Chus Pato dialoga con Genaro da Silva sobre “O pintor cego”
O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o primeiro número de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais e outras actividades realizadas no Gabinete de Poesía do LaPLit. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.
O que publicamos neste número de Urania é unha conversa sobre o poemario O pintor cego entre Chus Pato e o seu autor, o poeta Genaro da Silva. Ao longo de máis de cincuenta páxinas, o diálogo entre Chus Pato e Genaro da Silva serve para, a partir do poemario deste último, realizar unha reflexión en profundidade sobre as relacións entre a poesía e a ciencia, o pensamento poético e o pensamento filosófico, as dualidades da escritura poética e outras consideracións sobre temas do poemario coma a paisaxe, a linguaxe e o medo. A beleza e a continxencia.
O poemario O pintor cego publicouse en edición bilingüe galego-portuguesa no ano 2021 no Porto, na editorial Officium Lectionis, dirixida por José Rui Teixeira. A tradución portuguesa é de Jorge Melícias e José Rui Teixeira.

Urania 1
54 páxs.
Sumario
10, A) Investigación científica e a escritura do poema — 14, B) Tese/Antítese/Sofisma — 17, C) A escritura divídese en dous — 25, D) A paisaxe — 27, O abecedario — 40, O medo.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta