En resposta a Harold Bloom: ¿que é “radicalmente novo”?

As recentes declaracións do crítico literario Harold Bloom a un xornal español volveron situar a polémica literaria sobre un aspecto importante, o da función da literatura na sociedade actual:

“Non me parece que na literatura contemporánea, quer en inglés, nos Estados Unidos, quer en español, catalán, francés, italiano, nas linguas eslavas, haxa nada radicalmente novo. Non hai grandes poetas coma Paul Valéry, Georg Trakl, Giuseppe Ungaretti […] ou novelistas coma Marcel Proust, James Joyce, Franz Kafka e Beckett, o último da grande estirpe. Borges era fascinante, pero non un creador”.

Para valorar de maneira xusta o opinión de Bloom, cómpre situala en relación coa súa obra de pensador da literatura, obra que en galego foi introducida de xeito temperá pola presentación que dela fixo o poeta e ensaísta Manuel Outeiriño a comezos da década de 1990 nun artigo publicado na revista A Trabe de Ouro. Para interpretar de xeito atinado as declaracións de Bloom, viría ben reler aquel ensaio de Outeiriño sobre a obra do autor da Angustia das influencias, titulado “A  angustia da sede vella” (A Trabe de Ouro, nº 7, 1991).

Con todo, estas declaracións nada intempestivas tamén se poderían interpretar á luz da obra doutro dos grandes pensadores da literatura do século XX, Georg Lukács, quen no seu ensaio “A teoría schilleriana da literatura moderna”, incluído no libro Goethe e a súa época, xa analizado en dous artigos neste mesmo blogue, escribiu:

“[…] na época na cal se fixeron obvios os fundamentos económicos da sociedade burguesa, a ideoloxía da clase entrou no período apoloxético: xa non ten a falta de prexuízos nin a audacia abondos para estudar sen temor as posibilidades ideolóxicas e artísticas da súa literatura sobre a base dunha consideración crítica dos seus presupostos e das súas condicións sociais.”

Eugène_Atget_-_L'Éclipse,_avril_1912_-_Google_Art_Project


Literatura e subxectividade

Polo tanto, se temos en conta a análise de Lukács, as declaracións de Harold Bloom cumpriría situalas nun contexto previo: o da produción de subxectividade como función da literatura na Idade Moderna ou, noutras palabras, no da función da retórica literaria como esteo do pacto social moderno mediante a representación do consensus sobre o suxeito.

Na Idade Moderna a retórica, e a literatura éo per se, resulta ser o dispositivo polo que se efectúa o que constatou e formulou Jeremy Bentham nos seus escritos sobre as ficcións: que na sociedade moderna a representación é a mediación. En consecuencia, a retórica literaria transformaría en fáctico, pola actualización social da lectura, o que é representación, e esa facticidade sitúa o suxeito como centro do pacto social moderno e como sostén da retórica do progreso, que é a retórica que dá pulo á modernidade desde a Ilustración e posterior caída do Antigo Réxime.

De feito, os recursos narrativos empregados, primeiro, pola novela modernista de comezos do século XX e, logo, pola posmoderna ou reflexivo-experimental a partir da Segunda Guerra Mundial xa non se basean na coordinación sistemática da perspectiva individual do personaxe coa da súa comunidade a través do estilo libre indirecto, como facía o realismo de fins do XIX, senón na subxectividade como ámbito da representación literaria. Velaí os eixes principais desta última:

a) autorreferencialidade (literatura dentro da literatura: préstase atención ao feito de escribir ficción).

b) voz propia (autopoiese: sistema de autoconstitución do suxeito).

c) focalización (subxectividade como forma de diferenza).

Tal como apunta o crítico norteamericano Mark McGurl na súa obra The Program Era, a reflexividade característica da novela contemporánea non se trata dunha invitación a profundizar na técnica narrativa senón que é un compoñente imprescindible para o “sistema de autoconstitución” de calquera individuo. A “autopoética” ou os “actos de produción do eu autorial” non serían simplemente expresión dunha individuación radical senón que son “momentos na actuación, a autopoiese, dun sistema cultural extenso equipado para a produción de orixinalidade autoexpresiva”.

Como consecuencia —e seguimos o escrito por McGurl—, “prodúcese unha confabulación profunda da individualidade, como forma de diferenza, coa institucionalidade literaria ou ficcional, como estrutura de relación social, confabulación que se expresa a través dun ‘canon de prácticas literarias’, entre elas a procura da ‘autoconsciencia’ e a atención á técnica, ademais da ‘tematización da autoría’ e do desenvolvemento do ‘personaxe autorial singular’ (vid. McGurl, 50-51).”

