Publícase o ensaio de Quentin Meillassoux sobre Mallarmé

En acceso aberto e dous formatos —PDF e libro electrónico— Euseino? Editores publica Un Coup de dés, ou a divinización materialista da hipótese, de Quentin Meillassoux, libro no que se recolle unha conferencia pronunciada polo autor de Tempo sen devir o día 6 de maio de 2012 na Miguel Abreu Gallery de Nova York.

O poema de Stéphane Mallarmé “Un Coup de dés jamais n’abolira le hasard” constitúe se cadra a ruptura máis radical na historia da poesía moderna. O libro de Meillassoux proponse resolver o enigma deste poema inaugural, que intenta refundar unha poesía capaz de unir o verso libre radicalizado e o verso medido renovado. ¿Cal  é o senso do número oculto no que repousa o conxunto do poema? Mallarmé agachou ese Número baixo un código secreto introducido en “Un Coup de dés” como a chave que abre o dispositivo da Poesía Moderna.

Estudo literario minucioso, investigación ateigada de intriga e, finalmente, tamén hipótese filosófica que ha cambiar a nosa concepción da literatura e do mundo, este ensaio de Quentin Meillassoux expón dunha maneira sintética e accesible o obxectivo do seu proxecto teórico: “Un Coup de dés” como o meirande poema consagrado ao Azar eterno e ao papel do ser humano —e especificamente do poeta, no caso de Mallarmé— fronte a ese absoluto sombrizo no que se recoñecen os modernos. O que abraia na obra do poeta é que a súa relación cun Azar entendido como insuperable non o fai renunciar á esperanza do divino dunha forma completamente orixinal: cun xesto que é plenamente materialista pois o materialismo non é un ateísmo, “o materialismo non consiste en negar os deuses senón en materializalos”.

 

Acceda á descarga gratuíta na ligazón:

Un Coup de dés, por Quentin Meillassoux

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

“Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor”: 2ª edición corrixida

Logo da publicación en edición dixital (PDF) dos Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor en Arquitectura e Artes Decorativas, de Owen Jones, atopamos algúns erros tipográficos e lingüísticos que corriximos nesta segunda edición non venal do libro que as lectoras e os lectores poden descargar gratuitamente na ligazón seguinte:

Principios xerais (2ª ed.)

Pregamos que o lector ou a lectora non se deixe levar pola aparencia do texto, pola fomalidade das proposicións escritas por Owen Jones, e estea atento ao que as proposicións din. Cómpre ler o texto, non deixar que a lectura se enfoque soamente no contexto: o ornamento é unha linguaxe, non un aparentar.

O interese filosófico polas cores ten relación coa percepción e coas súas consecuencias metafísicas, que atinguen ao vencello entre a realidade física (physis) e a mental (os eíde). Isto é, en que medida a cor forma parte dunha realidade mental independente (linguaxe) ou depende da experiencia sensible. O corolario da percepción das cores ten, daquela, unha importancia considerable para a epistemoloxía.

Malia que os primeiros estudos sobre a cor aparecen nos escritos do arquitecto Leone Battista Alberti (c. 1435) e nos cadernos de notas de Leonardo da Vinci (c. 1490), a “teoría das cores” elabórase fundamentalmente no século XVIII arredor da controvertida obra de Isaac Newton titulada Opticks (1704) e arredor tamén da natureza das chamadas cores primarias.

394px-Goethe,_Farbenkreis_zur_Symbolisierung_des_menschlichen_Geistes-_und_Seelenlebens,_1809  Chevreul / Eugène / 1786-1889 / 0070. Cercles chromatiques de M

A teoría das cores formulouse orixinalmente a partir de tres cores “primarias” ou “primitivas” (vermello, amarelo e azul), xa que coa mestura desas cores se cría posible obter todas as outras. As cores primarias constitúen, daquela, o alicerce das teorías da visión da cor elaboradas durante o século XVIII do mesmo xeito ca as calidades sensibles estaban presentes na percepción de todas as cores e igualmente na combinación de pigmentos e tinturas. De por parte, as investigacións desenvolvidas durante o século XVIII introduciron a variante dos efectos puramente psicolóxicos da cor, especialmente a do contraste da cor “complementaria” e a da oposición dos matices ou tons producidos polas imaxes remanentes (ilusión óptica que continúa a aparecer despois de que a exposición do orixinal xa rematou) e mais a causada polo contraste das sombras na luz coloreada.

As devanditas consideracións e outras observacións inclúense en dúas das obras precursoras da teoría das cores: Zur Farbenlehre (“Teoría das cores”) (1810), do escritor Johann Wolfgang Goethe e De la loi du contraste simultané des couleurs (“Da lei dos contrastes simultáneos de cor”) (1839), do químico Michel-Eugène Chevreul.

A obra de Owen Jones recolle e desenvolve este conxunto de ideas aplicándoas ás Artes Decorativas precisamente no momoento en que estas comezan a ser consideradas como parte da cultura e non só como unha técnica.

A arte do ornamento

Owen Jones (Londres, 1809 – 1874), arquitecto de orixe e cultura galesas, foi un dos teóricos das Artes Decorativas máis influentes do século XIX. Precursor da teoría moderna da cor, as súas ideas sobre os patróns planos e a ornamentación aínda resoan no pensamento de hogano.

Euseino? Editores quere ofrecer a lectoras e lectores, en edición non venal e como agasallo, a tradución para o galego dos “Principios xerais para o axeitamento da forma e da cor en Arquitectura e Artes Decorativas, consonte se defende ao longo desta obra”, un extracto de Gramática do ornamento, a obra mestra de Owen Jones.

Segundo explica Alberta Costa na “Noticia do autor” coa que se inicia esta versión galega:

“O ornamento, ao ser considerado como linguaxe, presenta morfoloxía e sintaxe propias, constituíndo unha unidade expresiva. A morfoloxía ornamental ocúpase así do estudo da estrutura de cada motivo decorativo, ao que considera de xeito autónomo. A ornamentación é concibida como un conxunto de regras que dan lugar a un patrón (pattern). Nesta especie de enciclopedia visual, Jones establece trinta e sete principios que organizan a forma e cor na Arquitectura e nas Artes Decorativas. Estos principios preceden os 20 capítulos que exploran a gramática do ornamento.”

Para descargar o libro en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Principios xerais-Owen Jones

Cuberta-Sombra-peq