Urbanomic anuncia a edición de Meillassoux publicada por Euseino?

A editorial Urbanomic, que publica a obra de Quentin Meillassoux en inglés, anuncia na súa Web a edición galega de Un Coup de dés, ou a divinización materialista da hipótese realizada recentemente por Euseino? Editores. Ubicada en Falmouth (Gran Bretaña), Urbanomic propón no seu catálogo unha reformulación da relación entre filosofía, ciencia e arte. Desde 2006, publica Collapse: Journal of Philosophical Research and Development, que presenta obras e entrevistas en profundidade con artistas e filósofos contemporáneos. A edición inglesa do ensaio de Meillassoux foi realizada en 2015 por Robin Mackay para o volume VIII, “Casino Real”, da antedita revista.

Velaquí a ligazón ao post:

Meillassoux in Galician

Capturas de pantalla do sitio Web de Urbanomic realizadas o 18-X-2017.

 

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

Publícase o ensaio de Quentin Meillassoux sobre Mallarmé

En acceso aberto e dous formatos —PDF e libro electrónico— Euseino? Editores publica Un Coup de dés, ou a divinización materialista da hipótese, de Quentin Meillassoux, libro no que se recolle unha conferencia pronunciada polo autor de Tempo sen devir o día 6 de maio de 2012 na Miguel Abreu Gallery de Nova York.

O poema de Stéphane Mallarmé “Un Coup de dés jamais n’abolira le hasard” constitúe se cadra a ruptura máis radical na historia da poesía moderna. O libro de Meillassoux proponse resolver o enigma deste poema inaugural, que intenta refundar unha poesía capaz de unir o verso libre radicalizado e o verso medido renovado. ¿Cal  é o senso do número oculto no que repousa o conxunto do poema? Mallarmé agachou ese Número baixo un código secreto introducido en “Un Coup de dés” como a chave que abre o dispositivo da Poesía Moderna.

Estudo literario minucioso, investigación ateigada de intriga e, finalmente, tamén hipótese filosófica que ha cambiar a nosa concepción da literatura e do mundo, este ensaio de Quentin Meillassoux expón dunha maneira sintética e accesible o obxectivo do seu proxecto teórico: “Un Coup de dés” como o meirande poema consagrado ao Azar eterno e ao papel do ser humano —e especificamente do poeta, no caso de Mallarmé— fronte a ese absoluto sombrizo no que se recoñecen os modernos. O que abraia na obra do poeta é que a súa relación cun Azar entendido como insuperable non o fai renunciar á esperanza do divino dunha forma completamente orixinal: cun xesto que é plenamente materialista pois o materialismo non é un ateísmo, “o materialismo non consiste en negar os deuses senón en materializalos”.

 

Acceda á descarga gratuíta na ligazón:

Un Coup de dés, por Quentin Meillassoux

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

A táboa do nada

Despois dos artigos sobre A posición nihilista: o nihilismo literario e Heidegger e a posición nihilista, cómpre situarnos nos múltiples sensos do nada. Emmanuel Kant alicerza neles a especificidade da súa filosofía crítica, que o afasta da tradición filosófica anterior, para perfeccionar a filosofía da correlación humano-mundo que continúa a dominar actualmente.

Débese a Kant a imposibilidade do coñecemento do real, isto é, do obxecto tal como é fóra das condicións de posibilidade que lle impón o suxeito (o espazo, o tempo, o entendemento). A imposibilidade de abstraerse desa finitude, leva a Kant a virarlle as costas ao real para atender o estudo das condicións que o suxeito impón a esa realidade. Presuponse así unha correlación entre dous termos —suxeito e mundo— no canto de afirmar a posibilidade dunha relación inmediata co real.

Dese xeito, péchase o “círculo correlacional” arredor do suxeito, que crea a representación e ten a experiencia, polo que o mundo —o que non é o nada, o que é algo— depende absolutamente da relación entre pensamento e obxecto, existindo este último en tanto que forma parte da antedita correlación.

Kant traza á perfección o argumento do círculo correlacional cando describe, na táboa do nada, os límites externos do correlato suxeito-obxecto. Trátase dunha descrición en negativo pois, ao describir nidiamente o nada, determina o seu oposto, o algo. Como afirma ao final da pasaxe que reproducimos máis abaixo, “a división paralela do algo vai de seu” en función do nada.

