Baixo a luz da aurora boreal – Ilustradores nórdicos, 3

Cando o redactor Cyrus Graner, que traballaba para a editorial Åhlén & Åkerlund (fundada en 1906 polo xornalista Erik Åkerlund), decide iniciar unha colección de anuarios, coa intención de ser publicados polo Nadal, contrata para ilustralos un artista novo, aínda que non descoñecido, chamado John Bauer. Os temas dos relatos Bland Tomtar och Troll (“Entre trasnos e trolls”) son variados, sendo a característica principal a de que os protagonistas se atopan con seres fantásticos. Este encontro desencadea acontecementos tamén fantásticos que rematan cun final feliz.

Os contos foron encargados ás escritoras e escritores suecos de máis prestixio do momento. Entre os contos destacan För Länge, länge sedan ou o que é o mesmo “Hai moito, moito tempo”, de Anna María Lovisa Wahlberg (Estocolmo, 1858-1933), escritora de contos, dramaturga e tradutora que ás veces empregaba o pseudónimo de Rien. Bauer tamén ilustrou o conto Svanhammen (“O traxe do cisne”), de Helena Nyblom, presente no anuario de 1908. Pero unha das súas ilustracións máis populares é a da Princesa Tuvstarr, personaxe de “O conto do alce Skutt e a pequena princesa Tuvstarr”, de Helge Kjellin, que formaba parte tamén do Bland Tomtar och Troll de 1913, anuario que a partir daquel momento se consideraría un clásico da literatura sueca.

Prinsessan_och_trollen

Durante sete anos, John Bauer recreou os personaxes que aparecían neses contos e, cando o deixou de facer, os seus debuxos eran case máis famosos ca os relatos que ilustraban.

Nado no ano 1882 en Jönköping, unha ciudade situada ao pé do lago Vättern, no sur de Suecia, desde pequeno amosou interese e dotes para a pintura. En 1898 solicitou o ingreso na Real Acadenia das Artes e, aínda que non conseguiu que o admitisen, non se desanimou e pasou dous anos nunha escola para pintores ata que en 1900 o logrou. Ademais de aprender técnicas pictóricas, realizou estudos sobre plantas e traxes medievais, coñecementos que reflectiría posteriormente nos seus debuxos. Durante eses anos de academia, comezou a traballar realizando encargas para diferentes revistas. Na academia foi onde coñeceu á que sería a súa dona, Ester Ellqvist, quen sería modelo para diversas obras do pintor.

Cando Bauer recibe a encarga de ilustrar un libro sobre Laponia, viaxa ao Norte de Suecia para documentarse sobre a paisaxe e as vestimentas propias dos lapóns. Como se dunha posta en escena se tratase e arremedando unha representación teatral, Bauer coloca aos seus personaxes nun primeiro plano sobre un decorado. Moitas veces de perfil, eses personaxes miran cara o espectador ou ben a un punto indeterminado do decorado de fondo. Pero Bauer distínguese e será recoñecido sempre polos seus debuxos de trolls.

Como seres prehistóricos, asentados en grupos e familias estruturadas e organizadas, Bauer dota aos trolls dunha estética propia, con roupas farrapentas, con peiteados e adornos feitos de alfaias peculiares. Con grandes extremidades, desproporcionadas e acordes co seu grao de maldade, paradoxalmente estes seres deixan de parecer arrepiantes. Bauer, igual que Kittelsen (véxase “Ilustradores nórdicos, 2“), logra integrar e mimetizar estes seres coa paisaxe na que habitan, confundíndoos cos outeiros e coas árbores centenarias e cubríndoos de carriza.

Pero a arte de John Bauer reside en que envolve os seus debuxos nun vento solar, creando unha especie de esfera protectora, coma unha burbulla que acubilla o espectador —desacougado pola “maldade” que caracteriza os trolls no texto e que se contrapón a aquilo que recrea a ilustración— salvagardándoo do mal. Abonda unha liña leve, un aceno, un sorriso ou uns ollos saíntes no rostro destes seres con espunllas para que desapareza a desconfianza do lector.

En Suecia, preto do círculo polar ártico, tanto a noite coma o día resplandecen dun xeito particular; Bauer soubo captar esa tonalidade, ese luscofusco que xorde do escuro da fraga: a luz da aurora boreal, a do amencer do norte.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s