“O azul morpho, a cor tímbrica das feras”, por Beatriz Fraga

Durante o ano 2015, en euseino.org publicamos unha serie de tres artigos de Beatriz Fraga sobre a cor azul. No primeiro deses artigos, sobre a Teoría do azul, realizábase un compendio das investigacións sobre a percepción do azul, especialmente a partir do efecto Tyndall de reflexión e refracción da luz branca do sol; no segundo —A materia do azul—, expoñíanse os métodos de síntese material da cor azul, para, no último artigo da serie —”Azul Parrish“—, rematar cunha introdución á obra do ilustrador Maxfield Parrish e o seu traballo sobre esa mesma cor.

Publicamos agora un artigo novo, no que a autora do libro O Rei Portador e outras historias nos introduce na noción de cor tímbrica, que relaciona coa bolboreta Morpho azul e coa concepción cromática de pintores coma Matisse, O’Keeffe e Rothko. Salientamos que estes artigos sempre parten dun obxecto, ou da materia, para estudar a súa transformación cando é percibido polo suxeito; dese xeito, mediante a representación, os efectos da correlación mundo-pensamento achegan a estética a un novo tipo de ontoloxía.

Segundo o pintor, crítico de arte e filósofo italiano Gillo Dorfles denomínase tímbrico o emprego das cores practicado por algunhas escolas e correntes pictóricas a partir do fauvismo. Esas cores, na súa máxima saturación, saídas do tubo sen mesturar, contrapoñíanse ao uso e emprego das cores formais. Empregadas polos fauvistas, as cores tímbricas xeneralizaríanse posteriormente co dominio da arte abstracta.

No Grand Palais de París, a comezos do século XX, celebrábase anualmente, entre o 18 de outubro e o 25 de novembro, o Salón de Outono. O obxectivo daquelas mostras era ofrecer apoio aos artistas novos diferenciándose doutras exposicións realizadas en grandes salóns de máis prestixio tal como La Nationale e os Artistes Français, que tiñan lugar na primavera.

No Salón do ano 1905, algunhas obras de Matisse, Derain, Marquet e De Vlaminck foron expostas nunha sala arredor dun busto clásico e italianizante do escultor Albert Marque. O crítico da revista Gil Blas exclamou ao ver a exposición: “Tiens! Un Donatello parmi des fauves! [Vaites, un Donatello entre as feras!]”. A partir de aí, os pintores que participaron nesa exposición, acabaron adoptando o cualificativo, en orixe despectivo, de fauves, denominación que posteriormente sería empregada, xa sen ese matiz pexorativo, na historia da arte.

Martin_Johnson_Heade_-Blue_Morpho_Butterfly_ATC

Durante este verán e ata o 4 de setembro, a National Gallery de Londres organiza “Painters’ Paintings: From Freud to Van Dyck”, unha exposición que permite achegarse ás coleccións privadas de grandes pintores coma Matisse, Degas e Frederic Leighton. Entre outras curiosidades, a mostra desvela que Henri Matisse adquiriu obras coma o cadro de Cézanne “As tres bañistas”. Pero, o que non se recolle nesta exposición e que resulta ben curioso é que, entre os obxectos máis prezados da súa colección, o pintor posuía un exemplar da bolboreta Morpho, da que Matisse apreciaba a cor do azul das súas ás.

Ese azul da bolboreta Morpho aparece ben reflectido nun cadro de Martin Johnson Heade, pintor norteamericano pertencencente á escola do río Hudson, que aparece neste artigo.

A bolboreta Morpho azul, xunto coa Atlas, é a bolboreta de maior tamaño, que varía entre os 12,5 e os 20 centímetros. Pertence á familia Nymphalidae e, dentro desta, ao xénero Morpho. Paradoxalmente, o termo Morpho (“cambiado, ou modificado”) indica que estas bolboretas son percibidas polo ollo humano cunha cor diferente á que posúen, xa que realmente as súas ás non están pigmentadas. A cor destas bolboretas neotropicais non é pigmentaria senón estrutural, froito da disposición das escamas coa que está cuberta a superficie alar e da refracción e reflexo da luz sobre elas. Esta modificación das propiedades ópticas é o que fai que se perciba a súa cor dun azul intenso e brillante.

