Pensar a literatura, 1

Mentres estaba refuxiado en Istambul durante a Segunda Guerra Mundial, Erich Auerbach escribiu Mímese. A representación da realidade na literatura occidental, a peza central da súa obra como pensador da literatura. Nesas mesmas datas e na antedita cidade, en concreto no ano 1943, escribiría outro libro moito menos coñecido e tamén menos valorado, desta volta coa intención de “dar aos meus alumnos un marco xeral que lles permitise entender mellor a orixe e o significado dos seus estudos”; trátase de Introdución aos estudos de filoloxía románica, unha síntese da historia das linguas e literaturas romances extraordinariamente lograda malia que “Era tempo de guerra, estaba lonxe das bibliotecas europeas e americanas, case non tiña contacto cos meus colegas no estranxeiro e había xa tempo que non consultara libros nin revistas recentes.”

Porträt des Ugolino Martelli

Nesa situación, Auerbach escribe un ensaio histórico que, lido hoxe en día, abraia non soamente pola súa coherencia e capacidade de síntese senón pola lucidez coa que interpreta a historia das letras, polo entusiasmo endexamais esaxerado e polo inesgotable pulo analítico do seu pensar. Calquera que coñeza outras obras deste autor, coma o ensaio Figura, no que expón a súa concepción da interpretación figural, fundamental para comprender a influencia do cristianismo no mundo, ou os seus estudos sobre o público da literatura medieval e sobre o teatro do século XVII en Francia, non se ha sorprender da súa maneira, rigorosa e ao tempo estimulante, de se achegar á historia da literatura, historia que na pluma de Auerbach se transforma en interpretación vívida das obras literarias e en análise insólita da súa recepción. Neste “manual” sobre o herdo lingüístico e literario da romanización, o autor de Mímese non precisa formular explicitamente hipótese ningunha porque a coherencia interpretativa vaise percibindo aos poucos, conforme se avanza na lectura; dese xeito, por exemplo, indícase a relación entre o platonismo, introducido a fins da Idade Media a través da mística cristiá, coa poesía lírica provenzal e coa noción de amor profano que logo había abrollar definitivamente na Idade Moderna. Percíbese, pois, certa continuidade na historia da cultura mais esa percepción tena quen le sen necesidade de que o autor artelle unha teoría ao respecto.

Un dos seus discípulos, o tamén pensador da literatura Edward W. Said, dedícalle unhas páxinas sumamente perspicaces noutro libro —The World, the Text and the Critic— que tamén aguilloa a pensar sobre o literario como unha tarefa estreitamente vencellada ao mesmo proceso de lectura. Said afirma o seguinte sobre Auerbach:

“Ao escribir Mímese […] non estaba a exercer simplemente a súa profesión fronte ás adversidades: estaba a realizar un acto de sobrevivencia cultural e incluso civilizadora da meirande importancia. Aquilo ao que se expuxera co seu escrito non era só a posibilidade de parecer superficial, anticuado, errado ou ridiculamente ambicioso (¿quen no seu bo xuízo había asumir como proxecto un asunto tan vasto coma o da literatura occidental na súa totalidade?). Tamén se expuxera, de por parte, á posibilidade de non escribir e, polo tanto, de ser vítima dos perigos concretos do exilio: a perda dos textos, das tradicións e das regularidades que constitúen o entramado mesmo dunha cultura.”

En sucesivas entregas, iremos traducindo pasaxes das páxinas finais desoutro libro menos coñecido que Erich Auerbach escribiu ao son da súa grande obra sobre a representación da realidade na literatura, pasaxes desa “introdución” á filoloxía e á literatura románicas que constitúe o pano de fondo sobre o que se elaborou un dos pensamentos máis ricaces e unha das concepcións da literatura máis rigorosas do século XX.

[Continúa en Pensar a literatura, 2.]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s