A materia do azul

Logo da publicación do artigo “Teoría do azul”, Beatriz Fraga continúa a súa indagación nesta segunda entrega da serie sobre a cor azul, que ha rematar cun terceiro artigo sobre o azul na obra do ilustrador Maxfield Parrish.

Aproveitamos estas reflexións para enunciar aquí unha hipótese verbo das cores como obxectos intencionais, partindo para iso do que Graham Harman expón no seu ensaio “Da causación vicaria”, publicado no número 9 de Anotacións sobre literatura e filosofía. Se o mar e o ceo son azuis e se co solpor se transforman en vermellos como consecuencia do efecto Tyndall, que combina a posición do observador co ángulo de refracción e de reflexión dos raios do sol e coa loxitude de onda, ¿podémonos preguntar se a cor do mar é o obxecto intencional que pon en relación dous obxectos sensitivos, isto é, o mar e os raios do sol con quen observa? Como afirma Harman, a relación entre obxectos endexamais é directa senón que se efectúa a través doutro obxecto intermediario, é dicir, de forma vicaria.

De aí a importancia das cores para a concepción dunha Estética que non se limite soamente a cuestións artísticas senón que pense a ontoloxía dos obxectos:

“Dicir que a causa formal opera vicariamente significa que unha forma non debe atinguir a outra directamente senón de tal xeito que a derreta, a funda e a descomprima nun espazo común compartido no que todo está parcialmente ausente. O que eu sosteño é que dúas entidades se influencian mutuamente só ao encontrarse no interior dunha terceira, onde existen unha a carón da outra ata que acontece algo que as leva a interactuar.” (“Da causación vicaria”, páx. 15)

Como indica Harman, a consciencia humana non é a que distorsiona a realidade das cousas senón que é a relacionalidade per se quen o fai. Iso débese a que, ao seren todas as relacións superficiais, o único lugar onde os obxectos se relacionan entre si é o reino do fenoménico, o reino das cores.

Neste artigo que publicamos deseguido, Beatriz Fraga fai unha recompilación da historia dos esforzos por conseguir producir voluntariamente os efectos do obxecto intencional denominado cor azul.

 

Anna_Atkins_algae_cyanotype

 

 

A MATERIA DO AZUL, por Beatriz Fraga

Azul ultramar.— Fabricado a partir da pedra semipreciosa lapislázuli, ou lazurita. O nome da cor azul deriva do latín medieval ultramarinus, “alén mar”, en referencia a que o pigmento era importado de Asia, vía marítima. Moi utilizado en Exipto, aparece tamén en templos budistas situados en Afganistán, en pinturas chinesas dos séculos X e XI e murais hindús do XI, XII e XVI. En Europa, o seu uso non se estendeu ata o século XIV. Os grandes mestres da pintura flamenga, alemá e italiana empregaron o azul refinado, ou azul ultramar, nas súas obras de asunto relixioso.

O proceso de extracción da cor pura a partir do mineral foi descrito por Marco Polo en 1271. Xa que era un material moi custoso, houbo moitos intentos de sintetizalo. En 1824, a parisina Société d’encouragement pour l’industrie nationale ofreceu un premio á primeira persoa que lograse sintetizar esta cor. En Toulouse, Jean-Baptiste Guimet conseguiuno catro anos máis tarde. A finais de 1828, a Royal Porcelain Manufactory producía azul ultramar de xeito industrial.

Azurita.— Plinio falaba da azurita como lapis armenius, o cal denotaba a súa orixe. Coñecida tamén co nome de pedra celestial, malaquita azul ou chesilita, é un mineral da clase dos carbonatos, de cor semellante ao lapislázuli, menos custoso ca este. Dependendo da maceración, a azurita adquire unha cor azul cun matiz celeste pálido ou azul cun matiz verde.

Na Idade Media, denominábase azul de Alemaña pola súa procedencia; así a denomina o pintor gótico Cennino Cennini (1370-1440) na súa obra Libro dell’Arte, onde lle dedica o capítulo “Della natura dell’azzurro della Magna” [Da natureza do azul de Alemaña]. Este tratado foi unha referencia clave para o traballo de moitos artistas medievais e, hoxe en día, é libro de consulta para moitos restauradores. Os alemáns referíanse a este pigmento como “azul de montaña”.

A azurita foi o primeiro pigmento empregado en Europa, desde a Idade Media e o Renacemento ata mediados do século XVII. Cando se produce a invasión turca de Hungría, lugar onde se atopaban os xacementos, a subministración queda cortada. Nese momento descúbrese o azul de prusia.

No Estado español, o material, a pedra azul, viña da illa La Española, entrando polo porto de Sevilla. De aí que tamén se lle chame azul de Sevilla ou cinsa de Sevilla. O mestre e sogro de Velázquez, Francisco Pacheco (1564-1644), no tratado de Arte de la pintura, de 1641, denomina este pigmento como azul de Santo Domingo e descríbeo como “a cor máis delicada e dificil de empregar”. Aínda que é un pigmento estable, polo efecto da humidade e do paso do tempo, pode adoptar a súa forma cristalina, a malaquita, sufrindo dese xeito unha alteración cromática que muda do azul ao verde.

Azul cobalto.— O cobalto é o axente colorante do esmaltil medieval, unha especie de vidro azul. Os oleiros de Sèvres xa empregaban sales con contido de cobalto para obter os seus esmaltes nas porcelanas. En 1802, o químico francés Louis-Jacques Thénard sintetizou un sólido azul mesturando sales de cobalto con alúmina. O azul de Thénard tiña unha tintura máis pura ca a azurita, o azul de prusia ou o índigo e deseguida se empregou como pigmento. Ao que se simplificou o seu método de síntese, a fin de poder empregar o cobalto natural como material de partida, o azul cobalto pasou a formar parte da paleta de moitos artistas.

En 1869 saíu á venda un novo azul cobalto para acuarelas comercializado pola compañía Rowney, de Inglaterra. Na década de 1870, vendíase como cor de óleos: azul cerúleo en Inglaterra ou bleu céleste en Francia.

Azul de prusia.— O azul de prusia, ou azul berlinés, é unha cor azul escura empregada antigamente nos planos (blueprints, en inglés, ou cianotipos) de arquitectura. Foi descuberto accidentalmente polo químico Johann Jacob [ou Heinrich] Diesbach e polo teólogo e químico Conrad Dippel en Berlín en 1706. Esta cor sería empregada no século XVIII na coloración dos uniformes do exército prusiano. O proceso para a súa preparación permaneceu en segredo ata 1724, cando o naturalista John Woodward o publicou na revista Philosophical Transactions.

Azul índigo.— Esta coloración comezou a ser parte do espectro de luz visible e, polo tanto do arco da vella, cando Isaac Newton deu a denominación de cor Índigo á franxa azul escuro do espectro. Plinio e o arquitecto Marco Vitubrio (século I a.C.) xa se referían a este pigmento, importado co nome de indicum. Plinio describe o proceso de obtención deste azul como algo repugnante: “Hai que deixar que as plantas fermenten en ouriños ao sol ardente, pisando as plantas ata que solten o seu zume, no medio dunha nube de amoníaco de fedor forte. Despois hai que levantar a baba que se adhire a unha escuma sucia que aboia coma un limo entre os xuncos. Isto sácase, sécase, amásase coma os ladrillos e déixase que se solidifique ao sol”.

Durante anos, ata a descuberta de América e de novas rutas, o comercio do índigo asiático fixo ricos a moitos mercadores. O explorador Vasco de Gama trouxo o segredo da India en 1498. En Europa trataron de parar a chegada do índigo prohibíndoo, baixo pena de morte, para salvar a producción de glasto. A confusión e sinonimia entre índigo, anil e glasto débese a que estes son o nome das tres plantas das que se obtiña unha tintura semellante por medio do mesmo proceso. O nome anil aplícase á Indigofera suffruticosa, índigo á Indigofera tinctoria e glasto á Isatis tinctoria.

Empregado tanto por pintores exipcios coma romanos, tamén foi utilizado na pintura europea a partir do século XIV como pigmento nas cores ao óleo e, posteriormente, nas acuarelas. Este pigmento era coñecido como “azul maia” xa que con el están pintados os murais das ruinas de Bonampak, en Chiapas, México.

Aínda que como pigmento non era moi utilizado, pola súa fraxilidade fronte á luz, si é verdade que como tintura tivo moito éxito. Cando Xulio César invadiu a Bretaña, escribiu na Guerra das Galias que os seus inimigos pintaban todo o corpo de azul cunha herba silvestre que cultivaban. De aí que os romanos denominasesn a este pobo “pictos” (tribos que habitaban o Norte e centro de Escocia). Segundo César, os romanos roubaron o seu segredo e levárono a Roma, onde os soldados romanos empregaron este pigmento para pintar os seus escudos.

“Da causación vicaria”, por Graham Harman

NOVO NÚMERO DE ANOTACIÓNS SOBRE LITERATURA E FILOSOFÍA

O número 9 de Anotacións (ISSN 2340-8537) inclúe Da causación vicariaun dos ensaios fundamentais da obra de Graham Harman, o fundador da Ontoloxía Orientada aos Obxectos (OOO). A carón de Quentin Meillassoux, Harman é un dos pensadores máis influentes do realismo especulativo e un dos filósofos máis interesantes do que vai de século.

Neste ensaio, o autor parte da constatación de que os obxectos reais existen alén do acceso sensitivo humano a eles:

“Cando unha sarabiada bate nas vides ou cando as ondas atravesan un estanque, esas relacións son tan admirables para a filosofía coma a disputa incesante sobre a existencia ou non dunha fenda entre ser e pensamento.”

“Os cans non entran en contacto coa realidade completa dun óso nin as lagostas coa do millo, tampouco os virus coa das células, as pedras coas ventás nin os planetas coas lúas. Non é a consciencia humana a que distorsiona a realidade das cousas senón a relacio­nalidade per se.”

Harman rexeita neste artigo calquera privilexio do acceso humano ao mundo e sitúa os asuntos da consciencia humana exactamente ao mesmo nivel “da condición dos microbios, dos terremotos, os átomos e o alcatrán” sen que iso implique “unha defensa dese naturalismo científico que todo o reduce a un asunto físico”. O obxectivo deste filósofo é rescatar a filosofía da dedicación exclusiva ás relacións do suxeito co mundo:

“Durante varios séculos, a filosofía estivo á defensiva fronte ­ás ciencias naturais, actualmente ocupa unha posición inferior no prestixio social e, sorpren­dentemente, acabou sendo un asunto de importancia limitada. Unha ollada rápida á historia amosa que non foi sempre así. Para concretar unha ofensiva, soamente é necesario inverter as persistentes tendencias de renuncia a toda especulación sobre obxectos e a voluntaria retirada ao cada vez máis reducido gueto das realidades exclusivamente humanas: linguaxe, textos, poder político. A causación vicaria céibanos de semellante encarceramento ao devolvernos á cerna do mundo inanimado, quer natural quer artificial. A singularidade da filosofía está asegurada non por murar unha zona da preciosa realidade humana que a ciencia non pode tocar senón por atinguir o mesmo mundo que atinguen as diversas ciencias mais facéndoo dun xeito diferente.”

Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, Anotacións sobre literatura e filosofía pódese descargar de balde.

Para descargar gratuitamente o ensaio de Graham Harman en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte:

Da causación vicaria

 

Cuberta+lombo

Anna Longo: sobre os realismos novos e as condicións do pensamento

Recentemente, Anna Longo publicaba na súa páxina de academia.edu o texto co que iniciou o debate no Coloquio “Realismos novos”, celebrado na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París en decembro pasado. Neste blogue demos noticia da celebración dese coloquio (véxase nesta ligazón ) mais agora interésanos a reflexion de Anna Longo en concreto. A autora de “Continxencia e liberdade” é quen de expoñer, nun texto sintético e sumamente esclarecedor, un problema que é fundamental cando se trata de elaborar unha achega realista nova: estamos a falar da cuestión da xénese do transcendental, é dicir, das condicións do pensamento e do coñecemento.

“Se hai un realismo novo, a novidade non atingue, de feito, á redescuberta da existencia da realidade, cousa que nunca negou ninguén, senón á redefinición das súas propiedades a fin de xustificar a posibilidade de coñecer esa realidade.”

1431967710555a17de0c162

Así, o grao de realismo dos sistemas de pensamento non ten que ver cos límites que estes lle apoñen á capacidade do intelecto de acceder á realidade última, ao que é en si, senón coas condicións do pensamento e coa maneira na que esas condicións se producen. Esta cuestión xa caracterizaba o idealismo alemán, que a solucionou ao considerar o real como un proceso durante o cal se producen as condicións de comprensión do proceso mesmo. Así e todo, segundo o idealismo, ese proceso iniciábase a partir da maneira na que o suxeito se postulaba a si mesmo e, como consecuencia dese acto, postulaba o seu obxecto, é dicir, facendo do obxecto aquilo que está condicionado polo suxeito.

Mais é obvio que esta concepción non é compatible co coñecemento científico, para o cal é esencial que o obxecto se considere independente do suxeito. Polo tanto, a cuestión filosófica principal consiste en determinar como debe ser o real para permitir o coñecemento das súas producións, tendo en conta que preceden o pensamento e que, daquela, non se poden definir como aquilo que postula o suxeito. Segundo Anna Longo, é a relación con esta cuestión filósofica a que caracteriza os realismos novos. Dependendo da maneira en que se obteñen solucións á cuestión esencial das condicións do pensamento, pódense distinguir diferentes tipos de realismos novos:

1) A solución de Quentin Meillassoux consiste en demostrar que é a absoluta continxencia do real o que explica, por unha banda, a posibilidade de dar unha descrición matemática dos feitos, é dicir, unha descrición independente das calidades secundarias que só existen para un suxeito e, por outra banda, a continxencia explica tamén por que se poden considerar a natureza e o pensamento como completamente exteriores un con respecto do outro; de feito, se a natureza fose xa pensamento ou se o pensamento fose xa natureza, volveríase caer no idealismo, isto é, na concepción que considera que o obxecto é postulado polo suxeito.

“Por iso, para Meillassoux, as condicións do pensamento non residen no inorgánico, na legalidade da natureza, senón que son o resultado dunha actualización independente: o pensamento é un feito cuxa condición única é a posibilidade de que as leis da natureza cambien sen razón.”

2) Para intentar comprender como o pensamento e os obxectos están determinados polo real, Ray Brassier —outro dos filósofos do realismo especulativo— sostén que a razón non é un instrumento ao servizo dos intereses da vida, que a razón non atopa as súas condicións nas necesidades do vivente que debería satisfacer senón na completa indiferenza do obxecto con respecto á existencia do suxeito. De aí que as condicións do coñecemento obxectivo veñan dadas pola completa falta de senso, de valor e de significación dun real que só se pode definir “sendo nada”.

Polo tanto, estas dúas maneiras de enfrontarse á cuestión da xénese do transcendental implican a exclusión da continuidade entre as producións da natureza e as producións do pensamento, é dicir, que non se pode considerar o pensamento como un produto natural ou como unha propiedade compartida —quer en diferentes graos quer en potencia— pola totalidade do existente.

A este xeito de concibir as condicións do pensamento opóñense outras concepcións que se esforzan en xustificar unha continuidade entre o pensamento e a natureza, entre o pensamento e as cousas, ao postular que son estas últimas as que condicionan a maneira de pensar:

3) Nesa liña, Iain Hamilton Grant amosa como, contrariamente aos demais idealistas da súa época, Schelling intentou explicar a xénese das condicións do pensamento como un efecto da potencia do devir natural ao demostrar que o obxecto determina unha razón que, malia todo, non é quen de adecuarse completamente á totalidade do proceso.

4) Outro xeito completamente orixinal de enfrontarse á cuestión é, segundo apunta Anna Longo, o da filosofía de Graham Harman, quen sostén que as condicións do pensamento non se poden buscar na especificidade do suxeito humano senón na maneira en que cada obxecto se fai sensible para cada un dos outros obxectos sen chegar a desvelarse completamente.

A conclusión á que chega Anna Longo é que estes sistemas que acabamos de describir se poden considerar como realismos novos precisamente porque se trata de esforzos que intentan atopar solucións novas ao problema da determinación das condicións do coñecemento, pois parten da maneira en que o real determina o pensamento e non tanto da maneira en que o suxeito determina o real.

A cuestión da xénese do transcendental é, daquela, o problema cuxa formulación continúa a ser esencial se se quere producir unha aproximación filosófica nova á cuestión vella do coñecemento do real. Para Anna Longo, “unha filosofía que sexa capaz de responder, de dialogar ou, ao cabo, de rexeitar os sucesos evidentes da ciencia e as súas pretensións recentes de explicación das condicións do pensamento e do coñecemento” deber ser “unha filosofía que, ao se esforzar en criticar os logros do criticismo, tamén se esforce en non recaer no dogmatismo que caracteriza a metafísica clásica”.