Caleidoscopio dos contos, 14

O pintor, escultor e ilustrador escocés Joseph Noel Paton (1821-1901) foi o primeiro artista en presentar un cadro con tema feérico para o seu ingreso na Royal Academy.

Noel Paton entrou como estudante na Royal Academy Schools en 1843, alí coñeceu o pintor e ilustrador John Everett Millais e a Holman Hunt, fundadores da Irmandade Prerrafaelita. Aínda que nunca formou parte deste grupo de pintores e escritores, Noel Paton foi un dos grandes estudosos e admiradores do movemento.

Paton-The-Quarrel-of-Oberon-and-Titania2

Os cadros máis representativos de Joseph Noel Paton son A reconciliación de Oberón e Titania (1847), baseada na obra de Shakespeare O soño dunha noite de San Xoán, concretamente no cuarto acto da escena primeira, e A discusión de Oberón e Titania (1846). A intención do pintor con estas obras era a de amosar e suxerir ao público unha relación artística coas achegas do pintor Henry Fuseli. O punto en común dos cadros de Paton cos do artista suízo está asemade na narrativa central e nos pormenores periféricos. Con todo, a súa obra tamén ten influencias do pintor e ilustrador Daniel Maclise e de Richard Dadd, especialmente á hora de elaborar intrincados patróns na superficie do lenzo.

A discusión de Oberón e Titania cativou a  Charles Lutwidge Dodgson, máis coñecido como Lewis Carroll, o autor de Alicia no país das Marabillas, pola profusión de pormenores, concretamente polas 165 fadas que segundo el aparecen no cadro.

Na súa obra, Noel Paton reúne tradicións do folclore escocés e xestas heroicas mitolóxicas co fin de atraer a atención do espectador. A recuperación da cultura dos devanceiros tiña, naquel momento, considerable importancia, tal como amosa tamén a obra de escritores coma Andrew Lang (1844-1912). O autor da Princesa Ninguén, partidario da polixénese dos relatos da tradición oral, afirmaba que se podían atopar paralelismos entre a sociedade daquel momento e os elementos que sobreviviran no folclore europeo procedentes de períodos anteriores.

Ademais, realiza tamén un importante labor como ilustrador en libros como o conto de fadas The Water-Babies, de Charles Kingsley, publicado en 1863, para o que debuxa un frontispicio e outra ilustración, e no poema de Samuel Taylor Coleridge, The Rime of the Ancient Mariner, ilustrado por el na edición de 1893.

Destacado anticuario e coleccionista, axudouse dos seus coñecementos para facer debuxos moi pormenorizados para a obra do escritor escocés William Edmondstoune Aytoun, Lays of the Scottish Cavaliers and Other Poems, publicada no ano 1870. Joseph e o seu irmán máis novo, Waller Paton, asinan as ilustracións. A obra titulada National Shakespeare: a fac-simile of the text of the first folio of 1623 (volume 1) tamén está ilustrada por el.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s