“O fracaso da intelixencia artificial computacionalista”, por Miguel Penas

Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía

No número 19 de Anotacións publicamos O fracaso da Intelixencia Artificial computacionalista. A posibilidade dunha concepción corporal da cognición”, de Miguel Penas. O obxectivo do ensaio é ofrecer, desde unha perspectiva filosófica,

“unha explicación do fracaso das aspiracións presentes na Intelixencia Artificial e amosar que as causas dese fracaso, que se poden resumir nunha certa concepción da intelixencia que guiou a IA durante décadas, tentan ser superadas por un novo paradigma xurdido no seo das ciencias cognitivas. Este novo paradigma tenta levar a cabo o proxecto da IA dende uns presupostos radicalmente diferentes. Rexeitando a vella idea computacionalista de que é posible crear mentes sen corpo, presente aínda en boa parte dos achegamentos actuais á IA, asistiremos ao nacemento dunha nova concepción na que a mente, o corpo e a súa relación co ambiente aparecen como inseparables”.

Segundo a perspectiva seguida por Penas, a historia da metafísica constitúe un lugar de explicación adecuado dende o cal se poden comprender os fundamentos e as limitacións dos diversos paradigmas que operan no proxecto de elaboración da Intelixencia Artificial. Pódese comprobar que “os presupostos que alimentan o primeiro paradigma dominante nas ciencias cognitivas, o cumputacionalismo [a idea de que a intelixencia humana consiste no manexo dunha representación simbólica do real expresada nunha linguaxe formal (universal, libre de contexto) cuxos elementos son obxectos e propiedades sobre os que se opera de acordo a unhas regras sintácticas] —e tamén, nun certo senso, o segundo paradigma: o conexionismo [por exemplo, algoritmos matemáticos que simulan redes neuronais e que poden aprender e evolucionar: os chamados algoritmos evolucionarios]— encaixan coas aspiracións subxectivistas da metafísica moderna”.

Así, desde o século XIX, estamos a falar dunha metafísica asentada nunha división entre o suxeito e o obxecto e nunha comprensión intelectualista do suxeito, cunha xerarquía que somete o mundo á súa relación exclusiva co pensamento.

“o proceso da actividade intelixente non consiste nunha descomposición da realidade en unidades ás que lles atribuímos unha representación simbólica para poder realizar cálculos por medio dos cales obteriamos a resposta desexada, é dicir, a actividade buscada. Ou, mellor dito, a actividade intelixente non pode ser reducida comple­tamente a ese proceso. Os procesos intelectuais abstractos, desligados da interacción física co ambiente, xogan un certo papel nas tarefas cognitivas e poden ser máis ou menos prominentes segundo a natureza da tarefa. Pero esas tarefas cognitivas non se poden desligar da nosa constitución como seres biolóxicos cunhas necesidades e obxectivos.”

Segundo o autor de Filosofía da individuación, cómpre aclarar que “non se pode facer unha exposición lineal na que unha determinada perspectiva ou paradigma metafísico supostamente erróneo sexa substituído por outro paradigma que finalmente é considerado o correcto, xa que a corrección non é unha categoría útil para orientarse en cuestións metafísicas”. A cuestión é apreciar rigorosamente —que non correctamente, a diferenza é importante— o poder explicativo que posúen as ­creacións especulativas.

O artigo de Miguel Penas que incluímos neste número de Anotacións sobre literatura e filosofía remata defendendo que a intelixencia non pode ser reducida a operacións sintácticas efectuadas sobre representacións simbólicas do real; malia que certos procesos cognitivos se poden comprender seguindo ese esquema, o que se deixa de lado nel impide acadar unha comprensión integral da intelixencia.

De aí que o artigo acabe propoñendo como paradigma unha cognición corporal ou incorporada, unha embodied cognition, que é interesante porque revela o que deixaron de lado os outros paradigmas, entre eles o computacionalista aplicado á Intelixencia Artificial.

