Anotacións nº 11: “A mímese arcaica”, por Chus Pato

Anotacións sobre literatura e filosofía, nº 11, febreiro de 2016
Chus Pato, A mímese arcaica

A poeta Chus Pato é unha das escritoras que na súa obra mellor manifestan a relación do pensamento coa literatura, mellor dito, a continuidade, se non identidade, entre poesía e pensamento. Hai tempo que sabemos da súa enorme actividade lectora, menos coñecidas son as súas anotacións de lectura, as súas reflexións arredor da filosofía, de todas e cada unha das expresións do pensamento na súa intersección, ou na súa colisión, coa poiese. A obra de Chus Pato é, de feito, unha articulación xigantesca do labor de pensar co de poetizar.

Nestas notas, e ao fío do proceso de lectura da obra de autores coma Maurice Blanchot, Walter Benjamin, Philippe Lacoue-Labarthe e Jean-Luc Nancy, Chus Pato enfróntase a un dos temas fundamentais da literatura e da filosofía modernas, o tema da representación e, máis concretamente, o da mímese. A importancia da mímese na elaboración da identidade, a súa función na representación e, polo tanto, na literatura. Ao cabo, o debate sobre o estatuto da poesía como epistemoloxía ou como unha imitación máis da realidade.

“Hai polo tanto dúas mímeses: a) Unha xeral, que non reproduce senón que suple certos defectos da natureza (a súa incapacidade para xeralo todo). É unha mímese produtiva, é dicir é unha imitación da physis como forza produtora ou, se se prefire, como poiese (na modernidade isto será invertido pero será mímese igual). A mímese teatral proporciona o modelo para esta mímese xeral. b) A mímese arcaica (paradoxo do comediante), a ausencia de todo atributo propio en quen se prepara (ou se revela apto) para a representación e para a produción. Para imitar (representar, producir) é preciso ser nada, non ter nada propio senón unha aptitude igual para todo tipo de cousas.”

44 páxs.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta

 


Apoie as publicacións en acceso aberto.

A Fundación Euseino?, unha organización non lucrativa independente,
agradece a súa contribución.


SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave