Antirrealismo

Na obra de Lee Braver titulada A Thing of this World : A History of Continental Anti-Realism, pódese atopar unha análise do que denominariamos tradición filosófica antirrealista. Tradición que se establecería por unha continuidade no pensamento que abrangue de Kant a Derrida, incluíndo entremedias a Hegel, Nietzsche, Heidegger e Foucault.

Segundo Braver, o antirrealismo desenvólvese a partir dun esquema conceptual común que serve de base ao que nos países anglosaxóns se adoita denominar filosofía continental —en referencia á Europa continental—, para diferenciala así da filosofía analítica, dominante naqueloutros países.

O antirrealismo poderíase sintetizar en “seis posibles teses acumulables”:

1. Rexeitamento da verdade-correspondencia.
2. Rexeitamento da independencia respecto do espírito.
3. Pluralismo ontolóxico.
4. Rexeitamento da bivalencia.
5. Papel activo do suxeito en relación co seu saber.
6. Pluralidade do suxeito.
Goethe_am_fenster_tischbein

Esa coherencia conceptual do antirrealismo filosófico sería a receptora principal da crítica dirixida por Quentin Meillassoux ao correlacionismo e, posteriormente, ao subxectalismo, este último como forma máis sutil, se cabe, de correlacionismo. Tal como a definiu nunha conferencia pronunciada na Universidade Libre de Berlín o 20 de abril de 2012, segundo Meillassoux o subxectalismo “consiste na absolutización do pensamento”, unha “nova tendencia especulativa” que abrangue ao mesmo tempo “todas as formas de idealismo e todas as formas de vitalismo” —v. g., Nietzsche e Deleuze. O subxectalismo, malia falar paradoxalmente dunha “crítica do suxeito”, identifica toda realidade cun dos modos sensibles da subxectividade, que dese xeito é absolutizada por riba de todas as cousas. A crítica que fai o subxectalismo “consiste en criticar […] certo modo de subxectividade que foi situada nunha posición fundacional […] mais soamente en tanto que, simultaneamente, hipostatiza unha ou varias características da subxectividade humana, mesmo con respecto á realidade inorgánica. Esta tendencia produciu dese xeito conceptos tipicamente subxectalistas coma ‘vontade de poder’ ou ‘vida inorgánica das cousas’.”

A partir do subxectalismo, elaboraríase o que poderiamos denominar “resistencia correlacional” (vid. “Que é a filosofía?”): unha forma perfeccionada de correlación suxeito-mundo que encadra en si mesma a crítica do suxeito transcendental e a reformulación do consensus moderno, alicerzado desta volta na noción de diferenza como unha aplicación máis do devir da economía desenvolvida polo cristianismo.

Respecto desta cuestión, no número 10 de Anotacións sobre literatura e filosofía imos publicar proximamente un ensaio no que a filósofa Anna Longo realiza unha lúcida interpretación comparativa dos pensamentos de Quentin Meillassoux e Gilles Deleuze.

Como diciamos, é polo tanto a partir da crítica ao correlacionismo cando a división entre filosofía analítica e continental comeza a carecer de senso, xa que o materialismo especulativo de Meillassoux sinala definitivamente ambas as filosofías, continental e analítica, como pertencentes á mesma tradición correlacionista. Pois, malia que algúns autores do realismo especulativo intenten reconducir e reinterpretar a obra de filósofos subxectalistas coma, por exemplo, Deleuze, Meillassoux deixa clarificada perfectamente esta cuestión no seu ensaio Tempo sen devir.

De aí a importancia que ten a posición do materialismo especulativo fronte á dun realismo especulativo que semella non se distanciar abondo das diferentes formas de correlacionismo. No seu ensaio “Le réalisme spéculatif: après la finitude, et au-delà ? Un vademecum”, Louis Morelle apuntábao de xeito claro:

“Ao cabo, a metafísica producida polo realismo especulativo seguramente é unha metafísica continental na medida en que non se afasta dun dos puntos centrais da tradición continental, a saber, o estatuto problemático que se outorga á racionalidade, especialmente á discursiva. Por ese motivo, autores ‘tipicamente continentais’, coma Heidegger, Laruelle, Deleuze, ou incluso Derrida […], no canto de ser arredados, son referencias completamente aceptables nos debates metafísicos.”

