Literatura multiformal

Sobre a repercusión da ficción na realidade

En Ferradura en Tránsito II, publica Xosé M. Eyré unha crítica de Ninguén queda, de Brais Lamela, na que tamén dá a benvida á nova xeira da colección Rúa do Lagarto.

O escritor e crítico literario fai unha defensa da literatura multiformal, salientando as relacións entre ficción e realidade, tanto no que se refire á repercusión que a literatura ficcional ten na realidade coma no que da realidade colle a literatura.

“… a literatura se non é multiformal…entón si que temos que preocuparnos… é positiva a reflexión a que se nos convida. Sería unha parvada establecer ou requirir cotas de ficción na narrativa, a narrativa non só é ficción.”

Nese senso, parécenos esencial non desbotar a ficción como parte da realidade. Cómpre lembrar que, segundo Jeremy Bentham, ficcións coma o Dereito teñen unha considerable potencia na conformación da realidade. Por non falar dos conceptos que, segundo Kant, son representacións dunha representación.

Que Eyré non soamente teña esta cuestión en conta senón que a subliñe resulta unha posición de partida fundamental para tirar a Literatura fóra do dominio da industria cultural e dos intereses unicamente comerciais que a sitúan como elemento subalterno da economía. A defensa da literatura é unha defensa da súa autonomía.

Por outra banda, o crítico literario tamén repara no traballo de edición, no que aquí queremos mencionar o magnífico labor de Berta Dávila como editora e directora da colección. Agradecemos especialmente a Xosé M. Eyré estas palabras:

[…] edición limpa, unha edición moi coidada… a profesionalidade acha acobillo no amor e mimo polo que se está facendo. Toda unha lección.”


Unha obra literaria impura, crebadiza, conmovedora

Publícase “Ninguén queda”, de Brais Lamela

Con esta obra que transita e hibrida as fórmulas do ensaio interpretativo e as estratexias da ficción, iníciase a nova xeira da colección Rúa do Lagarto con edición e dirección de Berta Dávila.

Entre o verán sufocante de Nova York e as montañas neboentas de Negueira de Muñiz, Ninguén queda segue os pasos dun mozo galego na metrópole nor­teamericana mentres rastrexa a historia dunha muller desaparecida nos asentamentos de colonización da Terra Chá levantados pola ditadura na década de 1960.

Trátase dunha obra na que Brais Lamela combina á perfección o relato en primeira persoa coa reflexión e a capacidade especulativa do ensaio sen chegar a desvirtuar o engado que ten a ficción para apreixar a atención da persoa que le. Todo o contrario, Ninguén queda logra erguer dous tipos de recursos e dous espazos ficcionais aparentemente opostos mais que chegan a encaixar dun xeito case inapreciable grazas á potencia dos personaxes, á habilidade para a dosificación da información e a un estilo áxil e fluído que non necesita prescindir das arestas. Unha forma de escribir e concibir a literatura que fai cadrar a actualidade coa penetración na historia pasada, a vida urbana do interior coa vivencia nun medio rural case extinto.

Os pisos de estudantes no estranxeiro e as comunas que, coma na década de 1960, emerxen dos restos da perdida vida comunal das aldeas galegas. Os perso­naxes que acumulan fragmentos de tempo esquecido e aqueloutros que, mesmo en situacións existenciais límite, se negan a deixar de actuar na realidade presente, conflúen nun relato que traza o contorno do abandono e o desposuimento mais tamén o da supervivencia obstinada.

Brais Lamela escribe unha obra sobre o arraigamento e a intersección de mundos, unha arquitectura literaria sutil que atopa novas posibilidades e asume desvíos e fracasos, un artefacto impuro, crebadizo, conmovedor.

Consiga o seu exemplar nas librerías colaboradoas ou recíbao directamente no seu domicilio premendo na ligazón:

Ninguén queda

Col. Rúa do Lagarto 2
182 páxs.
PVP 18 euros


Os orixinais de Berta Dávila, no Arquivo Euseino?

Entre eles, os cadernos de “Illa Decepción” e “Os seres queridos”

O pasado 25 de abril, Berta Dávila fixo efectivo o Acordo de Cesión de orixinais dixitalizados da súa obra narrativa. A Fundación Euseino? é a depositaria da documentación autorial entregada, que vai formar parte do Fondo desta autora no Arquivo Euseino?.

