Liberdade e modulación en Johann Sebastian Bach

Na biografía de Johann Sebastian Bach escrita por Forkel atopamos unhas páxinas dedicadas á modulación musical que nos parecen especialmente salientables. Para o que aquí nos vai interesar, a importancia da obra musical de Bach está fundamentalmente asociada ás súas pezas da camera, singularmente ás escritas para clavicémbalo. Trátase de obras concibidas para a interpretación no ámbito privado, é dicir, pezas compostas para a súa execución polo suxeito, que se instaura tamén como o seu case exclusivo receptor. Igual ten que, neste caso, a recepción sexa ampliable ao resto dos membros da institución familiar, ou mesmo aos próximos a ela. Tanto como “exercicios” (Clave ben temperado) coma en calidade de divertimento (Suites), a concepción destas pezas está vencellada directamente cun tipo de interpretación e de recepción alicerzada no suxeito, na súa relación coa legalidade musical e na súa percepción da música como obra de arte que é decodificada —ao estender a concepción relixiosa luterana á estética— baixo a responsabilidade única do propio suxeito.

Dese xeito imos constatar que a música sería precursora das outras artes na súa función de representación do suxeito como resultado da súa relación coa legalidade (estética, musical) en tanto que lexitimada pola liberdade. Non é preciso aducir argumentacións referidas á obra de Max Weber para lembrar o papel fundamental da Reforma protestante nese proceso cara á Idade Moderna, coidamos que patente no caso de Bach.

Guidonian_hand

A man guidoniana utilizouse en música medieval para axudar os cantantes a ler a primeira vista. Guido D’Arezzo, teórico musical medieval, autor de varios tratados sobre teoría da música, puido empregala, de aí o nome.

Polo tanto, tendo en conta estas ideas previamente expostas, damos de seguido unha tradución das devanditas pasaxes do libro de Johann Nikolaus Forkel, publicado en 1802, despois do máis de medio século que a memoria da obra de Bach tivo que agardar para ser recuperada. De feito, a súa monografía non é soamente unha biografía senón tamén un ensaio sobre Bach como intérprete, ensinante e compositor; ensaio baseado nas súas obras para órgano e clavicémbalo, coas que Forkel estaba familiarizado. Velaquí os pasos relacionados coa cuestión que nos interesa:

“A modulación [En harmonía tonal, unha modulación designa un cambio de tonalidade sen interrupción do discurso musical; a modulación pode estar acompañada dun cambio de modo mais non necesariamente.] en Bach era algo característico e orixinal da súa harmonía, coa que a modulación estaba relacionada estreitamente. Mais as dúas cousas, malia estaren estreitamente asociadas, non son idénticas. Por harmonía entendemos a concordancia entre varias partes; por modulación, a súa progresión a través de claves diferentes. A modulación pódese realizar só nunha parte. A harmonia require máis dunha. Vou tentar clarexar o significado de ambas.

