A colección Casabranca chega ao seu sétimo título coa publicación de Filosofía da individuación, primeiro libro de Miguel Penas. Coñecido entre os lectores de euseino.org desde a publicación en 2015 do seu ensaio “Indagacións sobre a produción do real: obxectos, procesos e relacións”, o filósofo da Coruña achéganos agora unha obra fundamental para introducirse nas novas correntes do pensamento, nas que ciencia e filosofía se combinan, enriquecen e complementan para facernos comprender máis axeitadamente a realidade.
A termodinámica do non-equilibrio, as estruturas disipativas físico-químicas, os individuos físicos —un cristal, por exemplo— e o pampsiquismo serven ao autor para botar luz sobre os modos de inventividade da materia, sobre a inesgotable capacidade coa que dá lugar a todo tipo de realidades, vivas e inertes, humanas e non humanas, conscientes e inconscientes. O proceso de individuación como unha relación entre elementos heteroxéneos no que xa non hai un interior dotado de identidade e un exterior que introduce accidentes nel. O individuo é relación: a planta como lugar de comunicación entre o sol e as sales minerais do chan.
Algúns dos temas arredor dos que se artella o libro de Penas son o real como proceso e como produto e o problema da relación entre a materia e a vida, ademais do realismo construtivista e a relación como orixe e ser dos individuos. O autor dedícalle un capítulo final, especialmente novidoso no horizonte intelectual galego, á cuestión do pampsiquismo: os afectos, o pensamento e o sentir da materia.
Cunha gran capacidade de síntese e de exposición da argumentación, Filosofía da individuación é unha achega fundamental e anovadora no pensamento galego actual. Unha reflexión sobre a realidade, as relacións e os individuos que ha suscitar e satisfacer a curiosidade intelectual de quen percorra as súas páxinas. O pensamento galego na primeira liña da filosofía internacional.
Consiga o seu exemplar:
Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)