Alma e representación, 1

Glosas a “A alma como artesá” de Wilfrid Sellars

O ensaio “The Soul as Craftsman: an Interpretation of Plato on the Good”(“A alma como artesá: unha interpretación do Bo en Platón”) é o texto da conferencia pronunciada por Wilfrid Sellars na Bicentenial Lecture in Classics and Philosophy da Universidade de Brown en febreiro de 1962.

A obra de Sellars, considerado un dos grandes filósofos norteamericanos do século XX, está dedicada a formular un realismo naturalista e orientado cientificamente co obxectivo de “salvar as aparencias”, un xogo de palabras no que, efectivamente, se trata de que o aparente conserve categoría de cousa. Sellars, coñecido pola súa distinción entre “imaxe manifesta” e “imaxe científica” do mundo, pensa que a descrición aperspectivista que a ciencia fai do mundo empírico é a medida da realidade mais tamén defende que os conceptos elaborados desde a perspectiva do suxeito fan posible a acción. Iso é o que denomina “visión estereoscópica”, na que as fontes descritivas da ciencia están unidas coa linguaxe do individual e a das intencións comúns.

Segundo o seu autor, o obxectivo de “The Soul as Craftsman” é esbozar unha interpretación da idea do Bo que, nos diálogos serodios de Platón, seica cumpre as coñecidas promesas feitas no Libro VI da República.

Na República, a alma sensu lato parece identificarse coa Cidade, sobre a que se fai un estudo para detectar as súas virtudes e os seus vicios tal como aparecen na alma individual.

Mentres que no Timeo, mediante a figura do Artesán que fai o mundo, Platón analiza a estrutura metafísica dun mundo nunca antes existente. Sellars puntualiza que está convencido de que sería un erro desastroso que a habelencia do artesán sexa relegada a ser unha ficción e non se recoñeza como un feito fundamental da estrutura metafísica que esa mesma ficción está destinada a iluminar.

Nunha palabra, a ficción é un recurso retórico mais iso non anula nin mingua a súa importancia no mundo do que tamén forma parte. Velaí unha aproximación á idea de representación e á de aparencia manifesta.

Segmento do macrocosmos amosando as esferas elementais da terra, aqua (auga), aer (aire), e ignis (lume), por Robert Fludd, 1617

Ese artesán que no Timeo contempla un modelo eterno é quen fai un mundo físico para o único animal racional. O corpo dese Mundo Animal está elaborado a partir dun material bruto consistente nun “parecido” con determinadas formas físicas elementais; esa “similitude” aparece espontaneamente no “Receptáculo”, iso que, para o que a nós nos interesa, é o Espazo. Así e todo,

o Mundo Animal posúe ao mesmo tempo corpo coma alma; o Modelo a partir do cal está feito xoga un rol específico como modelo soamente en conexión co facedor do corpo do mundo.

Sorprende que no Fedón, o diálogo predecesor, “O Vivo en-si sexa a Forma da alma (psykhé) e só a alma“. Neste diálogo, a alma non está presente como corpo que a fai vivir senón que vive por si mesma. Abofé que existen cousas vivas primarias mais os corpos vivos están vivos soamente dun xeito derivado, “en virtude de ter no seu interior unha cousa viva propia, un animal auténtico”.

Desde ese punto de vista, o Mundo Animal verdadeiro sería o Mundo da Alma.

Este enunciado parece describir, ou anunciar, a correlación mundo-pensamento propia do correlacionismo moderno, na que só existe aquilo que está contido na alma, aquilo que é percibido polo pensamento.

O Timeo, abofé, conta que o Mundo da Alma é algo elaborado e que a súa elaboración cómpre tomala en serio porque corresponde a un Modelo. O que importa é que, na longa e complicada historia na que se conta a elaboración desa Alma, curiosamente “non se fai referencia a que o Artesán Divino contemple un modelo a partir do cal a elabore. Iso, espero que quede claro, non é un accidente”.

Cómpre ter en conta, como explica Sellars, que os materiais dos que está feita a alma seguramente se deban entender como propios dunha elaboración metafórica. Podería darse unha elaboración de algo parecido ao corpo do mundo sen partículas de terra, aire, lume e auga. Non se podería dar unha cousa semellante a unha alma fóra do Ser, da Similitude e da Diferenza que pertencen á aparencia física. A lista de ingredientes dos que está feita a alma está relacionada coa habelencia da alma para coñecer, ou acceder, aos modelos eternos e para gobernar así a aparencia física.