Os máis dos compositores mantéñense próximos á tónica e, así e todo, modulan fóra dela con deliberación. En música iso require un número grande de intérpretes e un edificio, por exemplo unha igrexa, onde o gran volume de son vaia esmorecendo paseniñamente na distancia; ese hábito demostra o acertado que está o compositor que pretende que a súa obra produza o mellor efecto posible. Mais na música instrumental ou de cámara iso mesmo non sempre é proba de sabedoría senón máis ben de probreza de intelixencia. Bach viu claramente que eses dous estilos esixían tratamentos diferentes. Nas súas abondosas composicións corais controla a súa imaxinación exhuberante. Nas súas obras instrumentais déixase ir. O mesmo que nunca busca a popularidade, senón que persegue o seu ideal, Bach tampouco ten razón ningunha para coutar a nobreza da súa inspiración nin para rebaixar o seu modelo adaptándoo ao consumo público. Endexamais fai cousa á maneira. Por conseguinte, cada modulación na súa obra instrumental é un pensamento novo, unha creación constantemente progresiva no que atingue as claves escollidas e as relacionadas con elas. Apreixa rapidamente as esencias da harmonía mais con cada modulación introduce unha suxestión nova para ir esvarando suavemente cara á fin da peza sen que o renxer da maquinaria sexa perceptible; malia non ser un compás simple —case podo dicir que tampouco parte dun compás— é coma se fose outro máis. Cada modulación baséase nunha relación estrita coa clave da que procede e da que abrolla de maneira natural. Bach ignora, ou máis ben despreza, as ofensivas repentinas coas que moitos compositores buscan sorprender os seus oíntes. Mesmo nas súas pasaxes cromáticas as progresións son tan suaves e doadas que é difícil ser consciente delas, por moi extremadas que poidan ser. Fainos sentir que endexamais sae fóra da escala diatónica, xa que é rápido tanto para apropiarse das consonancias comúns coma dos sistemas disonantes e combinalos cunha finalidade ben definida.” [Johann Sebastian Bach. His Life, Art and Work, páxs. 78-79]

Unha páxina antes desta pasaxe, ao tratar da harmonía, Forkel fala da “transgresión das regras admitidas” que caracteriza a obra de Bach:

“Outras veces, trátase da regra pola que cada nota elevada por unha alteración [As “alteracións” ou “accidentes”, en música, remiten en primeiro lugar á modificación da altura inicial dunha nota, noutras palabras, ao feito de facer esa nota máis grave ou máis aguda polas razóns que sexan: modulación, transposición, ornamentación, …] non se pode duplicar no acorde xa que a nota elevada se debe resolver, pola súa natureza, na nota inferior. Se se duplicase, deberíase elevar en ambas as partes e, consecuentemente, formar oitavas consecutivas. Esa é a regra. Mais Bach duplica non soamente notas alteradas en calquera parte da escala senón, de feito, o propio semitonium modi ou sensible. Aínda que evita as oitavas consecutivas. As súas obras máis logradas son exemplos disto.” [ibid. páx. 77]

Mesmo nun compositor como Bach, nidiamente integrado na sociedade do seu tempo e cunha obra cuns obxectivos que facilmente se poden identificar co servizo á comunidade relixiosa, tal como Hans Blumenberg amosa no seu libro sobre A paixón segundo San Mateo, o pulo da arte como produción de subxectividade comeza a causar efectos que posteriormente, no período moderno, han adquirir significado e funcionalidade plena. Cómpre non esquecer que Forkel escribe o seu libro sobre Bach en 1802, no comezo do esplendor da Era napoleónica, sendo coetáneo de Goethe, Hegel e Stendhal.

Esa idea de liberdade, que na obra para teclado de Bach abrolla anticipadamente como “un pensamento novo, unha creación constantemente progresiva” que non ten necesidade de “adaptarse ao consumo público”, tal como acabamos de ver na análise de Forkel, hase consolidar posteriormente como consecuencia da irrupción do suxeito como parte fundamental do pacto social moderno e do conseguinte pacto epistémico, ou lóxica transcendental, necesario segundo Kant para a funcionalidade dos conceptos. Mais ese pulo de liberdade do suxeito sería antitético tanto respecto do pacto social coma respecto da fixación de conceptos se na súa realización, quer política quer epistemolóxica, non se introducise o que Hegel denominou Aufhebung. O mesmo acontecería respecto das regras da arte: Bach é libre ao compoñer porque leva a cabo “máis unha ampliación ca unha violación das regras recoñecidas” [ibid. páxs. 77-78].

En Hegel, Aufheben é, esencialmente, “suprimir”, sendo o resultado da supresión ou negación non un puro nada senón un nada determinado polo ser negado, posuíndo daquela en si un aquel positivo. A identidade da conservación e da supresión fai que, polo tanto, conservar algo sexa, ao preservalo da corrupción, suprimilo en suprimíndose, poñelo na posición de negar a súa negación, pois a Aufhebung designa máis ben a negación como pro-posición, a supresión como aquilo que conserva.

