Mirada e escritura

Proust coñece ben a arte da retórica, pois adestrou o estilo con escritos (Pastiches et mélanges) nos que imitaba escritores coma Flaubert, Saint-Simon e Balzac. Na pasaxe que se traduce aquí, a retórica do sublime amosa como, en literatura, é máis efectivo velar ca amosar cando se quere elevar a consideración daquilo no que a escritura centra a súa atención. A retórica é precisamente o desvío que a percepción colle para acrecentar o seu poder de fixación do mundano. Ao velar parte do percibido, a literatura permite que a escritura faga de suplemento da vida: Proust acrecenta a significatividade da escena —un serán no teatro— ao alongar a percepción da figura da Princesa de Guermantes coas liñas da escritura, que se proxectan ata facer dunha muller mundana unha divindade irredutible á mirada. Ao elevar o mundano, transformándoo en sublime, o autor da Recherche consegue converter o paso do tempo non naquilo que consome e fai esmorecer a vida senón, pola contra, no que acaba por constituír a súa mesma esencia.

Proust / Marcel / 1871-1922 / 0070. à la recherche du temps per

“Coma unha gran deusa que preside de lonxe os xogos das divindades inferiores, a princesa permanecía voluntariamente un pouco ao fondo encol dun canapé lateral, vermello coma unha rocha coralina, a carón dunha reverberación vidriosa e ampla que seguramente era un espello e facía pensar na sección que un raio practicara, perpendicular, escura e líquida, no cristal conmovido das augas. Á vez pluma e corola, coma algunhas floracións mariñas, unha flor grande e branca, espenuxada coma unha á, descendía desde a fronte da princesa ao longo dunha das súas fazulas mentres ela seguía a súa inflexión dun xeito delicado e coqueto, agarimoso e vivaz, parecendo acollela a medias, igual ca un ovo rosado na dozura dun niño de alción. Sobre a cabeleira da princesa, acadando a sobrecella e rexurdindo logo máis abaixo, á altura do colo, espallábase unha rede feita das cunchiñas brancas que se apañan en certos mares austrais e que estaban mesturadas con perlas, mosaico mariño apenas saído das ondas que, por veces, se atopaba mergullado na sombra ao fondo da cal, mesmo así, unha presenza humana se revelaba por mor da motilidade faiscante dos ollos da princesa. A beleza que a situaba moi por riba das outras fillas fabulosas da penumbra non se materializaba completamente nin incluso quedaba inscrita na súa caluga, nos ombreiros, nos brazos, no seu van. Mais a súa liña deliciosa e inacabada era o punto de partida exacto, o comezo inevitable de liñas invisibles que o ollo non podía evitar alongar, marabillosas, enxendradas arredor da muller coma o espectro dunha figura ideal proxectada sobre as tebras.”

Marcel Proust, Pola banda de Guermantes I

Semella Proust describir a beleza a través da metonimia; non por ela mesma senón polo que dela se transmite ao espazo no que se atopa. Rodeada de sombras, a figura da princesa de Guermantes, personaxe case mítico que o protagonista da Recherche asociaba de neno aos vitrais das igrexas góticas e ás historias de cabalería albiscadas —á noitiña no dormitorio infantil— como efecto dos xogos de luces da lanterna máxica e, posteriormente, nas novelas históricas decimonónicas, esa princesa de Guermantes inalcanzable preséntase por fin perante Marcel conservando aínda o carácter irredutible da beleza. Coma todas as “fillas fabulosas da penumbra”, a princesa non se materializa completamente, non se deixa inscribir, de aí que sobre ela só se poida escribir para deixar trazadas no papel unhas liñas inacabadas, que o ollo non pode evitar prolongar “coma o espectro dunha figura ideal” rodeada de tebras.

Callu, Florence,Lethève, Jacques (1914-1992). Marcel Proust : [

Nesta pasaxe, desprégase tamén a lóxica da sensación, na que suxeito e obxecto chegan a confundirse. Descríbese a sensación de quen contempla e, ao tempo, esa sensación provocada polo contemplado é inseparable do narrador mesmo, forma parte del coma se dun mesmo corpo se tratase, coma se o corpo que dá a sensación fose o mesmo ca o que a recibe.

A forma e o fondo están no mesmo plano. Isto permítelle ao ollo proceder coma se o que fixese fose tocar; esta conexión entre ollo e man confírelle ao primeiro unha función táctil, función que Gilles Deleuze, seguindo a Aloïs Riegl, denominou háptica. O “háptico”, do verbo grego aptô (tocar), non designa unha relación extrínseca do ollo co tocar senón unha “posibilidade da mirada”, un tipo de visión distinta da óptica na que o espazo é case aformal, sen un contorno ben preciso e sen unha representación completa do suxeito.

A función óptica sería a propia dunha visión afastada, característica da perspectiva, mentres que a función háptica xorde dun único plano, no que a profundidade, no caso deste texto de Proust, vén dada pola significatividade do percibido non pola disposición da imaxe descrita, que é ambigua se non se ten en conta o referente. A modulación da luz, na que Deleuze sitúa o efecto óptico, e a modulación da cor, na que se sitúa o háptico, na escritura son substituídas pola modulación da significatividade e pola disposición retórica do texto; o senso, na visión escrita, concerne á figura na que converxen no mesmo plano, mediante as palabras, a forma do contido e a forma da expresión.

Os valores da man dos que escribe Deleuze (o dixital, o táctil ou o propiamente manual, e o háptico) volven aparecer na escritura, que tamén percorre un traxecto da vista á man e da man ao ollo e na que tamén, canto máis subordinada está a man á vista —o valor dixital— máis capacidade ten esta para desenvolver un espazo óptico. A inversión desta situación correspondería ao aspecto manual mentres que o háptico xurdiría cando non hai subordinación total da man ao ollo nin o contrario. A situación háptica é, pois, a que favorece a escritura, pois coloca no mesmo plano os elementos da sensación e os do senso ou profundidade, permitindo que a retórica seleccione e dispoña, nese mesmo e único plano, os efectos significativos da linguaxe. Igual ca na función háptica se pode dicir que o pintor pinta cos seus ollos en tanto que toca con eles, tamén se pode dicir que o escritor describe en tanto que toca o mirado coa escritura. Como apuntou Gérard Genette, comentando a Derrida, a lingua é ela mesma ante todo unha escritura, é dicir, un xogo fundado sobre a diferenza pura e o espaciamento, xogo no que é a relación baleira a que significa, non o termo pleno.