Caleidoscopio dos contos, 5

A pesar de que non é moi coñecido, o escritor e poeta escocés George MacDonald (1824-1905), amigo de Lewis Carroll,  foi un dos grandes autores de contos de fadas. O seu libro The Light Princess and Other Fairy Tales comeza cun magnífico ensaio sobre a “imaxinación fantástica”, o autor reflexiona sobre os contos de fadas:

Si me preguntaran que é un conto de fadas, contestaría: lean “Ondina” [1811, relato de Friederich Heinrich Karl, barón de La Motte Fouqué]: iso é un conto de fadas. Logo lean este e aqueloutro tamén, e entón comprenderán que é. Se insistisen en pedirme unha descripción ou definición do fayrytale, a miña resposta sería que suporía o mesmo esforzo que describir o abstracto rostro do ser humano. Un conto de fadas é sinxelamente un conto de fadas, así como un rostro é un rostro; e de todo os contos de fadas que coñezo, “Ondina” é o máis fermoso.

1

O pintor prerrafaelita Arthur Hughes (1832-1915) foi o ilustrador dos relatos de George MacDonald, autor que consideraba que os contos de fadas non ían dirixidos a un público dunha idade determinada: “Eu non escribo para os nenos, senón para todos aqueles  que son coma nenos, xa teñan cinco, cincuenta  ou setenta e cinco anos”.

Cita

Vida nova

Nova recensión sobre  O Rei Portador e outras historias, o libro de relatos de Beatriz Fraga. O crítico literario Ramón Nicolás publícaa no seu blogue Caderno da crítica. Incluímos a seguir unha cita desta recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na frase Caderno da crítica.

quen se achegue a este texto [poderá] internarse por historias que latexan talvez nun recuncho poeirento da memoria, pero ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade: a do rei mauritano Atlas e a súa maciñeira máxica, a dunha marabillosa torre que explica a existencia de homes e mulleres que cobren o seu rostro con turbantes de cor azul, […] ou a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados.

Ramón Nicolás, Caderno da crítica

Representacións da regularidade

A percepción da regularidade na contemplación do mundo faise moi nidia na xeometría. Mesmo nos modernos modelos fractais e na xeometría hiperbólica, que se afastan da xeometría euclidiana e pretenden achegarse á ausencia de orde, aparece a autonomía da representación: o contemplado estabilízase, fíxase nunha forma; esa forma, ao ser conceptuada, acada a autonomía.

480px-Julia_set_(highres_01)

Representacións da regularidade, coma o disco de Poincaré, outorgan estatuto estético, isto é, perceptivo, a aquilo que ao contemplar o mundo é imperceptible. Velaí a a regulación da regularidade como nomos ou lei do percibido. Desa regularidade, e da súa función na potencialidade do discurso, escribiu Michel Foucault caracterizándoa como aquilo que domina a “historia tradicional das ideas” e que determina a súa significatividade. A noción de “discurso” é a dun conxunto de técnicas ou enunciados que se establecen respecto de un referencial, un tipo de distancia enunciativa, unha rede interpretativa e un campo de estratexias posibles. Unha hipótese parella á da regularidade foucauldiá, formulouna Thomas Kuhn na súa obra The Structure of Scientific Revolutions (1962) ao observar que, historicamente, a maioría dos progresos científicos acontecen en épocas nas que se dá un acordo case total arredor dun “paradigma” consensuado nun subcampo da ciencia concreto.

480px-Hyperb_icosahedral_hc Modelo do disco Poincaré para a xeometría hiperbólica

Se extrapolasemos eses modelos xeométricos de representación da regularidade ao mundo do social, xurdirían preguntas do tipo: ¿ata que punto esa regularidade dos modelos perceptivos nos que se basea o coñecer serve de ancoraxe ás relacións de poder? A pregunta debe de ter algo de xeito, se temos en conta o modelo do panóptico como sistema de control tal como o analizou tamén Foucault. ¿Hai relación entre esa regularidade representada no pensamento e na retórica perceptiva e científica coa regularidade dos enunciados discursivos nos que se asentan os dispositivos de poder? Poida que si. ¿Poderíase tratar, se cadra, dun efecto asumido como impensado por quen contempla o mundo?