Caleidoscopio dos contos, 9

Virginia Frances Sterrett (1900-1931) foi unha ilustradora norteamericana que aos dezanove anos recibiu a primiera encarga da Penn Publishing Company para ilustrar os Vellos contos de fadas franceses (1920), unha colección de obras da escritora francesa de orixe rusa Sophie Feodorovna Rostopchina (1799-1874), condesa de Ségur.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Un ano despois, recibiría a encarga, tamén da Editorial Penn, para ilustrar os Contos de Tanglewood, de Nathaniel Hawthorne (1921). Antes da súa morte por tuberculose, remataría  as ilustracións para as Mil e unha noites (1928). Starret ilustrou este libro con dezaseis debuxos en cor e vinte a unha tinta; demorou tres anos en completar a que sería a súa obra mestra, debido a que a súa pouca saúde lle impedía traballar moitas horas seguidas. O seu estilo lembra, dalgún xeito os de Kay Nielsen; destaca polo coidadoso traballo co pincel e o lapis e pola imaxinación coa que se achega a paisaxes que evocan o Oriente e reinos máxicos que semellan inspirados nos soños da infancia.

01-virginia_frances_sterrett-tanglewoodtales-50watts

Gabinete das fadas, 1

En Euseino? Editores consideramos a escritura e o pensar das mulleres como unha das achegas máis importantes á retórica do progreso. Sen esta achega, a ampliación do límite do racional e o esvaecer das fronteiras da subxectividade, dos roles de xénero e do pensamento dogmático non serían posibles tal como se conciben hoxe en día. A partir desa reflexión das mulleres, reflexión non pechada nin determinada polo saber, a nosa arela é compartir a mesma escritura e o mesmo pensar. Con ese motivo iniciamos esta serie, titulada “Gabinete das fadas” precisamente porque os contos de fadas foron un dos primeiros xéneros literarios co que as mulleres accederon ao estatuto de escritoras —de autoras—; un xénero literario mediante o cal, desde o século XVII, se comezou a ampliar a retórica do progreso ao incorporar a tradición oral, as lendas e os mitos. Na Querelle des Anciens et des Modernes, as escritoras situáronse a prol da Idade Moderna como un xeito de ir facendo esvaecer os lindes da razón instrumental masculina.

Iniciamos o “Gabinete das fadas” cunha cita de Judith Butler que incide, entre outras, en dúas cuestións fundamentais: a retórica e a produción de subxectividade.

585px-The_Travelling_Companions_by_Augustus_Leopold_Egg

“Significativamente, Hegel vencella a transición entre consciencia e autoconsciencia cos significados retóricos da explicación lingüística. Polo tanto, como a autoconsciencia se caracteriza pola reflexividade, é dicir, pola capacidade de relacionarse consigo mesma, está condicionada polo poder da articulación. Ademais, non se trata de que a articulación propoña un ‘contido’ que se reflicte, daquela, nunha consciencia a observar teimudamente desde un algures ontolóxico, senón que a consciencia se revela a si mesma como un fenómeno articulado que soamente chega a ser el mesmo como articulación. Ao ser articulada, esta consciencia xa non se pode denominar axeitadamente con ese termo, pois el mesmo rexeita retoricamente as condicións da disparidade ontolóxica que ese mesmo nome denota. Ao transformarse en articulada, a consciencia convértese en si mesma mais, como apunta un dito hegeliano clásico, ao facelo tamén acaba por ser outra. Neste caso, esa Outra, que é, abofé, o seu eu completo, é autoconsciencia.

O movemento desa transición é un movemento retórico; o interior que, ao cabo, é revelado, primeiro é actualizado sen coidado de si e, soamente cando se completa a actualización, cando a Explicación queda fixada e remata, a consciencia contempla ese produto para recoñecerse como a súa autora. Tanto ten o propósito da Explicación, para a consciencia trátase dunha descuberta inesperada e, precisamente por iso, moi significativa: é a capacidade de recoñecerse a si mesma como unha estrutura reflexiva cun lugar no mundo. Como exterioridade, a consciencia é “outra” distinta de si mesma, o que quere dicir que iso que xeralmente se entende como “outra” distinta de si é, nomeadamente, o mundo; de aí que o contrario desta afirmación de identidade tamén sexa certo: a consciencia do mundo sempre é a consciencia de si na súa alteridade. O movemento retórico de transición reafirma, polo tanto, o principio de identidade, o lugar ontolóxico da diferenza, a rede de relacións internas na que se alicerza.

Como axencia retórica, o suxeito hegeliano sempre sabe máis do que cre saber e, ao ler el mesmo retoricamente, é dicir, ao ler os significados que sen decatarse actualiza contra o que el explicitamente pretende, recobre incluso unha parte importante da súa propia identidade. A retórica é, pois, a condición da decepción e da iluminación, a maneira na que o suxeito sempre é e sempre está alén de si mesmo, a significar o que non necesariamente pretende mais que, así e todo, exterioriza, o que le e, ao cabo, recobre consigo mesmo.”

Judith Butler, Subjects of Desire. Hegelian Reflections in Twentieth-Century France

Butler p30-31

Caleidoscopio dos contos, 8

Kay Rasmus Nielsen (1886-1957) naceu en Copenhague. Foi un ilustrador moi popular a inicios da década de 1920. Estudou arte en París. Viviu en Inglaterra de 1911 a 1916 e tamén nos Estados Unidos. En 1913, recibiu o primeiro encargo de Hodder&Stoughton para ilustrar unha colección de contos de fadas, Fairy Tales Retold. Ese mesmo ano encargáronlle tamén ilustracións para os contos de Perrault  A bela dormente, O gato con botas, Cincenta e Barba azul.

O seu estilo está influenciado por Burne-Jones, Aubrey Beardsley e o grande ilustrador sueco John Bauer. Na súa obra tamén se perciben influencias da arte xaponesa e do modernismo.

East of the sun and west of the moon; old tales from the north  Hansel and Gretel and other stories

Un dos seus traballos máis relevantes foi o realizado para unha edicion de contos tradicionais nórdicos titulada East of the Sun and West of the Moon. Old Tales from the North (“Ao leste do sol e ao oeste da lúa. Antigos contos nórdicos”), editados en 1914. A edición consta de vintecinco acuarelas que amosan un mundo máxico, case onírico.

En 1924, ilustra unha publicación de Contos de fadas de Andersen, con máis de corenta ilustracións a unha tinta e doce a cuadricromía. As ilustracións en cor reproducen o estilo Mille-Fleurs, imitando os tapices franceses e flamengos dos séculos XV e XVI. Un ano despois ilustraría Hansel e Gretel e outras historias, dos irmáns Grimm, en edición de luxo.

Nielsen traballou para Walt Disney Productions desde 1937 a 1941 deseñando varias escenas para a película Fantasía. Tamén fixo bocetos para a versión de A sereiña aínda que este traballo sería utilizado en 1989, despois da morte do ilustrador. De volta a Dinamarca, os seus últimos traballos foron murais para escolas locais.