Novo número de Anotacións sobre literatura e filosofía
No número 15 de Anotacións publicamos un ensaio, en forma de diálogo, escrito polo filósofo e editor Roberto Abuín. En Ogham, ou arredor da escrita, dous personaxes innominados, dúas voces que se alternan no pensar, dialogan sobre a escritura como técnica, sobre a súa significación, e sobre a relación da vida coa representación. Dialoxía e pensamento, oralidade e escrita, finitude e infinitude, o texto flúe nunha alternancia na que a forma platónica do diálogo filosófico se transforma en dialéctica, glosa e complementación, nun xeito novo de filosofar.
O diálogo establecido neste ensaio é un intento de achegarse —de tentear a relación— ao lugar neutral que xorde das dúas voces: non o que os dialogantes comparten senón o que circundan sen acabar de arrodear. O que entrega Roberto Abuín neste texto é a representación do límite tinguido, luxado, esluído, entre oralidade e escritura. Ambas as dúas, como representacións, intentan meter na bouza da linguaxe aquilo que non é propiamente dela: o corpo.
espazo limítrofe entre o ordenado e o desordenado, no limes inexacto [da] borrosa dialéctica intermedia [do] verídico e o falaz, o oculto e o manifesto… e talvez sexa aí, nese momento suspendido entre dúas realidades contrapostas, onde se vexa a ausencia de tal dualidade, inventada, construída…
Unha dialéctica que está presente ao longo de todo o traxecto histórico da metafísica continental. Así , a “realidade debería ser vista dun xeito tal que toda determinación estrita fose quebrantada, rota”, pois, de feito, un dos dialogantes chega a dicir que deberiamos, máis ca crear mundos perfectamente completos, ver en procesos técnicos coma a escrita algo que sería connatural a un todo inacabado.
Pregúntamonos se Abuín está a suxerir unha idea da representación como realidade, como un en-si, ou se nos quere guiar cara a algo que se podería albiscar mais non adoptar. A virtualidade deste ensaio é precisamente a súa capacidade de abrir o diálogo a outras voces, outros ámbitos, máis mundos nos cales lectores e lectoras envorquen os seus signos, os nosos signos, nun pensar acomún, de todos e de ninguén.
Publicación sen periodicidade fixa, en formato PDF, a Anotacións sobre literatura e filosofía pódese acceder de balde.
Para descargar gratuitamente o ensaio de Roberto Abuín en formato PDF, calque sobre a ligazón seguinte: