Autoridade e música poética, e 2

Neste artigo, continuamos e rematamos o publicado anteriormente en Autoridade e música poética, 1. Desta volta, concentrando a nosa lectura do ensaio “Sounding Auden”, de Seamus Heaney, na relación de W. H. Auden co modernismo, unha relación que, malia os puntos de contacto, acaba por ser unha crítica, e noutra parella fundamental: arte e vida. Para rematar na poesía como representación do vencello entre Forma e xustiza.

Auden e os modernistas

Nos seus gustos literarios e nas súas fontes, Auden non é un ecléctico nin, segundo Heaney, busca compensar unha posición de exiliado nin de antagonista. Así e todo, ten unha considerable intuición do inestable refuxio que a tradición inglesa lle ofrece e, mentres a aprecia dun xeito espontáneo tamén sente grande inclinación a desfacerse dela. Nesa incomodidade, que non inadaptación, reside o seu vencello co modernismo literario anglosaxón.

A súa admiración pola obra de T. S. Eliot, polos comezos repentinos dos seus poemas, non amosa na de Auden unha equivalencia, non comparte a mesma “abrupta falta de familiaridade” coa materia poética. Eliot, engade Heaney no seu artigo, “leva o poema fóra da corrente rítmica esperada; as palabras navegan relativamente sen pexas cara a un acadable destino sintáctico, escénico ou narrativo”. Pola contra, para Auden a liberdade está en xogar co ritmo que a linguaxe fornece, ou en alteralo mais sempre para propoñer outro, non para destruílo. Ese é o senso no que a poesía de Auden é unha defensa da materialidade da linguaxe, á que o poeta non se opón coas ideas, unha defensa do mundano fronte á posición nihilista do modernismo, que posúe un impulso nidiamente ultramundano e soteriolóxico.

Mais Auden tamén é o poeta que escribe pasaxes nos que se enfronta a imperativos coma o staccato desta estrofa:

Estraño, ti volve ao lar orgulloso da mocidade almacenada;
outra vez, estraño, regresa frustrado e aldraxado:
este país, illado, non se vai comunicar,
non ten alegría accesoria para un
desnortado que busca rostros aquí e acolá. Focos
do teu coche poden cruzar a parede do dormitorio,
espertar os que non dormen; podes oír o vento
que chega desde o ignorante mar
para mancarse contra o cristal, contra a codia do olmo
onde a seiva se eleva segura sendo primavera;
case nunca é así. Preto de ti, máis alta ca a herba,
equilibrio da espiga antes da decisión, recendo de perigo.
                                              [“A divisoria de augas”, trad. de Carlos Lema]

Afastarse da vida

A diferenza que existe entre Auden e modernistas coma Eliot consiste en que o autor da New Year Letter pon en práctica unha resistencia ás expectativas do lector que, na súa opacidade, non desbota totalmente o pracer, facendo da lectura unha aceptación da escuridade implícita nela incluso cando, coma no modernismo, é intencionada. Auden representa á perfección, tal como argumenta Heaney, “o implacable testemuño da distancia que separa a arte da vida. O que non quere dicir que non haxa relación entre arte e vida” senón que o poeta debe insistir en que esa abertura existe.

“Un poema aboia adxacente, en paralelo, ao momento histórico. O que nos pasa aos lectores cando nos encontramos cun poema depende do tipo de relación que este amose coa nosa vida histórica. Moi a miúdo, esa relación é conciliatoria e paliativa, e o poema agarima no canto de provocar arrepío no noso senso do que supón unha experiencia da vida. O poema usual conserva a fe na maneira en que falamos nun xantar, aínda máis, no xeito en que oímos como outros poemas nos falaron antes.”

Pola contra, a literatura modernista non asume a súa función como representación literaria porque pretende a autonomía da arte, a súa separación definitiva da vida, sen dar aceptado que a arte é a formalización da vida, a súa produción como tal vida, isto é, como representación sen esencia. Como obxecto.

De aí xorde, desde o noso punto de vista, o escepticismo prenihilista do modernismo como “a sense of possible consolation”, como fármaco literario do que ao tempo o propio modernismo desconfía xa que o obxecto modernista pretende independizarse da súa vida, da cousa dentro da que está: o ser humano. A literatura modernista pretende situar o poema dentro do poema, excluíndo a vida como representación. A autonomía do poema é o axente dun nihilismo que rexeita a súa cura:

