Beatriz Fraga: sobre Yves Klein e a cor azul

Ampliando a súa indagación arredor da cor azul, Beatriz Fraga propón agora un achegamento á figura e a obra do pintor Yves Klein. Este artigo novo inclúese na serie iniciada con Teoría do azul” e que a autora de O Rei Portador continuou en A materia do azul”,  Azul Parrish” eO azul morpho, a cor tímbrica das feras. Todos eles publicados en euseino.org.

 

“O azul Klein, o absoluto visible”, por Beatriz Fraga

Un dos termos máis significativos da reflexión estética de Theodor W. Adorno é a forma como contido social. No Ensaio sobre Wagner, escrito durante o seu exilio londiniense di:

As obras de arte, en tanto que obxectos do espírito, non son algo terminado. Son unha rede de todo tipo de intencións e de forzas posibles, de tendencias internas e dos seus contrarios, de logros e de fracasos necesarios. Obxectivamente, destácanse e perfilan novos aspectos delas, outros, polo contrario, esvaen e morren. Adoptamos unha actitude auténtica ante unha obra de arte, non adaptando, como se di, esta á situación nova senón máis ben descifrando na obra aquilo fronte ao que reaccionamos doutra forma en virtude da historia.

Esta reflexión de Adorno ante a obra de Wagner poderíase extrapolar á obra plástica de Klein.

Yves Klein (1928-1962) foi unha importante figura dentro do movemento neodadaísta e un elemento fundamental da vangarda en Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Klein e Les Nouveaux Réalistes pensaban que o artista debería ser un instigador, un creador de estímulos.

O artista naceu nunha familia dedicada á pintura. Fillo do pintor holandes-indonesio afincado en Francia Fred Klein e da pintora francesa Marie Raymond, non recibiu formación artística como tal. Estudou na École Nationale de Languages e na École National de la Marine Marchand. Debido á vida bohemia dos seus pais, Klein criouse cos seus avós en Niza.

Apaixonado polo deporte do judo, chegou a ser cinto negro nesta disciplina, publicando o libro titulado Os fundamentos do judo, logo de estudar no Instituto Kadokan de Toquio desde 1947 ata 1952/53. A negativa da Federación Francesa de convalidar o diploma xaponés frustrou a súa carreira deportiva facendo que se volcase na artística.

 

De como repartir o mundo

Poderíase dicir que todo comeza coma nun conto de fadas. Un día de praia, divagando cos seus amigos Armand Pierre Fernández e Claude Pascal, decidiron “dividir o mundo” entre eles: Arman (creador das denominadas Acumulacións, composicións de obxectos desubicados) adxudicouse a terra; Pascal, o poeta, quedou coas palabras e Klein escolleu o espazo etéreo que rodeaba ambas, o ceo. Poderíase dicir que esa tarde Klein asinou a súa primeira obra, o ceo azul de Niza. Posteriormente o artista descontextualizaría a cor azul do ceo creando unha coloración nova, o International Klein Blue (IKB), cor pola que sería coñecido mundialmente.

A singularidade do IKB non radica no pigmento en si senón no aglutinante da resina sintética na que se suspende a cor, que permite que esta manteña a súa intensidade cromática. Esa resina é un acetato de polivinilo comercializado, no seu momento baixo o nome de RHODOPAS M ou M60A e que se segue vendendo baixo o nome de Medium Adam 25. Aínda que non está rexistrada como patente, esta cor creada por Klein en colaboración con Edouard Adam (un provedor de pinturas artísticas parisino) foi rexistrada no Instituto Nacional da Propiedade Industrial de Francia (INPI), no que se inscribiu a fórmula baixo o nome de International Klein Blue (IKB).

Pero, ademais do azul, as obras de Klein están tinguidas doutras cores. O dourado, que aparece nas súas obras como material precioso e simbólico, atopa a súa máxima expresión nos Monogolds, ou paneis rectangulares con follas de ouro resplandecentes. O azul, o rosa e o dourado, tres cores que se unen nas denominadas pinturas de lume, nas que os cartóns, ou lenzos, son modificados a partir da combustión ignífuga. Os soportes pictóricos, mollados con auga e queimados posteriormente para crear ¨trazos”, combínanse en ocasións coas antropometrías.