Segundo a nosa interpretación, que intenta achegarse ao que podería ser unha primeira formulación dunha ontoloxía modal, a Aufhebung hegeliá traballaría como unha modalización ou modulación —semellante á modulación musical— desa episteme na súa especificidade subxectiva e tamén na colectiva ou social. A episteme social, como dispositivo de protección e afirmación do ser humano no mundo, trasladaría a episteme racional (o correlato humano-mundo) á pólis mediante a representación como xeito de acceso dos suxeitos aos discursos de saber e poder que constitúen toda comunidade. O elemento primordial dese pacto epistémico, en paralelo ao denominado por Blumenberg consensus retórico, sería o suxeito cartesiano do cogito ergo sum ampliado na mesma episteme racional que o constitúe, agora xa non como categoría fixada, como arkhé, senón como modalización ou Aufhebung que cambia sen suprimir, isto é, como dispositivo de modulación do humano na súa correlación co mundo e do mundano na súa correlación coa humanidade.

Este xeito noso de interpretar a irrupción dunha ontoloxía modal relacionándoa co papel central do suxeito na Idade Moderna difire notablemente da ontoloxía modal postulada, por exemplo, por Giorgio Agamben, quen afirma que

“[…] é necesario substituír a ontoloxía da substancia por unha ontoloxía do como, do modo ou da modalidade. O problema decisivo xa non é «que cousa» son senón «como» son o que son. Nese senso, cómpre radicalizar a tese spinoziana segundo a cal só hai o ser (a substancia) e os seus modos ou modificacións. A substancia non é algo que preceda os modos e que exista independentemente deles. O ser non é máis ca os seus modos, a substancia non é máis ca as súas modificacións, o seu «como» (o seu quo-modo). A ontoloxía modal permite ir alén da diferenza ontolóxica que dominou a concepción occidental do ser. Entre ser e modos, a relación non é de identidade nin de diferenza, porque o modo é simultaneamente idéntico e diverso —ou, máis ben, implica a coincidencia, isto é, o caer xuntos, dos dous termos.” [“Elementos para unha teoría da potencia destituínte“, páxs. 40-41]

Así e todo, cómpre apuntar que a concepción da ontoloxía modal moderna que aquí comezamos a esbozar incluiría a ontoloxía modal agambiana precisamente como unha das manifestacións da irrupción do suxeito na modernidade; o que Agamben sitúa na “política que vén” nos situámolo no presente histórico moderno, pois, ese “caer xuntos dos dous termos”, ¿non é, ao cabo, unha manifestación da Aufhebung hegeliana?

De aí que nos pareza clarificador atopar na biografía de Johann Sebastian Bach escrita por Forkel esas páxinas dedicadas, precisamente, á modulación e á liberdade en música.


Bibliografía

Giorgio Agamben, “Elementos para unha teoría da potencia destituínte“, Anotacións sobre literatura e filosofía [en liña], nº 4, marzo de 2014, Euseino? Editores.

Hans Blumenberg, La Passion selon saint Matthieu, París: L’Arche, 1996.

Bernard Bourgeois, Le vocabulaire de Georg Wilhem Friedrich Hegel, París: Ellipses, 2000.

Johann Nikolaus Forkel, Johann Sebastian Bach. His Life, Art and Work, con notas, apéndices e tradución de Charles Sandford Terry, Londres: Constable and Company Ltd., 1920.

