A ficción sen imitación. Narrar historias sen preocuparse do efecto verdade. A vontade de verdade á marxe da letra, para así empregala ostensiblemente, sen representar.
A obra de Brais Lamela, publicada en inglés por Bullaun Press
Presentouse cun coloquio arredor de “Ninguén queda” / “What Remains”
Ás 20 horas do día 16 de outubro, xoves, na sede da Fundación Euseino? en Vigo celebrouse un coloquio con Jacob Rogers, tradutor de Ninguén queda para o inglés, e con Brais Lamela, que interviu por videoconferencia desde os EUA. Presentou o acto, Yaiza López Vilas, coord. de Euseino? Social.
O motivo deste encontro é a publicación da tradución inglesa, titulada What Remains (Bullaun Press), da obra que en 2022 publicou Euseino? Editores na súa colección Rúa do Lagarto e que acadou, entre outras distincións, o Premio da Crítica e unha recepción moi favorable das persoas lectoras.
Con este acto tamén quixemos agradecer o extraordinario labor de Jacob Rogers como tradutor e defensor da literatura galega no ámbito anglosaxón, ao tempo que se reflexionou sobre o papel das traducións e, singularmente, das relacións entre literaturas. Coa axuda do tradutor e de Brais Lamela, que tamén coñece moi ben o ámbito da literatura anglosaxoa, achegámonos a algúns pormenores da tradución inglesa, como por exemplo a escolla do título, para intentar albiscar o que na tradución queda da obra orixinal ou, mellor aínda, de que xeito unha lingua allea a unha obra literaria a pode reflectir para dirixila así ás persoas que len noutro idioma.
Se a obra literaria existe na súa literalidade, de aí a función histórica da filoloxía na restitución e recuperación dos textos fieis á edición orixinal, ¿que queda dela cando a lemos noutro idioma, cando é “outra opinión” (alodoxia) a que a transforma?
Solicitar exemplares da tradución para o inglés na ligazón: What Remains
Unha reflexión a partir do artigo de Terry Eagleton
Publicado na London Review of Books o 25 de abril de 2024,“Where does culture come from?”é un artigo no que o pensadorTerry Eagletonpescuda sobre a orixe da cultura. A definición de cultura é un asunto controvertido, máis aínda se se pensa non soamente na determinación do concepto senón tamén na función da cultura no mundo actuale na época moderna.
Por ese motivo, como contrapunto ao artigo de Eagleton, entre a infinidade de publicacións sobre o tema da cultura e da súa función, interésanos lembrar aquí a obra deT. S. Eliot Notes towards the Definition of Culture, publicada en 1948, en plena posguerra, e o Ensayo histórico sobre la cultura gallega, de Ramón Otero Pedrayo, publicado en 1930, case ao final do período de entreguerras.
Na obra de T. S. Eliot, escrita nunha época marcada pola destrución e a urxente necesidade de reconstrución, o acto de definir a cultura non era un puro exercicio académico senón unha intervención estratéxica. Eliot sentiu a necesidade de rescatar o termo do que consideraba un “mal uso” por parte de xornalistas e políticos, que o confundían coa civilización, a arte ou un vago “estimulante emocional”. A súa definición abrangue, pola contra, a totalidade da experiencia vivida, concibindo a cultura como un organismo e, en última instancia, como “aquilo que fai que a vida pague a pena ser vivida”. Esta visión da cultura como a “totalidade do modo de vida” dun pobo constitúe a base sobre a que edificará o seu argumento fundamental: a relación inseparable entre a cultura e a súa matriz relixiosa.
Pola súa banda, no Ensayo histórico sobre la cultura gallega, de Ramón Otero Pedrayo, o obxectivo principal non era catalogar manifestacións culturais específicas senón analizar a cultura galega como unha entidade cohesionada e viva, “como un todo orgánico e harmonioso”. Esta obra dálle menos importancia a elementos illados para, tamén coma Eliot, pescudar nas “razóns profundas que fixeron posible a existencia da cultura galega”.
Non é daquela casualidade que, segundo Terry Eagleton, coa chegada da sociedade industrial e o conseguinte declive da fe, a cultura tivese que asumir o papel ideolóxico que antes ocupaba a relixión. A súa nova tarefa era inculcar valores, fomentar a cohesión e transformar “a materia profana da vida cotiá en verdade eterna”. A cultura, entón, tivo que tomar o relevo das igrexas como a nova fonte de transcendencia. Así e todo, ese proxecto estaba destinado ao fracaso. Eagleton sostén que a cultura nunca puido substituír por completo a relixión por dúas razóns fundamentais: a“alta cultura”—que defende Eliot na súa obra— implicaba a moi pouca xente para ser un lazo social universal, mentres que a cultura antropolóxica e historiográfica—a historia e as formas de vida, das que fala Pedrayo na súa— implicaba demasiado conflito entre grupos distintos. Esa incapacidade para xerar un sentido de unidade duradeiro foi a que botou a semente da súa posterior fragmentación.
De seguido, imos tentar sintetizar as ideas de Eagleton, ideas que axudan a situar a noción de cultura nun contexto afastado da concepción da cultura como un espazo transcendente. Este cambio é fundamental para entender o presente, marcado polas chamadas “guerras culturais”. De ser unha solución espiritual, a cultura converteuse en parte do problema. E no proceso pasamos da cultura ás culturas. Este xiro explicaría por que tantos conflitos contemporáneos —como, por exemplo, o neocolonialismo castelá posto en práctica en territorio galego pola actualpolítica cultural española— se artellan arredor de identidades, símbolos e valores. A cultura deixou de ser o terreo común para converterse no territorio en disputa.
Calculadora mecánica deseñada por Charles Babbage (1791-1871), inventor da primeira compuradora mecánica.
¿De onde vén a cultura?
O papel da cultura nas sociedades premodernas e modernas
Nunha sociedade tradicional ou premoderna, a cultura era xeralmente un instrumento de soberanía política e relixiosa. Iso significaba que había traballos estables para os traballadores culturais: poetas de corte, bufóns con licenza, pintores e arquitectos patrocinados pola nobreza terratenente, ou compositores a soldo de príncipes. Nestas situacións, como afirma Terry Eagleton no seu artigo, tamén se sabía para quen se estaba a escribir ou pintar, mentres que, posteriormente, na sociedade de mercado a audiencia se ha volver anónima.
O capitalismo industrial, con admirable conveniencia, dálle á cultura un novo traballo xusto cando corría o perigo de ser desprazada polos filisteos donos das fábricas. Nace entón unha crecente división entre o reino do simbólico e o mundo da utilidade, unha división que chega ata o fondo do ser humano. Os valores e enerxías que non teñen moita cabida no mundo do traballo corporal cotián son canalizados cara a unha esfera propia, que consta de tres sectores principais: a arte, a sexualidade e a relixión. Un deses valores en perigo é a imaxinación creativa, que foi “inventada” a finais do século XVIII e que hoxe en día é tan venerada entre os artistas.
Así e todo, a distancia que se establece entre o simbólico e o utilitario, aínda que ameaza con roubarlle á cultura a súa función social, é tamén a distancia necesaria para a crítica. A cultura deixaría á vista dese xeito a condición limitada e minguada da humanidade industrial-capitalista a través da súa plena e libre expresión de poderes e capacidades humanas, un tema que vai desde Schiller e Ruskin ata Morris e Marcuse. A arte ou a cultura poden lanzar un poderoso reproche á sociedade non tanto polo que din senón polo feito de que son algoestraño, sen sentido e intensamente libidinal. É unha das poucas actividades que quedan nun mundo cada vez máis instrumentalizado que existe puramente por si mesma, e o obxectivo do cambio político é que esta condición estea dispoñible tamén para o resto dos seres humanos. Onde houbo arte, haberá humanidade.
O humanismo romántico e o socialismo
A realización harmoniosa dos propios poderes como un fin marabilloso en si mesmo: se isto é no que se converte a estética, tamén é a ética do humanismo romántico, que inclúe a ética de Karl Marx, tal como argumenta Eagleton. A estética vólvese importante cando non se trata simplemente de arte. O pensamento de Marx refírese ás condicións materiais que farían a vida por si mesma posible para sociedades enteiras, sendo unha destas condicións a redución da xornada laboral. O marxismo trata do lecer, non do traballo. A única boa razón para ser socialista é, escribe Eagleton con fino sarcasmo, ademais de poder amolar á xente que non che gusta, que non che gusta traballar. Para Oscar Wilde, que neste aspecto estaba máis preto de Marx que de Morris, o comunismo era a condición na que xaceriamos todo o día en posturas interesantes de jouissance, vestidos con túnicas carmesí, recitando a Homero e bebendo absenta. E velaí a xornada laboral.
De por parte, cando a realización dun individuo é a base ou condición da realización doutro, e viceversa, chamámoslle a iso amor. O marxismo trata do amor político. Refírome —escribe o autor de How to Read Literature—, por suposto, ao amor no seu sentido real —agape, kháritas—, non ás variedades sexuais, eróticas ou románticas polas que a sociedade capitalista serodia está tan fascinada. Falamos do tipo de amor que pode ser profundamente desagradable e non ten necesariamente que ver co sentimento, que é unha práctica social máis ca un sentimento, e co que corres o risco de facer que te maten.
