Caleidoscopio dos contos, 4

Na época victoriana, en Inglaterra e co cambio de século, xorde unha forma de compoñer os textos distinta. Debido a industrialización e á introdución de novas técnicas na produción, os libros deixan de ser un artigo de luxo. As ilustracións comezan a reproducirse en tricromía.

Os ideais do prerrafaelismo, inspirados nas ideas estéticas de John Ruskin, escritor que tamén influirá poderosamente en Marcel Proust, dan lugar a unha escola artística encabezada por William Morris e Walter Crane, caracterizada por un retorno á natureza e polas súas ideas socialistas.

No mesmo período, cómpre salientar a obra de Richard Doyle (1824-1883), debuxante e acuarelista londiniense, a súa obra mestra é indubidablemente In Fairyland, a series of Pictures from the Elf Worlden, publicado en cor en 1870 polo impresor británico Edmund Evans (1826-1905)A partir das ilustracións deste libro, Andrew Lang escribiu A princesa Ninguén.

Outro dos ilustradores descacados foi  Walter Crane (1845-1915), un dos representantes do movemento Arts&Crafts. Influenciado polos prerrafaelitas e os gravados xaponeses. Entre as súas obras máis importantes atópanse as ilustracións para os contos dos irmáns Grimm (1882).

Shakespeare's Tempest Title pagePrincess Belle-Etoile-Walter Crane

O movemento Arts&Crafts foi derivando pouco a pouco ao modernismo ou Art Nouveau, unha corrente artística que se estableceu en Europa e nos Estados Unidos e que tivo o seu momento de esplendor entre 1892 e 1902. Caracterízase polo emprego de liñas asimétricas baseadas en formas vexetais. Aubrey Beardsley (1872-1898) é uns dos ilustradores máis  destacados do modernismo, coas súas obras inzadas de referencias á arte xaponesa e ao simbolismo.

apel_les_mestres_1apel_les_mestres_3

En Cataluña, o modernismo está representado por Apel·les Mestres (1854-1936), poeta, escritor, músico, humorista gráfico e debuxante. Concibía o libro coma unha obra de arte total, que lle permetía escribir poemas, ilustralos, poñerlles música, coidar a calidade do papel, a cor da cuberta, a distribución da masa impresa no branco da páxina, as filigranas das orlas, o tipo de letra, o deseño da encadernación do libro. Ilustra gran cantidade de libros entre eles cómpre salientar Vobiscum, con ilustracións de espírito medieval propias dos incunables, e Liliana, no que a técnica realista serve para reflectir a fantasía. Por estes dous libros está considerado un precursor dos modernistas e impulsor do deseño editorial.

Apel·les Mestres

Cita

Berenice

En Berenice, a atención concéntrase non xa sobre a renuncia heroica da raíña, senón exclusivamente sobre o tormento da paixón, que no seu infinito refinamento e perfección poético-formal manifesta con tanta maior violencia o seu poder e a súa “dignitas” ultraterrena.

… a dignidade e o sentimento de si encontran fundamento na súa vitalidade forte, na integridade da súa vida instintiva. Incluso as máis serenas figuras de mulleres, coma Berenice, Monime, Ifixenia e Esther, acadan a súa pureza, ou polo menos así semella, por un sentimento de si fortemente físico, e é sorprendente como aquí intelixencia, decoro, pudor e a feminidade máis secreta concorren nun resultado sensible.

A hipertrofia da individualidade sensible é tanto máis estraña e difícil de comprender canto as figuras non están representadas na súa unicidade mediante características particulares senón, ao contrario, son tipificadas e, en certo modo, conquistan un carácter só a través da situación dramática na que se atopan. Non soamente o seu carácter terreno senón toda a súa vida material permanece na escuridade.

Erich Auerbach, Racine e as paixóns

[Para coñecer a historia de Berenice e deitar luz sobre esa “vida material que permanece na escuridade”, as lectoras e lectores poden ler O Rei Portador e outras historias, de Beatriz Fraga, publicado por Euseino? Editores]

Caleidoscopio dos contos, 3

En 1862 o artista frances Gustave Doré, gravador, debuxante e escultor, ilustra para a editorial Hetzel os Contes de Perrault. A publicación inclúe corenta e unha ilustracións minuciosas. Sabedor de que non era preciso aumentar o efecto inquietante do texto, logrou unhas fermosas imaxes cargadas de expresividade; nas que ás veces recorre ao primeiro plano (Carrapuchiña e o lobo na cama, o ogro inclinado sobre as súas fillas).

Gustave Doré (Estrasburgo, 1832-París 1883) publicou a primeira ilustración con 15 anos. En 1862, viaxou co Barón Davillier. Ao ano seguinte, ambos os dous publicaron unha serie de crónicas, nas que tamén se referían a Galicia, que se incluiron na colección Le tour du Monde. Ilustrou, entre outras obras literarias, O corvo de Edgar Allan Poe, Gargantúa e Pantagruel de Françoise Rabelais, A divina comedia de Dante e O Quixote de Cervantes.

O pase de diapositivas require JavaScript.