Publícase “Corpo-circuítos”, de Abraham Rubín

Anunciamos a publicación de Corpo-circuítos – Máquinas de subxectivación, de Abraham Rubín, que xa está distribuído nas librerías e tamén se pode conseguir a través desta mesma páxina web: euseino.org. Un título novo da colección Casabranca no que se analiza a subxectivación como alicerce dun réxime de traballo ­inmaterial e emocional, dunha economía que se constitúe como legalidade única das disposicións e equipamentos colectivos e coa que se acaba por dar forma ao desexo como consumo e ao futuro como débeda. Fronte a ese suxeito endebedado, o autor estuda a subxectivación do común: a diferenza, o desaxuste, a posibilidade imposible do compartido.

Rubín analiza, interpreta e desentraña o mecanismo aparentemente inevitable no que se orixina ese efecto de dominación. Corpos que, como máquinas de subxectivación, imprimen a súa pegada encol da superficie de inscrición chamada capitalismo. A subxectividade como produción.

Cunha gran capacidade para desvelar as consecuencias do mecanismo da subxectivación, o filósofo desenvolve unha argumentación que vai da produción de subxectividade como semiótica á produción de subxectividade como biopolítica pasando pola produción de subxectividade como traballo. Detense nun capítulo no que logra sintetizar e expoñer de forma directa e impresionante os efectos do don e da débeda, da perda e do don imposíbel, da débeda e a culpa. O libro remata cunha achega sobre a subxectivación común, o outro, a cuestión da singularidade e a subxectivación utópica.

Consiga o seu exemplar:

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

Cuberta Corpo-circuitos

 

 

Ana Romaní entrevista a Rebeca Baceiredo

Con motivo da publicación do libro Capitalismo e fascismo, a xornalista cultural e poeta Ana Romaní entrevistou a Rebeca Baceiredo no programa Diario Cultural, da Radio Galega, o día 5 de maio.

Entrevista a Rebeca Baceiredo

Velaquí a ligazón para escoitar a entrevista:

http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-05-05-2016-2037497

“Capitalismo e fascismo”: dúas recensións

Nos últimos días, publicáronse dúas recensións sobre Capitalismo e fascismo, de Rebeca Baceiredo. Nunha delas, que ve luz no xornal Novas do Eixo Atlántico, a crítica literaria Inma Otero Varela fai unha análise dos temas do libro, análise interpretativa que pon baixo o título “O eu manso”; cómpre lembrar que Inma Otero é autora de “A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura”, ensaio publicado no número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía.

Tamén o Faro da Cultura acaba de publicar unha recensión da obra de Baceiredo, desta volta escrita polo crítico literario Estro Montaña.

Para ler estas recensións, soamente hai que calcar nas imaxes que reproducimos a seguir.

Crítica Faro da CulturaCrítica Inma Otero