A cultura como substituto da relixión
A relixión cultivara tradicionalmente un sentido do deber, deferencia, altruísmo e edificación espiritual na xente común. Mais a crenza relixiosa chegou a estar en declive xa que as clases medias industriais desmitificaron a existencia social a través das súas actividades seculares e, ironicamente, acabaron por esgotar o que fora un valioso recurso ideolóxico. A cultura tivo entón que ocupar o sitio das igrexas mentres os artistas transubstanciaban a materia profana da vida cotiá en verdade eterna.
O poder debe seducir e engaiolar se non quere levarnos á revolta edípica. A sublimidade potencialmente aterradora do masculino debe ser temperada pola beleza do feminino; esa estetización do poder, escribe Burke en A Philosophical Enquiry into the Origin of Our Ideas of the Sublime and Beautiful (“Unha investigación filosófica sobre a orixe das nosas ideas do sublime e do fermoso”), é o que os revolucionarios franceses lamentablemente non foron capaces de lograr.
Nacionalismo e cultura como arma política
Os Irlandeses Unidos eran anticolonialistas ilustrados, non nacionalistas románticos, mais o ascenso do nacionalismo romántico a principios do século XIX volveu situar a cultura no centro da vida política.
O nacionalismo foi o movemento revolucionario máis exitoso da era moderna, derrocando déspotas e desmantelando imperios; e a cultura, tanto no seu sentido estético como antropolóxico, resultou vital nese proxecto. Co nacionalismo revolucionario, a cultura no sentido de lingua, costumes, folclore, historia, tradición, relixión, etnia etc., convértese en algo polo que a xente matará. Ou morrerá. Non moita xente está disposta a matar por Balzac ou Bowie, mais a cultura nese senso máis especializado tamén xoga un papel de chave na política nacionalista. Volve haber traballo para os artistas, xa que desde Yeats e MacDiarmid ata Sibelius e Senghor se converten en figuras públicas e activistas políticos. De feito, o nacionalismo foi descrito como a forma máis poética de política.
A nación mesma aseméllase a unha obra de arte, sendo autónoma, unificada, autofundadora e autoorixinaria. Como tal linguaxe pode suxerir, tanto a arte coma a nación están entre os moitos substitutos do Todopoderoso que a Idade Moderna creou. A cultura estética imita a relixión nos seus ritos comunitarios, o sacerdocio de artistas, a procura da transcendencia e o sentido do numinoso. Se non logra substituír a relixión, é, entre outras cousas, porque a cultura no sentido artístico implica a moi pouca xente, mentres que a cultura no sentido dunha forma de vida distintiva implica demasiado conflito. Ningún sistema simbólico na historia foi capaz de rivalizar coa fe relixiosa, que forxa un vínculo entre o comportamento rutinario de miles de millóns de individuos e verdades últimas e imperecedoiras.
A cultura como terreo común e industria lucrativa
Para o patrimonio humanista liberal, a cultura importaba porque representaba certos valores fundamentais e universais que poderían constituír un terreo común entre aqueles que estaban divididos. Era un terreo no que poderiamos converxer simplemente en virtude da nosa humanidade compartida e, nese senso, era unha noción ilustrada.
Con todo, xa que a nosa humanidade compartida era un concepto bastante abstracto, necesitaba algo que a trouxese de volta á experiencia vivida, algo que se puidese ver, tocar e sopesar coa man: iso é o que coñecemos como arte ou literatura. Se alguén che preguntase por que vives, non lle darías un sermón relixioso ou un panfleto político senón un volume de Shakespeare. O auténtico interese dese proxecto, coma o de case todos os chamamentos á unidade, é bastante obvio: a cultura, coma o estado burgués para Marx, representa unha comunidade e igualdade abstractas que compensan os antagonismos e iniquidades reais. Na presenza do esencial e universal, somos convidados a suspender distincións superficiais de clase, xénero, etnia e similares. Así e todo, o humanismo liberal captou unha verdade, aínda que de forma interesada: o que os seres humanos teñen en común é, ao final, máis importante que as súas diferenzas.
Dende finais do século XIX, a cultura converteuse nunha industria altamente lucrativa, xa que a produción cultural se integrou cada vez máis na produción en xeral e a fabricación de fantasía masiva volveuse profundamente rendible. Iso, cómpre salientalo, aínda non é posmodernismo. O posmodernismo non ocorre só coa chegada da cultura de masas senón coa estetización da existencia social, desde o deseño e a publicidade ata o branding, a política como espectáculo, as tatuaxes, o pelo tinguido de morado e os lentes ridiculamente grandes. A cultura, que antes era a antítese da produción material, é agora incorporada á produción.