O Fondo Berta Dávila consta do caderno “Algunhas Casas” (primeira parte de Illa Decepción), o caderno “Os seres queridos-Un elefante na sala de estar” e o caderno “Demetrio Demoscopio perdeu a chispa”. Nestes cadernos están os orixinais manuscritos a partir dos cales se desenvolveron as tres últimas novelas publicadas por Berta Dávila.

A característica fundamental destes cadernos de notas, nos que a vida cotiá da autora se entrelaza con pensamentos, listas e esbozos da súa obra, é o seu papel de labotarorio de ideas. A espontaneidade é o trazo principal da escritura destas páxinas, que inclúen tanto declaracións nas que se decide rematar unha obra coma proxectos de novelas futuras, listas de nomes de personaxes, descricións da trama por capítulos, disposición dos parágrafos por páxina e outros proxectos da autora.

Trátase dos xermolos e da mostra máis directa de como é o traballo dunha autora nos primeiros momentos, neses instantes nos que xorde a idea dunha obra, incluíndo os intentos de ordenación e planificación dese material narrativo aínda por explorar.

Fotos de cuberta e páxinas con diversos aspectos dos cadernos. Ao seu carón, Berta Dávila con Beatriz Fraga e Carlos Lema nas dependencias do Arquivo Euseino?

O caderno “Algunhas casas” abrangue de xuño de 2019 a xaneiro de 2020, o dos “Seres queridos” de outubro de 2019 a marzo de 2021 e o titulado “Demetrio Demoscopio” é de marzo 2020. Esta coincidencia cronolóxica parcial é sobranceira xa que pon de manifesto unha maneira de compoñer a obra literaria na que a simultaneidade amosa non soamente a unidade da instancia autorial senón a continuidade da materia narrativa malia a diferenciación dos obxectos ficcionais, continuidade que queda manifesta incluso pola súa disposición en diferentes cadernos coetáneos.

Haberá, daquela, que estudar a relación entre os diferentes obxectos ficcionais á luz destes cadernos nos que Berta Dávila foi expoñendo as liñas produtivas dun estilo e dunha vontade autorial senlleira.

Ao contar cos fondos documentais de Chus Pato, de Anxos Sumai e de Berta Dávila, o Arquivo Euseino? convértese nun dos arquivos galegos con maior interese para estudar a obra de escritoras galegas contemporáneas especialmente no que se refire á xénese do seu traballo coa materia literaria e as súas técnicas compositivas.

“Máis simple e máis fondo”, por Berta Dávila

No pasamento de Joan Didion

Lin a Joan Didion por primeira vez no anómalo 2020. É un namoro recente, por iso perdura aínda con intensidade. O certo é que foi un fervor algo histriónico. Coas librarías pechadas polo confinamento procurei cada liña súa ao meu alcance en versión dixital. Primeiro as traducións para o castelán de The Year of Magical Thinking e Blue Nights. Logo Los que sueñan el sueño dorado, un volume editado por Penguin Random House –como os dous anteriores–, que selecciona artigos previamente compilados noutros libros da autora –The White Album, After Henry e Miami–. Nel están moitas das miñas pezas favoritas de Didion, en concreto “Sobre ter un caderno de notas”, “Na cama” ou “Despois de Henry”. Fala nelas da vocación de facer anotacións e da permanencia da escritura, sobre a migraña e o temperamento perfeccionista e sobre o cariz do vínculo entre quen escribe e quen edita, a partir da súa relación particular co editor Henry Robbins, morto en agosto de 1979 dun ataque ao corazón. Máis tarde lin South and West, Play Is as It Lays e Run, River, nas traducións castelás, os tres durante o mesmo verán. Finalmente, hai poucos meses, atopei en Let Me Tell You What I Mean varios artigos excelentes sobre a escritura e sobre a prensa. Este é o resumo da miña relación con ela.