 

De como prevaleceu o azul

Segundo se pregunta o propio pintor:

¿Como cheguei a esta época azul? Porque antes diso presentei na Galería de Colette Allendry, en 1956 e en 1955 (no Clube de Solitarios) unha vintena de superficies monocromas, de distintas cores, verde, vermello, amarelo, violeta, azul, laranxa […]. Trataba de mostrar a cor e na inauguración deime de conta de que o público, en presenza de todas esas superficies de distintas cores que colgaban dos muros e prisioneiro dos seus hábitos ópticos, reconstruía os elementos dunha policromía decorativa… Na miña opinión, as cores opostas nunha mesma tea forzan a quen as contempla non a entrar na sensibilidade, na dominante, na intención pictórica, senón que o forzan a ver o espectáculo do combate destas dúas cores, ou o dun completo entendemento entre elas. É unha situación psicolóxica, sentimental, emocional, que perpetúa unha especie de reino da crueldade.

 

Os homes azuis e as antropometrías

A comezos da década de 1970, pouco antes da morte prematura do artista, Klein propúxose facer un retrato colectivo dos seus amigos e compañeiros. Unha obra en relevo (realizada con moldes de xeso) cuberta polo International Klein Blue sobre un fondo de ouro a tamaño natural que lembra as estatuas imperiais romanas.

A arte corporal xurdiu co grupo Fluxus en 1958 nos Estados Unidos e espallouse por todo o mundo a partir do Fluxus Festival celebrado en 1963, proclamándose como un movemento artístico sociolóxico que dilúe a arte no cotián.

Klein, preocupado por rachar con toda forma de expresionismo, rexeita o uso do pincel, instrumento que el consideraba excesivamente psicolóxico, e emprega rolos para pintar, instrumento que consideraba máis “anónimo” e que lle permitía manter unha distancia entre el e os seus lenzos. Pero, de 1958 a 1960, foi máis alá, empregando unha técnica na que modelos actuaban a modo de pinceaux vivants (pinceis viventes). Baixo a súa dirección e instruccións, as modelos, impregnadas de pintura, deixaban as súas “pegadas” no lenzo. Estas son as denominadas Antropometrías (Anthropométries), tal e como as bautizou o seu amigo e crítico Pierre Restany.

Un deses acontecementos performáticos tivo lugar na Galerie Internationale d’Art Contemporain de París o 9 de marzo de 1960. Mentres os músicos interpretaban a Sinfonía monótona silencio, peza musical composta por Klein que, cun acorde único sostido durante vinte minutos seguido de vinte minutos de silencio meditativo, simboliza o ton emitido polo ceo azul e branco e o baleiro que enfatiza a harmonía universal. O artista, vestido de smoking, dirixía as accións de tres modelos espidas que botaban por riba do corpo a pintura e posteriormente estampaban as súas siluetas nun lenzo branco situado no chan.

Na Grande antropometría azul (ANT 105), as formas corpóreas das figuras son ilexibles e os movementos quedan plasmados como manchas de pintura.

 

Deusas en azul

Coñecida como A victoria de Samotracia, ou Niké de Samotracia, esa escultura helenística foi reintrepretada e tinguida por Klein coa cor que leva o seu nome. A escultura, un baleirado de 51 centímetros, está feita con resina sintética. En Venus Blue (1960), Klein aplicou a un xeso da Venus de Milo o seu monocromo azul, establecendo así unha relación entre o cosmos e a forma humana:

En 1946, eu pintaba xa fose baixo a influencia do meu pai, pintor figurativo, paisaxes con cabalos ou escenas de praia; xa baixo a influencia da miña nai, pintora abstracta, composicións de formas e cores. Nesa mesma época, a “cor”, o espazo sensible puro, apreixaba o meu ollo de maneira irregular pero obstinada. Esa sensación de liberdade total do espazo sensible puro exercía sobre min tal poder de atracción que eu pintaba superficies monocromas para ver cos meus propios ollos iso de absoluto que ten o visible. Daquela, non consideraba eses intentos como unha posibilidade pictórica, ata que un día, un ano despois, dixen para min: “¿Por que non? Na vida do ser humano, o por que non decídeo todo, é o destino, o sinal que para o creador incipiente indica que o arquetipo dun novo estado de cousas está listo, que xa madurou, que pode emerxer no mundo.

O Fondo Chus Pato inaugurará o Arquivo Euseino?

