Caleidoscopio dos contos, 13

Os cambios culturais, o avance da industrialización e os rápidos adiantos na ciencia e na técnica, ademais da invención da fotografía e, como consecuencia, o aumento da perfección na imitación da realidade supuxo, para a sociedade do século XIX, unha gran transformación.

Na Gran Bretaña da época victoriana, eses cambios foron especialmente intensos e modificaron a fasquía dun país que, baseado na agricultura e no artesanato, pasou a estar altamente industrializado. Entre os anos 1815 e 1848, “a mecanización presentou unha faciana distintivamente ambigua aos contemporáneos. Non estaba en absoluto claro se se trataba dun portento da inevitable revolución económica ou simplemente dun curso de desenvolvemento, entre outros varios que se podían aceptar ou rexeitar, en todo ou en parte, segundo os obxectivos e prioridades da nación” (vid. Maxine Berg, The Machinery Question and the Making of Political Economy).

Ao comparar as teorías do desenvolvemento económico coas figuras do censo que indicaban que en 1850 a agricultura e o servizo doméstico eran, con moito, as ocupacións máis importantes, Berg demostra que, ata daquela, a xente non entendía a historia en termos de operacións dunha economía que se diferenciase tanto da teoloxía coma das relacións de parentesco, ambas as dúas características do Antigo Réxime. En conclusión, a revolución industrial non soamente foi unha cuestión de diñeiro e bens senón tamén o triunfo dunha nova forma de representación que outorgaba autonomía ao mercado e daba prioridade ás súas operacións en calquera clase de representación e explicación do cambio histórico.

Non é casual, entón, que tamén os artistas, a carón de artesáns coma os do ramo téxtil, intentasen resistir perante ese novo tipo de representación, malia que todos os intentos de resistencia á mecanización acabasen por reforzar a posición dos industrialistas. De feito, en 1851, Gran Bretaña inaugura a primeira Gran Exposición Universal, construíndose en Hyde Park un gran pavillón, The Crystal Palace, símbolo da modernidade.

Na segunda metade do século XIX, parte desa resistencia ao industrialismo artellouse en Inglaterra arredor do movemento Arts and Crafts, que significou un aumento da valoración das artes decorativas en toda Europa. Fundado por William Morris en 1861, este movemento artístico tiña como obxectivo a recuperación do artesanato como protesta contra unha concepción das artes como “un asunto mercantil, controlado polos vendedores e os publicistas e á mercé das modas pasaxeiras”.

Oberon,_Titania_and_Puck_with_Fairies_Dancing._William_Blake._c.1786

Neste longo período histórico coexistiron en Inglaterra unha grande variedade de correntes artísticas que tiñan un punto en común: a procura da beleza, como algo inapreixable, fronte ao predominio da produción técnica no mundo moderno. Entre estes movementos artísticos inclúese a denominada “The Fairy School”.

Os antecedentes da pintura de fadas cómpre buscalos nas influencias literarias e teatrais do Romantismo. Durante o século XVIII, moitos pintores ingleses se lamentaban de que era aos artistas estranxeiros aos que se lles facía a meirande parte das encargas. O impresor John Boydell (1719-1804), nomeado Lord Mayor de Londres, decidiu encargar aos pintores ingleses máis sobranceiros do momento unha serie de cadros baseados nas obras de William Shakespeare, amosando o resultado nunha galería edificada adrede para tal propósito. Entre os artistas que contribuíron coa súa obra encontrábanse Henry Fuseli e Joshua Reynolds, que escolleron temas feéricos pintados a partir do Soño dunha noite de San Xoán.

Desde ese momento, o mundo das fadas non deixou de ser un tema que axudaba aos artistas a introducirse en áreas nas que certo espírito de rebelión e o cultivo da subxectividade atopaban novas respostas. Unha vía de escape á crecente dominación da produción e da reprodución industrial da arte.

Aínda que os precursores do xénero foron o escritor e pintor suízo Henry Fuseli (1741-1825) e o poeta, pintor e gravador inglés William Blake (1757-1827), os artistas máis vencellados á pintura de fadas foron Richard Dadd (1817-1886), o escocés Sir Joseph Nöel Paton (1821-1901), John Anster Fitzgerald (1832-1902), alcumado polos seus amigos Fairy Fitzgerald pola súa numerosa obra dedicada ás fadas, e John Atkinson Grimshaw (1836-1893), destacado pintor urbano que sucumbiu tamén ao mundo das fadas.

Nos lindes da exterioridade do pensamento, como expresión dun extraterritorial aínda non colonizado pola produción técnica, a pintura de fadas contribuíu —igual ca a literatura feérica escrita por mulleres (vid.As primeiras autoras“)— á ampliación da retórica do racional e ao cuestionamento dunha razón instrumental dominada polo dogmatismo científico e pola súa aplicación técnica, ao tempo que significaba a entrada nos repertorios artísticos, ata daquela dominados polo clasicismo, dos temas procedentes da cultura oral.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s