Chus Pato dialoga con Oriana Méndez sobre “Interna”
O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o número 2 de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais e outras actividades realizadas no Gabinete de Poesía do LaPLit. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.
Este novo número de Urania recolle unha conversa sobre o poemario Interna entre Chus Pato e a súa autora, a poeta Oriana Méndez. Cincuenta páxinas de diálogo lúcido e profundo entre dúas poetas que nos achegan a unha obra literaria orixinal, á marxe dos usos consensuais, na que o poema se produce como realidade. A autora de Derradeiras conversas co capitán Kraft, Cero e O corazón pronúnciase extenso arrodea os límites da sombra, fainos contemplar eses pequenos lumes febles que abrollan nas tebras, os vagalumes, obxectos poéticos que se ven case coma se unha luz se puidese laiar. Algo que só o poema posibilita e que o fai irredutible.
Segundo Méndez, “O poema é un transo cara á fin de algo, pero conclúe cun nó de vida. Literalmente: o punto da flor. Aí hai unha posibilidade, unha hipótese de vida”. Cunha extraordinaria capacidade para percibir o case inapreciable, a poeta artella un discurso dialóxico, unha argumentación aparentemente idiosincrática e por iso mesmo certeira sobre o que constitúe a materia da supevivencia. En poucas ocasións quen le se enfronta á lucidez expresada coa claridade dunha linguaxe que non só atina senón que ao tempo suxire sen limitar a posibilidade das metáforas e imaxes empregadas nos poemas, máis ben o contrario, ampliándoas na reflexión ao fío das preguntas incisivas, de potencia interpretativa, que lle formula esa poeta pensadora que é Chus Pato.
O poemario Interna obtivo o Premio de Poesía Fundación Galicia Obra Social no ano 2020 e publicouse ese mesmo ano na colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia.

Urania 2
48 páxs.
Sumario
Divídese en apartados de extensión variable, numerados de 1 a 9, que seguen os doce poemas e unha “Fin” dos que consta Interna.
Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta
Gabinete de Poesía. Urania nº 2
Chus Pato dialoga con Oriana Méndez
Arredor do poemario “Interna”.
5 de maio, xoves, ás 19,30 horas, sede da Fundación Euseino? R/ México 37 baixo, Vigo.
Reserva de praza con achega de 3, 5 ou 10 euros. Ou acceso libre con reserva de praza optativa.