un universo que a idades temperás soe ser reducido fisicamente pero quizais moi extenso na imaxinación e que en calquera caso convén ir ampliando pouco a pouco para dar cabida a coñecementos, experiencias, vivencias que han de forxar a personalidade e o carácter dos destinatarios deste libro que Beatriz Fraga […] para amosar a capacidade evocadora da palabra e dos trazos.”

Segundo María Navarro, Lica designa, mediante “harmonía imitativa”, unha realidade extralingüística moi substanciosa, facéndoo cun efoque novidoso e moi interesante.

 

Lica xoga coa sorpresa dende o comezo. Chama á porta, anuncia a súa chegada e establece un diálogo visual e verbal co lector propoñéndolle unha sorte de enigmas que convidan a pensar e reflexionar, a investigar e aventurar respostas que se revelan marabillosas por inesperadas.

SaveSave

Unha adiviña feita de imaxes. Publícase “Lica”, de Beatriz Fraga

Álbum ilustrado que inicia a Serie Onocrótalo

Dispoñible xa a través da Internet, nos próximos días hase distribuír nas librerías o novo libro de Beatriz Fraga, un álbum ilustrado en cor e editado en tapa dura. A historia de Lica está contada empregando recursos plásticos coma as cores básicas, as liñas e as figuras xeométricas elementais. Con sinxeleza de páxina e recursos textuais directos, a autora sérvese da sorpresa e a admiración perante a arte para provocar a reflexión, estimular o pensamento e o pracer dos sentidos.

Cun orixinal fondo de páxina negro sobre o que destacan as cores, as súas ilustracións están inspiradas na arte abstracta para, nunha composición dinámica, salientar as formas, as liñas e os puntos co mesmo senso lúdico e táctil dos móbiles do escultor Alexander Calder. Coma se dunha adiviña feita de imaxes se tratase, o libro convida a descubrir figuras que recrean o mundo a través dos seus elementos básicos, axudando a afastarse dos estereotipos asociados ás cores para observar dunha maneira diferente o que nos rodea.

Páxina a páxina, nun xogo con quen le, a personaxe protagonista adquire movemento a través da combinación das formas. O aspecto lúdico dos móbiles do escultor Alexander Calder, con figuras suspendidas en arames que se balancean co vento, e os cadros de Kazimir Malevich, nos que as cores básicas dan forma ao mundo, serven de inspiración para a creación destas ilustracións. Un libro que combina os elementos iconográficos e textuais cunha carga visual que enfatiza o valor da descuberta e a capacidade de abstracción.

Libro para todas as idades, incluídos primeiros lectores, Lica inicia a Serie Onocrótalo, concibida para achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. A serie publicará álbumes ilustrados concibidos por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos.

 

Consiga o seu exemplar:

Con tarxeta de crédito – Compra directa

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

Cita

Prosa mítica

No seu blogue Criticalia, o crítico literario Armando Requeixo publica unha recensión de  O Rei Portador e outras historias, o libro de relatos de Beatriz Fraga publicado por Euseino? Editores. Incluímos a seguir unha cita da recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na palabra Criticalia.

En efecto, nestas páxinas de Fraga importa tanto o detalle miúdo do que se conta coma as grandes heroicidades e proezas que se refiren, o que explica esa súa prosa de recender poético e evocación oralizada na que todo transcorre como se nun conto marabilloso estiveramos.

Seguramente a isto último (a crear esa atmosfera envolvente que aerosoliza cada historia) contribúan tamén as coloristas e delicadas ilustracións coas que a propia autora viste estes contos, evocadoras transposicións visuais dun territorio creativo que engada sen solución.

Armando Requeixo, Criticalia