Parécenos fundamental esta interpretación, na que a representación está ligada aos modelos, isto é, aos a priori. A alma ten unha relación privilexiada coa forma das cousas e esa relación exprésase na aparencia, é dicir, na aparición dunha cousa nun mundo onde adquire senso, ou niso que Markus Gabriel denomina campo de senso obxectual.

Segundo a nosa hipótese, a almapsykhé— é a representación do obxecto cando esa representación se fai consubstancial ao obxecto que representa. Como tal representación é, daquela, continxente, non eterna nin necesaria. Esa mesma continxencia é a que dota a psykhé de posibilidade de elevación fóra do tempo, no sublime onde o Caos organiza a posible xustiza divina: a virtualidade de que a alma dos obxectos poida permanecer no seu senso, ou poida volvelo a adquirir mediante a súa presenza nun campo obxectual formado polas representacións sublimes da materia, polas psykhés todas.

Pois o sublime, cómpre lembralo, é o que fai presente a posibilidade da destrución e, polo tanto, o que fai tomar unha posición con respecto á continxencia.

Pola súa banda, Sellars pregúntase: “Se o mundo da alma está sen facer, ¿o seu facedor non tería que ser unha ficción?”. O que concorda con que, tanto no Sofista coma no Timeo (30B), Platón subliñe que onde hai intelixencia, ten que haber alma. Logo, engadimos, o que está aquí implícito é a representación, xa que “ao cabo, a nivel cósmico hai unha alma sen facer”. De aí que en “A alma como artesá” se acabe por identificar o Artesán Divino co Mundo da Alma:

Se o Mundo da Alma é algo sen facer, non é necesario Artesán ningún para facelo.

Isto dá pé a que se poidan facer moitas afirmacións controvertidas e especulativas, polo que o primeiro que cómpre destacar é que “dicir que a alma non está feita [que non está acabada], non implica que non haxa unha Idea ou unha Forma da alma. O único que implica, sensu stricto, é que non hai un modelo de alma.

As cousas están feitas a partir dun modelo, o que tamén é verdade para a aparencia física no que atingue “ao seu carácter como materia bruta suposta do mundo do corpo, que tampouco está feito e que semella aparecer espontaneamente, sen deseño previo; están feitas segundo un modelo aínda que haxa unha materia bruta por deseñar. Ao cabo, así e todo, non hai modelos dos poderes elementais aínda que si haxa Formas”.

O mesmo tamén é verdade para a alma mais con esta diferenza: a aparencia física, considerada de maneira abstracta respecto de toda elaboración e de calquera tipo de artesanía, é heracliteana no seu carácter. Éo no seu incesante aparecer na existencia (existir, segundo Gabriel é aparecer nun campo de senso), ou no seu acceder á aparencia, e tamén no seu incesante ser, ou no seu incesante aparecer.

As almas, ao non estar feitas [por alguén], teñen no cambio a súa identidade xenuína.

Son imperecedoiras xa que non teñen principio nin final. “E o Mundo da Alma, en si mesmo unha aparencia de eternidade en movemento, fai posible a imaxe de eternidade en movemento que é o Tempo“.

Aínda que non están feitas dunha materia bruta máis básica, as almas son en si mesmas a materia bruta da artesanía. As almas non están simplemente feitas senón que as almas están feitas para o bo (e para o malo).

Como vimos, hai unha Forma mais non un Modelo de alma.

Dito doutro xeito, hai un Modelo de alma boa, que é “a chave do Modelo no Reino das Formas do que proceden os modelos que se realizan na orde temporal”. Para Sellars, a alma confróntase con dous tipos básicos de material bruto: a aparencia física e a alma en si. A partir de aquí, son os Modelos os que prefiguran a maneira en que se elabora o material bruto. “A alma (na súa potencia e na súa propensión) é en si material bruto xa que é un elemento esencial da concepción platónica dunha arte ou oficio de vivir, un asunto esencial e frecuente nos diálogos éticos.”

 

Bibliografía

Sellars, Wilfrid, “The Soul as Craftsman: an Interpretation of Plato on the Good” in Philosophical Perspectives (Springfield, Illinois: Charles C. Thomas, Publisher, 1967; reimpreso en dous vols. por Ridgeview Publishing Co.): Part. 1: Hisory of Philosophy, pp. 5-22. Transcrito ao hipertexto por Andrew Chrucky, 30 de xullo de 2004.

————————“Autobiographical Reflections (February 1973),” in Action, Knowledge, and Reality: Studies in Honor of Wilfrid Sellars, H-N. Castañeda (ed.), Indianapolis: Bobbs-Merrill, 1975: 277-93.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s