A primacía outorgada á correlación suxeito-obxecto ten por efecto arrecuncharnos no estudo das condicións polas cales o obxecto é dado á experiencia. A esfera antropolóxica convértese no centro de interese da modernidade, o que produce a sensación de enclaustramento, segundo a expresión de Quentin Meillassoux, no seo das condicións subxectivas de acceso á realidade. Velaí unha das causas fundamentais de aparición do nihilismo.

Para evitar esa caída no irracionalismo, a proposta de Meillassoux é amosar como acceder racionalmente ao mundo en si (vid. Tempo sen devir). Ao suxerir que a razón é impotente para chegar a coñecer a cousa en si, Kant fortaleceu indirectamente a idea de que só a fe está en condicións de facilitar ese acceso, de tal xeito que paulatinamente se vai recuperando a idea de que a piedade ten o dereito exclusivo de albiscar a verdade derradeira. En consecuencia, o correlacionismo de Kant acabaría paradoxalmente por exacerbar unha forma de irracionalismo —o nihilismo— e a súa consecuencia, o fideísmo.

En efecto, ata a aparición da crítica ao correlacionismo feita por Meillassoux, semellaba difícil falar dunha realidade independente do pensamento e da linguaxe. De aí que os efectos desta premisa correlacionista desen pé a unha forma sutil de idealismo que hoxe é practicamente ubicua. Desde a súa orixe, o correlacionismo, vencellado á filosofía crítica de Kant, rexeitaba a posibilidade de coñecer unha realidade nouménica independente do acceso humano ao mundo, polo que calquera posibilidade dun mundo independente da correlación humano-mundo se faría cada vez máis inconcibible. Esta tendencia da filosofía maniféstase de maneiras diversas, especialmente na súa preocupación pola morte e a finitude, nunha aversión á técnica, nunha focalización na linguaxe, a cultura e a subxectividade e nunha aquiescencia coas condicións históricas específicas.

O círculo correlacional trazado por Kant no interior da súa “táboa do nada” acabaría por abranguer dentro de si un sector amplo da filosofía moderna e contemporánea.

Como apunta Claude Romano nun artigo ao que tivemos acceso hai pouco,

Posta nun lugar estratéxico do edificio da Crítica da razón pura, no punto de paso da Analítica á Dialéctica transcendental, dunha rara densidade conceptual, a “táboa do nada” constitúe un dos sitios nos que a “revolución copernicana” de Kant atopa a súa expresión máis forte e rigorosa e no que a ruptura coa Schulmetaphysik aparece consumada.

En efecto, desde o punto de vista desa filosofía de novo tipo que é a filosofía transcendental de Kant, o termo “transcendental” xa non significa, en verbas do autor da Crítica da razón pura, “unha relación do noso coñecemento coas cousas senón soamente coa facultade cognoscitiva“.

Esta subordinación da distinción-principe algo-nada a unha teoría do obxecto en xeral sinala o paso da Ontoloxía á filosofía crítica. [Romano, op. cit., páx. 91]

Para Kant, o obxecto transcendental, isto é, o pensamento absolutamente indeterminado dalgunha cousa en xeral, vén ser “o obxecto dunha intuición en xeral, idéntico para todos os fenómenos”. Logo, tal como o interpreta o profesor Romano no seu artigo, o obxecto transcendental = X é anterior á distinción entre algo (como algo do determinado mediante as categorías) e nada. Precisamente, iso é o que, ao se diferenciar do noúmeno e dun dos sensos do nada (o ens rationis), designa “o correlato da unidade da apercepción”, unidade mediante a cal —segundo Kant— o intelecto unifica o diverso nun concepto de obxecto. A ese correlato correspóndelle unha tese sobre o nada que o considera (quer por falta da intuición, polo tanto do obxecto, quer por falta do concepto) un límite da nosa actividade de coñecemento.

A cuestión do nada en Kant aparece así estreitamente vencellada a aquela da natureza finita do noso poder (humano) de coñecer […]. [Vid. Romano, páxs. 91-92]

Segundo Romano, todo o que está en xogo na reforma crítica converxe nesas páxinas de Kant, que publicamos de seguido.

 

 

♦

Antes de abandonar a analítica dos conceptos de reflexión, aínda cómpre engadir algo que, sen ter de seu unha importancia extraordinaria, podería así e todo parecer necesario para completar o sistema. O concepto máis elevado polo que se adoita comezar unha filosofía transcendental é a división entre posible e imposible. Mais, como toda división, supón un concepto que hai que dividir, polo tanto cómpre que un concepto máis elevado sexa dado e ese concepto é o dun obxecto en xeral (collido dun xeito problemático, abstracción feita da cuestión de saber se é algo ou non).

