“Máis simple e máis fondo”, por Berta Dávila

No pasamento de Joan Didion

Lin a Joan Didion por primeira vez no anómalo 2020. É un namoro recente, por iso perdura aínda con intensidade. O certo é que foi un fervor algo histriónico. Coas librarías pechadas polo confinamento procurei cada liña súa ao meu alcance en versión dixital. Primeiro as traducións para o castelán de The Year of Magical Thinking e Blue Nights. Logo Los que sueñan el sueño dorado, un volume editado por Penguin Random House –como os dous anteriores–, que selecciona artigos previamente compilados noutros libros da autora –The White Album, After Henry e Miami–. Nel están moitas das miñas pezas favoritas de Didion, en concreto “Sobre ter un caderno de notas”, “Na cama” ou “Despois de Henry”. Fala nelas da vocación de facer anotacións e da permanencia da escritura, sobre a migraña e o temperamento perfeccionista e sobre o cariz do vínculo entre quen escribe e quen edita, a partir da súa relación particular co editor Henry Robbins, morto en agosto de 1979 dun ataque ao corazón. Máis tarde lin South and West, Play Is as It Lays e Run, River, nas traducións castelás, os tres durante o mesmo verán. Finalmente, hai poucos meses, atopei en Let Me Tell You What I Mean varios artigos excelentes sobre a escritura e sobre a prensa. Este é o resumo da miña relación con ela.

Joan Didion representa o tipo de escritora que é doado converter en mito e tamén amar. As súas fotografías son a meirande parte das veces magnéticas e adoita protagonizar as cubertas dos libros que escribiu. É imposible arredar a vista da súa imaxe desafiante ou despistada diante dun cabriolé, no medio dunha festa ou sentada nunha cadeira coa súa filla pequena no colo mentres fuma un cigarro. Tamén é interesante a súa convivencia, literaria e doméstica, co escritor John Gregory Dunne. “A pesar do diferentes que eran os seus estilos e perspectivas, nunca entregaron un artigo sen que o outro o corrixise: ambos tiñan na outra persoa o seu lector de confianza”, di Griffin Dunne no documental The Center Will Not Hold (2017). Non concibo un vínculo máis estreito ou máis íntimo ca este entre dúas persoas que escriben. Nin sequera o amor é quen de formar lazos tan difíciles de desatar.

No caso de Joan Didion, cada anécdota dun periplo vital fascinante contribúe inevitablemente a facer dela o que é. Cando comezou a traballar para a revista Life –conta en The Year Of Magical Thinking– pedíronlle que escribise un primeiro artigo presentándose, un do estilo “que os lectores saiban quen es ti”. Antes de entregalo, fíxose pública a matanza de civís en My Lai por parte dun comando norteamericano durante a guerra do Vietnam. Didion considerou que debía escribir o seu primeiro artigo para a revista desde Saigón e chamou ao seu redactor xefe para dicirllo, pero el non lle devolveu a chamada ata o descanso dun partido de fútbol americano e respondeulle que continuase co plan inicial, porque para o de Saigón xa estaban “algúns dos rapaces indo para aló”. Estes días, a meirande parte dos obituarios que lin na prensa –moitos deles formidables– están asinados por escritores, e eu tiven a sensación de que no momento da morte de Joan Didion aínda adoitan estar case sempre algúns dos rapaces indo para aló cando algo importante pasa.

Foi máis unha escritora que unha narradora, penso, aínda que era unha narradora audaz. Ao meu ver, foi tamén mellor cronista ou articulista que novelista, pero isto non quere dicir case nada. The Year of Magical Thinking, que proximamente verá a luz en galego na tradución de Eva Almazán para Rinoceronte, é o seu libro máis coñecido e é tamén, xunto con Blue Nights, o seu último título con material inédito publicado, dúas cousas que acontecen poucas veces xuntas. Hai algo inxusto en todo iso, porque o seu traballo anterior é extenso e interesante pero, ben mirado, é o soño de calquera escritora que o último sexa o máis exitoso por vez de ser recordada por un libro que gustou hai moito tempo coma se despois non foses quen de facer nada mellor. The Year of Magical Thinking fíxose tan popular que se converteu nun deses libros baixo certa sospeita. Tamén ela. “Está moi de moda, está por todas partes”, opinou hai pouco unha amiga miña. Estar de moda e estar por todas partes non é un indicativo de que o traballo de alguén sexa valioso, pero tampouco de que non o sexa. 

A min o que me interesa de Joan Didion non ten que ver coa súa maneira lúcida de tratar o dó nestes últimos libros. A min Joan Didion non me conmove exactamente, non é iso. Tampouco ten que ver coa súa capacidade para o retrato dun tempo, dun xesto ou dun personaxe, aínda que todas esas son cousas que soubo facer. Penso que se trata de algo máis simple e creo que por iso máis fondo. Interésame como escolle as palabras e porqué, como as coloca nas frases e como ganduxa unha frase coa seguinte. Interésame tamén o seu cinismo e o seu desapego, a súa intelixencia, o seu xeito de aproximar a literatura a outras escrituras que non o parecen e a súa habilidade para poñer o foco nun lugar e referir despois a caída exacta da luz, o seu talento para a metáfora e a súa comprensión do artefacto literario e do oficio de compoñelo.

Souben da morte de Joan Didion porque mo contou o poeta Jesús Castro Yáñez. Falamos moi pouco. Díxenlle que me producía certo pesar e que iso era estraño. El respondeu que o pesar pola morte de alguén que non coñecías está tan fundamentado como o pesar por calquera outro abandono. Ou se cadra máis, engadiu. Os poetas teñen esas cousas, saben cal é a palabra axeitada para cada momento.

Creo que o meu pesar ten que ver cunha virtude de Joan Didion, e é a sensación de acompañamento e plenitude que a súa literatura suscita. Os seus libros son unha especie de presenza e, se cadra, teñen ata unha vocación de selo, e inclúo tamén as súas novelas. É capaz de construír o lugar onde a auga fai remanso.

Boa viaxe, Joan Didion, a onde queira que esteas indo agora.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s