Así e todo, Morelle valora positivamente ese intento de recuperar para o realismo especulativo obras coma a de Deleuze, ou mesmo algúns aspectos de Heidegger retomados e interpretados intelixentemente por Graham Harman; trataríase dunha demostración da potencia filosofante do realismo especulativo e da súa disposición antidogmática.

O que fai Braver no seu libro é, entre outras cousas, propoñer unha caracterización do antirrealismo que resulta especialmente esclarecedora; estamos a falar do que el denomina “Guía das matrices do antirrealismo”, que damos deseguido en tradución galega:

A1. Dependencia da mente: “Ao pular cara á súa existencia verdadeira, a consciencia ha chegar a un punto no que se ceibe da súa aparencia de estar cargada con algo alleo, co que só é para iso, e cunha especie de ‘outro’, ha chegar a un punto no que a aparencia se transforma en idéntica á esencia”. (Hegel, Fenomenoloxía do espírito, § 89)

A2. Rexeitamento da correspondencia da verdade: “O criterio de verdade reside no incremento do sentimento de poder.” (Nietzsche, Vontade de poder).

A3. Pluralismo ontolóxico: “Hai moitos tipos de ollos… En consecuencia, hai moitos tipos de ‘verdade’ e, polo tanto, non hai verdade” (Nietzsche, Vontade de poder).

A4. Rexeitamento da bivalencia: “Se o Obxecto, produto desta transición, se acaba poñendo en relación coa noción que, no que á súa forma especial atingue, desapareceu en si, podemos dar unha expresión axeitada ao resultado ao dicir que noción (ou, se se prefire, subxectividade) e obxecto se implican de todos os xeitos. Mais é igualmente correcto dicir que son diferentes. En resumo, os dous modos de expresión son igualmente correctos e incorrectos. O verdadeiro estado da cuestión non se pode presentar con expresións deste tipo.” (Hegel, Ciencia da Lóxica, §193, itálicas finais engadidas).

A5. Coñecedor activo: “A orde e regularidade das aparencias, que denominamos natureza, presentámolas nós mesmos. Endexamais as podemos atopar nas aparencias, tampouco en nós mesmos nin na natureza da nosa mente, orixinariamente poñémolas aí”. (Kant, Crítica 1 A125).

A6. Suxeito plural: “A asunción dun suxeito único se cadra é innecesaria; se cadra só é permisible asumir unha multiplicidade de suxeitos. ¿A interacción e a loita non son a base do noso pensamento e da nosa consciencia en xeral? ¿Unha especie de aristocracia de “células” na que reside a dominación? …A miña hipótese: o suxeito como multiplicidade.” (Nietzsche, Vontade de poder)

Mandato empírico: “Ese eu, ou el, ou iso (a cousa) que pensa… soamente se coñece a través dos pensamentos que son os seus predicados e, diso, á parte deles, non se pode ter concepto ningún, calquera que sexa este.” (Kant, Crítica 1 A346/B404).

Haberá que preguntarse se, despois da crítica —xa insurmontable— feita ao correlacionismo e logo da caracterización do pensamento antirrealista, a filosofía actual vai fornecer posibilidades novas de pensar a realidade sen necesidade de continuar na militancia antirracional e antirrealista, ou se se vai limitar a transformar a crítica da metáfísica e do suxeito nunha filosofía que pode devir nunha metafísica da resistencia.

Se cadra o realismo transfinito de Markus Gabriel, coa súa ontoloxía hiperrealista, poida dar unha resposta coa que pensar un absoluto non dogmático, ou unha ampliación infinita da razón, que consiga non desbotar ningunha destas opcións filosóficas completamente. Segundo Gabriel, non existe un mundo, ou totalidade omnicomprensiva, senón campos de senso (Sinnfelder) que se individualizan “a través das súas condicións de obxectividade”, é dicir, cando “son posibles asercións sobre os obxectos que aparecen no seu interior, asercións que son verdadeiras ou falsas independentemente do feito de que adiantemos premisas especificamente humanas ou mentais”; de aí que os campos de senso non teñan que ser necesariamente resultado “da nosa organización do mundo, dos nosos modelos clasificatorios ou categoriais” [Markus Gabriel, Il senso dell’esistenza. Per un nuovo realismo ontologico, páx. 59].

Dese xeito, constitúese unha realidade transfinita na que o senso xa non depende exclusivamente da relación humano-mundo senón do “acceso a un ámbito obxectual potencialmente independente da linguaxe e xeralmente independente da representación” [ibid., páx. 69], isto é, “unha modalidade de organización pola cal calquera cousa vén ser presentada dun modo particular”; tendo en conta que esa presentación non ten por que estar sempre relacionada cun suxeito, coa subxectividade, cunha linguaxe ou con calquera outro sistema de representación, “aínda que, de feito, por iso mesmo [o senso] debe ser representado, dun xeito ou doutro, para poder existir (por si mesmo)” [ibid., páxs. 77-78].

Na realidade transfinita, cada obxecto pode estar e, de feito, está, en múltiples campos de senso. “Todos os dominios de obxectos son, de feito, campos de senso. Polo tanto, calquera cousa ten unha particular, e por iso non privada de alternativa, modalidade de aparición. Sobre ese fondo, podemos comprender o senso como a modalidade do aparecer de calquera cousa” (ibid., p. 137).

A novela, xénero literario moderno

A novela, en literatura, xunto coa forma sonata, en música, son as únicas formas artísticas propias da Idade Moderna. Da primeira delas ímonos ocupar aquí, á segunda dedicarémoslle outro artigo máis adiante.

Nun libro recente, Fredric Jameson sinalaba a tendencia a identificar a novela co realismo, de tal xeito que se adoita considerar que “a historia da novela inevitablemente é a historia da novela realista”, igual que se adoita invocar un estadio preliminar da Ilustración e da secularización como precedente dun período de realismo. Polo que, efectivamente, a “novelización” se considera en si mesma un sinal, se cadra fundamental, e un síntoma da modernidade.

Shield_of_Achilles

É obvio que, na novela, realismo é sinónimo de mímese, e esta última definiuna Erich Auerbach na obra que dedicou a estudala como unha unha conquista sintáctica. A historia da mímese, ou forma de representación da realidade na literatura, sería entón a historia da lenta apropiación de formas sintácticas capaces de apreixar conxuntamente niveis múltiples dunha realidade complexa e dunha vida cotiá secular, ou mundana. Segundo Auerbach, na literatura occidental os dous clímax desa tradición discursiva, dese consensus retórico baseado na mímese que acabaría por ser dominante na Idade Moderna, serían Dante e Zola.

O que non din nin Jameson nin Auerbach é que a mímese realista se trata verdadeiramente dunha imitación que ten orixe no acceso exclusivo ao mundo a través do suxeito, isto é, que xorde da correlación suxeito-mundo como legalidade única para a representación da realidade. Polo tanto, na novela-xénero, a cultura é unha variación sobre o suxeito como alicerce do pacto social moderno, como legalidade das formas a priori de representación kantianas, dos conceptos (vid. neste blogue “A novela-máquina: enerxía, operador e materia“). De aí que a novela sexa a única forma literaria que logra anular a distinción falsa entre cultura humanista, ou “alta cultura”, e “cultura de masas”, ou produto da industria cultural, xa que está alicerzada no suxeito en calidade de meeting point da retórica que logo se extrapola indefectiblemente como real.

Por outra banda, a importancia que Jameson lle outorga ao tempo como constitutivo fundamental da novela realista confirma o correlacionismo como condicionante da novela-xénero, xa que o tempo é unha medida da relación humano-mundo, non necesaria polo tanto e si continxente, pois Jameson está a falar do tempo histórico ou biográfico, non do tempo do mundo que é independente da existencia humana, do tempo sen devir do arquifósil.

É na Ilustración onde se produce a constatación da centralidade do correlato como forma de acceso ao mundo; tampouco non resulta casual que sexa nese período cando comezan a abrollar as obras que asocian a arte á noción de gusto, isto é, a unha nova acepción da estética como vehiculización exclusiva da percepción do mundo a través do suxeito.

Un dos autores nos que se constata esta modificación esencial, que vai situar a arte no centro do acceso ao mundo a través do suxeito, é Charles Louis de Secondat, barón de Montesquieu, quen escribirá a entrada “Gusto” da Encyclopédie, entrada coñecida posteriormente como obra exenta co título de Ensaio sobre o gusto (Euseino? Editores publicará esta obra proximamente na colección Rúa do Sol). Montesquieu, sempre atento aos desprazamentos dos usos sociais e á súa análise, tamén detecta a importancia do xénero literario da novela como novo discurso da representación do real, expresión da legalidade do consensus moderno.

As súas Lettres persanes (“Cartas persas”), publicadas en 1721, van ser unha das novelas cun suceso enorme na época, máis dunha trintena de edicións ata que en 1754 Montesquieu fai aparecer a edición definitiva. Precisamente é nesa edición na que o autor vai engadir un preámbulo, titulado “Quelques réflexions sur les Lettres Persanes”, no que elabora a que pode ser unha das primeiras descricións da novela-xénero como representación dominante da Idade Moderna. Traducimos deseguido algunhas pasaxes dese texto:

“O que máis gustou das cartas persas foi atopar nelas, sen o pensar, unha especie de novela. Percíbese o comezo, o progreso, a fin: os diversos personaxes están situados nunha cadea que os vencella. […]

Por outra banda, este tipo de novelas normalmente logran o seu obxectivo porque dan conta de situacións actuais; iso fai que as paixóns sexan máis vivas ca en calquera outro relato que se poida facer. Esa é unha das causas do suceso dalgunhas obras engaioladoras que apareceron despois das cartas persas [Segundo figura nun esbozo deste texto, Montesquieu refírese ás novelas Pamela, de Samuel Richardson, publicada en inglés en 1741 e que en Francia coñeceu un suceso grande na tradución do abade Prévost, e mais ás Lettres péruviennes, de Mme. de Graffigny, aparecidas en 1747. Cómpre lembrar que Denis Diderot publicaría un “Éloge de Richardson” en 1762, texto que traduciremos proximamente].

Ao cabo, nas novelas normais, as digresións só están permitidas cando forman por si mesmas unha novela nova. […] Mais, en forma de cartas, nas que os actores son forzosos e os suxeitos dos que tratan non dependen de deseño nin de plan xa trazado ningún, o autor dáse a avantaxe de poder engadir filosofía, política e moral a unha novela, e de vencellar todo cunha cadea secreta e, dalgún xeito, descoñecida.”

Preguntarse por esa “cadea secreta” da que escribe Montesquieu é o mesmo que preguntarse polo papel do suxeito na elaboración da representación moderna da realidade. A famosa ékfrase que fai Homero na Ilíada (libro 18, versos 478–608) pódese interpretar como a descrición do mundo, mundo que cabe na súa totalidade no escudo de Aquiles, precisamente nunha representación feita nun obxecto que ten como finalidade a protección do suxeito.

Bibliografía

Auerbach, Erich, Mímesis (La representación de la realidad en la literatura occidental), Madrid: Fondo de Cultura Económica, 1983.

Jameson, Fredric, The Antinomies of Realism, Londres, Nova York: Verso, 2015.

Montesquieu, Lettres persanes, edición fixada e presentada por Jean Starobinski, París: Éditions Gallimard, col. Folio, 1985.

A filosofía no obxecto retórico “novela-máquina”

A relación entre filosofía e novela é unha cuestión que pode pasar desapercibida mais que cómpre ter en conta. Especialmente ao fío dos artigos que estamos a publicar neste blogue sobre os obxectos retóricos, as formas literarias e a súa viculación estreita coas formas de representación que a filosofía crítica foi a primeira en salientar e estudar.

No artigo “A novela-máquina: enerxía, operador e materia“, co que confiabamos en facer unha achega inicial sobre o que denominamos a novela-máquina, deixamos adrede este punto sen tratar. Para que poida chegar a ter esa capacidade de produción autónoma propia das máquinas, a novela, ademais de enerxía (a linguaxe), operador (o lector) e materia (a verosemellanza xurdida da correlación suxeito-mundo), precisa da filosofía. Se a ficción que produce unha novela non ten dentro de si un pensamento que a sustente, esa ficción carece de autonomía pois pasa a depender dun pensamento exterior a ela, xeralmente o pensamento que fornece o repertorio de formas literarias, en concreto, aquel asociado ao xénero novela e, máis especificamente, ao subxénero ou modalidade narrativa na que o texto polas súas características se insira.

