A escola de Glasgow (Caleidoscopio dos contos, 17)

A finais do século XIX Glasgow, Escocia, gozou de auxe económico debido principalmente á industria téxtil. Para mellorar a manufactura e a calidade dos deseños fundouse a Escola de Arte de Glasgow, que contribuíu ao nacemento do Art Nouveau. Dentro da escola destacou un grupo denominado “The Four”. Integraban este movemento, o arquitecto Rennie Mackintosh, a pintora e deseñadora Margaret Macdonald e a súa irmá Frances e o artista, deseñador e pintor Herbert MacNair. Todos eles conformaron un estilo cunha mestura de influencias da arte e simbolismo celta, do movemento Arts&Crafts, dos pintores realistas franceses e do xaponesismo chegado a europa grazas á exposición universal celebrada en Londres en 1862. Pero a grande achega da Escola de Glasgow foi a incorporación das mulleres ás aulas, primeiro como alumnas e despois como docentes. Nesta escola formáronse algunhas das ilustradoras máis sobranceiras do século XIX das que non é doado atopar datos biográficos.

ALBUM VON BERLIN 1899

Jessie Marion King (1875-1949)

Nada en Bearsden, preto de Glasgow, ingresa na Escola de Glasgow en 1892 coa intención de converterse en profesora de arte.

Como estudante recibiu varios premios, incluíndo a medalla de prata do Concurso Nacional South Kensington en 1898. As súas ilustracións apareceron en libros publicados pola editorial Globus de Berlín entre 1899 e 1902.  Foi membro da Sociedade de Artistas de Glasgow. En 1910 trasládase a París, onde o seu home, E. A. Taylor, conseguira a cátedra de estudos Ernest Percyval Tudor-Hart. En 1911, tamén en París, ambos os dous fundaron a Shearing Atelier School.

Entre os seus traballos máis destacados como ilustradora cómpre citar Os contos de Fadas de Oscar Wilde, The defence of Guenevere, and other poems, de William Morris, escrito en 1858.

Emma Florence Harrison (1877-1955)

Practicamente o único que se sabe desta ilustradora é que, grazas á excepcional calidade do seu traballo, Emma Florence Harrison recibiu importantes encargas da editorial  escocesa, con sede en Glasgow, Blackie&Sons, para ilustrar algúns dos seus libros en edicións especiais. Os debuxos, inspirados na paisaxe inglesa e nas vestimentas medievais, seguen as técnicas prerrafaelitas, aínda que tamén se deixa albiscar a influencia do modernismo na súa obra, principalmente nos traballos realizados con tinta. Nalgunhas das ilustracións obsérvanse certos paralelismos coa obra do pintor prerrafaelita Edward Robert Hugher (1849-1914), sobriño do tamén prerrafaelita Arthur Hughes.

Entre os traballos máis destacadas están Idylls of the King (1911), do poeta Alfred Tennyson, que volve contar a lenda do Rei Artur, Early Poems (1914), de William Morris, Elfing Song (1912), In the Fairy Ring (1908) e The Rhime of A Run.

Traballou para outras editoriais e xornais ata o estoupido da Segunda Guerra Mundial, onde se perde o rastro dos seus traballos. Non hai moito, cando algúns dos valiosísimos arquivos de Blackie&Sons foron recuperados e vendidos en poxa, moitos orixinais de Florence Harrison saíron de novo á luz.

Early poems of William Morris

blue star light fairy child

A lanterna máxica de Bilibin

O pase de diapositivas require JavaScript.

Bilibin e os contos rusos (Caleidoscopio dos contos, 16)

Na historia do libro ruso, Iván Bilibin (1876-1942) foi o primeiro en conseguir sintetizar os principios da pintura e os das artes gráficas impresas. Para a evocación das paisaxes que ilustran os contos rusos, Bilibin asocia un compoñente decorativo e simbólico, independente do suxeito da ilustración propiamente dito, servindo de pano de fondo, e outro compoñente, que sitúa o decorado específico da historia. Esta asociación caracteriza o estilo moderno, tanto ruso coma occidental.

Iván Iakovlevich Bilibin foi influenciado pola obra do pintor Viktor Mikhailovich Vasnetsov (1848-1926), membro da Academia Imperial de Artes, especialista en temas históricos e mitolóxicos.

Ivan_Bilibin_200

Bilibin compaxinou os estudos de dereito cos de arte, ingresando na Escola da Sociedade para o Avance das Artes. Como parte da súa formación, viaxou a Munich e alí foi onde entrou en contacto co modernismo centroeuropeo do Jugendstil, inspirado no movemento Arts&Crafts británico e as Ukiyo-e (estampas producidas no Xapón entre os séculos XVII e XX).

