Cita

Vida nova

Nova recensión sobre  O Rei Portador e outras historias, o libro de relatos de Beatriz Fraga. O crítico literario Ramón Nicolás publícaa no seu blogue Caderno da crítica. Incluímos a seguir unha cita desta recensión, que se pode ler íntegra ao calcar co cursor na frase Caderno da crítica.

quen se achegue a este texto [poderá] internarse por historias que latexan talvez nun recuncho poeirento da memoria, pero ás que se lle outorgan unha nova vida chea de forza e intensidade: a do rei mauritano Atlas e a súa maciñeira máxica, a dunha marabillosa torre que explica a existencia de homes e mulleres que cobren o seu rostro con turbantes de cor azul, […] ou a do fermoso e intenso relato titulado «Berenice», centrado na raíña libia de cabelos dourados.

Ramón Nicolás, Caderno da crítica

Cita

Berenice

En Berenice, a atención concéntrase non xa sobre a renuncia heroica da raíña, senón exclusivamente sobre o tormento da paixón, que no seu infinito refinamento e perfección poético-formal manifesta con tanta maior violencia o seu poder e a súa “dignitas” ultraterrena.

… a dignidade e o sentimento de si encontran fundamento na súa vitalidade forte, na integridade da súa vida instintiva. Incluso as máis serenas figuras de mulleres, coma Berenice, Monime, Ifixenia e Esther, acadan a súa pureza, ou polo menos así semella, por un sentimento de si fortemente físico, e é sorprendente como aquí intelixencia, decoro, pudor e a feminidade máis secreta concorren nun resultado sensible.

A hipertrofia da individualidade sensible é tanto máis estraña e difícil de comprender canto as figuras non están representadas na súa unicidade mediante características particulares senón, ao contrario, son tipificadas e, en certo modo, conquistan un carácter só a través da situación dramática na que se atopan. Non soamente o seu carácter terreno senón toda a súa vida material permanece na escuridade.

Erich Auerbach, Racine e as paixóns

[Para coñecer a historia de Berenice e deitar luz sobre esa “vida material que permanece na escuridade”, as lectoras e lectores poden ler O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga, publicado por Euseino? Editores]