Joan Didion representa o tipo de escritora que é doado converter en mito e tamén amar. As súas fotografías son a meirande parte das veces magnéticas e adoita protagonizar as cubertas dos libros que escribiu. É imposible arredar a vista da súa imaxe desafiante ou despistada diante dun cabriolé, no medio dunha festa ou sentada nunha cadeira coa súa filla pequena no colo mentres fuma un cigarro. Tamén é interesante a súa convivencia, literaria e doméstica, co escritor John Gregory Dunne. “A pesar do diferentes que eran os seus estilos e perspectivas, nunca entregaron un artigo sen que o outro o corrixise: ambos tiñan na outra persoa o seu lector de confianza”, di Griffin Dunne no documental The Center Will Not Hold (2017). Non concibo un vínculo máis estreito ou máis íntimo ca este entre dúas persoas que escriben. Nin sequera o amor é quen de formar lazos tan difíciles de desatar.

No caso de Joan Didion, cada anécdota dun periplo vital fascinante contribúe inevitablemente a facer dela o que é. Cando comezou a traballar para a revista Life –conta en The Year Of Magical Thinking– pedíronlle que escribise un primeiro artigo presentándose, un do estilo “que os lectores saiban quen es ti”. Antes de entregalo, fíxose pública a matanza de civís en My Lai por parte dun comando norteamericano durante a guerra do Vietnam. Didion considerou que debía escribir o seu primeiro artigo para a revista desde Saigón e chamou ao seu redactor xefe para dicirllo, pero el non lle devolveu a chamada ata o descanso dun partido de fútbol americano e respondeulle que continuase co plan inicial, porque para o de Saigón xa estaban “algúns dos rapaces indo para aló”. Estes días, a meirande parte dos obituarios que lin na prensa –moitos deles formidables– están asinados por escritores, e eu tiven a sensación de que no momento da morte de Joan Didion aínda adoitan estar case sempre algúns dos rapaces indo para aló cando algo importante pasa.

Foi máis unha escritora que unha narradora, penso, aínda que era unha narradora audaz. Ao meu ver, foi tamén mellor cronista ou articulista que novelista, pero isto non quere dicir case nada. The Year of Magical Thinking, que proximamente verá a luz en galego na tradución de Eva Almazán para Rinoceronte, é o seu libro máis coñecido e é tamén, xunto con Blue Nights, o seu último título con material inédito publicado, dúas cousas que acontecen poucas veces xuntas. Hai algo inxusto en todo iso, porque o seu traballo anterior é extenso e interesante pero, ben mirado, é o soño de calquera escritora que o último sexa o máis exitoso por vez de ser recordada por un libro que gustou hai moito tempo coma se despois non foses quen de facer nada mellor. The Year of Magical Thinking fíxose tan popular que se converteu nun deses libros baixo certa sospeita. Tamén ela. “Está moi de moda, está por todas partes”, opinou hai pouco unha amiga miña. Estar de moda e estar por todas partes non é un indicativo de que o traballo de alguén sexa valioso, pero tampouco de que non o sexa. 

A min o que me interesa de Joan Didion non ten que ver coa súa maneira lúcida de tratar o dó nestes últimos libros. A min Joan Didion non me conmove exactamente, non é iso. Tampouco ten que ver coa súa capacidade para o retrato dun tempo, dun xesto ou dun personaxe, aínda que todas esas son cousas que soubo facer. Penso que se trata de algo máis simple e creo que por iso máis fondo. Interésame como escolle as palabras e porqué, como as coloca nas frases e como ganduxa unha frase coa seguinte. Interésame tamén o seu cinismo e o seu desapego, a súa intelixencia, o seu xeito de aproximar a literatura a outras escrituras que non o parecen e a súa habilidade para poñer o foco nun lugar e referir despois a caída exacta da luz, o seu talento para a metáfora e a súa comprensión do artefacto literario e do oficio de compoñelo.

Souben da morte de Joan Didion porque mo contou o poeta Jesús Castro Yáñez. Falamos moi pouco. Díxenlle que me producía certo pesar e que iso era estraño. El respondeu que o pesar pola morte de alguén que non coñecías está tan fundamentado como o pesar por calquera outro abandono. Ou se cadra máis, engadiu. Os poetas teñen esas cousas, saben cal é a palabra axeitada para cada momento.

Creo que o meu pesar ten que ver cunha virtude de Joan Didion, e é a sensación de acompañamento e plenitude que a súa literatura suscita. Os seus libros son unha especie de presenza e, se cadra, teñen ata unha vocación de selo, e inclúo tamén as súas novelas. É capaz de construír o lugar onde a auga fai remanso.

Boa viaxe, Joan Didion, a onde queira que esteas indo agora.