De volta a súa cidade natal, San Petersburgo, Bilibin continuou a súa formación no estudo do pintor realista Iliá Repin (1844-1930). A revista Mir Isskusstva encargoulle unha serie de debuxos para un dos seus números. Pola súa banda, o Departamento de Producción de Documentos de Estado louvou esas acuarelas e contratou a Bilibin para ilustrar unha edición dos Contos rusos recompilados por Aleksandr Afanásiev.

Os debuxos, perfilados cun trazo negro e enmarcados con reberete, lembran as vidreiras do movemento Arts&Crafts. As liñas negras ornamentais delimitan nidiamente as masas de cor, engadindo volume e perspectiva aos planos. Perfilado o debuxo en negro, o pintor complétao engadindo a acuarela, dese xeito destacan aínda máis as liñas do contorno.

Entre 1902 e 1904, o pintor viaxa polo norte de Rusia. Fascinado pola arquitectura e o folclore eslavo, Bilibin publica en 1904 a monografía Artesanía do Norte de Rusia.

Colabora tamén como escenógrafo co director artístico da compañía itinerante, con sede en París, Ballets Russes, fundada por Sergei Diaghilev. Entre estes traballos destaca a escenenografía e vestiario da ópera composta por Rimski-Korsákov O galo de ouro (1909), baseada no poema de Pushkin “O conto do galo de ouro”, un conto de fadas escrito en verso.

Ilustra os Contos de fadas, de Alekxandr Serguéievich Pushkin. Algúns destes contos, coma o de “A tsarina morta e os sete guerreiros”, son versións dos recompilados polos irmáns Jacob e Wilheim Grimm. Concretamente, o devandito conto corresponde ao de Brancaneves.

Entre 1905 e 1906, Bilibin publicou debuxos satíricos en revistas. Por un deses debuxos, que aludía ao tsar Nicolás, recibiu un apercibimento administrativo

O estoupido da Primeira Guerra Mundial en 1914, a Revolución de 1917 e a guerra civil fixeron que Bilibin abandonase o país e se dedicase a viaxar por Europa e África. Recibiu encargas para pintar igrexas ortodoxas e tamén se dedicou a pintar frescos en mansións da nobreza rusa exiliada en París, onde se instala en 1925, traballando para as editoriais Flammarion e Boivin.

Voltou ao seu país en 1936, morrendo no sitio de Leningrado en 1942.

Caleidoscopio dos contos, 15

Un gran dominio das cores complementarias: entre o vermello e o azul, aparece o púrpura, sen que o branco deixe de estar presente e ilumine a escena, dotándoa de harmonía cromática. Velaí o logro do pintor de ascendencia irlandesa John Anster Fitzgerald (1819-1906), que consegue dotar os seus cadros dunha atmosfera chea de luces e sombras para captar así o interese do espectador.

AdditiveColorMixiing

Mestura aditiva de cores primarias: no centro, o branco e o púrpura.

Mestúranse na obra do pintor, entre flores, paxaros exóticos de longas colas e coloridas plumaxes con insectos e animais da fraga. Eses seres, que se ven mellor no crepúsculo, están vestidos por Fitzgerald cuns traxes etéreos que, grazas ás veladuras, semellan tecidos cunha gasa vaporosa como se de aire solidificado se tratase.

As escenas dos cadros de Fitzgerald rematan ao amencer xa que, como tal, a atmosfera que as envolve deixa albiscar unha luz que ilumina a noite e precede as primeiras raiolas do día. A obra de Shakespeare, as fadas e as lendas forman parte dos temas da súa pintura. Tamén os soños, como unha linguaxe que amplía o territorio do racional para permitir ao ser humano debruzarse no aparentemente inexplicable.

Fairies in a Bird's Nest

Algúns dos seus “dormentes”, coma no cadro de “The Artist´s Dream” ou en “The stuff dreams are made off”, parecen descansar placidamente mentres os seus temores asexan, con formas de pequenos diaños e trasnos, arrededor daqueles que soñan. Lonxe de mostrar unha face temerosa, as “dormentes” parecen deixar libres os seus pesadelos, permitíndolles traspasar a porta do real, para que poidan rexurdir no mundo e liberarse así dos temores.

Inspírase nas obras de distintos pintores, concretamente no “Soño de Hécuba”, de Giulio Romano (1499-1546), fresco do Palacio Ducal de Mantua, no “Soño” de Goya (1746-1828) (National Gallery de Dublín) e no “Pesadelo”, coñecido tamén como “Íncubo”, de Johann Heinrich Füssli (Instituto da Arte de Detroit, outra versión do mesmo cadro, actualmente no Goethes Elternhaus de Frankfurt). Todos estes cadros, igual ca os “dormentes” de Fitzgerald, amosan a presenza do soñador ou soñadora e a visión do soño como parte constituínte do mundo, como unha realidade atinguible pola linguaxe artística, non como un ultramundo transcendente.