Delmiro Rocha entrevistado por Montse Dopico en “Praza pública”

Con motivo da publicación de Quizais. Filosofía ético-política do porvir na colección Casabranca de Euseino?, o xornal dixital Praza pública inclúe unha interesante e delongada entrevista da xornalista Montse Dopico co autor do libro, Delmiro Rocha.

A entrevista pódese ler na ligazón: “Como promesa a democracia non chegará nunca, ficará sempre como porvir“.

Velaquí o extracto dunha das respostas do autor de Quizais:

O obxectivo consistía en investigar o proceso de substantivación do adverbio “quizais” no tramo de pensamento que discorre de Nietzsche a Derrida coa intención de desvelar como determinaba o pensamento ético-político de Derrida. Como adoita acontecer nestes casos, máis que chegar a unha conclusión definitiva abriuse para min unha forma de ler a Derrida que non se detiña nos terreos máis ou menos delimitados do ético-político senón que se estendía á obra enteira do filósofo e as súas inmediacións. Ao final, pasaron xa uns anos, converteuse nun xeito de ler a filosofía, por suposto, pero tamén a literatura, un filme, os medios de comunicación, a mirada, en definitiva, do outro que nos observa e nos fiscaliza.