Cando Matisse fai a serie das mulleres espidas para o libro Jazz, emprega ese mesmo azul puro influenciado polo azul da bolboreta Morpho.

 

O azul morpho noutros pintores

Partindo da idea de Gillo Dorfles sobre as cores, poderiamos considerar o azul da bolboreta Morpho unha cor tímbrica, tal como nos indica o emprego do azul sen mesturar na obra de Matisse e doutros pintores coma Georgia O’Keeffe e Mark Rothko.

A pintora norteamericana é autora da serie de acuarelas Blue 1, Blue 2, Blue 3 e Blue 4, de 1916, e de cadros coma Starlight Night, de 1917, que poden ser claros exemplos dun azul tímbrico. Nas acuarelas, parte dunnha cor primaria que vai degradando co emprego da auga mais sen mesturar o azul para acadar outras tonalidades.

Blue_3_-_Georgia_O'Keeffe

En Azul dividido por azul, Mark Rothko emprega un cromatismo puro no que as pinceladas marcan unha orientación no espazo e onde só se percibe a luz e a cor. O crítico de arte Clement Greenberg fixo referencia a Rothko como un dos artistas membro do Color Field, xa que a súa obra é de gran formato, cun cromatismo puro no que as pinceladas aparecen para marcar unha orientación no espazo. Espazos baleiros, sen figuras. Color Field é un estilo de pintura abstracta que xurdiu na cidade de Nova York durante durante as décadas de 1940 e 1950, caracterizábase polo emprego de amplos campos de cor, lisa e sólida, que tinguen o lenzo creando áreas de superficie uniforme e un único plano da imaxe.

O azul na obra de Rothko e de O’Keeffe tamén podería estar relacionado coa cor tímbrica de Dorfles e co azul morpho da bolboreta que tanto influíu en Matisse.

 

Helena Polenova en “Fábrica de la Memoria”

O proxecto dixital “Fábrica de la memoria” para a recuperación da historia das mulleres recolle na súa páxina web parte do artigo “A arte e o mester de Helena Polenova”, escrito por Beatriz Fraga e publicado en euseino.org en marzo de 2015.

Unha moza, por Helena Polenova

 

Helena Polenova (San Petersburgo 1850 – Moscova 1898) formou parte da xeración de artistas rusas sobranceiras que redescubriron as tradicións populares na rexión de Moscova a fins do século XIX. Pintora, deseñadora e ilustradora, era a irmán máis nova dun dos artistas de máis renome en Rusia, Vasili Polénov (1844-1927). Helena e Vasili formaron parte dunha colonia de artistas situada no norte de Moscova que levaba o mesmo nome da aldea onde estaba ubicada, Abramtsevo. Durante as décadas 1870 e 1880, os integrantes da colonia tentaron recuperar a calidade do espíritu da arte rusa medieval, igual que acontecía en Gran Bretaña co movemento Arts&Craft. Grazas a un atento e esmerado estudo da arte popular rusa, Helena Polenova realizou proxectos de deseños de mobles, figurinos, deseños de teas, cerámica e xoguetes baseados na tradición popular rusa. Nos obradoitos de Abramtsevo materializaría os seus deseños grazas a artesáns locais.

 

“Fábrica de la memoria” é un proxecto realizado pola  Fundación Iberoamericana de las Industrias Culturales y Creativas coa colaboración da Asociación Fábrica de la Memoria, constituída en 2006. Entre os seus obxectivos está o de recuperar e difundir o coñecemento sobre a historia das mulleres e as achegas das mulleres en todos os ámbitos: sociais, artísticos, científicos, literarios e de pensamento; ademais da creación dun arquivo documental sobre a memoria das mulleres, especialmente dedicado á fotografía, o cartelismo, os audiovisuais e os textos.

Para ler o artigo publicado en “Fábrica de la memoria”, accédase á ligazón:

Helena Polenova en “Fábrica de la memoria”.

Desde euseino.org saudamos esta iniciativa e agradecemos a súa colaboración na difusión da obra e da figura de Helena Polenova.

 

Trece conferencias

Filosofía nas Bibliotecas

A Fundación Euseino? convocou no mes de maio o Programa “Filosofía nas Bibliotecas“, destinado a colaborar coas bibliotecas públicas na organización de conferencias de filósofas e filósofos galegos. Rematado o prazo de presentación de solicitudes para participar no antedito Programa, xa está confeccionado un calendario de trece conferencias que se realizarán por toda Galicia, de Narón á Guarda e Ribadavia, de Oleiros e A Coruña a Lugo, pasando por Compostela.