O modernismo, que xa queda un século atrás, foi a última vez que a cultura se ofreceu a si mesma como unha crítica total da sociedade, unha crítica lanzada principalmente desde a dereita radical. Se non o fixese, tampouco o había facer a cultura no senso dunha forma de vida específica. Agora, a cultura xa non é unha forma de transcender o político senón a linguaxe na que se formulan e se debaten certas demandas políticas chave. De ser unha solución espiritual, converteuse en parte do problema. E, no proceso, da cultura pasamos ás culturas.
Ameazas á cultura na actualidade
Ambos os tipos de cultura están actualmente ameazados por distintos tipos de nivelación. O pensamento sobre a cultura estética está cada vez máis moldeado pola forma damercadoría, que elimina todas as distincións e iguala todos os valores. Nalgúns círculos posmodernos, isto é celebrado como antielitista.
Ao tempo, as culturas no senso de formas de vida distintivas son niveladas polo capitalismo avanzado xa que cada perruquería e cada restaurante coreano do planeta se parecen a calquera outro, a pesar do balbordo sobre a diferenza e a diversidade. Nunha era na que o poder da industria cultural está no seu momento máis formidable, a cultura nos seus dous sentidos principais está sendo dirixida cara á crise.
O culturalismo como ideoloxía
A cultura no noso tempo converteuse en nada menos que unha ideoloxía total, xeralmente coñecida como culturalismo. Xunto co bioloxismo, o economicismo, o moralismo, o historicismo e similares, é un dos grandes reducionismos intelectuais do momento. Segundo esta teoría, a cultura chega ata o máis fondo. A natureza da humanidade é a cultura. Detrás desta doutrina axexa unha aversión á natureza (unha das antíteses tradicionais da cultura) como algo testán, ríxido, brutalmente dado e resistente ao cambio. Precisamente no punto en que a natureza é caprichosa, impredicible e alarmantemente rápida, o culturalismo insiste en considerala como inerte e inmóbil.
Non é que a cultura sexa a nosa natureza, senón que é parte da nosa natureza. É posible e necesaria debido ao tipo de corpo que temos. Necesaria, porque hai un oco na nosa natureza que a cultura, no senso de coidado físico, debe ocupar rapidamente se queremos sobrevivir durante a infancia. Posible, porque o noso corpo, a diferenza dos caracois e das arañas, é capaz de estenderse cara a fóra polo poder da linguaxe e o pensamento conceptual, así como pola forma en que estamos feitos para traballar no mundo. Esa prótese dos nosos corpos é coñecida como civilización.
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Publicamos o terceiro desta serie de artigos, ou notas curiosas sobre cousas do mundo que ás veces pasan desapercibidas, ou xacen abandonadas sen que a nosa atención repare nelas. Coma un gabinete de curiosidades no que, grazas a esa capacidade do verán para iluminar a materia, reunimos pezas insólitas, pouco frecuentes, sobre as cousas que forman parte do mundo sen necesidade de que ninguén as vexa.
Desta volta trátase dunha pasaxe do libro L’Inde (sans les Anglais) (“A India (sen os ingleses)”), dePierreLoti. Trátase da primeira parte do capítulo segundo, titulado “À Ceylan” (“En Ceilán”). Viu a luz en 1903 na casa editorial Calmann-Lévy de París.
Como indicaEdward W. Saidno seu libro Culture and Imperialism:
"un relato baseado nunha viaxe pola India na que os ingleses gobernantes non son mencionados nin unha soa vez, de forma deliberada, mesmo con malicia, coma se se quixese suxerir que só se debía ver os nativos, cando, abofé, a India era unha posesión exclusivamente británica (e, por certo, non francesa).
Atrévome a suxerir que, cando a cultura europea finalmente comezou a ter en conta as 'ilusións e as descubertas' imperiais [...], non o fixo opoñéndose a elas senón de forma irónica e cun intento desesperado de nova inclusión."
Talmente o mesmiño que agora intenta facer o neocolonialismo invasivo castelán co idioma e a cultura galegos.
“A cidade sepulta”, por Pierre Loti
[A “cidade sepulta” é a tradución literal do nome que se lle dá na India á cidade de Anuradhapura, que foi destruída a comezos da nosa era pola grande invasión de Malabar. (N. do E.)]
E velaquí a India, a fraga, a xungla.
E para min amence sobre un mundo de pólas e herbas, sobre un océano de eterna vexetación, sobre un infinito de misterio e silencio, despregado aos meus pés ata as liñas extremas do horizonte.
Dende o alto dun outeiro, que xorde como un illote na chaira, vexo iluminarse a queda inmensidade verde. É a India baixo os seus veos de nubes, é a India, a fraga, a xungla; é, no centro da grande illa de Ceilán, o lugar profundo da paz, que protexe aínda por todas as partes o inextricable entrelazamento das árbores; é o lugar onde, dende hai dous mil anos, a marabillosa cidade de Anuradhapura se extinguiu baixo a noite das follas. A través da espesura dun ceo plúmbeo, onde se incuban treboadas e choivas, amence lentamente o día —mentres é medianoite alá, no meu país, Francia. Unha vez máis, a vella Terra vai presentar á luz do seu sol esta rexión das grandes ruínas, que acaban de pulverizarse e de aniquilarse na vexetación soberana.
¿Onde está, pois, a marabillosa cidade?… Paséase a mirada por todas as partes, como, dende o alto do mastro dun navío, se miraría o círculo monótono do mar, e nada humano parece albiscarse en ningures. Tan só árbores, árbores e árbores cuxas copas se suceden, magníficas e semellantes; unha vaga de árbores que se vai perdendo en lonxanías sen límites. Alá, lagos onde os crocodilos son os amos e onde veñen beber, ao solpor, os rabaños de elefantes salvaxes. É a fraga, é a xungla —de onde comeza a subir cara a min a chamada matinal dos paxaros. Mais, ¿onde se atopa xa a marabillosa cidade, onde o seu rastro?…
Así e todo, uns outeiros ben estraños, vizosos, verdes coma a fraga mais de contornos cada vez máis regulares, en forma de pirámides ou de cúpulas, érguense aquí e acolá, illados, por riba da uniforme extensión da follaxe… E esas son as torres dos vellos templos, as dagabas xigantes, construídas dous séculos antes da era de Cristo; a fraga non puido destruílas mais envolveunas co seu verde sudario, traendo pouco a pouco, sobre elas, a súa terra, as súas raíces, as súas matogueiras, as súas lianas e os seus monos. Soberbiamente aínda sinalan o lugar onde os homes adoraban, nas primeiras idades da fe búdica —e a cidade santa está ben aquí, onde dorme por todas as partes debaixo de min, agochada so a bóveda das ramaxes.
E mesmo o outeiro desde o que miro tamén era unha dagaba sagrada que milleiros de crentes axudaran a construír para a gloria do seu profeta, irmán e precursor de Xesús. A base está gardada por series de elefantes tallados no granito, por deuses cuxa forma se perde baixo o desgaste dos séculos —e cada día aquí, outrora, xurdía o estrondo das músicas relixiosas, o delirio das adoracións e das preces.
"Innumerables son os templos e os pazos de Anuradhapura; as súas cúpulas e os seus pavillóns de ouro resplandecen ao sol. Nas rúas, unha multitude de soldados, armados con arcos e frechas. Elefantes, cabalos, carros, miles de homes van e veñen continuamente. Hai malabaristas, danzantes, músicos de diversos países cuxos timbais e instrumentos teñen ornamentos de ouro."
Agora, todo é silencio; todo é sombra, a noite é verde. Os homes marcharon e a fraga pechouse. E sobre estas ruínas axiña desaparecidas, a mañá érguese, tan tranquila como outrora se erguía sobre a fraga primitiva, nos tempos máis recuados do mundo.
Retrato do Señor X [Pierre Loti], por Henri Rousseau, 1906
Antes de desembarcar na terra grande, tiña que recibir, na illa de Ceilán, unha resposta de certo gracioso Maharaghah de quen ía ser o hóspede e, para eses poucos días de espera forzada, quixen refuxiarme aquí, por noxo das odiosas cidades cosmopolitas da costa.
O camiño que fixen onte para vir xa foi unha longa preparación, o que me predispón favorablemente aos encantamentos deste lugar.
Antes de abrir o día, tivemos que partir de Kandy, a cidade dos antigos reis cingaleses, e viaxar primeiro a través de rexións de grandes palmas, onde se despregaba toda a magnificencia ecuatorial. Despois, pola tarde, a natureza cambiou; as amplas plumas dos cocoteiros e das arequeiras pouco a pouco desapareceron: entraramos nunha zona sen dúbida menos calorosa, onde as fragas imitaban máis as dos nosos climas. Baixo unha choiva cálida e perfumada, incesante, por camiños de chan húmido, nunha pequena carruaxe que mudaba máis ou menos cada cinco leguas, ïamos ao xeito dos nosos cabalos, ao triplo galope, ou ben a un paso teimudo, couces incluídas. Máis dunha vez, tivemos que saltar precipitadamente a terra porque unha besta aínda salvaxe, que non estaba afeita, turraba por deter a marcha. Había dous indios encargados dos cabalos de posta, renovados sen cesar, un que levaba as rédeas, outro sempre listo para saltar á cabeza dos cabalos nos momentos máis perigosos. Un terceiro tocaba a corneta para apartar ao noso paso os carros lentos tirados por cebús, ou cando atravesabamos aldeas ensumidas entre os cocoteiros. —Prometéronnos que habiamos chegar ás oito mais as chuvieiras en enxurrada aumentaban continuamente o atraso que levabamos.
Contra a noite, as aldeas fixéronse máis escasas e a fraga máis densa. Acababamos de ver as rozas feitas polos traballadores —¡Ai, que cativas eran e que perdidas estaban no medio da omnipotencia das árbores! — nin o noso soprador de corneta tiña xa necesidade de esforzarse para escorrentar a ninguén.
As palmeiras desapareceran definitivamente. A partir do solpor, podíase dicir que estabamos no eterno verán dalgunha rexión solitaria das nosas paisaxes de Europa, con fragas máis magníficas a de aquí, é verdade, e de máis prodixiosos entrelazamentos de lianas; un cacto arborescente, de cando en vez, viña tamén evocar o exotismo deste sitio, ou ben unha grande flor de lis vermella de pétalos despeiteados; ou tamén unha bolboreta extraordinaria ao atravesar o camiño perseguida por un paxaro de cores descoñecidas e rechamantes. Mais a ilusión volvía apreixarte, a ilusión dos nosos eidos e das nosas fragas.
Polo tanto, logo de se deitar o sol, máis aldeas, máis pegadas humanas; o silencio dominábao todo, nas profundidades verdes onde o camiño tiña a súa interminable gabia, e por onde iamos de présa agora, sempre de présa, baixo a morna caricia da choiva.
Coa escuridade invasora, unha música de insectos erguíase pouco a pouco da terra toda, cambiando a forma do silencio. Élitros por miríades vibraban en crescendo desde o chan da fraga enchoupada —esa era a música de cada noite desde as orixes do mundo…
Cando se fixo completamente de noite, baixo un ceo todo cuberto, a nosa carreira ao trote lixeiro, mantida durante horas e horas, volveuse moi solemne, entre dúas ringleiras desas grandes árbores, provistas ata o seu pé dunha cabeleira de lianas que se sucedían coma as sebes cada vez máis altas e máis fantásticas dun parque sen fin.
Podía suceder que unhas bestas escuras, vagamente percibidas nas tebras, nos impedían o paso: búfalos inofensivos e estúpidos que había que apartar a berros e a golpes de látego. Despois volvía o baleiro monótono do camiño —con aquel silencio rumoroso da alegría dos insectos.
E un pensaba en todo o que a fraga incubaba de vida nocturna, baixo a súa calma inmensa: tantas feras, grandes e pequenas, á espreita ou cazando; tantos oídos atentos; tantas meniñas dilatadas, a espiar os máis pequenos movementos da sombra…
A roza entre as árbores misteriosas prolongábase sempre diante de nós, tan dereita, palidamente gris no medio daquelas dúas altas paredes negras; sabíase ademais que por diante, por detrás, por todas as partes, durante leguas e leguas, a impenetrable e inquietante maraña das pólas estendía a súa opresión suprema.
Os ollos afixéranse á noite, viamos como se ve en soños, e distinguíanse ás veces, saíndo das matogueiras para axiña desvanecerse, unhas imprecisas bestas asexantes con paso de veludo.
Contra as once, por fin, apareceron uns lumes miúdos; as beiras do camiño estaban inzadas de pedras longas, pedras das ruínas e, no ceo tenebroso, por riba da cima das árbores, debuxáronse as siluetas xigantes das dagabas: a min xa me avisaran e sabía que non se trataba de outeiros senón dos templos da cidade sepulta.
Alí, atopamos aloxamento para pasar a noite nunha hospedaxe rexentado por indios, no medio dun xardín paradisíaco cuxas flores, ao pasar, nos amosou a nosa lanterna.
Agora, polo tanto, está abrir o día mentres escoito debaixo de min, na fraga, o espertar dos paxaros. Nesta torre de templo, estou rodeado polas matogueiras e a vexetación, coma en plena xungla; morcegos, cuxa paz perturbei, voan en círculo na luz matinal, bestas das ruínas coas súas ás grises, e uns esquíos moi pequenos, unha marabilla de velocidade e de graza, vixíanme entre as follas.
Aos meus pés, algunhas desas grandes árbores, que constitúen o sudario da cidade morta, están decoradas como para unha festa de primavera: flores vermellas, flores amarelas, flores rosas. E un chuvasco pasa, rápido, sobre as fermosas copas choridas para se perder despois e disolverse na néboa, no fondal das salvaxes lonxanías.
Mais o sol, que sobe ás présas por tras das nubes e da choiva, xa quenta pesadamente a miña cabeza; é a hora de volver baixo as árbores, á sombra, na noite verde onde viven os homes de aquí, e volvo descer da torre santa por unha escaleira de pólas.
Abaixo, está o mundo confuso dos cascallos e das ruínas, na terra vermella, entre as monstruosas raíces que se retorcen coma serpes. Por centos, xacen as divindades rotas, os elefantes de granito, os altares, as quimeras, testemuñando a arrepiante hecatombe de símbolos causada, hai xa case dous mil anos, polos invasores de Malabar.
Arredor das indestrutibles dagabas, os budistas dos nosos días recolleron piadosamente os máis venerables destes obxectos; nos banzos dos templos esboroados, aliñaron cabezas cortadas de antigos deuses e, grazas aos seus coidados, os vellos altares que quedaron en pé, rudos e informes agora, están cubertos cada mañá de exquisitas flores e unhas pequenas lámpadas aínda alumean neles. Anuradhapura continúa a ser aos seus ollos a cidade sagrada e, desde moi lonxe, uns peregrinos, enganados pola súa encarnación terrestre, veñen recollerse e rezar nela, na paz das árbores.
As dimensións e o plano dos grandes santuarios están sinalados aínda polas series de mármores, de laxas, de columnas que desde as torres se acaban perdendo baixo as árbores; debíase chegar a este lugar tan santo por interminables vestíbulos que gardaban os deuses inferiores e os monstros, todo un pobo de pedra, hoxe xacente e pulverizado.
Ademais destes templos, que dominan de lonxe a xungla tupida, hai centos doutros, en ruínas, por todas as partes, e tamén incontables vestixios de palacios; a fraga agocha tantos piares de granito coma troncos de árbores, e todo se confunde baixo a vexetación eterna.
Notas curiosas e infrecuentes sobre a poiese da materia
“The Realists”, by William Butler Yeats
Hope that you may understand. What can books, of men that wive In a dragon-guarded land; Paintings of the dolphin drawn; Sea nymphs, in their pearly waggons, Do but wake the hope to live That had gone With the dragons.
“Os realistas”, de William Butler Yeats Traducido do inglés por Carlos Lema
Que o deas entendido espero. Onde se non nos libros, de homes que cren En terras de dragóns gardadas por cancerbero; Golfiños pintados con esmero; Ninfas mariñas, que en carrozas de nácar son, Onde se non a espranza de vivir espertar ten Porque acabou ao carón Dos dragóns.
Na tarde do día 24 de xullo, atopamos abandonado preto da sede da Fundación Euseino?, na rúa de México en Vigo, un acuario feito de cartón, plástico, algas manufacturadas e unhas cunchiñas collidas nalgunha praia. Pareceunos algo cando menos curioso, polo coidado e a atención que alguén puxera en facelo; non un readymade senón algo feito “con arte” no senso antigo da palabra, feito con xeito, con graza.
A mesma graza que o verán ás veces deita sobre o mundo. Decidimos, daquela, recoller o acuario e colocalo no trinque a carón dos libros publicados pola Fundación. Pouco despois, ocorréusenos propoñer unha serie de artigos, máis ca artigos notas curiosas sobre pormenores do mundo que ás veces pasan desapercibidos, ou xacen abandonados sen que a nosa atención repare neles.
Coma nun gabinete de curiosidades. Porque consideramos que a curiosidade intelectual, perceptiva e afectiva —no senso do que nos afecta, das afeccións—, é unha das cousas que nos fai seres mundanos. Esa capacidade do verán para iluminar a materia e conseguir que nos sintamos parte dela, coma cousas do mundo, do que formamos parte sen arelar dominalo.
Iniciamos esta serie de “notas curiosas e infrecuentes”, coa tradución dunhas pasaxes da poetaAlice Oswaldsobre a luz impresa nos cianotipos da fotógrafaAnna Atkins. Pasaxes transcritas literalmente da gravación, en concreto, de “The Art of Erosion”, conferencia inaugural de Alice Oswald, Profesora de Poesía, pronunciada na Exam Schools da Universidade de Oxford o 9 de decembro de 2019.