“Iso exemplifica o efecto hímnico da poesía, a súa acción como disolvente da diferenza [entre vida e poesía] e, na medida en que opera dese modo, a poesía funciona para producir unha sensación de carecer de lar e de atoparse fronte á verdade do mundo. O poema individual pode tratar de momentos de angustia coma a morte, dunha guerra civil ou do recoñecemento da tristeza provocado pola traizón entre amantes: mais, conforme o canto cadra coas expectativas anticipadas polo noso oído e a nosa natureza, segundo se rexeite ou se acepte o desexo só para logo sufrir unha decepción, daquela o efecto do poema será ofrecer unha especie de posible consolo. Se cadra por ese motivo é polo que Auden se amosa tan susceptible co delicioso poder de arrepiar que ten a poesía e nos advirta constantemente en contra del. ‘Canto máis poesía é a poesía, igual ca as outras artes, pódese dicir que ten un propósito ulterior, isto é, dicir a verdade para desencantar e desintoxicar’.”

Vida plena como poesía, non poesía como vida plena

Para evitar o consenso e o apousentamento do significado que a audiencia apreixa coma se collese unha manta para abrigarse e, pola contra, para ser grotesco, arrichado, contrario a refrear o pulo da imprudencia, para provocar alporizamentos, cómpre asediar a audiencia cun estado de vixilancia permanente, iso mesmo que Javier Gomá Lanzón denomina “filosofía da sospeita”. Segundo escribe Heaney no ensaio que continuamos a glosar aquí, todo iso non soamente pode ser permisible senón que pode ser necesario se a poesía se quere manter dentro dunha vida plena. “Por iso, como digo, agora estou disposto a prestar atención, sen ansiedade, a eses estraños e imparafraseables retrousos das obras temperás [de Auden]”.

A lírica, engade Heaney, obviamente non significa caer no acostumado consenso da fala, tampouco se trata de arelar a simulación da normalidade emocional e lingüística dun ser humano que fala para o resto dos seres humanos; pola contra, trátase de presentar unha “cousa nova” que permaneza, como se suxeriu antes, adxacente e en paralelo á experiencia da vida mais que, malia a perfecta simpatía cos que viven tal experiencia, non desexa vivir entre eles.

Isto é, a mesma vida necesita do disenso para representarse como tal a través da arte. Para ser vida, a vida pódese transformar en poesía, logo en representación; non a poesía converterse en vida, posición esta última que mantén o modernismo transcendente, non materialista.

Resposta a “Orfeo”

Menciona Heaney o libro de ensaios de Joseph Brodsky titulado Less than One, no que o poeta ruso confirma definitivamente a capacidade de Auden para subxugar os medios poéticos tradicionais aos propios obxectivos, esa súa combinación de rima, metro, vocabulario e alusións. Brodsky recoñece que ese asombroso elemento da poesía de Auden é o prezo que ten que pagar unha arte por estar tan fielmente emparellada co desencanto e a desintoxicación. A condición á que se ve impelida non soamente por estar baixo a lei senón por conservar unha lingua civil é a de certa diminución da autonomía da linguaxe, “un adestramento que non é censura dos seus impulsos menos domesticados”.

Hai dous poemas de Auden que se refiren especialmente a ese “estar baixo a lei”, a esa “lei oculta” que Anthony Hecht sitúa entre os temas fundamentais da súa obra:

“o que Auden chama ‘lei oculta’ é a que goberna a existencia humana: unha forza estrita e represiva, semellante á xustiza poética, que dá forma á nosa mellor literatura e configura a nosa sorte persoal.”

Eses dous poemas son “The Hidden Law” (“A lei oculta”) e “Law Like Love” (“Na lei coma no amor”). [Pódese acceder á tradución dos poemas na ligazón: Dous poemas de Auden.]

Por outra banda, a extraordinaria biografía do poeta escrita por Humphrey Carpenter recolle o seguinte testemuño dun compañeiro de Auden na universidade: “O xeito de recitar de Auden, plano, non emocional e bastante ‘pouco poético’, mergullaba o significado intelectual baixo o nivel horizontal da liña de palabras”.

No mesmo libro, Carpenter tamén cita unha declaración do poeta que é ilustrativa ao respecto da importancia da codia da lingua, da meterialidade lingüística do verso e do seu vencello coa idea de forma:

“Non emprego ningunha cor en absoluto. Só a forma… A poesía faise con imaxes da forma. Téñolle xenreira aos solpores e ás flores. E non aturo o mar. O mar non ten forma…”

Nese senso, lembramos aquí unhas verbas do filósofo Wilfrid Sellars, para quen “o material bruto do mundo do corpo. Ese tampouco está feito. Chega a ser de maneira espontánea, sen deseño previo. Non hai, polo tanto, modelos, aínda que haxa Formas, dos poderes do elemental.” A relación entre a xustiza e a lei, a lei non formulada á que se refiren os poemas de Auden antes citados, lévanos a pensar que o xusto é aquilo que máis se aproxima á Forma en tanto que esta realiza o máximo grao da súa natureza (materia) ao esforzarse en existir como tal. A Forma é o que persevera na existencia, logo a poesía aproxímanos a ela, á xustiza.