Anna Longo: sobre os realismos novos e as condicións do pensamento

Recentemente, Anna Longo publicaba na súa páxina de academia.edu o texto co que iniciou o debate no Coloquio “Realismos novos”, celebrado na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París en decembro pasado. Neste blogue demos noticia da celebración dese coloquio (véxase nesta ligazón ) mais agora interésanos a reflexion de Anna Longo en concreto. A autora de “Continxencia e liberdade” é quen de expoñer, nun texto sintético e sumamente esclarecedor, un problema que é fundamental cando se trata de elaborar unha achega realista nova: estamos a falar da cuestión da xénese do transcendental, é dicir, das condicións do pensamento e do coñecemento.

“Se hai un realismo novo, a novidade non atingue, de feito, á redescuberta da existencia da realidade, cousa que nunca negou ninguén, senón á redefinición das súas propiedades a fin de xustificar a posibilidade de coñecer esa realidade.”

1431967710555a17de0c162

Así, o grao de realismo dos sistemas de pensamento non ten que ver cos límites que estes lle apoñen á capacidade do intelecto de acceder á realidade última, ao que é en si, senón coas condicións do pensamento e coa maneira na que esas condicións se producen. Esta cuestión xa caracterizaba o idealismo alemán, que a solucionou ao considerar o real como un proceso durante o cal se producen as condicións de comprensión do proceso mesmo. Así e todo, segundo o idealismo, ese proceso iniciábase a partir da maneira na que o suxeito se postulaba a si mesmo e, como consecuencia dese acto, postulaba o seu obxecto, é dicir, facendo do obxecto aquilo que está condicionado polo suxeito.

Mais é obvio que esta concepción non é compatible co coñecemento científico, para o cal é esencial que o obxecto se considere independente do suxeito. Polo tanto, a cuestión filosófica principal consiste en determinar como debe ser o real para permitir o coñecemento das súas producións, tendo en conta que preceden o pensamento e que, daquela, non se poden definir como aquilo que postula o suxeito. Segundo Anna Longo, é a relación con esta cuestión filósofica a que caracteriza os realismos novos. Dependendo da maneira en que se obteñen solucións á cuestión esencial das condicións do pensamento, pódense distinguir diferentes tipos de realismos novos:

1) A solución de Quentin Meillassoux consiste en demostrar que é a absoluta continxencia do real o que explica, por unha banda, a posibilidade de dar unha descrición matemática dos feitos, é dicir, unha descrición independente das calidades secundarias que só existen para un suxeito e, por outra banda, a continxencia explica tamén por que se poden considerar a natureza e o pensamento como completamente exteriores un con respecto do outro; de feito, se a natureza fose xa pensamento ou se o pensamento fose xa natureza, volveríase caer no idealismo, isto é, na concepción que considera que o obxecto é postulado polo suxeito.

“Por iso, para Meillassoux, as condicións do pensamento non residen no inorgánico, na legalidade da natureza, senón que son o resultado dunha actualización independente: o pensamento é un feito cuxa condición única é a posibilidade de que as leis da natureza cambien sen razón.”

2) Para intentar comprender como o pensamento e os obxectos están determinados polo real, Ray Brassier —outro dos filósofos do realismo especulativo— sostén que a razón non é un instrumento ao servizo dos intereses da vida, que a razón non atopa as súas condicións nas necesidades do vivente que debería satisfacer senón na completa indiferenza do obxecto con respecto á existencia do suxeito. De aí que as condicións do coñecemento obxectivo veñan dadas pola completa falta de senso, de valor e de significación dun real que só se pode definir “sendo nada”.

Polo tanto, estas dúas maneiras de enfrontarse á cuestión da xénese do transcendental implican a exclusión da continuidade entre as producións da natureza e as producións do pensamento, é dicir, que non se pode considerar o pensamento como un produto natural ou como unha propiedade compartida —quer en diferentes graos quer en potencia— pola totalidade do existente.

A este xeito de concibir as condicións do pensamento opóñense outras concepcións que se esforzan en xustificar unha continuidade entre o pensamento e a natureza, entre o pensamento e as cousas, ao postular que son estas últimas as que condicionan a maneira de pensar:

3) Nesa liña, Iain Hamilton Grant amosa como, contrariamente aos demais idealistas da súa época, Schelling intentou explicar a xénese das condicións do pensamento como un efecto da potencia do devir natural ao demostrar que o obxecto determina unha razón que, malia todo, non é quen de adecuarse completamente á totalidade do proceso.

