Publícase o cómic “Aventuras espaciais de T e Ronni”

O libro de Maks é a descuberta dun novo debuxante

A colección Onocrótalo, dedicada á expresión plástica contemporánea mediante a publicación de álbums para todas as idades, tira do prelo o seu terceiro título, Aventuras espaciais de T e Ronni, cómic que é o primeiro libro de Maks, un novo e precoz autor.

Gobernando o seu peculiar vehículo espacial, T e Ronni lánzanse á aventura para se enfrontar con enxeño a perigos e situacións extraordinarias. Nesta viaxe iniciática, ou periplo do heroe, os protagonistas han percorrer longas distancias e loitarán con calquera obstáculo que atopen no camiño.

A través dunha linguaxe ateigada de humor, empregando a metaficción como estratexia narrativa, neste cómic o valor das palabras é tan importante coma o das imaxes. A distribución das viñetas inflúe no resultado da acción, dándolle dinamismo á historia. Rachando a barreira entre a loita interna que comporta o crecemento e a realidade, este álbum ofrece exemplos de solucións temporais, en clave de humor, ás dificultades que apremian no decurso do relato. Igual ca un conto de fadas moderno, a mensaxe é que, se un non foxe e se enfronta ás situacións inesperadas, e a miúdo inxustas, chega a dominar todos os obstáculos erguéndose á fin victorioso.

Maks fai que nos poidamos identificar con estes dous personaxes que, coma un cabaleiro e o seu escudeiro, non temen enfrontarse a nada nin a ninguén. O libro inclúe dúas historias cos mesmos protagonistas, dúas pequenas pílulas de humor que nos permitirán recuperar o sorriso. Reparar nos pormenores e saborear a forza e o poder das onomatopeas vai permitir que os protagonistas saian da dimensión do papel dándolle plasticidade á historia.

Escrito e debuxado por Maks, o autor amplía a capacidade engaioladora da ficción para permitir ademais unha lectura divertida e o desenvolvemento do pensamento visual, a mirada que leva ao sentido.

Aventuras espaciais de T e Ronni

280 x 200 mm
Tapa dura
48 páxs.
PVP 17 euros [16,32 + 4% IVE]

Compra con tarxeta


Publícase o primeiro número de “Urania”

Chus Pato dialoga con Genaro da Silva sobre “O pintor cego”

O Gabinete de Poesía da Fundación Euseino? publica en formato PDF e acceso aberto o primeiro número de Urania. Publicación sen periodicidade fixa que recolle o diálogo de Chus Pato con poetas actuais e outras actividades realizadas no Gabinete de Poesía do LaPLit. A súa finalidade é incitar ao pensamento sobre a poesía.

O que publicamos neste número de Urania é unha conversa sobre o poemario O pintor cego entre Chus Pato e o seu autor, o poeta Genaro da Silva. Ao longo de máis de cincuenta páxinas, o diálogo entre Chus Pato e Genaro da Silva serve para, a partir do poemario deste último, realizar unha reflexión en profundidade sobre as relacións entre a poesía e a ciencia, o pensamento poético e o pensamento filosófico, as dualidades da escritura poética e outras consideracións sobre temas do poemario coma a paisaxe, a linguaxe e o medo. A beleza e a continxencia.

O poemario O pintor cego publicouse en edición bilingüe galego-portuguesa no ano 2021 no Porto, na editorial Officium Lectionis, dirixida por José Rui Teixeira. A tradución portuguesa é de Jorge Melícias e José Rui Teixeira.

Urania 1

54 páxs.

Sumario
10, A) Investigación científica e a escritura do poema — 14, B) Tese/Antítese/Sofisma — 17, C) A escritura divídese en dous — 25, D) A paisaxe — 27, O abecedario — 40, O medo.