Cystoseira fibrosa, cianotipo por Anna Atkins
“Os cianotipos das algas de Anna Atkins”, por Alice Oswald
De repente, á alborada, a voz remata abruptamente con luz auténtica aínda a se mover riba das árbores cara a unha liña nova. Chegou así, con tan boa sorte e esa luz cenital, coma a neve silandeira ou coma a xiada nocturna. Non dunha soa vez senón delicadamente. Igual ca a raiola acariña o verdor das árbores.
Mentres estou a escribir esas palabras, decátome de que un triángulo gris na sombra da ventá se despraza a través da miña folla de papel e comezo a trazar o seu movemento con puntos. Coma se fixese o diagrama para un enxeñeiro sentado ao meu carón e el dixese “Si”; toda a mesa, cos meus libros e as plumas, estábase a deslizar arredor de ningún punto un centímetro ou menos dun por segundo. E o sol poñíase en evidencia ao dicir “Señor, se usase papel fotográfico, que responde á luz mediante a erosión da súa tintura, daquela hoxe poderiamos estar aquí lendo unha transcrición directa da luz solar”.
Eses cianotipos, tipos de alga mariña que están no Museo de Historia da Ciencia, a preto de 100 metros de aquí, e que realmente son tan bonitos que cómpre ilos ver á sala de investigación do Museo da Ciencia. Porque ninguén os pode fotografar aínda que estean alí. Non o permiten.
Mais as cousas reais teñen un tamaño cinco veces menor nun pequeno caderno de exercicios azul, de fondo azul Prusia escuro, onde están incrible e finamente pormenorizadas aínda que parecen un pouco desdebuxadas. Fíxoas Anna Atkins no século XIX colocando espécimes sobre o papel sensible á luz para crear unha serie de siluetas. Trátase dun proceso erosivo. O sol come as sales de ferro deixando un cianotipo, coma se simplemente lles tirase por riba un capote e, ao cubrir a herba, a súa imaxe quedase gravada nel.
A Robert Hunt, outro precursor da fotografía, o proceso pareceulle tan doado que case era un sinal de debilidade usalo. Os resultados son tan extremadamente simples, afirmou, son tan certeiros, a delineación tan perfecta e o carácter xeral tan interesante que son recomendables por si mesmos, especialmente para señoras e para todos aqueles viaxeiros que non lle queiran prestar demasiada atención ou tempo a esta cuestión: desexar obter coidadas representacións da botánica dunha rexión. Acabamos de ver espécimes da alga británica realizados por unha señora.
Velaquí, abofé, a señora do cianotipo, un tipo de proceso salientable pola extrema fidelidade coa que mesmo se copian os máis esguivios gabiáns das plantas mariñas.
Dictyosiphon fæniculacea, cianotipo por Anna Atkins
A prol das señoras e dos viaxeiros, que el despreza, non podo deixar de pensar agora que o máis difícil para unha artista é acadar ou, ao cabo, desexar acadar, a sinxeleza, a rapidez na execución e a fidelidade ao pormenor.
Hai artistas actuais que se dedicaron á fotografía xa que perseguían obxectivos dese tipo. Susan Derges, por exemplo, deixa nas noites de luar papel fotográfico nos ríos para facer unha versión visual que deixa falar a luz da lúa con voz propia. Gary Fabian Miller fai brillar a luz eléctrica a través de matraces con líquido de cor para facer cadros de imaxes da súa mente. Coido que Harriet Tytler foi unha precursora da fotografía ao traballar coma Samuel Beckett para acadar esa luz que se imprime na súa voz. Cando leo un poema seu, ábrese un obturador e logo outro e outro e a alborada acábase achegando fisicamente a min en catro movementos.
Pola contra, cando leo as “Insinuacións de inmortalidade” de WilliamWordsworth, que é un poema elaborado, non un poema erosionado, síntome algo menor, inferior e por detrás do poeta, e o efecto que el procura cae coma unha sombra entre o sol e eu mesma.
Houbo unha época na que Meadow Grove e Stream the Earth, calquera lugar común para min, me parecía que era coma a luz celestial, coma se tivese a gloria e a singularidade dun soño. Xa non é o mesmo, se volvo sobre isto que acabo de dicir, cando aceptaba a noite e o día, as cousas que vía, agora xa non me parece así. O arco da vella ía e viña, a rosa era xeitosa, á lúa daba xenio vela. Se miras arredor dela cando o ceo está aberto, se miras na auga dun ceo estrelecido, a luz do sol é coma un nacemento fermoso e cheo de gloria. Mais agora xa sei que a calquera sitio que vaia o esplendor da Terra quedou atrás.
O acuario, feito con cunchas, cartón, papel, plástico e materiais diversos, no trinque da Fundación Euseino?