800px-Zimmerbild_78

As formas de representación a priori serían as encargadas de ordenar a aplicabilidade do devandito repertorio, asociando as diferentes modalidades de obxecto retórico a determinadas necesidades do consensus interpretativo, co obxectivo de reforzar ou, para o facer máis vizoso, variar o senso da correlación entre a consciencia transcendental do suxeito e o mundo. Nesa consciencia transcendental é na que se basea o pacto retórico e, en consecuencia, o pacto social correspondente entendido como senso último outorgado á representación do suxeito.

O que fai a novela-máquina é actualizar o que de transcendental ten a ficción mais agora perfeccionando a virtualidade da representación para adaptarse ao aspecto cambiante das identidades sociais modernas, vencellando o suxeito ao social —isto é, ofrecéndolle formas diversas de acceso ao poder— mediante a produción diferenciada de formas específicas de representación da subxectividade. Un dos recursos que emprega a novela-máquina para lograr este obxectivo é o da instrumentalización de formas de pensamento interpretables de xeito diferente desde as diversas posicións que o suxeito poida ocupar con respecto ao correlato.

Para levar a cabo esta nova función da representación ficcional, a novela-máquina fornece un repertorio filosófico máis ou menos ostensible, mais sempre detectable polo operador, de formas de pensamento asociadas a determinadas especifidades das posisións que o suxeito pode adoptar no correlato humano-mundo. Dese xeito, a consciencia transcendental efectúa unha actualización non só do modelo de acceso do suxeito ao mundo —función primeira da representación— senón que ademais inclúe a posibilidade de ampliación instrumentalizada (a través da neutralidade aparente da máquina) da razón, ou da filosofía que sustenta a representación a priori que a ficción recrea; representación que non é máis ca a representación da correlación humano-mundo como verosemellanza.

No caso de Les Faux-monnayeurs, a novela de André Gide da que nos ocupamos no artigo antes citado, eses pensamentos de actualización automatizada que amplían a capacidade de instrumentalización da ficción son doadamente detectables nunha lectura analítica malia estaren eficazmente distribuídos e diexeticamente ben integrados. De aí que poidamos afirmar, polo menos hipoteticamente, que a filosofía é unha peza sobranceira da novela-máquina. En que medida esa filosofía da ficción reforza ou amplía o correlato, ou ata que grao a presenza do pensamento pode ser útil para quitar a ese mesmo correlato a exclusividade da representación do verosímil é unha cuestión á que se cadra haberá que enfrontarse máis adiante.

Traducimos deseguido os filosofemas que, sen ánimo de ser exhaustivos, detectamos na devandita obra de Gide. A forma apodíctica que adoita presentar o pensamento na novela-máquina gidiana é coherente coa utilización que fai o seu autor de citas aforísticas ou epigramáticas no inicio dalgúns capítulos. Despois de cada filosofema traducido, damos o número de páxina da edición da colección Folio, Éditions Gallimard, 1979, que nós manexamos e, logo, asociámolo a algunha das partes da filosofía. Tamén é posible consultar os filosofemas, ordenados por materia, nas ligazóns seguintes:

Fenomenoloxía   Metaforoloxía   Ética   Epistemoloxía   Ontoloxía   Poética   Estética   Metafísica   Hermenéutica   Teoloxía ]

“[…] no silencio enorme, a exaltación de todos os ruídos naturais […]” [16] (Fenomenoloxía)

“Era a hora incerta na que remata a noite e na que o demo arranxa as contas.” [56] (Metaforoloxía)

“Se ti non o fas, ¿quen o vai facer? Se non o fas decontado, ¿cando o vas facer?” [59] (Ética)

“O difícil na vida é tomar en serio a mesma cousa durante moito tempo.” [59] (Ética)

“Ti fas que me lembre de certos ingleses: canto máis se emancipa o seu pensamento máis se vencellan eles á moral; ata tal punto que non hai ninguén máis puritano ca algúns dos seus librepensadores.” [63] (Ética)