Edición non venal en PDF
Descarga gratuíta


“Máis simple e máis fondo”, por Berta Dávila

No pasamento de Joan Didion

Lin a Joan Didion por primeira vez no anómalo 2020. É un namoro recente, por iso perdura aínda con intensidade. O certo é que foi un fervor algo histriónico. Coas librarías pechadas polo confinamento procurei cada liña súa ao meu alcance en versión dixital. Primeiro as traducións para o castelán de The Year of Magical Thinking e Blue Nights. Logo Los que sueñan el sueño dorado, un volume editado por Penguin Random House –como os dous anteriores–, que selecciona artigos previamente compilados noutros libros da autora –The White Album, After Henry e Miami–. Nel están moitas das miñas pezas favoritas de Didion, en concreto “Sobre ter un caderno de notas”, “Na cama” ou “Despois de Henry”. Fala nelas da vocación de facer anotacións e da permanencia da escritura, sobre a migraña e o temperamento perfeccionista e sobre o cariz do vínculo entre quen escribe e quen edita, a partir da súa relación particular co editor Henry Robbins, morto en agosto de 1979 dun ataque ao corazón. Máis tarde lin South and West, Play Is as It Lays e Run, River, nas traducións castelás, os tres durante o mesmo verán. Finalmente, hai poucos meses, atopei en Let Me Tell You What I Mean varios artigos excelentes sobre a escritura e sobre a prensa. Este é o resumo da miña relación con ela.

Joan Didion representa o tipo de escritora que é doado converter en mito e tamén amar. As súas fotografías son a meirande parte das veces magnéticas e adoita protagonizar as cubertas dos libros que escribiu. É imposible arredar a vista da súa imaxe desafiante ou despistada diante dun cabriolé, no medio dunha festa ou sentada nunha cadeira coa súa filla pequena no colo mentres fuma un cigarro. Tamén é interesante a súa convivencia, literaria e doméstica, co escritor John Gregory Dunne. “A pesar do diferentes que eran os seus estilos e perspectivas, nunca entregaron un artigo sen que o outro o corrixise: ambos tiñan na outra persoa o seu lector de confianza”, di Griffin Dunne no documental The Center Will Not Hold (2017). Non concibo un vínculo máis estreito ou máis íntimo ca este entre dúas persoas que escriben. Nin sequera o amor é quen de formar lazos tan difíciles de desatar.

No caso de Joan Didion, cada anécdota dun periplo vital fascinante contribúe inevitablemente a facer dela o que é. Cando comezou a traballar para a revista Life –conta en The Year Of Magical Thinking– pedíronlle que escribise un primeiro artigo presentándose, un do estilo “que os lectores saiban quen es ti”. Antes de entregalo, fíxose pública a matanza de civís en My Lai por parte dun comando norteamericano durante a guerra do Vietnam. Didion considerou que debía escribir o seu primeiro artigo para a revista desde Saigón e chamou ao seu redactor xefe para dicirllo, pero el non lle devolveu a chamada ata o descanso dun partido de fútbol americano e respondeulle que continuase co plan inicial, porque para o de Saigón xa estaban “algúns dos rapaces indo para aló”. Estes días, a meirande parte dos obituarios que lin na prensa –moitos deles formidables– están asinados por escritores, e eu tiven a sensación de que no momento da morte de Joan Didion aínda adoitan estar case sempre algúns dos rapaces indo para aló cando algo importante pasa.

Foi máis unha escritora que unha narradora, penso, aínda que era unha narradora audaz. Ao meu ver, foi tamén mellor cronista ou articulista que novelista, pero isto non quere dicir case nada. The Year of Magical Thinking, que proximamente verá a luz en galego na tradución de Eva Almazán para Rinoceronte, é o seu libro máis coñecido e é tamén, xunto con Blue Nights, o seu último título con material inédito publicado, dúas cousas que acontecen poucas veces xuntas. Hai algo inxusto en todo iso, porque o seu traballo anterior é extenso e interesante pero, ben mirado, é o soño de calquera escritora que o último sexa o máis exitoso por vez de ser recordada por un libro que gustou hai moito tempo coma se despois non foses quen de facer nada mellor. The Year of Magical Thinking fíxose tan popular que se converteu nun deses libros baixo certa sospeita. Tamén ela. “Está moi de moda, está por todas partes”, opinou hai pouco unha amiga miña. Estar de moda e estar por todas partes non é un indicativo de que o traballo de alguén sexa valioso, pero tampouco de que non o sexa. 