4) Outro xeito completamente orixinal de enfrontarse á cuestión é, segundo apunta Anna Longo, o da filosofía de Graham Harman, quen sostén que as condicións do pensamento non se poden buscar na especificidade do suxeito humano senón na maneira en que cada obxecto se fai sensible para cada un dos outros obxectos sen chegar a desvelarse completamente.

A conclusión á que chega Anna Longo é que estes sistemas que acabamos de describir se poden considerar como realismos novos precisamente porque se trata de esforzos que intentan atopar solucións novas ao problema da determinación das condicións do coñecemento, pois parten da maneira en que o real determina o pensamento e non tanto da maneira en que o suxeito determina o real.

A cuestión da xénese do transcendental é, daquela, o problema cuxa formulación continúa a ser esencial se se quere producir unha aproximación filosófica nova á cuestión vella do coñecemento do real. Para Anna Longo, “unha filosofía que sexa capaz de responder, de dialogar ou, ao cabo, de rexeitar os sucesos evidentes da ciencia e as súas pretensións recentes de explicación das condicións do pensamento e do coñecemento” deber ser “unha filosofía que, ao se esforzar en criticar os logros do criticismo, tamén se esforce en non recaer no dogmatismo que caracteriza a metafísica clásica”.

A novela, xénero literario moderno

A novela, en literatura, xunto coa forma sonata, en música, son as únicas formas artísticas propias da Idade Moderna. Da primeira delas ímonos ocupar aquí, á segunda dedicarémoslle outro artigo máis adiante.

Nun libro recente, Fredric Jameson sinalaba a tendencia a identificar a novela co realismo, de tal xeito que se adoita considerar que “a historia da novela inevitablemente é a historia da novela realista”, igual que se adoita invocar un estadio preliminar da Ilustración e da secularización como precedente dun período de realismo. Polo que, efectivamente, a “novelización” se considera en si mesma un sinal, se cadra fundamental, e un síntoma da modernidade.

Shield_of_Achilles

É obvio que, na novela, realismo é sinónimo de mímese, e esta última definiuna Erich Auerbach na obra que dedicou a estudala como unha unha conquista sintáctica. A historia da mímese, ou forma de representación da realidade na literatura, sería entón a historia da lenta apropiación de formas sintácticas capaces de apreixar conxuntamente niveis múltiples dunha realidade complexa e dunha vida cotiá secular, ou mundana. Segundo Auerbach, na literatura occidental os dous clímax desa tradición discursiva, dese consensus retórico baseado na mímese que acabaría por ser dominante na Idade Moderna, serían Dante e Zola.

O que non din nin Jameson nin Auerbach é que a mímese realista se trata verdadeiramente dunha imitación que ten orixe no acceso exclusivo ao mundo a través do suxeito, isto é, que xorde da correlación suxeito-mundo como legalidade única para a representación da realidade. Polo tanto, na novela-xénero, a cultura é unha variación sobre o suxeito como alicerce do pacto social moderno, como legalidade das formas a priori de representación kantianas, dos conceptos (vid. neste blogue “A novela-máquina: enerxía, operador e materia“). De aí que a novela sexa a única forma literaria que logra anular a distinción falsa entre cultura humanista, ou “alta cultura”, e “cultura de masas”, ou produto da industria cultural, xa que está alicerzada no suxeito en calidade de meeting point da retórica que logo se extrapola indefectiblemente como real.

Por outra banda, a importancia que Jameson lle outorga ao tempo como constitutivo fundamental da novela realista confirma o correlacionismo como condicionante da novela-xénero, xa que o tempo é unha medida da relación humano-mundo, non necesaria polo tanto e si continxente, pois Jameson está a falar do tempo histórico ou biográfico, non do tempo do mundo que é independente da existencia humana, do tempo sen devir do arquifósil.