“Os meus pensamentos sempre son da cor da roupa que visto (ela puxera un pixama púrpura bordado con prata).” [64] (Metaforoloxía)

“Involuntariamente, inconscientemente, cada un dos dous seres que se aman adopta a forma dese ídolo que contempla no corazón do outro… Os que aman verdadeiramente renuncian á sinceridade.” [72] (Ética)

“Nada é tan difícil de observar como os seres en formación. Cumpriría podelos mirar só de esquello, de perfil.” [89] (Epistemoloxía)

“Todo está relacionado e eu sinto, entre todos os feitos que me ofrece a vida, dependencias tan sutís que sempre me parece que non sabería cambiar un soa delas sen modificar o conxunto enteiro.” [91] (Fenomenoloxía)

“Sempre toma as cousas e os seres tal como veñen; se cadra é porque el sempre é como é.” [95] (Ética)

“É dese tipo de xente cuxa timidez non pode aturar os silencios e que cre un deber rompelos cunha anticipación esaxerada; é dos que decontado din: ‘Sempre fun franco con vostede’. Pois, vaites ho, o importante non é tanto ser franco como permitir que o outro o sexa. Deberíase decatar de que a súa franqueza precisamente impide a miña.” [96] (Ética)

“Entramos nunha era nova de franqueza e sinceridade.” [106] (Ética)

” […] hai determinados actos da miña vida pasada que soamnente agora comezo a entender. Si, agora comezo a comprender que non teñen o significado que eu cría daquela, mentres os levaba a cabo… Agora é cando me decato de que toda a miña vida estiven enganado.” [118] (Epistemoloxía)

“A novela ocupouse das encrucilladas da sorte, da fortuna boa ou mala, das relacións sociais, do conflito das paixóns, dos caracteres, mais non da esencia mesma do ser.” [123] (Ontoloxía)

“Para introducirme nunha intriga tan consistente, decididamente aínda son novo. Mais, que carafio, iso é o que me vai axudar. Inventemos unha confesión cándida; unha historia que a faga compadecerse e interesarse por min. O fastidioso é que esa historia debe servir tamén para Édouard, a mesmiña historia, e sen contradicirme nada. Boh, habémonos apañar ben. Cómpre contar coa inspiración do momento…” [126] (Poética)

“Cómpre querer o que se quere.” [144] (Ética)

“—Podes estar segura, miña rula: ¡as palabras só se deturpan cando se imprimen!” [146] (Poética)

“O novo [caderno], no que escribo isto, non vai abandonar tan axiña o meu peto. É o espello co que me paseo. Nada do que me acontece ten para min existencia real mentres non o vexo reflectido nel.” [155] (Ontoloxía)

“—Oh, non me refiro a vostede en concreto; cando digo: vostede, entendo: os novelistas. A meirande parte dos seus personaxes parecen construídos sobre pilotes; non teñen alicerces nin subsolo. De veras, creo que hai máis verdade nos poetas; todo o que non está creado só pola intelixencia é falso. Mais eu falo aquí do que non me concerne…” [177] (Poética)

” Como Balzac era un xenio e como o propio de todo xenio parece que é achegar unha solución definitiva e exclusiva, decretouse que o propio da novela era ‘facerlle a competencia’ ao estado civil. […] ¡Para que preocuparme eu polo estado civil! O estado son eu, o artista; civil ou non, a miña obra non pretende competir con ninguén.” [183] (Estética)

“A miña novela non ten suxeito. Si, ben llo sei; isto que digo parece unha parvada. Supoñamos, se vostede prefire, que non terá un suxeito… ‘un anaco de vida’, como dicía a escola naturalista. O gran defecto desa escola é cortar o seu anaco sempre no mesmo senso; no senso do tempo, en lonxitude. ¿Por que non ao largo? ¿Ou en profundidade? […] O que eu quero é presentar por unha banda a realidade e, pola outra, ese esforzo para estilizala do que lle acabo de falar.” [184-185] (Estética)

“É dicir, no canto de me contentar con resolver cada dificultade a medida que aparece (e toda obra de arte só e a suma ou o produto das solucións dunha cantidade de dificultades sucesivas miúdas), cada unha desas dificultades, eu expóñoa, estúdoa.” [186] (Poética)

“Comezo a albiscar o que hei chamar o ‘suxeito profundo’ do meu libro. É, será sen dúbida a rivalidade do mundo real e da representación que nós facemos del. A maneira na que o mundo das aparencias se impón a nós, e como nós tentamos impoñer ao mundo exterior a nosa interpretación particular del, constitúe o drama da nosa vida.” [201] (Metafísica)

“Os nosos autores clásicos son ricos por todas as interpretacións que permiten. A súa precisión é tan admirable porque non pretende ser exclusiva.” [204] (Hermenéutica)

“Sabe aproveitarse admirablemente das ideas, das imaxes, da xente, das cousas; é dicir, tira proveito de todo. El di que a grande arte da vida non é tanto gozar dela como aprender a sacarlle partido.” [211] (Ética)

“[…] Cómpre darse de conta de que nas parellas, e falo das máis unidas, non sempre é o marido o que decide. Mais vostede non está casado, así que iso tanto lle ten.
—Perdóeme, dixen eu a rir; sonlle novelista.” [223] (Ontoloxía)

“Os apetitos dos outros é fácil que parezan excesivos cando un non os comparte.” [224] (Fenomenoloxía)

“Adoita acontecer que non acabe as súas frases, o que dá ao seu pensamento un aquel de halo poético. Fai o infinito coa imprecisión e o inacabado.” [233] (Metafísica)

“Víanse as cimas das árbores do xardín, sobre o que aínda pairaba unha cantidade inmensa de verán dispoñible.” [247] (Fenomenoloxía)

“—As economías, que as leve o demo, di Édouard. É o que, na Arte, fan os prolixos.
—¿Por que?
—Porque teñen medo de perder algo.” [252] (Poética)

“Despois, puxen como exemplo os retratos dun sabio, dun investigador e de alguén que excava, e amosei finalmente que, mentres que o sabio busca, o artista encontra; que aquel que excava se afunde e que, quen se afunde, se cega; porque a aparencia é a verdade, o misterio é a forma e o que o home ten de máis profundo é a pel.” [255] (Epistemoloxía)

“É precisamente porque fago ben as miñas frases polo que as frases ben feitas me arrepían. Non é que me preste a dificultade por si mesma; mais encontro que os literatos de hoxe en día apenas se esforzan de verdade.” [263] (Poética)

“—As obras de arte son actos que duran.” [264] (Estética)

“É coma se fose vapor dentro de min; pode escapar asubiando (iso é a poesía), ou pode accionar pistóns e rodas; ou mesmo facer estoupar a máquina.” [265] (Poética)

“Estamos feitos de tal xeito que todos poderiamos ser mellores, e coido que a intelixencia meirande é precisamente a que máis sofre polos seus límites.” [278] (Epistemoloxía)

“Armand deitouse completamente vestido. Sabe que non vai poder durmir. Agarda pola fin da noite. Cavila. Escoita. Repousan a casa, a cidade, a natureza enteira; ningún ruído.” [295] (Fenomenoloxía)

“—Porque a el lle falta o lirismo, di Édouard irrefutablemente.
—¿Que quere dicir vostede?
—Que endexamais se abandona á experiencia, de maneira que nunca experimenta nada grande. […] Iso mesmo, coido que chamo lirismo o estado do ser humano que consente en deixarse vencer por Deus.
—¿Non é iso precisamente o que significa a verba: entusiasmo?” [304] (Teoloxía)

“[…] el considera a inspiración como unha das cousas máis prexudiciais para a arte; e eu abofé que penso que só se é artista a condición de dominar o estado lírico; mais, para o dominar, cómpre probalo primeiro.” [304] (Poética)

“Non hai un movemento místico que non teña a súa répilca material. […] O espírito, para deixar testemuño, non pode prescindir da materia. De aí o misterio da encarnación.” [304-305] (Metafísica)

“¿Decátase vostede no que se converteu a miña vida? Fixen restrinxir a miña felicidade; tiven que reducila de ano en ano; unha a unha, recortei as miñas esperanzas. Cedín; tolerei; fixen coma quen non entendía, coma quen non vía nada… En fin, acabamos agarrándonos a calquera cousa; e cando aínda ese pouco escapa…!”  [307] (Ética)