Xa que as categorías son os únicos conceptos que se relacionan cos obxectos en xeral, a distinción dun obxecto no que se refire á cuestión de saber se é algo ou nada ha seguir a orde e a dirección das categorías.

1º Aos conceptos de todo, de varios e dun oponse o que suprime todo, é dicir, o de ningún, e así o obxecto dun concepto ao que non corresponde ningunha intuición que se poida sinalar é = nada, é dicir, que se trata dun concepto sen obxecto, coma os noúmena, que non se poden colocar entre as posibilidades malia que, para iso, non os haxa que considerar imposibles ou, coma algunhas forzas novas que concibimos, é certo, sen contradición mais sen un exemplo collido da experiencia e que, por conseguinte, non se poden colocar entre as posibilidades (ens rationis).

2º A realidade é algo, a negación non é nada; en efecto, é o concepto da falta dun obxecto, coma a sombra, o frío (nihil privativum).

3º A simple forma da intuición, sen substancia, non é un obxecto en si senón a condición puramente formal dese obxecto (como fenómeno), coma o espazo puro e o tempo puro, que verdadeiramente son algo como formas de intuición mais que elas mesmas non son obxectos de intuición (ens imaginarium).

4º O obxecto dun concepto que se contradí a si mesmo é nada porque o concepto nada é o imposible; tal, por exemplo, unha figura rectilínea de dous lados (nihil negativum).

O cadro desta división do concepto do nada deberíase trazar, daquela, así (pois a división paralela do algo vai de seu):

Vese que o ser de razón (nº 1) se distingue do non-ser en que, sendo unha ficción pura (aínda que non contraditoria), non se pode colocar entre as imposibilidades mentres que o segundo se opón á posibilidade ao destruírse o concepto por si mesmo. Mais todos dous son conceptos baleiros. Pola contra, o nihil privativum (n° 2) e o ens imaginarium (n° 3) son os data baleiros para os conceptos. Cando a luz non é dada aos sentidos, non se pode representar a escuridade; e cando non se perciben seres extensos, non se pode representar o espazo. A negación, o mesmo ca a simple forma da intuición, sen un real, non son obxectos.

 

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSaveSaveSave

SaveSave

SaveSave

Poesía e infancia

Non hai poesía infantil senón que a poesía é infantil de seu.

1) A poesía é un regreso á linguaxe inicial na que se volve aprehender o mundo desde o suxeito que se crea outra vez a si mesmo, agora libremente, por escolla, afiliativamente. Esa é a función da arte moderna como produción de subxectividade.

Nada que ver co resultado da infancia como etapa formativa para lograr o suxeito. Pola contra, o resultado da poesía deberá ser un suxeito non logrado, sen acabar; a proposta deleuziana é a dun suxeito-poeta que devén constantemente noutros devires. O poeta devén infans porque esa é a posición de menor determinación do ser humano, a da meirande liberdade. Mais devén por vontade propia, in potentia.

2) Lémbrese que infans é aquel que non fala. Cara a esa indisposición é cara a onde nos dirixe a apelación de Gilles Deleuze cando afirma que a literatura é aprender a tatexar.

A poesía moderna non é máis ca un afastarse da linguaxe, un aprender a tatexar para achegarse á infancia, ou, como diría Deleuze, para devir nena, ou neno. Devir infans para perder a linguaxe do consensus e poder aprender outra, a do disenso, que non a da diferenza, engadimos pola nosa banda.

 

O desvío materialista

Interésanos esta posición porque se retrotrae aos alicerces da correlación, ao punto no que nós queremos introducir unha desviación, velaquí o desvío que propoñemos:

a) Os pensamentos son relacións; ao se establecer unha relación entre dous elementos, entre dous obxectos, aparece o pensar. Os obxectos pensan. Para pensar non é necesaria a representación, non son necesarias intuicións, ideas nin conceptos. As intuicións, as ideas e os conceptos son unha das formas do pensamento entre seres humanos, son representacións propias da correlación suxeito-mundo, son obxectos retóricos que tamén establecen relacións entre si.

b) Unha relación estética, unha sensación, pode orixinar un pensamento xa que a sensación é un tipo de relación entre un obxecto e o obxecto intencional doutro obxecto diferente. Unha percepción.

c) Unha relación cinética tamén orixina unha forma de pensar, do mesmo xeito que o fai unha relación no espazo. Lentitude e rapidez, arriba e abaixo. Mais, para ser pensamentos, esas relacións non precisan dos conceptos, das representacións das ideas. A relación no espazo existe e, polo tanto, ten senso, desde o mesmo momento en que se establece entre dous obxectos, desque aparece nun campo de senso obxectual no que esa relación é significativa.

