O acceso das mulleres á cultura – Linda Timmermans e a súa “opera magna”

A relación entre as mulleres e a cultura é unha das cuestións fundamentais da Idade Moderna, xa que do acceso das mulleres á vida intelectual e ao saber depende o seu proceso de emancipación. No ano 1991, a investigadora Linda Timmermans (1960-1995) escribe unha tese de doutoramento que logo daría lugar á publicación do libro L’accès des femmes à la culture sous l’ancien Régime (“O acceso das mulleres á cultura baixo o Antigo Réxime”), unha obra magna pola súa extensión e pola enorme capacidade da investigadora para documentar unha historia ata ese momento practicamente ignorada, o que a converte no alicerce indispensable para comprender a posición das mulleres na sociedade moderna.

Ao longo de case mil páxinas de letra miúda, Linda Timmermans expón unha serie de cuestións centrais: o problema do saber das mulleres, a súa conquista do estatuto de autoras, os debates sobre a escritura feminina, a visión dos contemporáneos sobre a influencia literaria das mulleres, a rehabilitación das escritoras denominadas “précieuses” durante o século XVII e decote vistas dun xeito pexorativo, como fai Molière na súa obra Les précieuses ridicules, ou o papel indispensable das lectoras e das escritoras no triunfo de xéneros literarios modernos, coma a novela, fronte á preceptiva ríxida do clasicismo. Referidos fundamentalmente ao século XVII, aínda que a súa investigación tamén fai un balance do estado da cuestión durante a Idade Media e o Renacemento, a autora amosa como todos estes debates, que sacoden a sociedade do Antigo Réxime, han acabar por ter consecuencias fundamentais para a historia da emancipación das mulleres durante a Idade Moderna.

Thomas_P._Anshutz_-_Woman_writting_on_a_table

Segundo Timmermans, na Idade Media non existiu un debate real sobre o acceso das mulleres á cultura, xa que as mulleres son percibidas sobre todo desde o punto de vista dos costumes e da moral. Ata o Renacemento, coa aparición de movementos coma o humanismo e a reforma protestante, non se rexistran cambios; durante esa época, os defensores das mulleres, denominados “campións das mulleres”, comezan a estimular o debate que daría lugar a un xénero literario: o discurso sobre a superioridade das mulleres, con obras coma De claris mulieribus, na que Giovanni Boccaccio fai unha escolma de vidas e de loas de mulleres ilustres. Cómpre mencionar tamén figuras inconcibibles antes do Renacemento coma a de Christine de Pizan e a súa Cidade das mulleres, escrita en resposta á obra do Boccaccio.

Por outra banda, á marxe da cultura profana e no ámbito da cultura relixiosa, cómpre salientar a esixencia da reforma protestante de que as mulleres poidan ler a Biblia en “lingua vulgar”. O humanismo e o retorno aos textos sagrados do cristianismo, posible xa daquela mesmo para a masa de fieis, centran o interese dos humanistas e dos reformadores na instrución das mulleres debido tamén á revalorización do matrimonio e á concepción do amor propia do platonismo dominante na época. Así e todo, o acceso das mulleres á cultura queda limitado á cultura relixiosa, demostrándose o apoucadas que eran as propostas dos humanistas, que, a pesar diso, non lograrían deter os progresos da cultura profana das mulleres, progresos incontestables malia atinguiren soamente as elites.

“Semella, con todo, que a necesidade intelectual das mulleres foi primeiro [ca o movemento en favor da instrución feminina] e que os humanistas e os reformadores responderon coa esperanza de a canalizar.” (L’accès des femmes à la culture sous l’ancien Régime, páx. 43)

Como precisa Timmermans, nin sequera os grandes defensores das mulleres conciben que a instrucción e as ciencias sexan o medio para conseguir a súa emancipación. De tal xeito que “o feminismo do século XVII segue a respectar a orde social” na que a separación dos sexos se considera necesaria.

Dentro destes límites marcados pola sociedade e a cultura do seu tempo e respectando a “necesaria” diferenciación de sexos, as mulleres interésanse pola cultura e poden acceder a ámbitos habitualmente reservados aos homes, entre eles, e singularmente, o ámbito da escritura e o da crítica literaria ou o do ensino doutrinal. Iso vai permitir que as mulleres comecen a facer ver a súa soberanía como suxeitos no caso da literatura, aínda que no caso do ensino, pola contra, sexa un sinal da súa inferioridade xerárquica. Precisamente, ao respectar esa diferenza entre os sexos, as mulleres atopan a maneira de participar nos debates da época.

Así acontece coa participación das autoras na denominada querelle des anciens et des modernes, na que a literatura moderna se enfronta ao clasicismo, tal como xa analizamos neste mesmo blogue no artigo “As primeiras autoras“.

Ao abeirar as prohibicións e introducirse nas fallas do sistema social, as mulleres conseguen que o seu papel na vida intelectual do século XVII sexa todo o contrario de nimio. Co seu inxente labor de investigación, Timmermans demostra que as mulleres, ao aproveitar a contrarreforma e mais o xansenismo no tocante ao ámbito da cultura relixiosa —pois o ensino feminino vaise desenvolver baixo o pulo da contrarreforma— e ao concentrar a súa actividade na que sería coñecida baixo o nome de “vida mundana” como medio de se achegar ao saber e ás artes no ámbito profano, logran acadar un lugar máis sobranceiro na vida cultural e nos debates do pensamento durante o Antigo Réxime.

“A muller sabia, a autora, a teóloga, a mística dirixida polo seu preceptor son figuras diferentes da donna indisciplinata que O. Niccoli estudou a través das gravuras populares: malia elas non loitaren literalmente pour la culotte, coma nas estampas, atribúense non embargantes as funcións masculinas e ilustran dese xeito o ‘mundo ao revés’, asunto que tivemos que evocar en relación coa escritura feminina, coa realidade mundana das mulleres nos salóns, co tipo da muller sabia, co apostolado das místicas, coa participación das mulleres nos debates teolóxicos, …” (Ibid., páx. 816)

Ao tratar no seu libro asuntos non investigados ou que case pasaron desapercibidos ata ese momento, Timmermans logra converter a súa obra nunha fonte de coñecementos e nunha reivindicación da historia das mulleres e do feminismo como parte esencial da historia e do pensamento da Idade Moderna.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s