Unha resposta á pregunta feita no poema “Orfeo” [calcar no título para acceder á tradución do poema] inclínase a dicir que o canto aspira sobre todo ao “coñecemento da vida” e desbota a outra opción de “Quedar engaiolado e ser feliz,”. Levando esta resposta a outro nivel, Auden ao cabo preferiría a vida como algo resumido na palabra “rico” en troques da vida como algo “estraño”, unha preferencia que segundo Seamus Heaney é perfectamente comprensible se se considera a poesía como un impulso constante “dirixido polo proxecto racional de situar a humanidade dentro dunha seguridade cósmica”.

 

Bibliografía

Auden, W. H., Collected Poems, edición de Edward Mendelson, Nova York: The Modern Library, 2007.

————, “Dous poemas de W. H. Auden”, tradución de Carlos Lema, https://euseino.org/dous-poemas-de-w-h-auden/.

Carpenter, Humphrey, W. H. Auden: A Biography, Londres: Faber & Faber, edición electrónica, s/d.

Heaney, Seamus, “Sounding Auden”, London Review of Books, vol. 9, nº 11, 4 de xuño de 1987.

Hecht, Anthony, The Hidden Law. The Poetry of W. H. Auden, Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press, 1993.

Sellars, Wilfrid, “The Soul as Craftsman: an Interpretation of Plato on the Good” in Philosophical Perspectives (Springfield, Illinois: Charles C. Thomas, Publisher, 1967; reimpreso en dous vols. por Ridgeview Publishing Co.): Part. 1: Hisory of Philosophy, pp. 5-22. Transcrito ao hipertexto por Andrew Chrucky, 30 de xullo de 2004. En euseino.org:  “Alma e representación”.

 

Autoridade e música poética, 1

Oíndo Auden segundo Seamus Heaney

En 1987, o poeta Seamus Heaney publicou o artigo “Sounding Auden” na London Review of Books. A revista recuperou hai pouco este ensaio no que Heaney explora a relación entre o tipo de autoridade poética que W. H. Auden buscaba e logrou e o que se pode describir como a súa música poética. Un asunto que nos parece de importancia abonda na situación actual do xénero poético como para deternos a glosalo aquí. Dado que consideramos necesaria unha defensa da concepción da poesía como representación, o papel dos elementos sonoros na poesía e o seu efecto resulta fundamental. A poesía na súa materialidade, como representación ligada aos esforzos relacionados coa eufonía e a eurritmia, ou coa súa buscada ausencia, coa orde das palabras, co ton, a altura e o nivel da dicción. As anáforas, as aliteracións e a literalidade da poesía. Mesmo no nivel mínimo da articulación fónica, a poesía é algo material.

Por “autoridade poética”, Heaney entende os dereitos e o peso engadido a unha voz non soamente pola súa relación coa verdade do dito senón tamén como unha virtude da súa tonalidade. Un tipo de oscilación sonora que consegue chegar á fondura auditiva e, a través dela, a “outras partes da nosa mente e natureza”. Por música poética hanse entender os maiores ou menores efectos de linguaxe describibles e a forma pola que se consegue e se mantén unha tonalidade determinada.

Son e experiencia

A poesía pódese considerar, fundamentalmente, unha cuestión de son e do poder do son para vencellar a mente e as percepcións do corpo dentro dunha complexidade acústica. Por outra banda, segundo Heaney, a poesía tamén é unha cuestión de lograr significados apropiados e verdadeiros que acaden o asentimento mediante a disposición e interrogación da experiencia:

“De feito, moitos poemas —incluídos os de Auden— constitúen unha irredutibilidade temporal contra a confusión debida á inclinación da mente a aceptar ambas as concepcións da función da poesía malia a súa potencial e mutua exclusividade.”

Desa maneira, Heaney enuncia un dos dilemas meirandes da obra de Auden, o da relación entre poesía e verdade. Dilema que atravesa gran parte da literatura moderna cando menos desde Goethe. Da relación entre poesía e verdade trata o poema “Orfeo” e un dos seus antecedentes, “A escolla”, de W. B. Yeats.

A argumentación que emprega Auden para distanciar poesía e experiencia baséase precisamente no material poético sonoro:

“[…] os elementos do poema que non se orientan á experiencia verbal son traducibles ata certo punto: as imaxes, por exemplo, os símiles e as metáforas, que xorden da experiencia sensorial.”

Mais “non se poden traducir o son das palabras nin as súas relacións rítmicas e todos os significados e asociacións que dependen do son, coma as rimas e xogos de palabras”. (W. H. Auden, El arte de leer)

Beleza e verdade

Tamén afirma que “Queremos que un poema sexa fermoso, é dicir, un paraíso terrenal verbal, un mundo atemporal de puro xogo que nos dea pracer precisamente polo seu contraste coa nosa existencia histórica.” Iso que queremos, abofé, se é completamente indulxente, levaría a poesía á autodecepción —de aí o contravalor entre verdade e beleza. Por ese motivo, Auden engade que “un poeta non nos pode achegar unha verdade sen introducir na súa poesía o problemático, o doloroso, o caótico, o laido”.

Senso e son

Pola súa banda, Heaney faise a pregunta de como responder á cuestión do valor da poesía en xeral e da poesía de Auden en particular. O valor da poesía ten que ver cos valores relativos que vencellan o senso do poético e o son do poema. Ten que ver con como imos responder a pregunta que o propio Auden se fai no seu breve poema “Orfeo”:

“¿Que agarda o canto?” “¿Quedar engaiolado e ser feliz, / Ou, sobre todo, saber que é a vida?”

A insatisfactoria solución que dá Auden a semellante dilema, a famosa corrección que fixo do último verso da penúltima estrofa de “September 1, 1939” que di “We must love one another or die,” [Debemos amar os outros ou morrer,], cambiando “or” [ou] por “and” [e], pódenos suxerir unha resposta rápida: o canto espera ser “feliz” e posuír o coñecemento da vida. Mais, segundo Heaney, chegar a esa a conclusión dun xeito rápido e simplista furtaríanos o pracer de inquirir na fábrica da poesía mesma.

A orixinal voz de Auden non se pode predicir porque é absolutamente axeitada:

“O que dificulta que o poeta non minta é que, en poesía, os feitos e as conviccións deixan de ser verdadeiros ou falsos e se converten en posibilidades interesantes. O lector non ten por que compartir o que se di nun poema para gozar del; consciente diso, o poeta séntese constantemente tentado a utilizar unha idea ou unha crenza, non porque a considere certa senón porque percibe nela posibilidades poéticas interesantes. Se cadra nin sequera sexa necesario que crea de verdade nesa idea […]” (W. H. Auden, El arte de leer)

Promesas ilusorias

Ao cabo, a súa obra representa aquilo no que a súa perspicacia insistiu desde o comezo: a necesidade de escapar do habitual, de fuxir do dado, sobre todo, esa insistencia na necesidade dos actos de autoliberación cando están expostos á unha promesa ilusoria e definitiva.

Os poetas cun firme senso de si mesmos e da súa arte reaccionaron no pasado equilibrando a presión de xeitos variados: con terapéuticos ensaios autobiográficos coma “The Prelude”, de William Wordsworth, ou “In Memoriam”, de Alfred Tennyson; con lamentos meditativos coma “Dover Beach”, de Matthew Arnold; cunha proxección do glamour revolucionario do eu en “Ode to the West Wind”, de Percy Bysshe Shelley, ou cunha procesión da súa petrucia autonomía en “The Tower” [“A torre”, de W. B. Yeats; existe tradución galega inédita de Carlos Lema.].

Auden, segundo Heaney, soa dun xeito parecido ao resultado de consultar un índice de motivos. O rat-a-tá-tá  do movemento dos poemas de Auden, a semiprofesoral expectación coa que manexa unha alusión á fuxidía mudanza do ceo en Horacio sen convertela en algo premeditado, a maneira de falar sen utilizar un contexto que pretenda ser oracular, a ascensión gradual a un ton lixeiro referíndose a unha ocasión solemne… todo iso provén da intelixencia estratéxica de Auden, unha mostra pequena de como chega a controlar a materia poética.

 

Bibliografía

Auden, W. H., Collected Poems, edición de Edward Mendelson, Nova York: The Modern Library, 2007.

————, El arte de leer. Ensayos literarios, edición de Andreu Jaume, tradución de Juan Antonio Montiel, Barcelona: Lumen, 2013.

Auden, W. H., e Yeats, W. B., “”Orfeo”, de W. H. Auden, e “A escolla”, de W. B. Yeats”, tradución de Carlos Lema, https://euseino.org/orfeo-e-a-escolla.

Heaney, Seamus, “Sounding Auden”, London Review of Books, vol. 9, nº 11, 4 de xuño de 1987.

 

[Este artigo ha continuar proximamente nunha segunda entrega en euseino.org.]