“Pauline enderéitase bruscamente. Mira para min e levanta os ombros. ‘Cando unha muller se mostra máis resignada é cando sempre parece máis razoable’, afirmou con sorna.” [308] (Ontoloxía)

“—Mais, meu amigo, vostede ben sabe que o único que se eterniza son as situacións falsas. Intentar resolvelas é un asunto que ten que ver con vostedes, os novelistas. Na vida, non hai nada que se resolva; todo continúa. Permanecemos na incerteza; e quedaremos ata a fin sen saber a que aternos; mentres agardamos, a vida continúa, talmente coma se nada pasase. E diso tamén se tira partido; como de todo o demais.” [308-309] (Ética) (Poética)

“No fondo, preguntábame cal podería ser o estado dunha muller que non se resignase. Enténdase: dunha ‘muller honesta’… ¡Coma se iso que se chama ‘honestidade’ nas mulleres non implicase sempre a resignación!” [309] (Ontoloxía)

“O sol brillaba; un aire vivo limpaba as árbores das súas follas derradeiras; todo parecía límpido, azulado. Édouard levaba tres días sen saír. Unha alegría inmensa dilataba o seu corazón; e incluso parecíalle que todo o seu ser, envoltorio aberto e baleiro, aboiaba nun mar indiviso, nun océano divino cheo de bondade. O amor e o bo tempo ilimitan así os nosos contornos.” [311] (Fenomenoloxía)

“Si, meu rei, o amor parécenos eslamiado de máis, tomamos a decisión de odiarnos.” [314] (Ética)

“E, se non podo aturar o pensamento de Cristo sacrificándose pola salvación ingrata de toda esa xente arrepiante coa que eu comparto o mundo, atopo certa satisfacción, e incluso unha especie de serenidade, imaxinando esa turba podre que deu producido a Cristo…” [317] (Teoloxía)

“—Téñolle que confesar que, de todas as emanacións nauseabundas que produce a humanidade, a literatura é unha das que máis me desgustan. Non vexo nela máis ca compracencias e louvanzas. E teño as miñas dúbidas de que se poida converter noutra cousa, polo menos ata que non dea varrido o pasado. Vivimos sobre sentimentos admitidos e que o lector se imaxina experimentar porque cre todo o que se imprime; o autor especula sobre iso como sobre as convencións que el cre as bases da súa arte. Eses sentimentos soan tan falsos coma as fichas dos xogos mais son de curso legal. E, igual ca se sabe que ‘a moeda mala substitúe a boa’, o que ofrece ao público pezas verdadeiras parece que nos paga con palabras. Nun mundo onde todos estafan, é o home verdadeiro o que acaba por parecer un lerchán. Xa lle advertín que, se vou dirixir unha revista, ha ser para escachar os moldes, para deprezar todos os sentimentos fermosos e as súas letras de cambio: as palabras.” [319] (Poética)

“Sempre me preguntei por que prodixio a pintura estaba por diante e como era posible que a literatura quedase atrás. ¡En que descrédito caeu hoxe en día aquilo que, en pintura, era costume considerar ‘o motivo’! ¡Un suxeito acaído! Iso dá risa. Os pintores xa só se atreven cun retrato a condición de eludir todo parecido. […] Non han pasar dous anos para que calquera poeta futuro se crea deshonrado se se entende o que quere dicir. […] Hanse considerar como antipoéticos todo senso e todo significado.” [320] (Poética)

“Cando era novo, tomaba decisións que imaxinaba virtuosas. Preocupábame menos ser quen era que converterme en quen pretendía ser. No presente, falta pouco para que vexa na indeterminación o segredo para non avellentar.” [324] (Ontoloxía)

“—[…] A súa meta era el e o que el proxectaba diante de si…
—Sempre pensei, interrompeu Édouard, que en arte, e en literatura en particular, só contan os que se lanzan ao descoñecido.” [338] (Poética)

“Acepto que a realidade veña en apoio do meu pensamento, como unha proba; mais de xeito ningún que o preceda.” [376] (Epistemoloxía)