Os cadernos da poeta depositaranse na nova sede da Fundación Euseino? en Vigo

A doazón de catorce cadernos de anotacións manuscritas de Chus Pato á Fundación Euseino?, da que a autora de Charenton é padroeira, constituirá o alicerce do Arquivo Euseino? de Documentación Autorial, do que tamén forma parte o fondo documental de Carlos Lema.

Anotacións dunha viaxe a Túnez con esbozos feitos a partir de debuxos tradicionais bérberes.

O Fondo Chus Pato está constituído por catorce cadernos profusamente manuscritos pola poeta, cadernos nos que se recollen as anotacións que acompañan a xénese de obras coma Fascinio, m-Talá e Carne de leviatán e que abranguen un período que vai de 1991 a 2013. Ademais destes cadernos, o Fondo documental da autora de Secesión está formado pola correspondencia electrónica completa mantida con Carlos Lema ao longo de dez anos de amizade.

Deste xeito, e seguindo os obxectivos e as actividades fundacionais sinalados nos seus Estatutos, a Fundación Euseino? ten como propósito a constitución dun arquivo dixital para a preservación de obras literarias e filosóficas e documentación autorial en soporte electrónico, ou informático, fornecendo o seu acceso libre a través da Internet.

De por parte, Euseino? Editores, a liña editorial da Fundación, encargarase da publicación da Obra Completa de Chus Pato, catro volumes cuxa edición vai estar ao coidado do profesor Arturo Casas.

O Arquivo Euseino? poñerá progresivamente este material documental ao dispor das investigadoras e dos lectores a través de euseino.org, a Web da Fundación creada en 2015 por Beatriz Fraga e Carlos Lema, e na súa nova sede de Vigo, que se inaugurará en 2018.

Montaxe con dúas páxinas non contiguas de versións moi primarias dos poemas “ela Hr-g contrata un asasino…” e “brinde por Stéphane”, ambos do libro “m-Talá”.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Arts&Crafts na India

“Así foi John Lockwood Kipling”, por Beatriz Fraga

Cando falamos de Kipling pensamos unicamente no escritor Rudyard Kipling (1865-1936), autor do Libro da selva, de Kim e de The Man Who Would Be King. Mais antes dese Kipling hai tamén outro Kipling non menos importante aínda que si menos coñecido, John Lockwood Kipling (1837-1911). Nado en Pickering, North Yorkshire, Inglaterra, John Lockwood foi unha figura moi influente no movemento Arts&Crafts. Artista, escritor, director de museo, profesor e conservacionista, o pai de Rudyard é un gran descoñecido fóra da India, onde realizou gran parte da súa obra.

Ata o 2 de abril deste ano 2017, no Museo Victoria&Albert de Londres, co título de Lockwood Kipling:Arts and Crafts in the Punjab and London [Lockwood Kipling: artes e artesanía no Punjab e Londres], está aberta a primeira gran exposición sobre a súa traxectoria e legado. A exposición, realizada en colaboración co Bard Graduate Center (BGC) de Nova York, inclúe as mellores pezas de artesanía da india e do Paquistán e obras relacionadas co movemento Arts&Crafts, entre elas a súa colección de arte popular da India, a colección de antigüidades budistas de Gandhara (hoxe Peshawar, Paquistán), a cadeira para Bagshot Park, deseñada por John Lockwood Kipling e Bhai Ram Singh, e o piano decorado para Alice, a muller de Lockwood, polo artista prerrafaelita Edward Burne-Jones.

Hai un lugar onde hoxe o nome de Kipling significa inmediatamente Lockwood, non Rudyard, ese lugar é Lahore, unha cidade que cando viviu nela Kipling estaba situada no Noroeste da India e que agora é a capital da provincia paquistaní do Punjab. Coma no caso do seu fillo o escritor, a identidade de Lockwood Kipling estaba vinculada ao imperio británico. Mais, a diferenza de Rudyard, a súa vida e obra non foi estudada en profundidade ata o momento, isto é, ata a realización desta exposición e do seu amplo catálogo, nos que se explora o mundo de Lockwood dun xeito pormenorizado e con rigor histórico. Tampouco hai lugar máis apropiado para esta exposición que o Museo V&A, ao que estaba estreitamente vencellado, o mesmo ca ao ambiente artístico de South Kensington.