É na Ilustración onde se produce a constatación da centralidade do correlato como forma de acceso ao mundo; tampouco non resulta casual que sexa nese período cando comezan a abrollar as obras que asocian a arte á noción de gusto, isto é, a unha nova acepción da estética como vehiculización exclusiva da percepción do mundo a través do suxeito.

Un dos autores nos que se constata esta modificación esencial, que vai situar a arte no centro do acceso ao mundo a través do suxeito, é Charles Louis de Secondat, barón de Montesquieu, quen escribirá a entrada “Gusto” da Encyclopédie, entrada coñecida posteriormente como obra exenta co título de Ensaio sobre o gusto (Euseino? Editores publicará esta obra proximamente na colección Rúa do Sol). Montesquieu, sempre atento aos desprazamentos dos usos sociais e á súa análise, tamén detecta a importancia do xénero literario da novela como novo discurso da representación do real, expresión da legalidade do consensus moderno.

As súas Lettres persanes (“Cartas persas”), publicadas en 1721, van ser unha das novelas cun suceso enorme na época, máis dunha trintena de edicións ata que en 1754 Montesquieu fai aparecer a edición definitiva. Precisamente é nesa edición na que o autor vai engadir un preámbulo, titulado “Quelques réflexions sur les Lettres Persanes”, no que elabora a que pode ser unha das primeiras descricións da novela-xénero como representación dominante da Idade Moderna. Traducimos deseguido algunhas pasaxes dese texto:

“O que máis gustou das cartas persas foi atopar nelas, sen o pensar, unha especie de novela. Percíbese o comezo, o progreso, a fin: os diversos personaxes están situados nunha cadea que os vencella. […]

Por outra banda, este tipo de novelas normalmente logran o seu obxectivo porque dan conta de situacións actuais; iso fai que as paixóns sexan máis vivas ca en calquera outro relato que se poida facer. Esa é unha das causas do suceso dalgunhas obras engaioladoras que apareceron despois das cartas persas [Segundo figura nun esbozo deste texto, Montesquieu refírese ás novelas Pamela, de Samuel Richardson, publicada en inglés en 1741 e que en Francia coñeceu un suceso grande na tradución do abade Prévost, e mais ás Lettres péruviennes, de Mme. de Graffigny, aparecidas en 1747. Cómpre lembrar que Denis Diderot publicaría un “Éloge de Richardson” en 1762, texto que traduciremos proximamente].

Ao cabo, nas novelas normais, as digresións só están permitidas cando forman por si mesmas unha novela nova. […] Mais, en forma de cartas, nas que os actores son forzosos e os suxeitos dos que tratan non dependen de deseño nin de plan xa trazado ningún, o autor dáse a avantaxe de poder engadir filosofía, política e moral a unha novela, e de vencellar todo cunha cadea secreta e, dalgún xeito, descoñecida.”

Preguntarse por esa “cadea secreta” da que escribe Montesquieu é o mesmo que preguntarse polo papel do suxeito na elaboración da representación moderna da realidade. A famosa ékfrase que fai Homero na Ilíada (libro 18, versos 478–608) pódese interpretar como a descrición do mundo, mundo que cabe na súa totalidade no escudo de Aquiles, precisamente nunha representación feita nun obxecto que ten como finalidade a protección do suxeito.

Bibliografía

Auerbach, Erich, Mímesis (La representación de la realidad en la literatura occidental), Madrid: Fondo de Cultura Económica, 1983.

Jameson, Fredric, The Antinomies of Realism, Londres, Nova York: Verso, 2015.

Montesquieu, Lettres persanes, edición fixada e presentada por Jean Starobinski, París: Éditions Gallimard, col. Folio, 1985.