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.

Para descargar gratuitamente o artigo de Miguel Penas en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

O fracaso da IA computacionalista

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

O legado de Kant

Durante o verán, reservamos tempo para un dos libros máis interesantes dos publicados en 2017, trátase de The Legacy of Kant in Sellars and Meillassoux: Analytic and Continental Kantianism e contén dez ensaios ademais dunha introdución de Fabio Gironi, que se encargou de coordinar e editar o volume.

A razón dun libro no que se comparan dous filósofos tan dispares coma Quentin Meillassoux e Wilfrid Sellars explícaa Gironi na introdución:

Este volume ten como obxectivo a comparar dúas formas moi diferentes de realismo poskantiano: unha defendida por Meillassoux, que propón o rexeitamento de Kant (mais […] un rexeitamento que intenta rachar coas constricións kantianas desde dentro máis ca superalas completamente), e outra a que propón Sellars ao facer compatibles as estruturas kantianas cos contidos científicos realistas. Así, por exemplo, dous tipos de posicións realistas se poden inferir do recoñecemento da facticidade ou continxencia das nosas estruturas cognitivas: o tipo que defende Meillassoux, no que o feito da súa continxencia acaba sendo extrapolado a unha perspectiva ontolóxica […], e o tipo que defende Sellars, no que a continxencia acaba por ser recuperada en función da súa capacidade para evolucionar e adaptarse a unha descrición precisa dunha realidade non caótica. Por iso, malia propoñer solucións moi diferentes, Sellars e Meillassoux (e, debería engadir, Kant) comparten o obxectivo de dotar dun senso realista ás posibilidades da ciencia moderna.

Á parte da introdución de Gironi, o libro inclúe ensaios de Aude Bandini e Anna Longo nos que se fornece o contexto histórico do legado da filosofía kantiana, amosando esta última autora como Sellars e Meillassoux acaban por contestar as cuestións metacríticas sobre a razón que xurdiron nos debates entre Schulze, Maimon e Fichte, nos que se chega alén da finitude. Se os ensaios de Gabriel Catren e Joseph Cohen se centran unicamente en Meillassoux, os de James R. O’Shea, Ray Brassier, Carl B. Sachs, Dionysis Christias, Muhannad Hariri e Daniel Sacilotto realizan unha comparación entre Sellars e Meillassoux.

Retrato dun filósofo (o irmán da artista, Pável Serguéievich Popov), 1915, por Liubov Popova

 

A comparación entre Sellars e Meillassoux ten un motivo que a xustifica: procurar unha saída a Kant e a filosofía trascendental sen ter a necesidade de arrenegar do seu saber, que se compendia na idea de representación e na validez da noción de concepto como representación dunha representación. Ambos os dous, Sellars e Meillassoux, pensan “a través de Kant”, xa que o primeiro foi quen rehabilitou en certo xeito elementos principais do pensamento kantiano e malia que, pola contra, o segundo rexeitou completamente o que denominou correlacionismo kantiano. De aí que a pregunta principal que formula o libro editado por Fabio Gironi é se a modificación realizada por Sellars na interpretación da filosofía kantiana, incluído o realismo científico, pode axudar a evitar o defecto meirande encontrado por Meillassoux na filosofía teorética de Kant, nomeadamente, se o correlacionismo pode permitir que, así e todo, o pensamento teña acceso ás cousas en-si.

O libro iníciase co ensaio de O’Shea, no que se pregunta sobre a lectura que Meillassoux fai de Kant. O obxectivo de Après la finitude, a súa obra máis importante, é identificar en Kant o mecanismo que nos mantén engaiolados. Efectivamente, Kant é correlacionista mais iso non impide que sexa un correlacionista “obxectivo” e “formal” no canto de selo puramente subxectivo, tal como llo apón Meillassoux. Pola contra, O’Shea intenta salientar polo miúdo as modificacións introducidas polo punto de vista de Sellars para poder artellar un realismo empírico e naturalista a partir de Kant.