 


A fascinación polos oficios artísticos

En 1851 celébrase en Londres a gran Exposición Universal. En Hyde Park, eríxese para albergala un maxestoso Palacio de Cristal. De dimensións descomunais, o edificio, deseñado por Joseph Paxton —ilustrador, paisaxista inglés e arquitecto visoniario— xunto co enxeñeiro Charles Fox, semellaba ser un enorme diamante. Entre outras cousas, no seu interior os visitantes podían ver: o proceso íntegro de producción de algodón, o enorme diamante de 108 quilates Koh-i-Noor (Montaña de Luz) exposto nunha gaiola, coma se se tratase dun paxaro, e, entre as curiosidades, o primeiro inodoro ou unha fonte da que manaba auga de colonia. Con 6 millóns de visitantes, a exposición non deixou indiferente a ninguén e menos a Lockwood Kipling que, igual que moitos artistas coetáneos, quedou tremendamente impresionado polos obxectos expostos, principalmente por aqueles que procedían da India. Símbolo do progreso e a modernidade, a exposición demostraba a supremacía de Inglaterra como o país industrialmente máis avanzado do mundo. As colonias inglesas enviaron gran variedade de produtos que cativaron os visitantes. A mostra era unha mestura entre modernidade e artes tradicionais.

Lockwood comezou a súa carreira en 1861 como escultor no Museo South Kensington, que posteriormente pasaría a chamarse Museo Victoria&Albert. Estando traballando en Burlem, Staffordshire, no deseño da decoración da fachada do Instittuto Wedgwood, coñece a unha das irmáns MacDonald, Alice, cuñada do pintor Edward Burne-Jones. Despois de casar con Alice, Lockwood trasládase á India, onde será nomeado profesor de Escultura Arquitectónica da Escola de Arte Jeejebhoy, en Mumbai (Bombai). Como profesor e director da escola, creou tres obradoiros: Pintura Decorativa, Modelaxe e Traballo Ornamental en ferro forxado. Tamén dirixiu a Escola de Artes Industriais de Lahore (hoxe Facultade de Artes de Paquistán).

 

Artesán da madeira; da serie Artesáns do Noroeste da India, por John Lockwood Kipling (Outubro, 1870), lapis, pluma e tinta sobre papel.


Arts&Crafts na India

Cando Kipling chegou a Bombai atopouse cunha cidade en pleno auxe debido, fundamentalmente, á exportación de algodón. Decenas de impoñentes edificios de estilo neogótico eran construídos como símbolo de poder. Lockwood contribuíu á decoración arquitectónica de moitos deles. Realizou viaxes polo territorio hindú facendo debuxos para documentar os traballos dos artesáns locais nos seus obradoiros. En 1875, Kipling trasládase a Lahore, antiga capital do Punjab, en Paquistán, despois de ser nomeado director da que hoxe se coñece como a Universidade Nacional de Arte.

Un dos máis importantes logros de Kipling foi a reestructuración da educación artística, recorrendo a prácticas artesanais e tradicionais do deseño baseadas en modelos locais.

En colaboración co arquitecto hindú Bhai Ram Singh (1858-1916), deseñou a decoración dos cuartos da raiña Victoria en Bagshot Park, en Surrey en Osborne, residencia de verán da raíña na illa de Wight. Bhai Ram Singh deseñou o Museo de Lahore sendo Kipling un dos primeiros comisarios do devandito museo.

Lockwood Kipling defendeu o valor da arte e da artesanía da India e impulsou o talento dos artistas hindús valorando o traballo manual en contraposición ao traballo mecanizado. Continuando coas ideas do movemento Arts&Crafts, e como resposta á industrialización, relanzou a artesanía e a produción de mobles. Os seus informes describen debuxos, modelos e moldes de obras que se incorporan ao currículo da Escola de Arte cunha dobre finalidade, reavivar o interese nas artes tradicionais creando novos estilos e formas mediante a súa combinación coas artes industriais contemporáneas.

Xornalista prolífico, proxectou nos artigos que escribía os seus puntos de vista sobre a sociedade e a política, o ensino, a arte e o deseño.

A primeira edición do Libro da selva ou O libro das terras virxes, do seu fillo Rudyard Kipling, está ilustrado con magníficos gravados de Lockwood. Tamén ilustrou os Contos do Punjab da escritora británica Flora Annie Steel, que viviu durante moitos anos na India. En Popular Science Monthly, volume 40, publicado en 1892, Lockwood Kipling describe e ilustra con gravados un artigo sobre algúns dos animais da vida cotiá na India, coma o cabalo, o elefante e a cabra.