A min o que me interesa de Joan Didion non ten que ver coa súa maneira lúcida de tratar o dó nestes últimos libros. A min Joan Didion non me conmove exactamente, non é iso. Tampouco ten que ver coa súa capacidade para o retrato dun tempo, dun xesto ou dun personaxe, aínda que todas esas son cousas que soubo facer. Penso que se trata de algo máis simple e creo que por iso máis fondo. Interésame como escolle as palabras e porqué, como as coloca nas frases e como ganduxa unha frase coa seguinte. Interésame tamén o seu cinismo e o seu desapego, a súa intelixencia, o seu xeito de aproximar a literatura a outras escrituras que non o parecen e a súa habilidade para poñer o foco nun lugar e referir despois a caída exacta da luz, o seu talento para a metáfora e a súa comprensión do artefacto literario e do oficio de compoñelo.

Souben da morte de Joan Didion porque mo contou o poeta Jesús Castro Yáñez. Falamos moi pouco. Díxenlle que me producía certo pesar e que iso era estraño. El respondeu que o pesar pola morte de alguén que non coñecías está tan fundamentado como o pesar por calquera outro abandono. Ou se cadra máis, engadiu. Os poetas teñen esas cousas, saben cal é a palabra axeitada para cada momento.

Creo que o meu pesar ten que ver cunha virtude de Joan Didion, e é a sensación de acompañamento e plenitude que a súa literatura suscita. Os seus libros son unha especie de presenza e, se cadra, teñen ata unha vocación de selo, e inclúo tamén as súas novelas. É capaz de construír o lugar onde a auga fai remanso.

Boa viaxe, Joan Didion, a onde queira que esteas indo agora.

Publícase “O obxecto muller e o xiro ontolóxico”, de Inma Otero Varela

Na colección Casabranca, publicamos O obxecto muller e o xiro ontolóxico, unha achega de Inma Otero Varela á filosofía feminista.

cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. Velaquí un libro absolutamente anovador, no que a autora elabora unha concepción teórica senlleira mediante unha argumentación limpa, firme e rigorosa.

A partir do xiro que o realismo especulativo, ou o novo realismo, deu na filosofía contemporánea, trátase de pensar unha ontoloxía na que a relación de dependencia entre suxeito e obxecto desapareza ao deixar de ser a exclusiva forma de acceder ao senso, de existir. O suxeito, desta volta a muller, é un obxecto máis do mundo, ou dos mundos, dos campos de senso. Xa non hai un senso único, unha determinación necesaria e primeira, senón que son os obxectos os que, nas súas relacións, crean campos de senso continxentes e independentes. O campo de senso de xénero é un deles. E como tal é modificable, emendable. O obxecto muller xa non é o obxecto muller-obxecto; a muller non é un corpo. Ser muller non é unha natureza, é un xeito de representación que emerxe, se inscribe e accede ao seu propio senso. Existe sen condición.

A obra de Inma Otero Varela enfróntase con cuestións coma onde ser muller?, que é o xénero como campo de senso e cales son as regras que ordenan o campo de xénero para, ao cabo, discernir claramente entre o obxecto muller-obxecto e o obxecto muller como dúas realidades diferentes ao situar o ser muller como un obxecto autónomo.

Unha concepción rigorosamente nova e orixinal sobre as cuestións fundantes do pensamento feminista.

Col. Casabranca 12
168 páxs.
PVP 15 euros [14,40 + 4% IVE]

A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. ¿Que é unha muller e que implica esta determinación inicial? ¿Pódese revogar ou é unha natureza inemendable? Neste libro absolutamente anovador, no que se elabora unha concepción teórica senlleira e fundacional, Inma Otero Varela responde cunha argumentación limpa, firme e rigorosa.