Unha adiviña feita de imaxes. Publícase “Lica”, de Beatriz Fraga

Álbum ilustrado que inicia a Serie Onocrótalo

Dispoñible xa a través da Internet, nos próximos días hase distribuír nas librerías o novo libro de Beatriz Fraga, un álbum ilustrado en cor e editado en tapa dura. A historia de Lica está contada empregando recursos plásticos coma as cores básicas, as liñas e as figuras xeométricas elementais. Con sinxeleza de páxina e recursos textuais directos, a autora sérvese da sorpresa e a admiración perante a arte para provocar a reflexión, estimular o pensamento e o pracer dos sentidos.

Cun orixinal fondo de páxina negro sobre o que destacan as cores, as súas ilustracións están inspiradas na arte abstracta para, nunha composición dinámica, salientar as formas, as liñas e os puntos co mesmo senso lúdico e táctil dos móbiles do escultor Alexander Calder. Coma se dunha adiviña feita de imaxes se tratase, o libro convida a descubrir figuras que recrean o mundo a través dos seus elementos básicos, axudando a afastarse dos estereotipos asociados ás cores para observar dunha maneira diferente o que nos rodea.

Páxina a páxina, nun xogo con quen le, a personaxe protagonista adquire movemento a través da combinación das formas. O aspecto lúdico dos móbiles do escultor Alexander Calder, con figuras suspendidas en arames que se balancean co vento, e os cadros de Kazimir Malevich, nos que as cores básicas dan forma ao mundo, serven de inspiración para a creación destas ilustracións. Un libro que combina os elementos iconográficos e textuais cunha carga visual que enfatiza o valor da descuberta e a capacidade de abstracción.

Libro para todas as idades, incluídos primeiros lectores, Lica inicia a Serie Onocrótalo, concibida para achegar a arte contemporánea a un lectorado que, non necesariamente familiarizado coas linguaxes artísticas, gusta das formas, das cores e da maneira en que se relacionan. A serie publicará álbumes ilustrados concibidos por pintoras, artistas plásticos, escritoras e pensadores. Libros que, coma obxectos encontrados, espilen o pensamento e o pracer dos sentidos.

 

Consiga o seu exemplar:

Con tarxeta de crédito – Compra directa

Na internet
(gastos de envío gratuítos para quen estea subscrito ou se subscriba á Carta de Información)

Nas librerías

 

Unha opinión sobre “Unha adiviña feita de imaxes. Publícase “Lica”, de Beatriz Fraga

  1. Na contraportada final do libro “Lica” de Beatriz Fraga dise: “O círculo é unha das formas que simboliza o baleiro” Para min o círculo co que traballa Beatriz Fraga en “Lica “ (“Adiviña feita de imaxes”) simboliza, ademáis, o tempo e os ciclos da vida; coma os seres vivos, entre eles o ser humano, se vai formando, se vai faguendo, vai enchendo os baleiros non só fisicamente senón, e sobre de todo, emocionalmente, afectivamente ao longo da súa vida. Non podo deixar sen comentar unha anécdota dos meus netos Antón e Martín aos que tiven que explicar qué era eso de “Vou espelir” e a Martín que xa quería saber o final ”Que é LICA?” e que puxo cara de asombro cando descubriu […]. “Lica” é unha ledicia visual, emocional e conceptual. Moitas Grazas Bea. Manuel Justo “O avó Manolo”

    Gústame

Deixar un comentario