 

Fóra da correlación

O noso intento é o de escapar da correlación humano-mundo para situar o pensamento alén das formas a priori kantianas. Un pensamento non soamente humano, sen dependencia do suxeito, resultado das relacións entre obxectos. Iso que Deleuze albiscou baixo a metáfora “a infancia do mundo “.

A posición deleuziana non se trata dunha oposición entre idiolecto e heteroglosia senón da situación libre do suxeito representada cunha linguaxe inapropiada, unha linguaxe da que ninguén aínda se apropiou.

De aí que o mito moderno sexa o Kaspar Hauser, o home que non sabe falar. Contra as formas a priori da sensibilidade e do entendemento, trátase de impoñer a inmanencia do suxeito ampliando e consagrando a correlación mundo-pensamento coma se dun absoluto se tratase.

Dese xeito, a poesía convértese na maior arma do subxectalismo, ou exacerbación da correlación suxeito-mundo. Así e todo, contrariamente ao postulado por Deleuze, non todo o senso é producido pola devandita correlación.

Pola contra, na nosa posición, a do materialismo especulativo, o suxeito é un obxecto máis no mundo, ou nos mundos se ampliamos esta idea coa noción de transfinito: o suxeito-poeta é o que representa na linguaxe as posibilidades transfinitas do Caos. Esa efectuación do Caos non ten por que ser forzosamente asignificativa, todo o contrario, o disenso dos mundos represéntase a através do suxeito-poeta como senso, dá senso a ese tempo sen devir entre mundos non coincidentes mais tampouco non completamente diferentes. Coma no transfinito, cada conxunto, ou mundo, ten elementos comúns aos outros mundos mais eses elementos adquiren en cada mundo un significado diferente. A diferenza vén dada polo tipo de relación que se establece entre os obxectos ou elementos de cada conxunto e destes cos dos outros conxuntos, ou mundos; relación modificada pola presenza do elemento ou elementos que non son comúns entre eles e que son os que dan significatividade propia a cada conxunto, xa que sen eles todos os conxuntos serían o mesmo.

A continxencia é a que desenvolve un conxunto transfinito (non totalizable) de mundos virtuais e non contraditorios que se actualizan sen razón, logo a continxencia non ten un número limitado de resultados. Esa continxencia absoluta é a incondicionada (transfinita) condición de existencia de todo conxunto de posibilidades, é dicir, de todo mundo virtual cuxa posible transformación está determinada por un conxunto de leis non necesarias. Así, o pensamento actualizarase nun mundo particular, o mundo no que nós temos a experiencia, e as condicións do coñecemento científico son eses pensamentos que, sen razón, teñen a capacidade racional de describir matematicamente as leis determinantes dos posibles do noso mundo. Non embargantes, a razón é capaz de describir matematicamente non só a realidade do mundo no que ela se actualiza senón que tamén é capaz de apreixar as condicións nas que esa capacidade se desenvolve, i. e., o conxunto non totalizable dos feitos virtuais aos que Quentin Meillassoux chama Hipercaos.

Por exemplo, a fórmula do conxunto dos números ordinais infinitos é:

n ⊆ n⋃{n} = (n+1)

Onde se denota 0 o conxunto baleiro:

0 = {} = ∅

Denótase 1 o conxunto que só contén 0:

1 = {0} = {∅}

logo denótase 2 o conxunto que só contén 0 e 1:

2 = {0,1} = {0,{0}} = {∅,{∅}}

e así sucesivamente:

3 = {0,1,2} = {∅,{∅},{∅,{∅}}}, (n+1) = n⋃{n}

Mais, no canto de formular o transfinito como unha hipótese matemática, se cadra cómpre pensalo como unha condición expresa do ser continxente: “Trataríase de establecer que os posibles dos que o Caos —que é o único en-si— é efectivamente capaz non se deixan medir por ningún número, finito ou infinito, e que esa sobre-inmensidade do virtual caótico é o que permite a estabilidade impecable dun mundo visible” (Quentin Meillassoux, Après la finitude. Essai sur la nécessité de la contingence, Paris, Le Seuil, (2006) 2012, p. 164-165).

Esa é a infancia do mundo.