Outro dos asuntos centrais de moitos dos ensaios do libro de Gironi é a maneira en que se pode evitar o dilema correlacionista establecido por Meillassoux. O devandito dilema sostén que, ao ser imposible pensar calquera obxecto sen que ese obxecto sexa algo dado, calquera cousa que supostamente sexa un en-si sempre é de feito un para-nós, logo é imposible un absoluto, é dicir, calquera cousa que non sexa termo dunha correlación entre pensamento e ser.

A partir de aí, Meillasoux define tres posicións:

1) correlacionismo feble (o de Kant mesmo), que mantén que soamente podemos coñecer o para-nós malia podermos pensar sen inconsistencia o en-si.

2) idealismo especulativo (Hegel), que nega o en-si mais, no canto de soster que soamente podemos pensar o para-nós, absolutiza a correlación para acabar concluíndo que o para-nós tamén é o en-si.

3) correlacionismo forte (Heidegger e outras posicións posmetafísicas), no que se poden distinguir dous estadios. No primeiro acéptase a idea de que todo absoluto é relativo á correlación; no segundo, bloquéase a absolutización da correlación ao afirmar que a correlación é continxente en si mesma. A correlación é un feito que pode existir, ou non.

Polo tanto, mentres no correlacionismo forte hai unha identificación do en-si co para-nós en tanto o que aparece, ou se manifesta, é relativo a un esquema conceptual ou horizonte de intelixibilidade, tamén se mantén que ese esquema, ou horizonte, pode ser doutro tipo. Iso quere dicir que, se a correlación é continxente, o correlacionismo forte debe admitir que “se pode pensar positivamente unha posibilidade que sexa esencialmente independente da correlación, xa que esa é precisamente a posibilidade do non-ser da correlación”, segundo se argumenta en Tempo sen devir (páxs. 36-37).

Nese libro, Meillassoux rexeita o principio de razón suficiente e acepta o principio de irrazón: non hai razón para feito ningún, incluíndo a propia correlación. Ao acatar o principio de irrazón, intúese intelectualmente que a única cousa necesaria e absoluta é a continxencia mesma. Por tal motivo, o correlacionismo forte vese forzado a pensar un absoluto alén da correlación mais ese absoluto é agora non algo que existe senón o “poder-ser” de cada cousa.

Como indica Gironi na súa esclarecedora introdución,

A diferenza que existe na recepción continental de Kant está exemplificada polo senso profundamente diferente dado por Carnap e por Heidegger á idea de “superar” a metafísica. Mentres para Heidegger “superar” significa un retorno á ontoloxía fundamental —unha pescuda na natureza do Ser— liberada das constricións metafísicas; para Carnap, a “eliminación” da metafísica a través da análise lóxica da linguaxe representa o ontoloxicamente deflacionario reemprazo da metafísica pola semántica como filosofía primeira.

E engade:

Relacionada cunha redefinición lingüística do analizable e inspirada pola ciencia contemporánea (sobre todo, pola descuberta da xeometría non euclidiana e a súa aplicación física nas teorías de Einstein), a rama do positivismo lóxico epitomizado por Moritz Schlick, Rudolph Carnap e Hans Reichenbach prosegue un proxecto neokantiano de definición da relativización dos principios a priori […]. Ese proxecto, así e todo, non había sobrevivir por moito tempo e a súa peculiar herdanza lóxica positivista neokantiana eventualmente virou nunha dirección decididamente non kantiana coa emerxencia do empirismo radical de Quine, o seu abandono naturalista da filosofía primeira e o seu rexeitamento da distinción entre analítico e sintético. Velaí o fin da fase semantico-lingüística da filosofía analítica (que aínda lle facía as beiras aos temas kantianos), dando lugar á orientación científico-naturalista e antitrascendental que aínda —e vai para longo— predomina hoxe.

Ao situarse entre as ideas kantianas e as da filosofía analítica, nunha posición sui generis de síntese filosófica, Sellars é un filósofo senlleiro no pensamento do século XX, quedando á parte doutras figuras da historia da filosofía analítica, ademais de estar profundamente familiarizado cos debates epistemolóxicos entre idealismo e realismo das décadas de 1910, 1920 e 1930 e claramente influenciado polo pragmatismo norteamericano e pola obra de C. S. Peirce e o seu ideal dun marco conceptual científico completo.

De aí que no seu ensaio Brassier propoña unha alternativa ao dilema correlacionista baseada na teoría da modalidade de Sellars, que rexeita o realismo modal definíndoo como “expresivo”. O vocabulario modal é un metavocabulario pragmático que seguimos para dicir o que estamos facendo cando realizamos descricións empíricas. Distinguimos así entre o que facemos ao dicir algo (inferencias pragmáticas feitas) e o que dicimos ao dicilo (inferencias semánticas). Segundo Brassier, ao diferenciar eses dous niveis fornécese un punto de apoio que nos leva a separar o correlacionador do correlacionado, a quen pensa do pensado. A idea básica é que o continxente e necesario no nivel do que se fai cando se afirma algo é distinto do que é continxente e necesario no nivel do que se dixo nesas mesmas afirmacións. O correlacionismo confunde a necesidade pertencente ás relacións entre os contidos do que se di coa necesidade da conexión entre tales contidos e o acto no que facemos algo en tanto dito. Ao clarexar esa confusión, ceibámonos do correlacionismo sen reificar a modalidade tratándoa no modo material.

Pola súa banda, desde o punto de vista de Sachs a obra de Sellars é a dun naturalista pragmático que acepta a idea de Peirce pola que verdade e realidade equivalen ao que unha comunidade de investigadores pode descubrir a longo prazo. Mais a versión que desta idea ten Sellars non é correlacionista xa que avalía os esquemas conceptuais que a desenvolven desde dous puntos de vista: o da semántica dentro dun esquema conceptual dado (isto é, dentro da “imaxe manifesta”) e o da representación, é dicir, desde o punto de vista das relacións reais que ese esquema (entendido como un sistema de representación animal) ten coa realidade. Ao rexeitar o mito do dado e ver como se pode superar a imaxe manifesta, a comunidade de investigadores é impulsada desde un punto de vista a outro, de tal xeito que ese segundo explicita as condicións de posibilidade do primeiro.

Nese senso, Sachs propón unha posición pragmática para fuxir da disxunción establecida entre o principio de razón suficiente e o principio de irrazón formulado por Meillassoux.

Finalmente, o ensaio de Christias defende que existe unha converxencia entre Sellars e Meillassoux no que atingue a un punto de vista fundamental, xa que ambos os dous pretenden desenlear o trascendentalismo kantiano e o que, segundo eles, é o seu erro fundamental, nomeadamente a tese do principio de inaccesibilidade do en-si. Malia iso, non deixa de apuntar que ambos os autores están en desacordo sobre o estatus do trascendental. Para Sellars, o trascendental non se pode apreixar en termos explicativos e descritivos senón soamente en termos prácticos e normativos, interpretación coa que tamén coinciden O’Shea, Brassier e Hariri; o que significa que o nivel trascendental é expresivo, non descritivo, pois fai explícitas as regras que están implícitas no uso dos conceptos da primeira orde descritiva. Ao non ser reducible ao nivel da descrición, segundo Sellars o nivel trascendental, que é indispensable, non se podería pensar como un nivel non empírico do ser; é dicir, non se pode ontoloxizar o trascendental, polo que cómpre mantelo no seu carácter formal.