A convocatoria foi un suceso grazas ao apoio de todas as bibliotecarias e bibliotecarios do país, da asociación BAMAD Galicia e mais da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais, que colaboraron co maior dos intereses na difusión do programa de conferencias proposto pola Fundación. Tivemos ademais a fortuna de poder contar coa axuda imprescindible e incondicional das e dos conferenciantes, sen os cales sería imposible levar a cabo o programa. Con este programa, confiamos en poder axudar a difundir o pensamento e, ao tempo, espallar a obra dos nosos pensadores e pensadoras, fomentar o debate e, en conclusión, a concepción non dogmática das ideas.

Queremos rematar estas liñas agradecendo especialmente a Anxos Sumai, escritora e bibliotecaria, o seu asesoramento e entusiasmo, que nos serviron de guía e compaña no desenvolvemento do proxecto. Desde a presidencia da Fundación, queremos agradecer tamén aos membros do Padroado, Beatriz Fraga, Chus Pato e Xosé Monteagudo, o seu apoio e colaboración desinteresada.

Finalmente, sentímonos especialmente orgullosos de poder compartir con vostedes o calendario das trece conferencias.

Detail of Frances Yates’ reconstruction of Giordano Bruno’s memory wheel from De Umbris Idearum (1582), Warburg Institute]peq

Pormenor da reconstrución feita por Frances Yates da roda da memoria do “De Umbris Idearum” (1582), de Giordano Bruno [Warburg Institute]


 

Calendario das conferencias 2016

[Pendente de confirmación]

Setembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal da Guarda. Enderezo: Rosalía de Castro, 14, A Guarda. Conferenciante: Miguel Penas¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: venres, 30 de setembro de 2016, ás 20 horas.

Outubro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Roberto AbuínAxeitarse á cerna do —noso— dicirretallos para un pensar galego”. Data e hora da conferencia: xoves, 6 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Lucía Castro“Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: xoves, 13 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Forum Metropolitano. Enderezo: Rúa do Río Monelos, s/n. A Coruña. Conferenciante: Lucía Castro: “Os xeitos do común perante a propiedade e a débeda”. Data e hora da conferencia: mércores, 19 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Miguel Penas¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 20 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Lugo. Conferenciante: Brais ArribasDeixar ser a diferenza: a potencia política da identidade feble”. Data e hora da conferencia: luns, 24 de outubro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca P. M. Os Rosales. Enderezo: Praza Elíptica 1, 1º. A Coruña. Conferenciante: Abraham RubínCom-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: mércores, 26 de outubro de 2016, ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Abraham Rubín: “Com-partir a fractura. Reflexións sobre a construción de comunidades”. Data e hora da conferencia: xoves, 27 de outubro de 2016, ás 19.30 horas.

Novembro

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”. Enderezo: Avda. de Xoán XXIII, s/n. Santiago de Compostela. Conferenciante: Rebeca BaceiredoA construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19.30 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública de Lugo. Enderezo: Avda. de Ramón Ferreiro s/n. Conferenciante: Miguel Penas: ¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: xoves, 17 de novembro de 2016, ás 19:30 h.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Ribadavia. Enderezo: Avda. de Redondela 1. Ribadavia. Conferenciante: Miguel Penas: ¿Que facemos cando pensamos? Apuntamentos dende as novas correntes da intelixencia artificial”. Data e hora da conferencia: martes, 22 de novembro de 2016, ás 16 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro. Enderezo: Centro Cultural As Torres. Rúa de Emilia Pardo Bazán 17, Santa Cruz, Liáns (Oleiros). Conferenciante: Rebeca Baceiredo: A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: xoves, 24 de novembro de 2016 ás 19 horas.

Nome da Biblioteca: Biblioteca Pública Municipal de Narón. Enderezo: Rúa do 25 de xullo, s/n. Narón. Conferenciante: Rebeca Baceiredo: A construción do xénero e os réximes de propiedade: un relato alternativo”. Data e hora da conferencia: venres, 25 de novembro de 2016, ás 19:00 h.