A implicación inmediata disto é a mundialización como consecuencia da produción de subxectividade mediante as ficcións, non só literarias senón de todas as “artes de representación” asociadas ao que Adorno denominou “as industrias culturais”; e, daquela, a recentralización na correlación suxeito-mundo. Toda a realidade se vehiculiza a través do suxeito, a través das novas identidades e das linguaxes nas que estas abrollan.


Un realismo radicalmente novo

En conclusión, o “radicalmente novo” que reclama Bloom non vai ter que ver —tal como el mesmo intúe— coa literatura elaborada a partir do antedito correlato kantiano, elaboración que ten a función de conservar a actualidade e centralidade do suxeito; pola contra, o “radicalmente novo” soamente ha xurdir dun materialismo e dun realismo novos pensados desde a crítica do correlacionismo elaborada nos últimos anos por filósofos especulativos coma Quentin Meillassoux.

O que Meillassoux chama “correlacionismo”, é o mesmo que dicir que a realidade soamente existe como relación dun suxeito co mundo e que, como consecuencia, non podemos coñecer nada que sexa alleo á nosa relación co mundo, que endexamais podemos afirmar consistentemente nada sobre o que é independente do pensamento e da linguaxe. Logo o coñecemento dunha realidade independente do pensamento sería algo insostible.

“Este estadio correlacionista acaba por resultar unha forma sutil de idealismo que actualmente é practicamente ubicuo. As orixes deste xiro correlacionista están vencelladas coa crítica filosófica de Immanuel Kant, quen, como é sabido, abxurou da posibilidade de coñecer unha realidade nouménica á parte do acceso humano a ela. Segundo a famosa ‘revolución copernicana’ realizada por Kant, os obxectos xa non son os que dan forma á mente senón que é esta a que dá forma aos obxectos. A experiencia organízase a partir de categorías a priori e de formas de intuición que abranguen as bases universais e necesarias de todo coñecemento.”

Ao longo deste proceso, calquera posibilidade dunha realidade independente do correlato humano-mundo é rexeitada cada vez con máis forza. Mais, fronte a ese pensamento filosófico recluído nos límites do suxeito, o pensamento especulativo centra a súa atención nunha concepción nova do materialismo e do realismo, realismo e materialismo que agora xa non están condicionados polo correlato humano-mundo nin polas súas representacións. Así, o xiro cara ao realismo e cara ao materialismo é un dos feitos máis relevantes acontecidos durante a primeira década deste século.

A literatura “radicalmente nova” ha ser, por tanto, aquela que se distancie do dominio da centralidade do suxeito como única posibilidade de acceder ao mundo. A autonomía da literatura, que aparentemente foi conquistada a partir das vangardas do século XX, debe agora facerse autenticamente real e a maneira de levar iso a cabo é inciando un crítica radical da representación e das ficcións centradas no suxeito. Seguindo ao filósofo Graham Harman, cómpre concibir a literatura como unha entidade que non se debe “esgotar nas súas relacións”, sexan estas as que sexan; a literatura débese considerar “á parte das relacións” e desde aí elaborar esa representación “radicalmente” nova que pide Harold Bloom con clarividencia. Unha representación que se saiba continxente, non transcendental, e que adquira a súa funcionalidade tendo en conta o azar que esa mesma continxencia reclama. Para dar un pulo novo ao pensamento racional, o realismo ha de ser factual ou non será; a linguaxe literaria soamente ha coñecer os límites dun realismo do absoluto non mediatizado pola correlación ser humano-mundo.

Tal como sinala Quentin Meillassoux na conclusión do seu libro Le Nombre et la sirène:

“A modernidade triunfara e nós non nos decataramos. A paixón posta durante todo o século XIX para lle ripar ao mesianismo a súa condición cristiá, para reinventar unha relixión cívica ceibada do dogma, unha política emancipatoria allea á antiga Salvación, ese esforzo inaudito dos poetas (Lamartine, Vigny, Hugo, Nerval), dos historiadores (Michelet, Quinet), dos filósofos (Fichte, Schelling, Hegel, Saint-Simon, Comte), dos novelistas (Hugo outra vez, Zola), e daquel que nunca se soubo clasificar, Karl Marx, para vectorizar de novo o suxeito mediante un senso, mediante unha dirección liberada da antiga escatoloxía; todo ese esforzo que os nosos mestres nos ensinaran como caduco por excelencia, aqueles Grandes Relatos mortos, no mellor dos casos inusitados cando fermentaran en investigadores solitarios, no peor, con efectos criminais baixo os adobíos estatais do Progreso ou da Revolución, todo aquilo operaría, non embargantes, unha penetración ata os nosos días, unha soa, nun punto preciso – un Poema único que ía atravesar o século XX como unha xema fuxidía para se revelar á fin, no século seguinte, como a defensa estrañamente lograda dunha época sepultada baixo os nosos desenganos.”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s