Preguntámonos se esta distancia non é semellante á existente na bifurcación entre os modos formal (entidades-en-tanto-cousas) e obxectivo (entidades-en-tanto-obxectos) na ontoloxía plana de Tristan Garcia:

O mundo apréixame só. Mais o mundo apréixame formalmente, é dicir, igualmente a toda cousa. (Forme et objet, 483)

O que viría ser o nivel trascendental, mentres que o nivel empírico se describiría así:

As cousas, dado que están unhas nas outras e non soas no mundo, forman un universo pola súa intercomprehensión; mais, como todo sempre ten dous sensos, é posible coller as cousas as unhas nas outras por un ou polo outro dos dous cabos: quer se considera unha cousa que está noutra cousa que a comprehende, e iso é un obxecto; quer se considera o ser da primeira cousa na segunda e a súa comprehensión por esa segunda cousa, facendo desa relación a cousa mesma, e iso é un acontecemento. (Forme et objet, 185)

Para concluír coa resolución do dilema correlacionista:

Un obxecto está presente noutro obxecto cando ser e comprehensión dos dous obxectos se dan conxuntamente; desde ese momento, a presenza do primeiro obxecto no segundo é o dobre senso da relación que os une (o ser e a comprehensión) en tanto que unha soa cousa. (Forme et objet, 179)

Volvendo ao libro que nos ocupa, a principal crítica que lle fai Christias a Meillassoux é que non asuma a consecuencia de manter o trascendental no seu carácter formal en troques de argumentar que existe un estrutura categórica sui generis para cada mundo posible (a estrutura modal de necesidade e continxencia) que se pode intuír intelectualmente. Logo, segundo Christias, Meillassoux sería presa do que Sellars denomina o mito do dado categorialmente.

Rematamos esta recensión, cunha referencia breve ao ensaio de Hariri, que considera as especulacións de Meillassoux sobre os mundos fóra da ciencia a carón da metafísica proxectiva de Sellars, mentres que Sacilotto amosa no seu como a distinción entre senso e referencia pode axudar á superación do dilema correlacionista. En conclusión, o legado de Kant non soamente non imposibilitaría senón que incluiría a súa propia superación, tal como suxiren as obras dos filósofos estudados neste excelente libro editado por Fabio Gironi. O círculo correlacionista, ¿pode ser un círculo non pechado definitivamente?

A actualidade do ensaio, en Sermos Galiza

O semanario Sermos Galiza, na súa edición en papel, publica hoxe (nº 306, 26-VII-2018) unha reportaxe do xornalista e poeta Daniel Salgado sobre a actualidade do “Novo ensaio crítico”.

Logo de facer un repaso das diferentes novidades editoriais, expóñense diversas opinións sobre o xénero ensaístico, entre elas as de Rebeca Baceiredo e Roberto Abuín. A autora de A verdade errada salienta que “co ensaio tes a crenza de que podes mudar o mundo”, mentres que o autor de “Ogham, ou arredor da escrita” afirma concibir o ensaio como “unha tecnoloxía de subxectivación crítica” e como “un espazo de experimentación dun dicir non literario”. Baixo o epígrafe “Editoriais abertas ao impensado”, a reportaxe sitúa a liña de Euseino? Editores na “reflexión filosófica”.

Desde euseino.org celebramos a publicación de reportaxes coma o de Salgado, que sitúan na actualidade xornalística o que Nietzsche cualificou de inactual, ou intempestivo. Esa contradición soamente é aparente pois a propia noción do actual e da actualidade é filosófica de seu. A filosofía é actual en tanto que o pensamento se realiza como tal, en tanto representa o mundo. Os “materiais para pensar” son efectivamente materia, pois o pensamento é tal porque se inscribe na materia, que é a que pensa. Cómpre, polo tanto, non restrinxir a actualidade á actualidade xornalística, tampouco á actualidade política. Como dixo Hans Blumenberg, cando todo acaba sendo política, a política deixa de existir.

De por parte, a posición da filosofía con respecto ao ensaio é fundamental, ata tal punto que é imposible escribir ensaio, mesmo ensaio de actualidade xornalística e política, sen unha base filosófica. Efectivamente, para poder actualizar as ideas, cómpre abandonar a resistencia, que é unha posición fixa, e coller posicións dinámicas para a filosofía no mundo, esa é a finalidade do pensamento filosófico. No abandono da resistencia e da súa monopolización do acceso ao mundo a través do suxeito, no rexeitamento de que o suxeito —liberado ou non, estable ou en devir— sexa o único interese do pensamento, a filosofía retoma a especulación como maneira de pensar o absoluto, como xeito de debruzarse na realidade. Non só a realidade política, que é a realidade do suxeito, senón a realidade do mundo, das cousas, da materia. O ensaio é, esencialmente, especulativo; para ensaiar un pensamento cómpre especular, como dicía Hegel.

Pensar que a realidade significa soamente estar en guerra ou cando menos dispostos a dar a batalla, é unha obsesión que reduce a “interpretación” filosófica e ensaística a un uso restrito. Abandonar ese uso non quere dicir recluír a filosofía en si mesma senón, pola contra, amosar o nexo esencial que a une coa realidade.

A filosofía non pode continuar centrada nun construtivismo xeneralizado respecto dos feitos; a positividade de algo dado e que nos é transmitido non pode ser producida. Velaí unha filosofía positiva e materialista en contraposición á filosofía poscartesiana como filosofía negativa, ou construtivista; de Descartes en diante a certeza filosófica obtense mediante unha construción do pensamento: o que está feito pola mente humana é, por iso mesmo, certo. Pola contra, para unha filosofía materialista, a realidade e os obxectos son tanto máis certos en canto son dados, i. e., en tanto se impoñen á consciencia humana en troques de seren producidos por esta.

Velaí a posición do pensamento filosófico —e, necesariamente, do ensaio con el— como cousa actual, como actualización das ideas na realidade. De feito, a revolución moderna non consiste, como sostiña Kant, en facer depender o mundo do suxeito —e, en consecuencia, da pólis— senón en integrar o suxeito no mundo.

Por outra banda, para reflexionar sobre a actualidade do ensaio, tamén coidamos necesario considerar o papel dos libros electrónicos nos seus diversos formatos (epub, PDF, etc.), que no ámbito do pensamento están cada vez máis presentes, especialmente no que se refire á edición en Acceso Aberto. Nese terreo, habería que situar a política de traducións e a introdución de novas liñas de pensamento, tal como desde Euseino? Editores estamos a facer co realismo especulativo e autores coma Quentin Meillassoux e Maurizio Ferraris.

Outra cuestión non menos importante é a da función das publicacións periódicas (tamén as electrónicas, coma Anotacións sobre literatura e filosofía) en relación coa difusión das achegas e do debate da actualidade filosófica e ensaística. Nese senso, a posición do ensaio sobre literatura pensamos que debería merecer tamén unha atención maior, atención que agora adoita concentrarse exclusivamente na crítica literaria publicada polos xornais. Pensar a literatura tamén é unha das funcións do ensaio; neste país carecemos dunha reflexión fonda sobre a estética literaria, agás achegas coma as de Miriam Sánchez Moreiras e Chus Pato. Ou artigos coma Poesía e infancia. A reflexión ensaística sobre a función da literatura na sociedade actual tamén é ben necesaria, velaí a polémica ¿Cara a onde vai a literatura galega?, así como o ensaio de Xosé Monteagudo no que se expón unha crítica da orientación exclusivamente psicagóxica do feito literario vencellado á recepción e a necesaria reflexión de Inma Otero sobre o papel das mulleres na literatura.

En conclusión, reportaxes coma a de Sermos Galiza serven de estímulo para ampliar a reflexión sobre o ensaio, situándoo en relación co pensamento actual sen condenalo a unha dependencia exclusiva da actualidade quer política quer xornalística.

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave